Pobreza
A pobreza é unha situación de vida que xorde pola escaseza ou carencia dos recursos para satisfacer as necesidades físicas e psíquicas básicas humanas. Inciden na deterioración do nivel e calidade de vida das persoas a comida, a vivenda, a educación, a asistencia sanitaria ou o acceso á auga potable. Tamén se adoita considerar a falta de medios para poder acceder a tales recursos, como o desemprego, a falta de ingresos ou un nivel baixo dos mesmos. Tamén pode ser o resultado de procesos de segregación social.
O Día Mundial para a Erradicación da Pobreza celébrase o 17 de outubro.[1]
Concepto e características
[editar | editar a fonte]O concepto de pobreza é fundamentalmente económico, aínda que tamén ten impactos políticos e sociolóxicos. Na maioría dos contextos considérase algo negativo, pero nalgúns ámbitos espirituais a pobreza voluntaria considérase unha virtude por implicar a renuncia aos bens materiais.
Pode ser descrita ou medida por convencións internacionais, aínda que poden variar os parámetros para considerala.
Un intento de definición responde ao feito de que a pobreza debe ser vista como o resultado dun modelo económico e social, exercido e aplicado nun territorio e tempo determinado, polos diversos axentes económicos e políticos, que producen na sociedade sectores excluídos dos beneficios totais ou parciais do modelo en execución. Estes sectores excluídos de tales beneficios denomínanse xeralmente pobres ou máis xenericamente como parte da pobreza existente.
A pobreza non é pois unha causa que deba ser tratada como tal para combatela, é o resultado de procesos complexos e estendidos no tempo, que son difíciles de apreciar a simple vista e que requiren investigación sostida para acadar a súa comprensión antes de formular calquera intento de rematar coa pobreza.
Niveis de pobreza
[editar | editar a fonte]Hai dúas definicións básicas distintas:
- Pobreza absoluta cando certos estándares mínimos de vida, tales como nutrición, saúde e vivenda, non poden ser acadados
- Pobreza relativa cando non se ten o nivel de ingresos necesarios para satisfacer todas ou parte das necesidades básicas.
As formas de medir a pobreza son moi diferentes en ámbalas dúas definicións. Dende un punto de vista económico, sociolóxico e psicolóxico compleméntanse ambas. É particularmente dramática a situación de pobreza absoluta, a cal é o principal problema das sociedades sen recursos. É socioloxica e psicoloxicamente moi interesante a pobreza relativa, que a padecen quizais gran parte das sociedades desenvolvidas ou en vías de desenvolvemento, se falamos de calidade de vida.
O limiar de pobreza vén definido como a liña fixada nun dólar diario por persoa [Cómpre referencia], cantidade que se considera suficiente para a adquisición de produtos necesarios para sobrevivir.
Historia
[editar | editar a fonte]A pobreza nas sociedades preindustriais
[editar | editar a fonte]A pobreza non é algo novo na historia da humanidade. A súa causa fundamental radica na baixa produtividade do traballo nas sociedades preindustriais, ao que hai que sumar a desigual distribución da riqueza e o ingreso. Vivir nunha condición de premura material foi a situación normal do ser humano ata que os progresos tecnolóxicos fixeron posible, para as amplas maiorías, ter acceso a niveis de consumo, saúde, educación e benestar en xeral impensables en épocas anteriores. Segundo os cálculos do historiador económico Angus Maddison[2] a renda per cápita media nas sociedades tradicionais oscilou arredor dos 400 ou 500 dólares[3] anuais por persoa. Isto equivale ao que internacionalmente se considera a liña de pobreza extrema. Aínda para economistas clásicos como David Ricardo a pobreza, definida como un nivel de consumo que basicamente aseguraba a subsistencia, era o destino natural das clases traballadoras industriais. Thomas Malthus profetizou no seu Ensaio sobre os principios da poboación, publicado en 1798, a necesaria pobreza da gran masa dos seres humanos dada a tendencia da humanidade a reproducirse alén das posibilidades da agricultura de producir alimentos a un ritmo que igualase a rapidez do crecemento de poboación. A mediados do século XIX, Karl Marx baseou o seu prognóstico sobre a necesaria caída do capitalismo na pauperización do proletariado industrial, feito que el consideraba como unha "lei férrea" do desenvolvemento capitalista. Con todo, Marx xa vía esta pauperización como un feito basicamente social, determinado non pola falta de medios senón pola distribución desigual dos resultados da produción. Por iso a súa utopía comunista, filla do optimismo tecnolóxico que foi cundindo durante o século XIX, postula a saída definitiva da humanidade do seu estado de necesidade.
Progreso e xurdimento da pobreza como problema social
[editar | editar a fonte]Ata comezos do século XIX a pobreza era considerada como a norma da vida humana, tal como o eran as enfermidades devastadoras, a falta de educación ou de liberdade relixiosa e política. Esta normalidade comezou a cambiar durante a segunda metade do século XIX, cando se foi facendo evidente que a industrialización iniciada en Gran Bretaña e logo replicada en diversas partes da Europa occidental estaba a facer posible unha mellora significativa dos niveis xerais de vida. Foi xurdindo así, paulatinamente, unha nova normalidade: a do benestar como condición non só desexable senón tamén posible da vida humana. No seu estudo clásico de 1901, Poverty: A Study of Town Life, Seebohm Rowntree chega á conclusión de que o 27,84 % da poboación da cidade de York, en Inglaterra, vivía baixo a liña da pobreza, o que viña a confirmar un estudo publicado en 1886 por Charles Booth sobre a pobreza en Londres. Estes resultados foron chocantes para unha opinión pública que xa comezaba a ver o benestar como normalidade. Con todo, a perspectiva optimista de Rowntree é evidente e queda plenamente reflectida nas palabras finais da súa obra: "A escura sombra da filosofía malthusiana pertence ao pasado e ningunha visión sobre o estado final das cousas sería actualmente aceptada se na mesma unha multitude de homes e mulleres está condenada, por unha lei inevitable, a unha loita tan dura pola existencia como para atrofiar ou destruír as partes máis elevadas da súa natureza".[4] Posteriormente, Rowntree realizou dous novos estudos en York que mostraron con claridade unha tendencia cara á diminución da pobreza ata chegar a transformarse nun fenómeno marxinal. No seu estudo de 1936, Poverty and Progress, a pobreza diminuíra ao 18 % e no de 1950, Poverty and the Welfare State, a tan só o 1,5 %. Isto a pesar de que Rowntree ampliara a "cesta de bens" que determinaba a liña da pobreza. Estes estudos non só coincidían coa visión optimista do propio Rowntree, senón tamén coa idea, cada vez máis dominante durante as décadas posteriores á segunda guerra mundial, de que a pobreza era un feito residual destinado a desaparecer como froito do rápido progreso económico e as intervencións do Estado do benestar.
Redescubrimento da pobreza
[editar | editar a fonte]A visión optimista respecto da eliminación practicamente automática da pobreza comezou a ser desafiada nos Estados Unidos, país que era o epicentro do desenvolvemento e da afluencia económica. Movementos afroamericanos militantes e violentas revoltas urbanas obrigaron a volver a mirada cara ao patio de atrás da abundancia: os 40 millóns de pobres que a finais dos anos 1950 había nos Estados Unidos, o que constituía case unha cuarta parte da súa poboación. Entre os afroamericanos (blacks na estatística oficial) a porcentaxe de persoas que vivían baixo a liña da pobreza estadounidense alcanzaba o 55 %.[5] Este redescubrimento da pobreza foi acompañado por unha serie de estudos clásicos sobre o tema, como os de Oscar Lewis (1959, 1961 e 1968) que desenvolveron o concepto de "cultura da pobreza", o de John Kenneth Galbraith (1958) sobre o que chamou "a sociedade opulenta" e o de Michael Harrington titulado The Other America: Poverty in the United States (1962). No seu discurso sobre o estado da nación de xaneiro de 1964 o presidente Lyndon B. Johnson fixo da súa loita contra a pobreza unha parte central do seu programa de goberno baixo o nome de "Guerra contra a pobreza" (War on Poverty). Isto levou, ese mesmo ano, á aprobación dunha lei ao respecto (Economic Opportunity Act) polo Congreso coa consecuente creación dun ente federal (Office of Economic Opportunity) dedicado á loita contra a pobreza. Despois desta iniciativa os estudos sobre a pobreza nos Estados Unidos aumentaron de maneira exponencial, mais a situación inicial —caracterizada polo sorprendente redescubrimento da pobreza— ben pode ser descrita empregando as palabras de Daniel Bell de 1968: «… cando o tema da pobreza xurdiu, ninguén estaba realmente preparado, ninguén tiña ningún tipo de datos, ninguén sabía que facer».
A pobreza no século XXI
[editar | editar a fonte]No ano 2002, o secretario xeral das Nacións Unidas Kofi Annan indicou:
A comunidade internacional [...] tolera que case 3 000 millóns de persoas —practicamente a metade de toda a humanidade— subsistan con 2 dólares diarios ou menos nun mundo de riqueza sen precedente.
Unha das principais causas desta enorme fenda social é o egoísmo no terreo económico. Larry Summers, exsecretario do Tesouro dos Estados Unidos explicou no mesmo ano:
En todo o mundo, os mercados financeiros privados descoidan os que son moi pobres. Os bancos convencionais non buscan establecerse nas comunidades pobres, pois aí non é onde está o diñeiro.
Paradoxalmente, o redescubrimento da pobreza produciuse nun período de rápida diminución da mesma tanto nos Estados Unidos como noutras sociedades avanzadas. De acordo á estatística oficial estadounidense, a pobreza diminuíu de 39,5 millones de persoas en 1959 a 24,1 millones en 1969. Por iso, o verdadeiro choque chegou nos anos 70 cando se constatou que a incidencia da pobreza comezaba de novo a crecer, chegando a máis de 35 millóns de pobres en 1983, o que correspondía ao 15,2 % da poboación dos Estados Unidos. Pero esta era soamente a expresión cuantitativa dun fenómeno extremadamente complexo: a patoloxía da exclusión social ou marxinalidade —segundo o concepto habitualmente empregado neses tempos para describir este fenómeno— que tomaba formas novas e cada vez máis perigosas de expresarse, cun enorme incremento das taxas de criminalidade, a drogadicción, os nacementos extramaritais, as familias de nais soas e a dependencia das axudas sociais. A toma de conciencia sobre o que foi chamado "a nova pobreza" chegou a Europa máis tarde que aos Estados Unidos, mais o choque non foi menor. As primeiras estimacións da amplitude da pobreza na Comunidade Europea deron unha cifra de 30 millóns para 1975, cifra que logo se viu incrementada pola fin do pleno emprego e o comezo dunha longa fase de desenvolvemento europeo caracterizada por unha escasa creación de postos de traballo e un consecuente aumento da exclusión laboral. Para 2007 Eurostat calculaba que na Unión Europea existían uns 80 millóns de pobres, é dicir, persoas que "carecen dos recursos necesarios para cubrir as súas necesidades básicas".[6]
Estatísticas
[editar | editar a fonte]- Máis de 1.200 millóns de seres humanos non teñen acceso a auga potable
- 1.000 millóns carecen de vivenda estimable
- 840 millóns de persoas mal nutridas
- 200 millóns son nenos menores de cinco anos
- 2.000 millóns de persoas padecen anemia por falta de ferro
- 880 millóns de persoas non teñen acceso a servizos básicos de saúde.
- 2.000 millóns de persoas carecen de acceso a medicamentos esenciais.
A pobreza en España
[editar | editar a fonte]En España, o INE fixa o limiar da probreza no 60% da media dos ingresos anuais por unidade de consumo, aplicando os criterios marcados pola UE. Así, mide a probreza relativa, comparando a situación do individuo co estándar do país nese momento. En 2011, este límite estaba en 627 euros ó mes en familias unipersoais ou 333 euros por persoa en familias formadas polo matrimonio e dous fillos.
Segundo este criterio, no ano 2011, o 21,8% dos fogares españois vivían por debaixo do limiar de pobreza (o 19,5% en 2009 e o 20,7% en 2010). As comunidades mellor situadas eran Navarra (8,8%), Asturias (9,9%) e País Vasco (10,8%) e as peor situadas foron Canarias (33,8%), Estremadura (31,9%) e Castela-A Mancha (31,7%); Galicia estaba pouco por debaixo da media española, cun 18,8% de fogares en risco de pobreza[7].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Día Internacional para a Erradicación da Pobreza". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2012. Consultado o 21 de xaneiro de 2008.
- ↑ Angus Maddison, 1926-2010, elaborou as estatísticas históricas de máis longo alcance existentes. Están dispoñibles en http://www.ggdc.net/maddison/content.shtml Arquivado 24 de febreiro de 2021 en Wayback Machine.
- ↑ Dólares estadounidenses de 1990 de igual poder adquisitivo
- ↑ Rowntree, Seebohm (1908). Poverty: A Study of Town Life. Londres: Second Edition, Macmillan, p. 305.
- ↑ A pobreza mídese nos Estados Unidos a partir dunha liña da pobreza fixa que define o ingreso necesario para satisfacer as necesidades básicas das persoas. Trátase dunha medida que parte do estándar de vida estadounidense e, en comparación con outras latitudes, é moi alta. Así, o censo do ano 2000 mostraba por exemplo que máis do 70 % dos pobres tiña coche, aire acondicionado, frigorífico, microondas etc.
- ↑ Eurostat (2010). Combating poverty and social exclusion: A statistical portrait of the European Union 2010. Bruxelas: Comisión Europea.
- ↑ INE: Encuesta de condiciones de vida 2011, cadro 3.6 Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine..
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Commons ten máis contidos multimedia sobre: Pobreza |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Desigualdad y derechos sociales, Cáritas 2013 (en castelán)
- Consello para o Desenvemento Económico e Social (en castelán).
- Artigo de opinión: Los Responsables de la Pobreza Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine. (Eduardo Díez Collado)
- Causas de la Pobreza, Tese de Fernando Bonilla A. (en castelán).
- Ministerio de Planificación de Chile, enquisa de caracterización socioeconómica (en castelán).
- La evasión de impuestos como origen de la pobreza en el mundo (en castelán).
- A bioloxía perante o subdesenvolvemento (en castelán).