iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: https://gl.wikipedia.org/wiki/Grigorii_Rasputin
Grigorii Rasputin - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Grigorii Rasputin

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaGrigorii Rasputin

(1916) Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(ru) Григорий Ефимович Распутин Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento9 de xaneiro de 1869 (Xuliano) Editar o valor en Wikidata
Pokrovskoye (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Morte30 de decembro de 1916 Editar o valor en Wikidata (47 anos)
San Petersburgo (Imperio Ruso) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehomicidio, afogamento
ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
RelixiónKhlysts Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmístico, campesiño, político, ocultista, monxe Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxePraskovia Fyodorovna Dubrovina Editar o valor en Wikidata
FillosMaria Rasputin Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteEnciclopedia soviética armenia
1922 Encyclopædia Britannica (en) Traducir
Medvik >>>:Rasputin, Grigorij Jefimovič, asi 1864-1916, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm1391270 BNE: XX1030186 WikiTree: Распутин-1 Find a Grave: 7304586 Editar o valor en Wikidata

Grigorii Efimovich Rasputin (en ruso: Григорий Ефимович Распутин), nado en Pokrovskoe o 9 de xaneiroxul./ 21 de xaneiro de 1869greg. e finado en San Petersburgo o 17 de decembroxul./ 30 de decembro de 1916greg.,[1] foi un campesiño siberiano de grande influencia nos últimos anos da Dinastía Romanov. Tamén foi coñecido coma o monxe tolo.

Pretendía parecerse a Xesucristo e tiña fama de curandeiro mediante o rezo, razón pola que, grazas a unha amiga da tsarina chamada Anna Vyrubova, no ano 1905 foi chamado ante os tsares para que curase o seu fillo, o tsarévich Aleksei, que padecía hemofilia. O tsarévich mellorou (segundo algúns investigadores grazas á hipnose) e a Familia Imperial, especialmente a tsarina Alexandra,[2] caeu baixo a influencia do monxe.

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]
Pokrovskoe, preto do río Tura en 1912. Rasputin recadou fondos para decorar a igrexa [3] que foi construída cara a 1906 e destruída en 1950.[4]

Grigorii Rasputin naceu na pequena aldea de Pokrovskoe, no actual distrito de Iarkovskii. Os rexistros teñen unha entrada datada o 9 de xaneiro de 1869 que di: Na aldea de Pokrovskoe, na familia campesiña de Efim Iakovlevich Rasputin, naceu un fillo, Grigorii.[5][6][7] Ao día seguinte foi bautizado e nomeado na honra de San Gregorio de Nisa.[8]

Foi o quinto fillo dun total de nove, dos cales só Grigorii e a súa irmá Feodosiia sobreviviron. Nunca asistiu á escola –segundo un censo de 1897, case todos os habitantes da aldea eran analfabetos–.[9] En Pokrovskoe, Rasputin foi visto como un estraño, rodeado de misteriosos agasallos.[10] O pouco que se coñece sobre a súa infancia é grazas á súa filla Mariia,[11] pero todas as súas memorias considéranse de pouca confianza.

O 2 de febreiro de 1887 Rasputin casou con Praskovia Fedorovna Dubrovina, e xuntos tiveron tres fillos: Dmitrii, Mariia e Varvara. En 1892 Rasputin deixou a súa aldea, a súa muller, fillos e pais.[12] Pasou varios meses nun mosteiro en Verkhoture.

Inicio da vida relixiosa

[editar | editar a fonte]
Makarii, Feofan de Poltava e Grigorii Rasputin

Rasputin afirmou que a visión da Nosa Señora de Kazán o levou a escoller a vida dun místico relixioso. Arredor de 1893 viaxou ao monte Atos, pero quedou profundamente desilusionado, como lle dixo a Makarii.[13][14] En 1900 Rasputin identificábase como un strannik,[15] un errante relixioso, visitando os lugares sagrados a pé, vivindo da caridade, aínda que sempre regresou á súa casa para as sementeiras e as colleitas. Habitualmente é visto como un iurodivyi ou monxe tolo,[16] e moitas veces, de xeito erróneo, como un starets, pero o propio Rasputin nunca chegou a considerarse un deles,[12] posto que vivían en reclusión e silencio.

En 1903, Rasputin decidiu pasar un tempo en Kíiv, a 3.000 km da súa aldea, onde visitou o Mosteiro das Covas. En Kazán, atraeu a atención do bispo e membros das clases altas.[17][18][19] Aprendeu as Escrituras, e as súas interpretacións foron tan orixinais, que as persoas das clases sociais máis elevadas gozaban escoitándoo.[20] Rasputin viaxou máis adiante á capital para reunirse con Xoán de Kronstadt e adquirir donativos para a construción da igrexa da súa aldea. Foi presentado a Serxio I de Moscova, o reitor da Academia Teolóxica de San Petersburgo.[21] Pierre Gilliard escribiu que Rasputin chegou en 1905,[22] Nelipa pensa que foi no outono de 1904, e Iliodor considera que foi en 1903,[23] Nunha ocasión foi invitado por Milica de Montenegro e a súa irmá Anastasia de Montenegro, que estaban interesadas no misticismo persa,[24] espiritismo e ocultismo. O 19 de outubroxul./ 1 de novembro de 1905greg., Milica presentouno ao tsar Nicolao II e á súa dona Alexandra no palacio de Petergof.[25]

Antes do seu encontro con Rasputin, o tsar tivera que enfrontarse coa Guerra Ruso-Xaponesa, o Domingo Sanguento, a Revolución Rusa de 1905, bombas e unha folga a escala nacional dos ferrocarrís. Nunha cidade sen electricidade, o Emperador e Autócrata de Todas as Rusias viuse obrigado por Sergei Witte a asinar o Manifesto de Outubro, polo que se establecía a Duma Imperial e renunciar a parte do seu poder autocrático.[26]

Chegada á Corte Imperial

[editar | editar a fonte]
Rasputin e os seus fillos

En outubro de 1906, por petición do tsar, Rasputin visitou a ferida filla do Primeiro Ministro Petr Stolypin. Unhas poucas semanas antes, 29 persoas foran asasinadas nun atentado, no que dous fillos de Stolypin resultaran danados.

O 15 de decembro dese ano:

"... Rasputin pediulle audiencia ao Tsar, para cambiar legalmente o seu apelido. Grigorii explicou que seis familias en Pokrovskoie levaban ao apelido Rasputin, e isto estaba producindo todo tipo de confusións. Rasputin pediulle a Nicolao acabar con esta confusión permitíndome a mín e os meus descendentes levar o apelido Rasputin-Novyi, que significa Novo Rasputín.[27][28][29]

En marzo de 1907 Rasputin recibiu o permiso para cambiar o seu apelido. En abril foi invitado de novo a Tsarskoe Selo, nesta ocasión para ver ao fillo do tsar, o tsarévich Aleksei Nikolaevich. O neno fixérase dano e isto causoulle unha dolorosa hemorraxia. Non era público, era máis ben segredo de Estado, que o herdeiro ao trono sufría hemofilia, unha enfermidade que afectaba a moitas casas reais de Europa.[30] Cando os doutores non puideron ofrecerlle unha cura, a tsarina desesperada buscou axuda. Rasputin tiña fama de ter a habilidade de curar mediante a oración e foi quen de calmar aos tsares e darlle ao tsarévich un pouco de alivio, a pesar de que os doutores predixeran que ía morrer. Ao día seguinte o tsarévich mostrou signos de mellora.[31]

Pierre Gilliard,[32] a historiadora francesa Hélène Carrère d'Encausse[33] e o xornalista Diarmuid Jeffreys, especularon sobre a posibilidade de que as prácticas de Rasputin incluían a administración de aspirina, un analxésico dispoñible desde 1899.[34][35]

O 9 de outubro de 1912, Aleksei recibiu a extremaunción[36] durante outra grave crise. Os Romanov estaban pasando uns días no seu palacio de Białowieża, e marcharon a Spala (Polonia). Durante un paseo no bosque, os bruscos movementos da carruaxe provocaron un hematoma interno no tsarévich.[37] Alexandra apenas se separaba do seu lado e desesperada acudiu a súa dama de compaña, Anna Vyrubova[38][39] para que conseguira a axuda do curandeiro Rasputin, naqueles momentos caído en desgraza. Rasputin respondeu cun telegrama profético: O pequeno non finará. Non deixe que os doutores o molesten moito.[40] A temperatura do tsarévich descendeu e o hematoma desapareceu, pero o neno tardou case un ano en recuperarse por completo.

O médico da corte, o doutor Evgenii Botkin consideraba a Rasputin como un charlatán e que os seus poderes proviñan do uso da hipnose, pero Rasputin non se interesou por esta práctica antes de 1913.[41][42] Varios inimigos de Rasputin chegaron a suxerir que este drogaba en segredo a Aleksei con herbas medicinais do Tíbet.[43][44][45]

Relación coa Familia Imperial

[editar | editar a fonte]
Alexandra Fedorovna cos seus fillos, Rasputin e a enfermeira Mariia Ivanovna, quen máis tarde afirmaría que fora violada por Rasputin.

A tsarina Alexandra confiaba nos consellos de Grigorii Rasputin, e deu crédito ás súas oracións despois de que axudaran a aliviar as dores de Aleksei en numerosas ocasións. As grandes duquesas e o tsarévich foron criados para ver a Rasputin como o noso amigo e confidente. No outono de 1907 a gran duquesa Olga Aleksandrovna Romanova, foi levada polo tsar ata o cuarto dos nenos para que coñecesen o monxe. A gran duquesa lembraba máis adiante:

«Anastasia, as súas irmás e o seu irmán Aleksei levaban longos camisóns brancos. A todos parecía gustarlles ese home, víaselles cómodos na súa presenza.»
Olga Aleksandrovna.[46]

A complicidade de Rasputin cos nenos facíase patente en moitas das mensaxes que lles enviaba. En febreiro de 1909 escribiulles un telegrama no que lles aconsellaba:

«Amade toda a intensidade de Deus e da súa Creación, en especial nesta terra. A Nai de Deus sempre estaba ocupada cosendo e recollendo flores.»
Rasputin.[47]

Porén, unha das doncelas das grandes duquesas, Sofia Ivanovna Tiutcheva, horrorizouse en 1910 sobre o feito de que se lle permitira a Rasputin entrar nos cuartos das rapazas cando estas só levaban un camisón. O tsar Nicolao tivo que pedirlle ao starets que evitase facelo nun futuro. Os nenos, conscientes da situación, temeron que as palabras de Tiutcheva fixesen enfadar a súa nai:

«Teño medo de que S.I. diga... cousas malas do noso amigo (...) Espero que a nosa doncela sexa amable co noso amigo no futuro»
Carta de Tatiana a Alexandra o 8 de marzo de 1910.[48]

Pouco despois a tsarina despediu a Tiutcheva.[48]

Tiutcheva informou do que vía o resto de membros da familia imperial.[49] Mentres que as visitas de Rasputin ás nenas eran consideradas polo monxe como algo completamente inocente na natureza, o resto da familia estaba escandalizada. Tiutcheva explicoulle á irmá de Nicolao, a gran duquesa Xenia, que Rasputin visitaba as nenas, falaba con elas mentres se preparaban para ir durmir e as abrazaba e acariciaba. Tiutcheva dicía que as nenas foran instruídas para non falar do monxe na súa presenza e para ocultar as súas visitas aos seus cuartos. O 15 de marzo de 1910 Xenia escribiu que non podía entender:

«... a actitude de Alix (a tsarina) e os nenos cara a ese sinistro Grigorii Rasputin, ao que consideraban case como un santo, cando non era máis ca un vulgar "khlistii"».[a][48]

Na primavera de 1910 María Ivanovna Vishniakova, unha doncela real, denunciou que Rasputin a violara. Vishniakova dixo que a tsarina se negou a crela e que insistiu en que «todo o que Rasputin fai é santo». A gran duquesa Olga Aleksandrovna declarou que as acusacións de Vishniakova foron inmediatamente investigadas, porén «sorprenderon a moza na cama cun cosaco da Garda Imperial». Impediron a Vishniakova acercarse a Rasputin e en 1913 foi despedida.[50]

Caricatura de Rasputín controlando aos tsares de Rusia

Os rumores continuaron, ata o punto que se dicía que Rasputin non só seducira a tsarina, senón tamén as catro grandes duquesas.[51] Estes rumores aumentaron cando o propio Rasputin divulgou as cartas que a tsarina e as súas fillas lle enviaban:

«Meu querido, fermoso, o meu único amigo (...) Cantas ganas teño de verte outra vez. Hoxe soñei contigo. Sempre lle pregunto a Mamá cando virás... Penso en ti sempre, cariño, porque es tan bo comigo...»
Carta de Anastasia a Rasputin.[52]

A estas revelacións seguiron a circulación duns debuxos pornográficos que representaban a Rasputin mantendo relacións sexuais coa tsarina, as súas catro fillas e Ana Vyrubova.[53] A raíz do escándalo o tsar, a pesar da forte oposición da súa esposa, ordenou a Rasputin que abandonase San Petersburgo por un tempo, co que este marchou de peregrino a Palestina.[54] A pesar dos rumores, a unión entre a familia imperial e o monxe continuou ata o asasinato deste o 16 de decembroxul./ 29 de decembro de 1916greg..

«O Noso Amigo está moi satisfeito das nosas nenas, di que teñen pasado por duras probas para a súa idade e que as súas almas están moi desenvolvidas»
Carta de Alexandra a Nicolao o 6 de decembro de 1916.[55]

Nas súas memorias, A. A. Mordvinov escribiu que as catro grandes duquesas quedaron «visiblemente trastornadas» pola morte de Rasputin e que permaneceron sentadas «abrazadas unhas ás outras» nun sofá dun dos seus dormitorios durante toda a noite na que recibiron a noticia. Mordvinov lembraba que as rapazas estaban de moi mal humor e que parecían intuír a axitación política que xa se estaba creando en Rusia.[56] Rasputin foi soterrado cunha icona, asinada no reverso pola tsarina e as súas catro fillas. Anastasia asistiu ao seu enterro, o 21 de decembro de 1917xul./ 3 de xaneiro de 1918greg. e xunto á súa familia idearon edificar unha igrexa sobre o lugar da súa tumba.[57]

Primeira guerra mundial

[editar | editar a fonte]

Trala Primeira Guerra dos Balcáns, a Liga Balcánica planeou a partición do territorio europeo do Imperio Otomán entre eles. Durante a Segunda Guerra dos Balcáns, o Tsar interveu tratando de deter o conflito, xa que Rusia non quería perder aos seus aliados eslavos. Rasputin aconsellou ao Tsar que non se involucrara e promovera as negociacións de paz. Rasputin converteuse así en inimigo do Gran Duque Nicolao Nikolaevich, paneslavista, do seu irmán Pedro Nikolaevich e das súas mulleres, Militza de Montenegro e Anastasia de Montenegro, ansiosos de entrar na guerra e expulsar aos austríacos dos Balcáns.[58][59]

Pouco despois do estoupido da primeira guerra mundial, Rasputin declarouse en contra de que Rusia fora á guerra contra Alemaña. Rogoulle ao Tsar que fixera todo o que estivera nas súas mans para evitar a guerra.[60] Desde o hospital, Rasputin enviou varios telegramas á Corte, expresando os seus medos polo futuro do país:

Se Rusia vai a guerra, será o final da monarquía, dos Romanovs e das institucións rusas.[61]

Durante a Crise de Xullo, Nicolao II ordenou a mobilización xeral para apoiar o Reino de Serbia. Esperaba que Alemaña xamais atacaría Rusia, Francia e Inglaterra ao mesmo tempo. Porén, Alemaña declarou a guerra a Rusia, comezando así a guerra. Rusia esperaba que a guerra durase até o Nadal,[62] pero despois dun ano a situación volveuse insostible.[63] O tsar tomou o control do exército o 23 de agosto de 1915, decisión que, en gran medida, estivo instigada pola tsarina e Rasputín.[64][65] Alexandra quedou así ao cargo do goberno. A intervención de Rasputin na política do país, que até entón fora esporádica,[66] aumentou até o punto de que Alexandra se limitaba a enviarlle ao seu marido as decisións de Rasputin para que as aprobase.[67]

Primeiro intento de asasinato

[editar | editar a fonte]

A pesar de gozar do favor da emperatriz, Rasputin comezou a ser visto como un perigo para o país. Segundo Pavel Miliukov, en maio de 1914, Rasputin xa era unha persoa influente na política rusa.[68]

O 29 de xuñoxul./ 12 de xullo de 1914greg. unha campesiña chamada Khionia Guseva intentou asasinalo cando o monxe estaba de visita na súa aldea. Rasputin saíra da súa casa para responder un telegrama[69][70][71][72][73] cando a muller se lanzou sobre el e lle cravou un coitelo no estómago.[74] Rasputin quedou seriamente danado e durante un tempo non estivo claro se sobreviviría ao atentado.[75] Despois de que un médico local lle practicara unha cirurxía de emerxencia na súa casa[76] e pasar un tempo no hospital de Tiumen,[77] Rasputin recuperouse do ataque.

Guseva era seguidora de Iliodor, un antigo monxe que apoiara a Rasputin antes de denunciar as súas escapadas sexuais e auto-engrandecemento en decembro de 1911.[78][79] Conservador radical e antisemita, Iliodor formou parte do grupo de persoas notables que trataran de quebrar a relación entre a familia real e Rasputin en 1911. Cando o seu intento fracasou, Iliodor foi exiliado de San Petersburgo.[78][80] Guseva afirmou que actuara soa, logo de ler sobre Rasputin nos xornais e crer que era un "falso profeta e incluso o anticristo".[81] Tanto a policía como Rasputin, creron que Iliodor xogou algún papel na intentouna de acabar coa súa vida.[78] Iliodor deixou o país antes de que puidera ser investigado, e Guseva foi declarada inocente das súas accións debido á súa loucura. [78]

Asasinato

[editar | editar a fonte]

Tanto no Goberno como na Corte, considerábase que a influencia de Rasputin sobre o tsar e a tsarina era nefasta nun momento no que a situación da monarquía era xa crítica.[82] O Primeiro Ministro Aleksandr Trepov chegou a ofrecerlle, sen éxito, mil rublos para que regresase a Siberia. A comezos de 1916, fracasou un intento de asasinato promovido polo exministro de Interior, Aleksei Khvostov. Finalmente a conxura que triunfou foi a do príncipe Feliks Iusupov, na que tamén estiveron implicados o líder dereitista da Duma Imperial, Vladimir Purishkevich, e dous Grandes Duques, Demetrio Pavlovich e Nicolao Mikhailovich.[83]

Iusupov, Purishkevich e o Gran Duque Demetrio decidiron atraer a Rasputin ao palacio de Iusupov coa escusa de que se reuniría coa esposa deste, a Gran Duquesa Irina Aleksandrovna, sobriña do tsar. Así, a pesar de recibir unha advertencia do perigo o mesmo 16 de decembro, Rasputin presentouse no palacio pouco despois da medianoite. Iusupov fíxoo esperar pola Gran Duquesa mentres esta supostamente atendía outros invitados, nunha estancia do soto onde lle serviron viño e uns pasteis envelenados con cianuro. Exasperado porque o veleno non parecía facer o efecto esperado, Iusupov disparoulle un tiro cunha pistola Browning e deuno por morto mentres se preparaba para saír a desfacerse do corpo. Porén, Rasputin sobrevivira ao disparo e Purishkevich, logo de fallar en dúas ocasións, derribouno con outros dous disparos, un nas costas e outro, o mortal, na fronte. Tras isto ataron o corpo con cadeas e lanzárono ao río Neva, onde foi atopado o 18 de decembro.[84]

Rasputin foi enterrado en xaneiro de 1917 xunto ao palacio de Tsarskoe Selo. Trala Revolución de Febreiro, o seu corpo foi desenterrado e queimado no bosque de Pargolovo, onde se ciscaron as súas cinzas.[85]

Investigacións sobre a morte

[editar | editar a fonte]

Investigacións recentes sinalan que no asasinato de Rasputin estivo involucrado o servizo segredo británico, a través dun axente que residía por aquel entón en Petrogrado, chamado Oswald Rayner, baixo o mandato doutro axente chamado John Scale.[86][87]

  1. Os khlistii (en ruso Хлысты́), flaxelantes ou azoutados; tamén chamados Xente de Deus. Grupo sectario separado da Igresxa Ortodoxa Rusa, escisión da Igrexa dos Vellos crentes. Fundado por Daniil Filippovič, en 1631, na provincia de Kostromá, Rusia.
  1. Kerensky 1965, p. 182
  2. Rappaport 2014, p. 129
  3. "Spiritual Pilgrim". Radio: The Christian Message from Moscow. 25 de decembro de 2009. Consultado o 27 de decembro de 2014. 
  4. Fuhrmann 2013, p. xiii
  5. Fuhrmann 2013, p. 35
  6. Demystifying the life of Grigory Rasputin | Russia Beyond The Headlines Arquivado 25 de agosto de 2013 en Wayback Machine.. Rbth.ru (27 de decembro de 2012). 15 de xullo de 2014.
  7. Royal Russia News: Demystifying the life of Grigory Rasputin Arquivado 21 de outubro de 2013 en Wayback Machine.. Russia Beyond the Headlines via Angelfire.com. 27 de decembro de 2012.
  8. Radzinsky 2000, pp. 25, 29
  9. Fuhrmann 2013, p. 9
  10. Fuhrmann 2013, pp. 11–13
  11. Rasputin 1970
  12. 12,0 12,1 Nelipa 2010, p. 16
  13. Fuhrmann 2013, p. 22
  14. Moynahan 1997, p. 32
  15. Nelipa 2010, p. 17
  16. Spencer C. Tucker; Priscilla Mary Roberts (September 2005). The Encyclopedia of World War I: A Political, Social, and Military History. ABC-CLIO. pp. 967–. ISBN 978-1-85109-420-2. 
  17. Amalrik, A. (1988) Biografie van de Russische monnik 1863–1916, p. 45
  18. Fuhrmann 2013, p. 24
  19. Moynahan 1997, p. 43
  20. Gerald Shelley (1925) The Blue Steppes, p. 87.
  21. "The Life And Death Of Rasputin". Orthodoxchristianbooks.com. Consultado o 28 April 2013. [Ligazón morta]
  22. Chapter Five. Rasputin. Alexanderpalace. Consultado do 15 de xullo de 2014.
  23. Iliodor 1918, p. 91
  24. Radzinsky 2000, p. 57
  25. "Nicolas' diary 1905 (in Russian)". Rus-sky.com. Consultado o 28 de abril 2013. 
  26. Fuhrmann 2013, p. 33
  27. Fuhrmann 2013, pp. 42
  28. Nelipa 2010, p. 24
  29. Iliodor 1918, p. 112
  30. Moe 2011, p. 149
  31. The Atlantic; "Memories of the Russian Court – an online book on Romanov Russia – Chapter VI". Alexanderpalace.org. Consultado o 28 de abril de 2013. 
  32. "Le Précepteur des Romanov by Daniel GIRARDIN". Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2016. Consultado o 05 de febreiro de 2016. 
  33. H.C. d'Encausse (1996) Nicolas II, La transition interrompue, p. 147, (Fayard) [1]; Holy People of the World: A Cross-cultural Encyclopedia.
  34. Diarmuid Jeffreys (2004). Aspirin: The Remarkable Story of a Wonder Drug. Bloomsbury Publishing. [2]
  35. Rappaport 2014, p. 112
  36. Rappaport 2014, p. 181
  37. Rappaport 2014, p. 179
  38. Vyrubova 1923, p. 94
  39. Moe 2011, p. 156
  40. Fuhrmann 2013, pp. 100–101
  41. Pares 1939, pp. 138
  42. Fuhrmann 2013, pp. 103
  43. "The Life and Tragedy of Alexandra - Chapter XV - A Mother's Agony - Rasputin". Consultado o 27 de decembro de 2014. 
  44. Fuhrmann 2013, pp. 102-103
  45. Moe 2011, p. 152
  46. Massie 1972, p. 199-200.
  47. Maylunas & Mironenko 1997, p. 321.
  48. 48,0 48,1 48,2 Maylunas & Mironenko 1997, p. 330.
  49. Massie 1972, p. 208.
  50. Radzinsky 2003, p. 129-130.
  51. Mager 1998.
  52. Sams, Ed. ""Victoria's Dark Secrets"". alexanderpalace.org. Arquivado dende o orixinal o 07 de xaneiro de 2007. Consultado o 31 de decembro de 2006. 
  53. Christopher, Kurth & Radzinsky 1995, p. 115.
  54. Christopher, Kurth & Radzinsky 1995, p. 116.
  55. Maylunas & Mironenko 1997, p. 489.
  56. Maylunas & Mironenko 1997, p. 507.
  57. Maylunas & Mironenko 1997, p. 511.
  58. Antrick 1938, pp. 35, 39
  59. Vyrubova 1923, p. 173
  60. Thirteen Years at the Russian Court – Chapter Eight – Journeys to the Crimea and Rumania – Poncaire's Visit – War. Alexanderpalace. Consultado o 15 de xullo de 2014.
  61. Victor Alexandrov (1966) The End of the Romanovs, trans. William Sutcliffe. Little, Brown, and Company, Boston, p. 155.
  62. Moe 2011, pp. 284, 305
  63. Antrick 1938, pp. 35
  64. Letters from Tsar Nicholas to Tsaritsa Alexandra – AUGUST 1915. Alexanderpalace.org. Consultado o 15 de xullo 2014.
  65. Moe 2011, p. 332
  66. "The Dark Forces: Popular Analogies in Russian Politics, p. 83, by ALEXANDER ZASLAVSKY" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de marzo de 2016. Consultado o 05 de febreiro de 2016. 
  67. King 1994, p. xi
  68. Antrick 1938, p. 37.
  69. Rigasche Rundschau. The European Library (1 de xullo de 1914). Consultado o 15 de xullo de 2014.
  70. Assassination Attempt on Rasputin – 29 June 1914 | The British Newspaper Archive Blog. Blog.britishnewspaperarchive.co.uk. Consultado o 15 de xullo 2014.
  71. FAVORITE OF TSAR STABBED BY WOMAN – Rasputin, Peasant Monk-Mystic, Said to be at the Point of Death. New York Times (14 de xullo de 1914). Consultado o 15 de xullo de 2014.
  72. "Cymru 1914". Arquivado dende o orixinal o 15 de outubro de 2014. Consultado o 27 de decembro de 2014. 
  73. The Advertiser (Adelaide, SA)
  74. Fuhrmann 1990, p. 106-7.
  75. Fuhrmann 1990, p. 108.
  76. Smith 2016, p. 332.
  77. Smith 2016, p. 360-1.
  78. 78,0 78,1 78,2 78,3 Smith 2017.
  79. Fuhrmann 1990, p. 82.
  80. Fuhrmann 1990, p. 82-4.
  81. Radzinsky 2010, p. 256.
  82. Historia de la Revolución Rusa, L. Trotsky, 1932
  83. Figes 2000, pp. 337-338
  84. Figes 2000, pp. 338-339
  85. Figes 2000, p. 339
  86. (en inglés) «British spy 'fired the shot that finished off Rasputin'» Arquivado 12 de febreiro de 2009 en Wayback Machine. The Telegraph. Consultado o 11 de novembro de 2013.
  87. (en inglés) BBC: «Rasputin assassinated by British Secret Service» - BBC Timewatch documentary

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]