iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: https://gl.wikipedia.org/wiki/Daodejing
Daodejing - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Daodejing

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Daodejing
Título orixinal道德經
Autor/aLaozi
OrixeChina
Tema(s)Filosofía chinesa e Taoísmo
Xénero(s)texto relixioso
editar datos en Wikidata ]

O Daodejing[1] ou Tao Te Ching (chinés tradicional: 道德經; chinés simplificado: 道德经; "O clásico do camiño e da virtude") é un libro clásico chinés, considerado un dos textos fundamentais do daoísmo. Segundo a tradición, foi creado polo sabio Laozi,[2] mais a súa autoría e as súas datas de composición e compilación son aínda obxecto de debate.[3] Os fragmentos máis antigos atopados datan de finais do século IV a.C.;[4] ademais, os textos de Guodian son do século III a.C., aínda que conteñen múltiples versións da obra, diferentes da actual.[5]

Trátase dunha colección de aforismos poéticos dividida en 81 capítulos, que versan sobre nocións importantes do pensamento chinés antigo, como o wu wei ("non facer") ou o dao ("camiño"). Tradicionalmente, divídese en dúas seccións: o Dao jing (capítulos do 1 ao 37) e o De jing (capítulos do 38 ao 81). O Daodejing é unha obra basilar das concepcións filosófica e relixiosa do daoísmo, estendendo a súa pegada para alén desta tradición.[4] Así, a súa terminoloxía e conceptos foron reelaborados e reinterpretados polo legalismo, o confucianismo e, especialmente, o budismo chinés.[4]

O libro tivo unha enorme influencia nas civilizacións de Asia oriental, aínda que tamén foi coñecido en occidente a través das súas numerosas traducións.[4] As súas ensinanzas foron aplicadas en eidos tan variados como a filosofía, a relixión, a arte, a medicina, as artes marciais ou as prácticas sexuais.

Nas linguas occidentais, o título adoita escribirse como Tao Te Ching, seguindo a transliteración de Wade-Giles, ou Daodejing, en pinyin. Pode traducirse como O clásico da vía e do poder, O libro do dao e a súa virtude ou O libro do camiño e da virtude, entre outros.

Os libros chineses antigos adoitan recibir tamén o nome do seu autor, neste caso Laozi, o "vello mestre".[6] Xa que logo, o Daodejing pode aparecer tamén como o Laozi, especialmente nas fontes chinesas.[4]

O título Daodejing, que describe a obra como un clásico, empezouse a utilizar durante o reinado do emperador Jing dos Han (157-141 a.C.).[7] Outros títulos empregados son O sutra da vía e o seu poder (Daode zhenjing, 道德真經) e o descritivo Clásico dos cinco mil caracteres (Wuqian wen, 五千文).

Artigo principal: Laozi.
Laozi montado nun búfalo da India
Laozi montado nun búfalo da India

O Daodejing foi atribuído pola tradición a Laozi; non obstante, a existencia histórica desta figura é obxecto de debate. O seu nome, que significa literalmente "vello mestre", contribuíu a agravar a polémica.[8]

A primeira fonte biográfica sobre Laozi é o Shiji ("Rexistros do gran historiador") de Sima Qian (c. 145-86 a.C.), no que se combinan tres historias.[9] Na primeira delas, Laozi aparece como un contemporáneo de Confucio (551-479 a.C.).[10] O seu apelido era Li (李), e o seu nome Dan (聃) ou Er (耳).[10] Era un funcionario dos arquivos imperiais, que escribiu un libro en dúas partes antes de partir cara o oeste montado nun búfalo; a petición do gardián do paso de Han-ku, chamado Yinxi, Laozi compuxo o Daodejing.[10] De acordo coa segunda historia, Laozi viviu tamén nos tempos de Confucio, mais o seu nome sería Lao Laizi (老莱子), autor dun libro en quince partes. No terceiro relato, é retratado como un gran historiador e astrólogo chamado Lao Dan (老聃), durante o reinado do duque Xian dos Qin (r. 384-362 a.C.).

A historicidade de Laozi e a datación do Daodejing son aínda hoxe obxecto de debate. As análises lingüísticas do vocabulario do texto e o seu patrón de rima suxiren que foi composto despois do Shi jing, mais antes do Zhuangzi. Varias lendas afirman que Laozi naceu xa ancián, e que viviu durante 996 anos, con varias reencarnacións. Neste sentido, moitos expertos poñen en dúbida que Laozi fose unha persoa real.[11] Cabe notar que, segundo unha reconstrución da pronuncia do chinés antigo da época do Daodejing, unhas tres cuartas partes da obra rimaban na lingua orixinal.[12]

A visión predominante na actualidade é que o texto é unha compilación ou antoloxía que representa o punto de vista de moitos autores. A versión herdada do texto tería sido compilada arredor do 250 a.C., en base a varias edicións anteriores.[4]

Versións

[editar | editar a fonte]

Versións principais

[editar | editar a fonte]
Edición do Daodejing de Wang Bi
Edición do Daodejing de Wang Bi (226-249)

Entre as múltiples edicións do Daodejing, destacan tres, nomeadas segundo os seus comentaristas. A versión de Yan Zun, da que só se conserva a segunda sección, deriva dun comentario atribuído ao erudito da dinastía Han Yan Zun (c. século I a.C.). A versión de Heshang Gong recibe o seu nome do lendario Heshang Gong, quen supostamente viviu durante o reinado do emperador Wen dos Han (180-157 a.C.). Este comentario conta cun prefacio escrito por Ge Xuan (164-244), tío avó do lingüista Ge Hong (283-343 ou 364). Estudos recentes suxiren que foi composta no século III. Por último, está a célebre versión de Wang Bi, a máis contrastada das tres. O filósofo Wang Bi (226-249) foi un importante pensador e comentarista do período dos Tres Reinos, que legou influentes comentarios do Daodejing e do Yi jing.[13]

Os textos de Mawangdui e Guodian

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Textos de Mawangdui e Textos de Guodian.

En 1973, un grupo de arqueólogos descubriu copias de varios textos da China arcaica nunha tumba datada do 168 a.C., agora coñecidos como os textos de Mawangdui.[4] Entre elas, había dúas versións completas do Daodejing, referidas como texto A (甲) e texto B (乙). Ámbalas dúas están invertidas respecto das edicións tradicionais, coa sección do De jing colocada antes da Dao jing. Tendo en conta os seus estilos de caligrafía e os tabús imperiais, pénsase que o texto A procede da primeira década do século II a.C., e o B da terceira década so mesmo século.[14]

En 1993, atopouse a versión máis antiga coñecida na vila de Guodian, en Jingmen (Hubei). Escrita en tiras de bambú, foi datada contra o ano 300 a.C. Os textos de Guodian constan dunhas oitocentas tiras de bambú, cun total de máis de 13 000 caracteres, 2 000 dos cales corresponden co Daodejing.

Tanto os textos de Mawangdui como os de Guodian son coherentes coas versións herdadas do texto, coa excepción da ordenación dos capítulos e as variantes gráficas de certos caracteres. Algunhas traducións recentes do Daodejing fan uso destas versións.

Estrutura e estilo

[editar | editar a fonte]

O Daodejing é un texto duns 5 000 caracteres, organizado en 81 capítulos ou seccións (zhang 章). A evidencia suxire que estas divisións foron posteriores, realizadas para facilitar os comentarios ou a memorización, e que o texto orixinal estaba composto dunha maneira máis fluída. A obra consta de dúas partes: o Dao jing (capítulos do 1 ao 37), e o De jing (capítulos do 38 ao 81), que se editaron xuntas para crear a versión herdada do texto. As escavacións máis antigas indican que a ordenación orixinal podería ter sido a inversa, chamada Dedaojing.

A escrita é lacónica, con poucas partículas gramaticais, o que favorece interpretacións variadas e, incluso, contraditorias. As súas ideas son peculiares, e o seu estilo, poético. A nivel retórico, combina dúas estratexias principais: enunciados declarativos breves e contradicións intencionadas. A primeira delas produce frases memorables, namentres a segunda obriga ao lector a reconciliar as supostas contradicións.[15]

Canto aos caracteres, as versións orixinais probablemente foron redactadas en escrita de selo, mais as posteriores foron realizadas en escrita clerical ou regular.

Artigo principal: Dao.
道可道,非常道。
Dao ke dao, fei chang dao

O dao que pode ser expresado non é o verdadeiro dao.
Laozi, Daodejing, 1[16]
Caligrafía do caracter dao 道
Caligrafía do caracter dao

O Daodejing describe o dao (camiño, vía) como a fonte ou orixe de todo o que existe: non pode verse, mais non é transcendente; é inmensamente poderoso, mais humilde. Lonxe do concepto de Deus das relixións deístas, trátase dun principio inimaxinable, inenarrable, eterno e absoluto, que non pode ser comprendido, xa que calquera tentativa de clasificalo crea unha dicotomía que non pode existir en algo eterno e absoluto.

Do mesmo xeito que no Zhuangzi, existe no Daodejing unha distinción entre a vía ou dao corrente e o auténtico dao, que sería o baleiro, a realidade última.[17] Como tal, segundo os primeiros versos da obra, sería unha realidade inefable ou indescritible, posto que calquera intento de comprendelo ou nomealo supón dividir a súa unidade, coa conseguinte aparición de contradicións ou paradoxos.[17] Porén, o dao é comprensible nas súas manifestacións, xa que é o produtor do ceo e a terra, e das "dez mil cousas do mundo" (é dicir, da natureza visible, da realidade material).[17] Xa que logo, é posible evocalo a través da súa actividade creadora.[17] Esta dualidade está na base do misterio ou carácter contraditorio do concepto de dao, que é a un tempo dicible e indicible, nomeable e sen nome, único (en si mesmo) e múltiple (nas súas manifestacións).[17]

Por outra banda, as persoas teñen desexos e libre albedrío, polo que poden alterar a súa propia natureza. Porén, moita xente actúa de xeito contrario á orde natural, afectando ao equilibrio do dao. O obxectivo do Daodejing é dirixir aos lectores para regresar ao seu estado natural, en harmonía co dao.[18] A linguaxe e mais a sabedoría convencionais son xulgados criticamente, xa que son inherentemente artificiais e cheas de prexuízos; o emprego de paradoxos serve para acentuar esta idea.[19]

Wu wei 無為

[editar | editar a fonte]
Artigos principais: Wu wei e Ziran.

A noción de wu wei 無為 (lit. "non acción, non facer") é central na filosofía do Daodejing. Trátase dun concepto con múltiples significados, polo que adoita traducirse de moi diversas formas segundo a sección do texto. Pode entenderse como non facer nada, non forzar as cousas, actuar de xeito espontáneo, fluíndo co momento.[20]

Este termo está asociado co de ziran 自然 (natural, espontáneo), que expresa a harmonía do dao. Ziran reflicte a crenza daoísta de que as distincións de valor son ideolóxicas e que delas nace toda ambición. No Daodejing, ziran implica simplicidade e humildade, que son entendidas como virtudes esenciais, en contraste coas accións egoístas. A nivel político, isto supón evitar situacións como a guerra, as leis punitivas ou os impostos excesivos. Algúns daoístas estableceron unha conexión directa entre o wu wei e prácticas esotéricas como o zuowang ("sentar no esquecemento"; é dicir, baleirar a mente da consciencia do corpo e de todo pensamento), que tamén se atopa no Zhuangzi.[19]

Cosmogonía

[editar | editar a fonte]

As ideas cosmogónicas e metafísicas do Daodejing, de acordo con algunhas ramificacións do daoísmo, poden ser definidos da seguinte forma:

  • Todo nace do baleiro indiferenciado, inmensurábel, insondábel, que nunca pode ser exhausto: "o dao sen nome", que se move en torno de si mesmo sen parar. Deste "dao sen nome" (que non existe) nace o que existe (e ten nome): o camiño (dao). Non vemos o dao como Un por causa dos nomes con que designamos o que vemos cos nosos sentidos - as "dez mil cousas" (O carácter chinés que significa "dez mil", wan , sase, como tamén no grego, para significar unha miríade, ou sexa, un número grande e indefinido). É co aparecemento dos nomes cando aparecen todas as cousas e o Un transfórmase en moitos.
  • A virtude (de) é a manifestación do dao a través da súa misteriosa operación: o chamado "actuar sen actuar" (a acción involuntaria que caracteriza a natureza das cousas), "o modo de camiñar".
  • A partir destas ideas cosmogónicas e metafísicas. Laozi deduce un sistema de moral e regras de conduta que ten por obxectivo conformar as accións humanas coa orde natural do Universo. O ser humano naceu do dao, pero despois comezou a desviarse dos seus atributos, ou sexa, perdeu a virtude, o saber como camiñar. O camiño do dao é o camiño de volta ao estado de graza en harmonía co dao.
  • Dao é normalmente traducido como "camiño" ou "vía". Porén, este camiño non se distingue do camiñante ou do camiñar. Non hai un creador. O universo (o ceo e a terra) apareceu (e aparece continuamente) a partir do dao primordial. O que existe aparece do que non existía antes e é eterno. O universo é como un organismo vivo resultante da expansión vitalizada do dao (a orde natural). O dao maniféstase continuamente no fluxo e refluxo constante de todas as cousas que existen e que se crearon pola súa actividade.
  • O dao non ten personalidade. O que vitaliza o universo son dous principios ou substancias que, combinados, son o dao: o yang (luz, calor, creativo, masculino), que existe especialmente concentrado no ceo, e o yin (sombra, frío, receptivo, feminino), que existe especialmente concentrado na terra.
  • Varios filósofos daoístas chineses entenden os versos que expoñen as ideas cosmogónicas sobre o inicio do universo como sendo, de feito ou tamén, a descrición do modo como a consciencia da realidade externa emerxe na nosa mente.

Cando vemos unha cor ou ouvimos un son, hai un momento breve inicial en que o noso cerebro aínda non fixo un xuízo sobre a nosa percepción; non sabemos aínda que son ou cor é, nin sequera temos aínda unha consciencia clara que estamos a ouvir ou ver algunha cousa. Estamos no dominio "do sen nome", do baleiro indiferenciado que nunca pode ser exhausto ou descrito. Despois, cando emerxe a consciencia e o pensamento, que ten por base a linguaxe, pasamos ao dominio "do que ten nome" e vemos entón todas cousas diferenciadas, cada unha co seu nome. Co aparecemento dos nomes, aparecen todas as cousas e o Un transfórmase en moitos.

En termos mentais, o camiño do dao é o camiño de volta a ese breve "estado de graza" inicial. Un estado en que calquera traballo mental interior elimínase e en que regresamos á nosa espontaneidade natural. As prácticas do budismo chan ou zen, que tiveron a súa orixe nas ideas daoístas, teñen como obxectivo exactamente atinxir ese estado mental primordial de fusión paradoxal co Un.

Traducións

[editar | editar a fonte]

En galego

[editar | editar a fonte]

En castelán

[editar | editar a fonte]

En portugués

[editar | editar a fonte]
  • Dao de jing: O livro do Tao (2017). Tradución directa de Chiu Yi Chih. ISBN 978-8568871058
  1. Díaz Pardo, Freixanes & Mascato 2006, p. 1194.
  2. Ellwood 2008, p. 262.
  3. Eliade 1984, p. 26.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 Chan 2013.
  5. Littlejohn 2024.
  6. Chalmers 1868, p. ix.
  7. Seidel 1969, p. 24, 50.
  8. Cao 2017.
  9. Chan 1963, p. 35-37.
  10. 10,0 10,1 10,2 Cheng 1997, p. 188-189.
  11. Lau 1963, p. 162.
  12. Minford 2018, p. ix-x.
  13. Cheng 1997, p. 328.
  14. Loewe 1993, p. 269.
  15. Austin 2010, p. 158.
  16. Lao Tse 2006, p. 29.
  17. 17,0 17,1 17,2 17,3 17,4 Cheng 1997, p. 203-205.
  18. Ivanhoe & Van Norden 2005, p. 162.
  19. 19,0 19,1 Chan 2000, p. 22.
  20. Huan & Watts 1975, p. 78-86.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]