O libro da selva
O libro da selva | |
---|---|
Tapa en relevo a partir da edición orixinal d'O libro da selva | |
Título orixinal | The Jungle Book |
Autor/a | Rudyard Kipling |
Ilustrador/a | John Lockwood Kipling (pai de Rudyard) |
Cuberta | John Lockwood Kipling |
Orixe | Reino Unido |
Lingua | inglés |
Colección | The Jungle Books |
Tema(s) | orfo e neno salvaxe |
Xénero(s) | Aventuras, xuvenil. |
Editorial | Macmillan Publishers |
Data de pub. | 1894 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O libro da selva é un libro de relatos do escritor inglés Rudyard Kipling, publicado en 1894 co título orixinal en lingua inglesa de The Jungle Book. Foi traducido ao galego por Rafael Salgueiro, e publicado por Morgante en 2010 e por Sushi Books en 2014.
Está formado por unha colección de historias publicadas en revistas en 1893 e 1894, algunhas delas con ilustracións do pai de Rudyard, John Lockwood Kipling. En 1967 foi adaptado ao cinema por Disney, no filme animado The Jungle Book[1].
O libro, escrito cando Kipling moraba en Vermont, conta a historia de Mowgli, un neno indio criado por lobos[2]. Baséase en contos de animais da selva india que, de forma antropomórfica, considera leccións morais.
Trama
[editar | editar a fonte]A historia de Mowgli
[editar | editar a fonte]Os primeiros oito relatos falan de Mowgli. Comeza cando, fuxindo do ataque de Shere Khan (o tigre), un matrimonio perde ao seu cativo. Este aparece na cova duns lobos quen non só o salvan das gadoupas de Shere Khan, senón que á súa vez o acollen coma o seu propio fillo. Raksha chámao Mowgli0 —'a ra', xa que non ten pelo— e incorpórao á súa manda de lobos.
Mowgli é logo presentado no Consello da Rocha, máximo órgano deliberativo do fatado de lobos, para ser recoñecido coma un máis deles. O consello é liderado por Akela, que sinala que, para aceptalo como lobeto polo menos dous membros que non sexan da súa familia adoptiva deben interceder por el. Baloo (o oso que ensina a lei), que é o único que sen ser lobo é membro do consello, fala a favor do Mowgli; e o segundo en falar ao seu favor é Bagheera, a pantera negra, que sinala que malia non ser membro pode cumprir a lei da manda ofrecendo a esta un boi que matou, o grupo acepta o agasallo e deste xeito o Mowgli pasa a formar parte do fato de lobos.
Coma calquera outro lobeto, é instruído na lei da xungla (un conxunto de seis artigos onde se presentan os principais valores que debe ter un lobo) por Baloo. Mowgli vive así diferentes historias que o fan entender o verdadeiro valor das leis (especialmente cando se enfronta aos Bandar-Log —o pobo macaco que non ten lei—), da amizade e, especialmente, do traballo en equipo.
Porén, a medida que medra (e que os seus amigos, como Akela, fanse vellos), as diferenzas entre Mowgli e os lobos fanse máis evidentes. É aquí cando o poder de Shere Khan se torna máis forte. Mowgli é así botado da manda, marchando a morar coa súa nai biolóxica, que atopou nunha vila achegada. De calquera xeito, aínda tiña pendente unha tarefa na selva: matar a Shere Khan, tal como predicira Raksha cando Mowgli era soamente un meniño.
Na aldea, Nathoo (nome verdadeiro do Mowgli que Messua, a súa nai, lle puxera ao nacer) converteuse nun pastor de bois, aínda que non acada as formas propias dun home: segue a durmir en gaiolas, e a inventar contos dos espíritos da xungla. Porén é este choio o que lle dá a ferramenta axeitada para cumprir as súas arelas. Enganando a Shere Khan, coa axuda de Akela e Irmán Gris (lobo irmán do Mowgli), logra que todo o rabaño de bois —liderado por Rama o boi- esmague, literalmente, o tigre nunha desbandada.
Cumprida a súa angueira, Nathoo disponse a vivir para sempre cos humanos, porén debe fuxir da vila onde moraba con Messua, pois é considerado un espírito maléfico da selva pola súa capacidade de falar cos animais e, principalmente, por dirixir os bois ao seu antollo. Deste xeito ambos os dous foxen a outra vila, liderada polos ingleses, que serán os que impoñan a orde, as leis, e especialmente, a xustiza.
Outros relatos
[editar | editar a fonte]As outras historias teñen distintos personaxes, e non todas transcorren na selva de Seeonee. Aparecerán Hathi, o elefante sabio, ou Rikki-Tikki-Tavi, a mangosta.
Índice
[editar | editar a fonte]- Limiar do autor
- Os irmáns de Mowgli
- A caza de Kaa
- Como veu o medo
- A polo tigre!, a polo tigre!
- A selva invasora
- Os cans de pelaxe avermellada
- O ankus do rei
- Paseos primaverais
- Quinqern
- Rikki-Tikki-Tavi
- Os servidores da súa maxestade
- A foca branca
- Os enterradores
- O milagre de Purun Bhagat
- Toomai dos elefantes
Adaptacións cinematográficas
[editar | editar a fonte]Os irmáns Korda realizaron en 1942, con Zoltan Korda na dirección, o filme Jungle Book, estreada en 1942. A película non era fiel ao texto de Kipling, mais conservou algúns dos elementos deste. O filme de Zoltan Korda está no dominio público e atópase en Internet Archive, onde pode ser vista en liña ou descargada.[3]
Na década de 1960 Walt Disney levou persoalmente adiante o proxecto de crear o filme The Jungle Book, unha adaptación bastante libre da obra de Kipling, estreada nos Estados Unidos en outubro de 1967, menos dun ano despois de que Walt Disney finase en decembro de 1966. Por ter un público obxectivo diferente (o libro non estaba realmente dirixido a nenos) o filme de debuxos animados presenta numerosas diferenzas importantes co libro de Kipling:
- Na obra de Walt Disney, o meniño Mowgli aparece nunha embarcación naufragada na beira dun río (presumibelmente o Waingunga), obviando a parte onde se di que Shere Khan atacou a aldea dos seus pais, e o reclamo do tigre na procura do cachorro humano para devoralo.
- No libro Mowgli está completamente espido, mentres que no filme leva un miúdo cacho de pel sobre as inguas a xeito de taparrabos.
- No filme non aparece Tabaquí, o chacal que segue servilmente a Shere Kahn para comer os seus reboutallos.
- Tampouco se amosa a escena onde Bagheera quere trocar un boi recentemente morto pola vida de Mowgli. Porén, móstrase a Akela ditaminando que o pícaro debe volver cos humanos.
- O personaxe de Baloo cambia radicalmente, pasando de ser un sabio mestre a un oso bo e vitalista.
- No filme, Kaa —a serpe— procura desesperadamente hipnotizar a Mowgli para comelo, aparecendo á vez coma un personaxe mao. Porén, na obra de Kipling, Mowgli é o único animal que Kaa non pode hipnotizar e, pola súa parte, Kaa cumpre un rol importantísimo para salvar ao cachorro humano dos Bandar-Log, o que na realidade a define coma un aliado, cando menos.
- O Rei Louie, o rei dos macacos na película, non aparece no libro. De feito, no libro os Bandar-Log son o pobo sen lei, seres que esquecen rapidamente as cousas que autoditan, e que non respectan absolutamente nada. A historia dun rei macaco vai nun sentido diametralmente oposto ao conto orixinal. Ademais, no filme represéntase cun orangután, especie non pertencente á fauna da India.
- Nin a morte de Shere Khan baixo os bois liderados por Rama, nin o ataque dos cans de peluxe avermellada, e nin sequera a morte de Akela, son sucesos presentados no filme. Eses tres intres son importantísimos dentro da historia orixinal, e no filme ou ben non aparecen, ou se presentan destorcidos ou adozados (no canto de morrer, Shere Khan foxe asustado).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Ginha Nader (2007). A magia do império Disney. Editora Senac. p. 294. 9788573598759.
- ↑ Rao, K. Bhaskara (1967): Rudyard Kipling's India. Norman: University of Oklahoma Press
- ↑ JungleBook en Internet Archive.