Nilo Azul
Tipo | río | ||||
---|---|---|---|---|---|
Inicio | |||||
Continente | África | ||||
País da cunca | Etiopía | ||||
Localización | Lago Tana | ||||
Final | |||||
Localización | Nilo | ||||
| |||||
Afluentes | Rio Beles (pt) , Rio Didessa (pt) , Rio Bashilo (pt) , Rio Rahad (pt) , Rio Dinder (pt) , Rio Dabus (pt) , Rio Guder (pt) , Gulla (en) , Rio Jamma (pt) , Rio Muger (pt) , Rio Walaqa (pt) | ||||
Conca hidrográfica | Conca fluvial do Nilo | ||||
Características | |||||
Altitude | 1.786 m | ||||
Dimensións | 1.783 () km | ||||
Superficie da cunca hidrográfica | 325.000 km² | ||||
Medicións | |||||
Caudal | 1.525,3 m³/s | ||||
O Nilo Azul (árabe: al-nahr al-Azraq, النهر الأزرق) é un longo río africano que nace en Etiopía e discorre tamén polo Sudán, onde se une, en Khartún, co Nilo Branco, para dar formalmente lugar á formación do río Nilo.
Descrición
[editar | editar a fonte]O Nilo Azul nace no lago Tana, un gran lago de 2.156 km² localizado na meseta norte de Amhara, a 1.788 m de altitude. A este lago chegan uns cincuenta arroios que se mesturan nas súas augas; ao máis grande de todos eles os etíopes chámanlle Abbay Wenz, «río grande» ou, comunmente, Abbay (አባይ), e din que é o verdadeiro Nilo Azul; nace nun bosquiño de árbores que se elevan nunha pradería de herba curta, nun lugar onde as augas emerxen burbuxeando duns pozos que se atopan ocultos entre a vexetación.
A uns 32 km do lago Tana, cara ao sueste, na meseta etíope, xorden as fervenzas do Nilo Azul ou de Tis Abay, nome que significa «auga fumarenta». Neste lugar hai establecida unha central hidroeléctrica non moi grande. A partir de aí xa se lle pode chamar, sen ningunha dúbida, Nilo Azul. Á parte desta pequena central, os etíopes non explotan as augas do seu río Nilo nin para obter enerxía nin para regadío.
O curso deste río debuxa unha curva moi ampla polo país, en forma de arco, a través da rexión montañosa central de Etiopía e despois segue cara ao norte, cara ao Sudán. Este é un percorrido de máis de 800 km, ao longo do cal o río vai tomando un desnivel de aproximadamente 1.200 m. As augas van escavando aos poucos un canón, cuxas paredes son de rocha volcánica, que chega a ter unha anchura de 25 a 30 m, ao mesmo tempo que van transportando cara ao deserto o limo que proporcionan as terras altas de Etiopía.
No Sudán, o río recibe pola marxe dereita o seu principal afluente, o río Dinder (en árabe, Nahr Ad-dindar), con 480 km de lonxitude, que tamén nace preto do lago Tana, pero que ten un curso moi diferente, sempre cara ao oeste-suroeste.
Tras o seu percorrido polas terras etíopes, o Nilo Azul chega a Khartún no Sudán e alí únese co Nilo Branco; xuntos darán as súas augas ao Nilo propiamente dito. As inundacións anuais do Nilo débense en gran parte ao Nilo Azul que ofrece ao longo do ano moitas variacións no seu caudal. Na confluencia en Khartún de ambos os ramais, o Branco e o Azul, o Nilo Azul achega ao redor do 80% do caudal total do Nilo, mentres que o Branco achega a 20% da auga do mundo restante.[1]
O río supuxo desde tempos remotos unha barreira que en certo xeito dividía o país en dous. Durante moitos anos e ata o século XX só dispoñían de dous pontes construídos en pedra con morteiro. Máis tarde foron construídos outro tres moito máis modernos e funcionais, de aceiro e formigón, con dous carrís de circulación.
O tramo xeográfico do Nilo Azul ofrece unha serie de dificultades aínda hoxe no século XXI, como os rápidos, que dificultan a navegación polo río; as cuadrillas de bandidos que merodean por aquelas terras, chamadas shifta, os indíxenas da conca baixa cuxas xavelinas poden chegar a ser un perigo para calquera visitante; os crocodilos, de gran tamaño; a calor asfixiante e os parasitos que provocan enfermidades febrís.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Etiopía, ficha país (Oficina de Información Diplomática, Ministerio de Asuntos Exteriores y de Cooperación de España)