Igrexa ortodoxa siríaca
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A Igrexa Ortodoxa Siríaca de Antioquía (en siríaco: ܥܕܬܐ ܣܘܪܝܝܬܐ ܬܪܝܨܬ ܫܘܒܚܐ) é unha igrexa de credo monofisita, que se remonta nas súas raigames semíticas ao amencer do cristianismo, xa que a antiga Igrexa de Antioquía foi unha das igrexas que primeiramente se estabeleceron fóra de Palestina como unha Igrexa apostólica. Foi en Antioquía onde os seguidores de Xesús de Nazaret foron chamados, por vez primeira, cristiáns, tal como se relata nos Feitos dos Apóstolos.
Orixes
[editar | editar a fonte]Segundo as máis antigas tradicións do cristianismo primitivo, a Igrexa de Antioquía é a segunda Igrexa establecida despois de Xerusalén e a súa preeminencia apostólica está fóra de toda dúbida. No Chronicon de Eusebio de Cesarea afírmase que o propio San Pedro se estableceu alí, fundando un bispado e sendo o seu primeiro bispo.
No século V, na cristiandade existían patriarcados en Alexandría, Constantinopla, Antioquía e Roma. Dende 1293, os patriarcas de Antioquía adoptaron o nome de Ignacio en honra de San Ignacio de Antioquía, mártir do século II que deixou diversas cartas onde dá testemuño da súa condución ao martirio.
No ano 518, o patriarcado foi obrigado a desprazarse a diversas localidades ata establecerse definitivamente no mosteiro de Dayro d-Mor Hananya, tamén chamado Kurkmo Dayro, en Mardin, Turquía no século XIII. Tras as persecucións e matanzas de principios de século polos patriotas turcos e os kurdos, en 1957, refuxiouse en Damasco
Trátase dunha Igrexa semítica, moi próxima á lingua e a cultura do Xesús histórico. Na súa liturxia emprega o siríaco ou arameo e é a máis antiga das conservadas do cristianismo primitivo. Vítima do acoso e as persecucións, esta Igrexa mantense viva principalmente en Siria, Líbano e a India. O abandono por parte das potencias occidentais e o auxe do islamismo fan dela unha forma cultural a piques da extinguirse para sempre.
O cristianismo siríaco tivo un especial foco de expansión en Edessa, ata o punto de que existen tradicións lendarias que recollen correspondencia entre o rei Abgar Ukomo e o propio Xesús, e de como un dos setenta discípulos chamado Edai curou a ese monarca da súa enfermidade. O que é rigorosamente histórico é que o cristianismo estaba solidamente implantado en Edessa a principios do século II. Isto fai competir a Edessa con Armenia na reivindicación de seren os primeiros reinos cristiáns da historia da humanidade, por suposto moito antes da conversión da propia Roma.
O establecemento do cristianismo na India tamén remóntase a antiquísimas tradicións que o vencellan á suposta chegada do apóstolo Santo Tomé a Malankara (Kerala), no ano 52 despois de Cristo. Dende o século IV, esta Igrexa recoñece a autoridade do patriarca de Antioquía, que consagra ao Catholicos do Leste, cabeza da Igrexa Malankara.
No século II, os textos bíblicos xa circulaban en siríaco, o que se supón que é unha volta aos substratos semíticos dos textos gregos, polo que son moi apreciados polos escrituristas e exexetas para entenderen o primeiro cristianismo e a figura e os ditos do Xesús histórico.
Cisma
[editar | editar a fonte]A Igrexa de Antioquía non aceptou o Concilio de Calcedonia (451); considerouno unha traizón aos concilios de Nicea e Éfeso e aliñouse coa Igrexa de Alexandría (Igrexa ortodoxa copta) na defensa da única natureza do Verbo Encarnado. A fe de Calcedonia que falaba de dúas naturezas en Cristo, foi considerada dualista. Antioquía, Alexandría e Armenia consideraron que se puña en cuestión a unidade da persoa de Xesús, verdadeiro Deus e verdadeiro home. Denunciaron que se estaba perante unha recaída no nestorianismo, a vella herexía nada en Bizancio.
O Emperador bizantino apoiou o credo de Calcedonia, o que provocou o exilio dos bispos, incluído o Patriarca Mor Severius e a persecución dos fieis. Mor Siverius está considerado o Togho d-suryoye, é dicir, Coroa dos Siríacos. Será Xacobe Baradeus quen marque o renacer da Igrexa. Viaxou a Constantinopla onde se gañou o favor da Emperatriz Teodora, filla dun sacerdote siríaco. Xacobe ordenou 2 bispos e centos de sacerdotes e diáconos. Desde que isto aconteceu, a Igrexa Siríaca celebra o 30 de xullo como o día de San Xacobe, conmemorando a súa morte en 578. De aí deriva o nome, non aceptado polos siríacos, de Igrexa Xacobita.
Os xerarcas eclesiásticos siríacos non recoñeceron a autoridade do patriarcado de Constantinopla e favoreceron o dominio dos exércitos árabes que foron recibidos como auténticos liberadores do xugo do Imperio Bizantino. É do elevado traballo dos monxes siríacos de onde os sabios musulmáns recibirían a cultura grega, que máis adiante divulgarían na súa expansión cara occidente.
Os siríacos tiveron o seu propio cisma interior, unha comunidade aglutinada ao redor do sartego de San Marón non aceptou o monofisismo, e acabou acubillándose nos bosques do Líbano. Son os maronitas, que se encontraron os cruzados e que aceptaron, na época do Reino Latino de Xerusalén, a autoridade do Papa. Aínda que conservan a liturxia siríaca, hoxe en día o seu ritual consérvase moi latinizado.
Persecucións e xenocidios
[editar | editar a fonte]Co primeiro islam, o cristianismo siríaco coñeceu unha época de paz e esplendor, pero, co tempo, foi recibindo duros golpes dos turcos selxúcidas, das cruzadas, dos mongois, dos mamelucos e dos otománs. Ata a idade contemporánea, o máis terrible foi o sanguinario dominio de Tamerlán, ao redor de 1400. A florecente Igrexa siríaca xamais volverá a coñecer momentos de gloria.
A comezos do século XX, os crentes siríacos estaban confinados en aldeas rurais e en afastadas zonas montañosas, onde gardaban celosamente as súas tradicións, costumes e lingua. Foi sobre estes nos que recaeu o xenocidio, responsabilidade dos patriotas otománs. O ano 1915, coñécese como sayfo (espada) debido as atrocidades cometidas por turcos e kurdos contra as vilas e aldeas cristiás. Nas cidades, onde aínda existían cristiáns siríacos, a sorte non foi máis favorable: na catedral de Edessa, 3.000 foron queimados vivos.
Isto marcou o inhumano sefer berlik (o éxodo) cara a Siria, Líbano, Iraq, e Palestina. Algúns mesmo atravesaron o Atlántico e fundaron novas Igrexas nos Estados Unidos. A guerra de Iraq deixou as pequenas comunidades siríacas inermes naquel país, ao igual que ás comunidades cristiáns da antiga Igrexa de Asiria. Esta guerra supuxo o fin da civilización cristiá milenaria en Mesopotamia.
Crenzas e culto
[editar | editar a fonte]O Credo desta Igrexa é o Credo de Nicea: cren na Unidade de Deus consistente na comuñón, nunha mesma esencia, de tres persoas distintas -Pai, Verbo (Fillo), e Espírito Santo- este último denominado coa palabra feminina ruho (vento). María de Nazaret é considerada, consonte a fe de Éfeso yodath aloho (Nai de Deus). Cren, así mesmo, que a encarnación do Verbo no home Xesús, a súa morte e resurrección, foron a manifestación salvadora do amor de Deus en beneficio de toda a humanidade. A aceptación na propia vida desta salvación, transforma interiormente ao individuo e o destina á Vida Eterna.
Teñen sete sacramentos, que se imparten nunha rica e lírica liturxia como signos reais do amor gratuíto de Deus (graza que renova a cada home e á Creación enteira).
Os crentes máis devotos conservan diversas formas de culto, entre as que están as sete oracións do día coa ollada cara ao leste. Conservan tamén a prokinesis, ou prostración, e outros elementos que foron adoptados polo islam. O día eclesiástico comeza co solpor. A Qurbono (eucaristía), é celebrada cada domingo. As vestimentas dos sacerdotes e diáconos son ricas en simbolismo e únicas no contexto da historia das relixións. Os himnos litúrxicos son un auténtico tesouro denominado (Beth Gazo) e seguen a ser referencia para os estudosos da espiritualidade cristiá oriental. Nas igrexas siríacas, á diferenza da Igrexa Ortodoxa, non ten iconostasio, o velo do templo descóbrese para dar visión do altar aos fieis como expresión da fusión entre Ceo e Terra.
As normas morais baséanse no amor a Deus e ao próximo, incluído o inimigo. Durante o Qborno o bico da paz repártese entre todos os fieis dende a primeira fila ata a derradeira. De mentalidade moi conservadora, os siríacos teñen grande aprecio ao matrimonio e á familia, conservando, ata hai pouco, estruturas amplas a modo de clans. Os sacerdotes poden estar casados, non así os bispos.
Xerarquía e ministerios
[editar | editar a fonte]A cabeza da Igrexa é Cristo mesmo, que actúa polo seu Espírito. Humanamente, a suprema autoridade moral descansa sobre o Patriarca de Antioquía e todo o Leste. Existe un criterio de colexialidade nada centralista que ten expresión no Santo Sínodo, a asemblea dos bispos.
A autoridade suprema na India é o Catholicos de Malankara, que preside o sínodo nesta localidade e recoñece a supremacía do patriarca de Antioquía. Os bispos deben seren ordenados por, polo menos, outros dous. Á fronte das parroquias están os vicarios. Existe un consello parroquial elixido polos fieis. Os diáconos axudan aos sacerdotes no culto, os lectores (quoruyo) e os cantores (mzamrono).
Situación actual
[editar | editar a fonte]Neste momento hai uns 200.000 cristiáns siríacos. Existen dúas dioceses en Siria, pero no Líbano e en Iraq a situación é insostible. Refuxiado en Damasco, o patriarca mar Ignacio Zaqqa Ivas I, procura soster unhas comunidades en franca disolución e retroceso. Comprometido co ecumenismo, asinou con Xoán Paulo II, unha declaración cristolóxica que supuxo un paso decisivo na superación dos malentendidos dogmáticos milenarios.
Na India, existen aínda máis dun millón de fieis.