Escudo de San Marino
Aparencia
No escudo de armas de San Marino figuran, nun campo de azur, tres picos de sínople que representan as tres rochas do Monte Titano da capital de San Marino: Cesta, Guaita e Montale. Sobre as tres rochas, tres torres de prata e sobre as torres, colocadas en pau, tres plumas de prata.
O escudo ten forma de corazón e está bordeado de ouro. Aparece rodeado por dúas ramas, unha de loureiro e outra de aciñeira e está timbrado cunha coroa forrada de goles, pechada por catro diademas, vistos tres, decorados con perlas e rematados cun orbe e unha cruz. A coroa representa a soberanía da República de San Marino.
Na parte inferior figura unha cinta de prata coa lema nacional: LIBERTAS (do latín: liberdade).