Krakatoa
Tipo | antiga illa | |||
---|---|---|---|---|
Situado na entidade xeográfica | Illas maiores da Sonda | |||
Localizado na área protexida | Pulau Anak Krakatau natural reserve (en) | |||
Localización | ||||
División administrativa | South Lampung, Indonesia (en) | |||
| ||||
Bañado por | Estreito de Sunda | |||
Características | ||||
Altitude | 813 m | |||
Prominencia topográfica | 813 m | |||
Illamento topográfico | 21,71 km | |||
Historia | ||||
Cronoloxía | ||||
1883 20 de maio de 1883-21 de outubro de 1883 | erupción do Krakatoa 1883 | |||
1680 | Erupción volcánica | |||
535 | Erupción volcánica | |||
2018 | Erupción volcánica | |||
Krakatoa (ou Krakatau na lingua indonesia) é un arquipélago, antiga illa e caldeira volcánica[1] situado en Indonesia no estreito de Sonda entre as grandes illas de Xava e Sumatra. A caldeira forma parte dun grupo de illas volcánicas chamado arquipélago de Krakatoa, que comprende catro illas: dúas das cales, Lang e Verlaten, son os restos que quedan dun edificio volcánico maior previo que foi destruído moito antes da sonada erupción de 1883; outra illa, Rakata, é o que queda da illa máis grande destruída na erupción de 1883 (Krakatoa). A cuarta illa do arquipélago formouse na caldeira de 1883 no ano 1927 debido a novas erupcións e denomínase Anak Krakatau ou "Fillo do Krakatoa". Desde finais do século XX houbo novas actividades eruptivas alí, cun gran colapso que causou un importante tsunami en decembro de 2018. As últimas erupcións foron en 2020[2] e 2022.[3]
Importancia histórica
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Erupción do Krakatoa de 1883.
As erupcións máis notables do Krakatoa na era Moderna culminaron nunha serie de erupcións masivas o 26–27 de agosto de 1883, que estiveron entre os eventos volcánicos máis violentos da historia.
Cun Índice de explosividade volcánica estimado de 6,[4] a erupción de 1883 foi equivalente a 200 megatóns de TNT (840 PJ), aproximadamente 13 000 veces a potencia da bomba atómica lanzada na Segunda guerra mundial sobre Hiroshima (de 13 a 16 kt), e catro veces maior que a bomba Czar, o artefacto nuclear máis potente detonado ata agora, de 50 Mt, en probas realizadas na Unión Soviética en 1961.
A erupción de 1883 expulsou aproximadamente 25 km3 de rochas.[5] A explosión cataclísmica púidose sentir a 3600 km de distancia en Alice Springs, Australia, e na illa de Rodrigues preto da illa de Mauricio, que está a 4780 km ao oeste.[6]
Segundo os rexistros oficiais da colonia das Indias Orientais Holandesas, foron destruídas 165 vilas e cidades preto de Krakatoa, e 132 quedaron gravemente danadas. Morreron polo menos 36 417 persoas e moitos miles máis foron feridas, principalmente por culpa dos tsunamis que seguiron á explosión. A erupción destruíu dous terzos da antiga illa de Krakatoa.
As erupcións que tiveron lugar na área onde estivera a illa desaparecida desde 1927 construíron unha nova illa nese mesmo lugar, denominada Anak Krakatau (que en lingua indonesia significa "Fillo de Krakatoa"). As erupcións periódicas continuaron desde entón, con erupcións recentes en 2009, 2010, 2011, e 2012, e un colapso maior en 2018. A finais de 2011, esta illa tiña un raio de aproximadamente 2 km, e o seu punto máis alto chegaba a 324 m de altura sobre o nivel do mar,[7] crecendo uns 5 m ao ano.[8] En 2017, a altura de Anak Krakatau era xa duns 400 m;[9] ao que seguiu un colapso en decembro de 2018, que reduciu a súa altura a 110 m.[10][7]
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Aínda que hai descricións antigas das illas do estreito de Sonda que mencionan que tiñan unha "montaña bicuda", as primeiras mencións utilizando o nome de Krakatoa no mundo occidental apareceron no mapa de 1611 de Lucas Janszoon Waghenaer, que lle daban á illa o nome de "Pulo Carcata" (pulo en lingua sondanesa significa "illa"). Atopáronse unhas dúas ducias de variantes deste nome, como Crackatouw, Cracatoa, e Krakatao (nunha vella ortografía baseada no portugués). A primeira aparición da ortografía Krakatau debeuse a Wouter Schouten, que pasou pola "illa cuberta de altas árbores de Krakatau" en outubro de 1658.[11]
A orixe do nome indonesio Krakatau non está claro.[12]
O Programa de volcanismo mundial da Institución Smithsoniana cita o nome indonesio Krakatau como o nome correcto, pero di que Krakatoa é moi empregado.[8][13][14]
Situación xeográfica
[editar | editar a fonte]Indonesia ten uns 130 volcáns activos,[15] máis que ningunha outra nación. Constitúen o eixe do sistema de arco insular indonesio orixinado pola subdución en dirección nordés da placa indo-australiana. A maioría destes volcáns están situados nas dúas das illas máis grandes de Indonesia, Xava e Sumatra. Estas dúas illas están separadas polo estreito de Sonda, situado nunha curva do eixe do arco insular. Krakatoa está xusto sobre a zona de subdución entre a placa euroasiática e a indo-australiana, onde os límites de placa fan un brusco cambio de dirección, o que probablemente tivo como resultado a formación dunha codia especialmente débil nesa rexión, o que facilita a actividade volcánica.
Historia anterior a 1883
[editar | editar a fonte]Nalgún momento da prehistoria ocorreu unha primeira erupción formadora da caldeira, deixando como restos as illas Verlaten (ou Sertung); Lang (ou Rakata Kecil, ou Panjang); Poolsche Hoed ("Sombreiro Polaco");[16] e a base de Rakata. Posteriormente, polo menos formáronse dous conos volcánicos máis (Perboewatan e Danan), que finalmente quedaron unidos a Rakata, formando a illa principal de Krakatoa.[17] No momento da erupción de 1883, o grupo de Krakatoa comprendía as illas Lang, Verlaten e a propia Krakatoa, unha illa de 9 km de longo por 5 km de largo. Había tamén tres illotes cubertos de árbores preto de Lang e varios pequenos illotes rochosos ou bancos entre Krakatoa e Verlaten.
Na illa de Krakatoa había tres conos volcánicos: Rakata (de 820 m de altura) ao sur; Danan (de 450 m) preto do centro, e Perboewatan, (de 120 m) ao norte.
Relato do 416 d.C.
[editar | editar a fonte]Hai un relato de crónicas no Libro dos Reis (Pararaton ou Pustaka Raja) xavanés que rexistra que no ano 338 da era Śaka (que corresponde ao 416 d.C.):
Sentiuse un son atronador desde a montaña Batuwara [agora chamada Pulosari, un volcán extinto en Bantam, a máis próxima ao estreito de Sonda] que foi secundado por un ruído similar desde Kapi, que está ao oeste da moderna Bantam [(Banten) é a provincia máis occidental de Xava, o cal parece indicar que se refire ao Krakatoa]. Un gran lume brillante, que chegou ao ceo, saíu da última montaña mencionada; o mundo enteiro foi fortemente abaneado e producíronse violentos tronos, acompañados de fortes chuvias e tormentas, pero esta chuvia non só non extinguiu a erupción do lume da montaña Kapi, senón que fixo aumentar o lume; o ruído era terrible, ao final a montaña Kapi cun tremendo ruído estoupou en anacos e afundiuse no máis profundo da terra. A auga do mar ergueuse e asolagou a terra, o país ao leste da montaña Batuwara, ata a montaña Rajabasa [o volcán máis setentrional de Sumatra], foi inundado polo mar; os habitantes da parte norte do país da Sonda ata a montaña Rajabasa foron afogados e varridos con todas as súas propiedades.[18] ... As augas retiráronse pero a terra na cal se erguía Kapi pasou a ser mar, e Xava e Sumatra foron separadas en dúas partes.
Porén, non hai probas xeolóxicas dunha erupción do Krakatoa dese colosal tamaño xusto arredor do ano sinalado polas crónicas; o relato pode describir a perda das terras que previamente unirían Xava con Sumatra e a formación do que hoxe é o estreito de Sonda que as separa; ou pode ser un erro na data, e que os acontecementos se refiran en realidade á erupción do 535 d.C., da cal hai algunhas evidencias históricas que a corroboran.[19]
Suceso do 535 d.C.
[editar | editar a fonte]David Keys, Ken Wohletz e outros postularon que unha violenta erupción volcánica, posiblemente do Krakatoa, ocorrida en 535 puido ser responsable dos cambios climáticos globais de 535–536.[19] Keys explora no seu libro Catastrophe: An Investigation into the Origins of the Modern World o que cre que foron os efectos globais radicais de grande alcance dunha posible grande erupción no século VI. Esta erupción crese que foi máis potente que a de 1883 do propio Krakatoa, e tamén que creou a caldeira orixinal do Krakatoa da era Moderna, o que tivo como resltado a creación da illa Verlaten e da illa Lang.[20] Porén, hai outras explicacións posibles para este cambio climático, como unha erupción no Ilopango en O Salvador, en América Central.
Idade Media
[editar | editar a fonte]Thornton menciona que o Krakatoa era coñecido como "a montaña de lume" durante a dinastía Sailendra xavanesa, e hai rexistros de sete episodios eruptivos entre os séculos IX e XVI.[21] Seis destas erupcións foron datadas provisionalmente nos anos 850, 950, 1050, 1150, 1320 e 1530.
Posible erupción en 1680
[editar | editar a fonte]En febreiro de 1681, Johann Wilhelm Vogel, un enxeñeiro de minas holandés en Salida, Sumatra (preto de Padang), na súa viaxe a Batavia (hoxe Iacarta) pasou polo estreito de Sonda. No seu diario escribiu:
...Vin abraiado que a illa de Krakatoa, que na miña primeira viaxe a Sumatra [xuño de 1679] era completamente verde e vizosa e chea de árbores, estaba agora completamente queimada e erma ante a nosa vista e que en catro puntos estaba lanzando grandes labaradas de lume. E cando lle preguntei ao capitán do barco cando fixera erupción a mencionada illa, dixo que iso ocorrera en maio de 1680 ... Mostroume un cacho de pedra pomez tan grande como o seu puño.
Vogel pasou varios meses en Batavia, e volveu a Sumatra en novembro de 1681. No mesmo barco estaban outros viaxeiros holandeses, como Elias Hesse, un escritor. O diario de Hesse informa:
...o día 19 [de novembro de 1681] de novo levantamos áncora e dirixímonos primeiro ao norte á illa de Sleepzie (Sebesi), deshabitada, ... e despois máis ao norte da illa de Krakatou, que fixera erupción un ano antes e tamén está deshabitada. A columna de fume que se eleva desa illa pode verse desde moitas millas de distancia; pasamos co noso barco moi preto da súa costa e puidemos ver as árbores destacando no alto da montaña, e que parecía completamente queimada, pero non puidemos ver lume.[22]
Da erupción tamén informou un capitán de barco bengalí, que escribiu sobre o acontecemento posteriormente, pero que non o rexistrou no seu momemto na bitácora do barco.[23] Nin Vogel nin Hesse mencionan o Krakatoa en ningún detalle nas súas outras travesías, e ningún outro viaxeiro desa época menciona unha erupción ou a evidencia da mesma. (En novembro de 1681, os habitantes puxeron á venda unha colleita de pementa.)[24] En 1880, Verbeek investigou un fluxo de lava aínda non alterado recente na costa norte de Perboewatan, que non debía ter máis de dous séculos de antigüidade.
Visita do barco HMS Discovery
[editar | editar a fonte]En febreiro de 1780, as tripulacións do HMS Resolution (1771) e HMS Discovery (1774), na súa viaxe de regreso a Europa despois da morte do capitán James Cook en Hawai, pararon durante uns días en Krakatoa. Atoparon alí auga doce e unha fonte termal na illa. Describiron os nativos que vivían na illa como "amigables" e debuxaron varios esbozos (No seu diario, John Ledyard chamoulle á illa "Cocoterra").
Visita do buque USS Peacock
[editar | editar a fonte]Edmund Roberts chamou á illa Crokatoa no seu diario. Segue un relato parafraseado: O 8 de setembro de 1832, o veleiro de guerra dos Estados Unidos Peacock levantou áncora do extremo norte, visitando tamén a ìlla Lang, buscando os seus habitantes, auga doce e iñames. Foi difícil desembarcar, debido á forte ondada e a que o coral se estendía a unha considerble distancia da costa. Fontes termais que brotaban furiosamente desde varias brazas de profundidade atopábanse no lado leste do Krakatoa, a 150 pés da costa. Roberts, o capitán Geisinger e o lugartenente da mariña Fowler visitaron a illa, ao confundiren o son das lagostas co son da auga corrente. O barco deslizábase sobre augas claras cristalinas, sobre un amplo e moi fermoso xardín submarino. Había corais de todas as formas e tons, algúns dos cales lembraban xirasoles e cogomelos, outros repolos de 1 a 36 polgadas de diámetro, mentres que o terceiro tipo tiña un sorprendente parecido cunha rosa. As ladeiras eran as típicas nos climas tropicais; grandes bandadas de papagaios, gran variedade de monos, bosquetes de mangueiras salvaxes e laranxeiras, un soberbio panorama de plantas e flores de todas as descricións, brillando en vivos tons de púrpura, vermello, azul, marrón e verde, pero non había auga ou provisións.[25]
Actividade holandesa
[editar | editar a fonte]En 1620, os holandesses estableceron unha estación naval nas illas e algo despois construíron un estaleiro. Nalgún momento do século XVII, fixeron un intento de establecer unha plantación de pementa na illa de Krakatoa, pero estas illas xeralmente eran ignoradas pola Compañía das Indias Orientais Holandesas. En 1809, crearon unha colonia penal nun lugar non especificado, que estivo operativa durante unha década. Na década de 1880, as illas de Krakatoa non tiveron poboación permanente; o asentamento máis próximo era o da illa veciña de Sebesi (a uns 12 km) cunha poboación de 3 000 persoas.
Fixéronse varias medicións topográficas e cartas náuticas, pero as illas foron pouco exploradas ou estudadas. Un mapa de 1854 das illas utilizouse nunha carta náutica inglesa, que mostra algunhas diferenzas respecto da carta holandesa de 1874. En xullo de 1880, Rogier Verbeek fixo un levantamento topográfico oficial das illas, pero só lle permitiron estar unhas poucas horas alí. Puido recoller mostras de varios lugares e as súas investigacións posteriormente acabaron sendo importantes para xulgar o impacto xeolóxico da erupción de 1883.[26]:9
A grande erupción de 1883
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Erupción do Krakatoa de 1883.
Aínda que a actividade sísmica do volcán fora intensa nos anos que precederon á erupción cataclísmica de 1883, o 20 de maio de 1883 empezaon unha serie de pequenas erupcións. O volcán liberaba enormes plumas de vapor e cinzas que continuaron ata finais de agosto.[27]
O 27 de agosto, unha serie de catro enormes explosións destruíron case enteiramente a illa. As explosións foron tan violentas que foron oídas a 3 110 km en Perth, Australia Occidental, e na illa de Rodrigues preto de Mauricio, a 4 800 km de distancia.[6] A onda expansiva de presión da terceira e máis violenta explosión foi rexistrada nos barómetros de todo o mundo.[28] Varios barómetros rexistraron a onda sete veces ao longo de cinco días: catro veces coa a onda viaxando desde o volcán ao seu punto antipodal, e tres veces viaxando de volta ao volcán;[26]:63 iso quere dicir que a onda deu tres veces e media a volta ao mundo. As cinzas foron lanzadas a alturas de 80 km. O son da erupción foi tan forte que se informou que todos os que estaban nun raio de 16 km quedaron xordos.
Os efectos combinados dos fluxos piroclásticos, cinzas volcánicas e tsunamis tiveron resultados desastrosos na rexión e en todo o mundo. A cifra de mortos rexistrada polas autoridades holandesas foi de 36 417, aínda que algunhas fontes estiman que puido ser de máis de 120 000. Hai numerosos informes documentados de grupos de esqueletos humanos flotando polo océano Índico en balsas de pedra pómez que chegaron ás costas de África oriental ata un ano despois da erupción. As temperaturas do verán no hemisferio norte caeron unha media de 0,4 °C no ano posterior á erupción.[29]
Consecuencias
[editar | editar a fonte]Anak Krakatau
[editar | editar a fonte]Verbeek, no seu informe da erupción, predixo que calquera nova actividade que se manifestase na rexión produciríase entre Perboewatan e Danan. Esta predición fíxose realidade o 29 de decembro de 1927, cando un domo de lava submarino na área de Perboewatan mostrou evidencias de erupcións (un episodio anterior na mesma área producírase en xuño de 1927). Uns poucos días despois ergueuse da superficie do mar unha nova illa volcánica. As erupcións foron inicialmente de pedra pómez e cinzas, pero a illa que se formou e mais as dúas illas que se formaron despois foron erosionadas rapidamente polo mar e desapareceron. Finalmente, unha cuarta illa, denominada Anak Krakatau (que significa "Fillo de Krakatoa" en indonesio), asomou das augas en agosto de 1930 e produciu fluxos de lava máis rapidamente do que as ondas do mar podían erosionar, polo que creceu e se mantivo ata hoxe. Entre outras emanacións, o 3 de febreiro de 2022 produciuse unha nova erupción en Anak Krakatau.[3]
Investigacións biolóxicas
[editar | editar a fonte]As illas convertéronse nun importante caso de estudo en bioxeografía de illas e poboacións fundadoras nun ecosistema que está sendo construído desde o principio unha vez que o ambiente anterior foi totalmente aniquilado (sucesión ecolóxica).[30]
As illas foron pouco estudadas ou inspeccionadas bioloxicamente antes da catástrofe de 1883, e só se coñecen dúas coleccións biolóxicas anteriores a 1883: unha de espécimes de plantas e a outra forma parte dunha colección de cunchas. A partir de descricións e debuxos feitos polo HMS Discovery, a flora parece que é representativa dunha illa xavanesa con bosque clímax tropical. A fauna anterior a 1883 é practicamente descoñecida e probablemente era como a das illas máis pequenas da área.
Estudos botánicos
[editar | editar a fonte]Desde unha perspectiva botánica, o problema do Krakatau[31] fai referencia á cuestión de se as illas foron completamente esterilizadas pola erupción de 1883 ou se puido sobreviviu algunha vida indíxena. Cando os primeiros investigadores chegaron ás illas en maio de 1884, o único ser vivo que atoparon foi unha araña nunha greta no sur de Rakata. Porén, a vida rapidamente recolonizou as illas; na visita de Verbeek en outubro de 1884 atopáronse brotes de herbas xa en crecemento. A parte leste da illa estaba densamente cuberta de vexetación con árbores e arbustos, presumiblemente traídos ata alí como sementes arrastradas polas correntes mariñas ou contidas en excrementos de aves (ou mesmo traídas polos nativos e investigadores científicos). Porén, o estado desta vexetación é fráxil e a área cuberta de vexetación foi gravemente afectada polas erupcións recentes.
A explotación mineira de Handl
[editar | editar a fonte]O alemán Johann Handl obtivo un permiso para o aproveitamento mineiro da pedra pómez (pumita) da illa en outubro de 1916.[21] A súa concesión de 8,7 km2 (basicamente a metade leste da illa) era por 30 anos. Ocupou a ladeira sur do Rakata desde 1915 a 1917, cando a abandonou debido á "violación dos termos da concesión." (Segundo Winchester, Handl chegou en 1917 e permaneceu alí catro anos.) Handl construíu unha casa e plantou un xardín con "catro familias europeas e uns 30 peóns". Crese que foi o seu grupo o que introduciu inadvertidamente a rata negra na illa. Handl atopou nas súas escavacións restos dun bosque non queimado baixo os depósitos de cinza de 1883, e atopou auga doce a 5,5 m de profundidade.
Cultura popular
[editar | editar a fonte]Unha gran parte da novela infantil de 1947 The Twenty-One Balloons de William Pene du Bois desenvólvese no Krakatoa, onde varias familias estableceran unha próspera e divertida colonia baseada na explotación das minas de ficción de diamantes da illa.
O Krakatoa aparece nas historias de varias series de televisión e películas. Na película de 1953 Fair Wind to Java, un capitán de barco americano e un xefe pirata compiten por recuperar unha fortuna en diamantes agochada no Krakatoa, que empeza a súa erupción final cando exploran a illa na procura do tesouro.[33] A illa é unha parte importante do argumento de '"Crack of Doom," o episodio seis da serie de televisión de Irwin Allen The Time Tunnel de 1966. Tamén é unha parte principal da historia na película de 1969 Krakatoa, East of Java (retitulada Volcano nunha reedición da década de 1970; o título contén un erro xeográfico bastante grande, xa que Krakatoa está ao oeste de Xava, non ao leste), que conta os esforzos para salvar un valioso cargamento de perlas localizado perigosamente preto do volcán en erupción. Un filme de artes marciais indonesio, Krakatau (1977), protagonizado por Dicky Zulkarnaen e Advent Bangun, tamén sitúa a historia nesa montaña. En anos máis recentes, gravouse o drama para televisión de 2006 titulado Krakatoa: Volcano of Destruction e en 2008 Krakatoa.
No xogo de mesa de Klaus Teuber Seafarers of Catan, a "Variante Krakatoa" é un escenario no que hai unha illa composta de tres fichas volcáns.[34]
En 1973, a banda de rock progresivo americana Styx sacou unha pista recitada chamada "Krakatoa" no seu álbum The Serpent Is Rising. A canción, escrita polo entón guitarrista John Curulewski xunto con Paul Beaver e Bernie Krause, conta a historia da erupción do Krakatoa e o posterior retorno da vida á illa.
A banda de heavy metal británica Saxon tamén sacou unha canción sobre a erupción do Krakatoa de 1883, chamada "Krakatoa", na reedición de 2010 do seu álbum de 1985 Innocence Is No Excuse.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Global Volcanism Program | Krakatau". volcano.si.edu.
- ↑ "Global Volcanism Program | Krakatau". Smithsonian Institution | Global Volcanism Program.
- ↑ 3,0 3,1 "New eruption at Krakatoa Volcano". www.esa.int (en inglés). Consultado o 2022-02-04.
- ↑ Breining, Greg (2007). "The Deadliest Volcanoes". Super Volcano: The Ticking Time Bomb Beneath Yellowstone National Park. Voyageur Press. p. 256. ISBN 978-0-7603-2925-2.
- ↑ Hopkinson, Deborah (xaneiro de 2004). "The Volcano That Shook the World: Krakatoa 1883" 11 (4). Nova York: Storyworks: 8.
- ↑ 6,0 6,1 "How Krakatoa made the biggest bang". The Independent (Londres). 3 de maio de 2006. Arquivado dende o orixinal o 29 de xullo de 2018. Consultado o 22 de agosto de 2018.
- ↑ 7,0 7,1 "Anak Krakatau". Consultado o 10 de novembro de 2011.
- ↑ 8,0 8,1 "Krakatau". Programa Global de Vulcanismo. Instituto Smithsoniano.
- ↑ Donahue, Terry (2017-12-05). "The Resurrection Of Krakatau". The Indonesia Expat. Indonesiaexpat.biz. Consultado o 2018-12-29.
- ↑ Amos, Jonathan (2018-12-29). "Indonesian volcano's lost stature". BBC News (en inglés). Consultado o 2018-12-29.
- ↑ Winchester 2003, p. 27.
- ↑ Nota: As principais teorías son:[Cómpre referencia]
- Onomatopea, que imita o ruído feito polas cacatúas (Kakatoes) que adoitaban habitar a illa. Porén, Van den Berg sinala que estas aves só se atopan na "parte leste do arquipélago" (o que significa Sondas menores, leste de Xava, ao outro lado da liña de Wallace).
- Do sánscrito karka ou karkata ou karkataka, que significa 'lagosta' ou 'cangrexo' (Rakata tamén significa 'cangexo' na antiga lingua xavanesa). Isto considérase a orixe máis probable.
- A palabra malaia máis próxima é kelakatu, que significa "formiga de ás brancas". Furneaux sinala que en mapas de antes de 1883, Krakatoa lembraba unha formiga vista desde arriba, coas illas Lang e Verlaten situadas na parte lateral como se fosen ás.
- Van den Berg (1884) cita a historia de que Krakatau foi o resultado dun erro lingüístico. Segundo a lenda, unha capitán dun barco que visitou a illa preguntou a un habitante local cal era o nome da illa, e este respondeu "Kaga tau" (Aku enggak tahu), unha frase da xiria de Iacarta/Betawin que significa 'Non sei'. Esta historia desbótase en xeral; lembra moito outros mitos lingüísticos sobre as orixes da palabras como canguro ou o nome da península do Iucatán.
- ↑ Nota: Esta ortografía foi atribuída a un subeditor de The Times (que puido ter tipografado cambiando o 'a' e o 'o' da ortografía portuguesa) interpretando o informe telegráfico sobre a erupción masiva de 1883.
- ↑ Winchester 2003, p. 183.
- ↑ "Volcanoes of Indonesia". Global Volcanism Program. Smithsonian Institution. Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2011. Consultado o 25 de marzo de 2007.
- ↑ Nota: aparentemente porque tiña a aparencia dun sombreio vista desde o mar
- ↑ Nota: A datación exacta destes eventos actualmente non se sabe. O estreito de Sonda foi mencionado por primeira vez polo mariñeiros árabes arredor do ano 1100.
- ↑ "Krakatau version 1.0, Part 2". The Anthropogene. 2003-11-11. Arquivado dende o orixinal o 28 de maio de 2010. Consultado o 2010-01-23.
- ↑ 19,0 19,1 Wohletz, K. H. (2000). "Were the dark ages triggered by volcano-related climate changes in the 6th century.". Eos, Transactions American Geophysical Union 48 (81): F1305. Consultado o 21 de xuño de 2018.
- ↑ "The eruption of Krakatoa, 27 de agosto de 1883". Commonwealth of Australia 2012, Bureau of Meteorology. Arquivado dende o orixinal o 18 de marzo de 2016. Consultado o 5 de abril de 2012.
- ↑ 21,0 21,1 Thornton, Ian (1997). Krakatau: the destruction and reassembly of an island ecosystem (1st ed.). Cambridge, MA: Harvard University Press. ISBN 978-0674505728.
- ↑ Nota: Vogel volveu a Amsterdam en 1688 e publicou a primeira edición do seu diario en 1690.
- ↑ Winchester 2003, pp. 132–133.
- ↑ Nota: Os historiadores Van den Berg e Verbeek conclúen que Vogel debeu de esaxerar o tamaño da erupción que viu. Aínda así, debeu haber unha erupción nesa época.
- ↑ Roberts, Edmund (12 de outubro de 2007) [1837]. "Chapter III; Arrival at Crokatoa and Forsaken Islands". Embassy to the Eastern courts of Cochin-China, Siam, and Muscat : in the U. S. sloop-of-war Peacock ... during the years 1832–3–4. Harper & brothers. Digital images 46–48.
- ↑ 26,0 26,1 Symons, G.J. (ed) The Eruption of Krakatoa and Subsequent Phenomena (Report of the Krakatoa Committee of the Royal Society). London, 1888. Londres, Trübner & co. 1 de abril de 2008. Consultado o 5 de maio de 2015.
- ↑ Winchester 2003, pp. 154–166.
- ↑ Monique R. Morgan (xaneiro de 2013). "The Eruption of Krakatoa (also known as Krakatau) in 1883". BRANCH: Britain, Representation and Nineteenth-Century History. Consultado o 5 de febreiro de 2019.
- ↑ Bradley, Raymond S. (xuño de 1988). "The explosive volcanic eruption signal in northern hemisphere continental temperature records" (PDF). Climatic Change (en inglés) 12 (3): 221–243. Bibcode:1988ClCh...12..221B. ISSN 0165-0009. doi:10.1007/bf00139431 – vía Springer.
- ↑ Wilson, Edward. O. (1999). The Diversity of Life. Nova York: W.W. Norton & Company. p. 425. ISBN 978-0-393-31940-8.
- ↑ Backer, Cornell's Andries (1929). The Problem of Krakatau, as Seen by a Botanist. author, at Weltevreden, Java.
- ↑ "Krakatoa provided backdrop to Munch's scream". The Age (Melbourne). Reuters. 11 de decembro de 2003. Consultado o 15 de novembro de 2010.; "Why the sky was red in Munch's 'The Scream'". CNN. Reuters. 10 de decembro de 2003. Consultado o 15 de novembro de 2010.; Panek, Richard (8 de febreiro de 2004). "'The Scream,' East of Krakatoa". The New York Times. Consultado o 15 de novembro de 2010.
- ↑ tcm.com Fair Wind to Java (1953) Overview
- ↑ "Krakatoa Bay". Catan Maps. Consultado o 2 de maio de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Winchester, Simon (2003). Krakatoa: The Day the World Exploded: August 27, 1883. Nova York: HarperCollins. ISBN 978-0-06-083859-1.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Krakatoa |
- 1883 Eruption of Krakatau do Observatorio de Volcáns das Cascadas do United States Geological Survey (en inglés)
- Krakatau, Indonesia (1883) Arquivado 16 de decembro de 2014 en Wayback Machine. – información da Universidade do Estado en San Diego sobre a erupción de 1883 (en inglés)
- Krakatoa – The Great Volcanic Eruption no YouTube – "Naked Science"
- Bani, Philipson; Normier, Adrien; Bacri, Clémentine; Allard, Patrick; Gunawan, Hendra; Hendrasto, Muhammad; Surono; Tsanev, Vitchko (2015). "First measurement of the volcanic gas output from Anak Krakatau, Indonesia". Journal of Volcanology and Geothermal Research 302: 237–241. Bibcode:2015JVGR..302..237B. doi:10.1016/j.jvolgeores.2015.07.008.
- Máis información (en castelán).
- http://axxon.com.ar/zap/261/c-Zapping0261.htm (en castelán).