Noitevella
A Noitevella é a derradeira noite do ano, entre o 31 de decembro e o 1 de xaneiro (día de Aninovo).
Historia e características
[editar | editar a fonte]A Noitevella en España
[editar | editar a fonte]Son innumerables as tradicións e as supersticións que se manifestan por todo o mundo en relación a esa noite. En España, a máis coñecida é a das doce uvas[1], que consiste en tomar unha uva por cada unha das doce badaladas que marcan a fin de ano. Moito máis recente é a moda de levar roupa interior vermella: bragas, calzóns, unha liga etc.
A Noitevella en Galicia
[editar | editar a fonte]Artigo principal: O Nadal na cultura popular galega
Tradicionalmente, celebrábase "a queima do facho" ou prender o "lume novo", costume no que os veciños queimaban trala cea un ou varios fachos de palla. En Vilardevós (Ourense) préndese o lume novo: fogueiras sobre as que saltan os veciños, do mesmo modo que se fai nas de San Xoán. Estes costumes explícanse pola especial importancia que se lle daba ó lume novo, pois durante esa noite, como na de defuntos, as ánimas dos devanceiros devalaban polas aldeas e se aquecían ao seu carón. O mesmo Noiteboa, era común deixar comida na mesa (mesmo os restos da cea, sen recoller) para que os finados da casa participasen da cea dos vivos.
Naturalmente, o moderno costume de comer doce uvas ó son das doce badaladas que marcan a medianoite tamén é común en Galicia. Pero en Vilagarcía fano ás 12 da mañá do día 31, costume xurdido en 1998, cando un corte de luz impediu facelo ás doce da noite [2].
Este último día do ano celébrase o San Silvestre, día no que se repiten as burlas do día dos Inocentes. Conta Taboada Chivite que en tal data os vellos do lugar aconsellaban ós novos gandeiros que lles cortasen o rabo ás vacas se querían que non moscasen durante o ano.
A noite de San Silvestre era unha das que escollían as bruxas para celebrar os aquelarres, de aí a expresión popular de San Silvestre, meigas fóra! a modo de ensalmo para afastar os malos augurios.
A Noitevella noutros países
[editar | editar a fonte]En Colombia tamén se adoptou a tradición das doce uvas, especialmente na rexión andina do país. A diferenza de España, a roupa interior a levar debe ser de cor amarela.
En Chile a tradición consiste en comer lentellas no momento que dan as doce da noite, e en certos lugares, cando comezan os fogos artificiais.
Na maioría dos países, con todo, o costume máis estendido é brindar con champaña á medianoite.
Os primeiros en entrar no novo ano son os habitantes das illas da Liña, en Kiribati.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ A tradición das 12 uvas Arquivado 14 de decembro de 2012 en Wayback Machine. (en castelán)
- ↑ lasexta.com.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Noitevella |