Carta celeste
Unha carta celeste ou mapa celeste é un mapa do ceo. Os astrónomos adoitan dividilas en grades para usalas máis facilmente. Empréganse para identificar e localizar obxectos astronómicos como estrelas, constelacións e galaxias, e foron usadas para a navegación humana dende tempos antigos. Unha carta celeste diferénciase dun catálogo astronómico, que é unha listaxe de obxectos astronómicos para un propósito particular.
Prehistoria
[editar | editar a fonte]A carta celeste máis antiga coñecida é unha presa esculpida en marfil de mamut descuberta en Alemaña en 1979. Este artefacto ten 32 500 anos de idade e ten unha escultura que se asemella á constelación de Orión.[1] Un debuxo na parede das cavernas de Lascaux, en Francia, ten unha representación gráfica do aglomerado aberto das Pléiades. Está datada hai entre 33 000 e 10 000 anos. O investigador Michael A. Rappenglueck suxeriu que un panel nas mesmas cavernas que representa un bisonte de carga, un home con cabeza dun paxaro e a cabeza dun paxaro sobre un pedazo de madeira, en conxunto, poden representar o triángulo de verán, que na época era unha formación circumpolar.[2] Outro panel dunha carta celeste, creado máis de 21 000 anos atrás, foi atopado na gruta de La Tête du Lion. Os bovinos nese panel poden representar a constelación do Touro, cun detalle que representa as Pléiades localizado xusto por riba do debuxo.[3]
Antigüidade
[editar | editar a fonte]O rexistro astronómico chinés máis antigo é anterior ao Período dos Reinos Combatentes (476-221 a.C.). A máis antiga representación chinesa dunha carta celeste é unha caixa de laca de 430 a.C., aínda que esta representación non amosa estrelas individuais.
O Atlas Farnese é unha copia do século II dunha estatua da era helenística que representa o Titán Atlas suxeitando a esfera celeste sobre o seu ombreiro. É a máis antiga representación sobrevivente das constelacións da Grecia antiga e ten reixas circulares que fornecen posicións das coordenadas. Por causa da precesión dos equinoccios, as posicións das constelacións mudan lentamente ao longo do tempo. Ao comparar as posicións das 41 constelacións contra as reixas circulares, pode facerse unha determinación precisa da época en que se realizaron as observacións orixinais. Con base nesta información, as constelacións inscritas no Atlas son de aproximadamente 125 ± 55 a.C.. Esa evidencia indica que se empregou o catálogo de estrelas do astrónomo grego Hiparco.[4]
Un exemplo da era romana dunha carta celeste é o zodíaco de Dendera, datada de 50 a.C. É unha escultura en baixorrelevo dun teito no templo de Dendera. É un planisferio que representa o zodíaco en representacións gráficas. No entanto, as estrelas individuais non aparecen representadas.[5]
Idade media
[editar | editar a fonte]O mapa celestial manuscrito máis antigo foi descuberto nas grutas de Mogao ao longo da ruta da seda e coñécese como a carta celeste de Dunhuang. É un pergameo de 210 cm de lonxitude e 24,4 cm de largura, que mostra o ceo entre as declinacións 40° S e 40° N, en doce paneis, alén dun panel que mostra o décimo terceiro ceo do norte circumpolar. Están debuxadas 1345 estrelas en total, agrupados en 257 asterismos. A data desa carta é incerta, mais estímase entre 705 e 710.[6][7][8]
Durante a dinastía Song, o astrónomo chinés Su Song escribiu un libro titulado Yixiang Xin Yao Fa ("Novo debuxo para o reloxo armilar"), que contén cinco mapas cun total de 1464 estrelas. Foi elaborado en 1092. En 1193, o astrónomo Huang Shang confeccionou un planisferio, xuntamente cun texto explicativo. Foi gravado en pedra en 1247 e esta carta aínda existe no templo Miao Wen de Suzhou.[7]
Na astronomía islámica, a primeira carta celeste debuxada foron as ilustracións producidas polo astrónomo persa Abd al-Rahman al-Sufi no seu traballo de 964 titulado Libro das Estrelas Fixas. Este libro era unha actualización das partes VII.5 e VIII.1 do catálogo de estrelas Almaxesto, do segundo século, realizado por Ptolomeo. O traballo de al-Sufi contiña ilustracións das constelacións e das estrelas máis brillantes, representadas como puntos. O libro orixinal non sobreviviu, mais consérvase unha copia de 1009 na Universidade de Oxford.[6][7]
A carta celeste europea máis antiga é un manuscrito en pergameo titulado De Composicione Spere Solide, confeccionado en Viena en 1440. Consistía nun mapa de dúas partes, que describían as constelacións do hemisferio norte celeste e a eclíptica. Puido servir como un prototipo para a carta celeste europea impresa máis antiga, un conxunto de retratos de 1515 en xilografía producido por Albrecht Dürer en Nürnberg.[9]
Idade moderna
[editar | editar a fonte]Durante a era dos descubrimentos, as expedicións ao hemisferio sur provocaron que se fosen engadindo novas constelacións. Estas probabelmente viñeron a partir dos rexistros de dous mariñeiros neerlandeses, Pieter Dirkszoon Keyser e Frederick de Houtman, que en 1595 viaxaron xuntos ás Indias Orientais Neerlandesas. As súas compilacións resultaron no globo de Jodocus Hondius, de 1601, que engadiu doce novas constelacións no sur. Producíronse varios outros mapas, incluíndo a Uranometria de Johann Bayer, en 1603.[10] Este foi o primeiro atlas que cartografou ambos os hemisferios celestes e introduciu a designación de Bayer para identificar as estrelas máis brillantes mediante o alfabeto grego. A Uranometria contiña 48 mapas das constelacións de Ptolomeo, unha placa das constelacións do sur e dúas placas mostrando todo os hemisferios norte e sur en proxección estereográfica polar.[11]
O polaco Johannes Hevelius rematou a súa carta celeste Firmamentum Sobiescianum en 1690. Contiña 56 mapas estelares, cada un en dúas páxinas, e mellorou a precisión das posicións das estrelas do sur. Introduciu máis de once constelacións, entre outras Scutum, Lacerta e Canes Venatici.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Whitehouse, David (21 de xaneiro de 2003). "'Oldest star chart' found". BBC. Consultado o 29 de setembro de 2009.
- ↑ Lucentini, Jack. "Dr. Michael A. Rappenglueck sees maps of the night sky, and images of shamanistic ritual teeming with cosmological meaning". space.com. Arquivado dende o orixinal o 15 de agosto de 2000. Consultado o 29 de setembro de 2009.
- ↑ Sparavigna, Amelia (outubro de 2008). "The Pleiades: the celestial herd of ancient timekeepers". arXiv.
- ↑ Schaefer, Bradley E. (maio de 2005). "The epoch of the constellations on the Farnese Atlas and their origin in Hipparchus's lost catalogue". Journal for the History of Astronomy (123 ed.) 36/2: 167–196. Bibcode:2005JHA....36..167S.
- ↑ Evans, James (agosto de 1999). "The Material Culture of Greek Astronomy". Journal for the History of Astronomy: 237–307. Bibcode:1999JHA....30..237E. Véxanse páxinas 289-290.
- ↑ 6,0 6,1 Whitfield, Susan; Sims-Williams, Ursula (2004). The Silk Road: trade, travel, war and faith. Serindia Publications, Inc. pp. 81–86. ISBN 193247613X.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Bonnet-Bidaud, Jean-Marc; Praderie, Françoise; Whitfield, Susan (marzo de 2009). "The Dunhuang Chinese sky: A comprehensive study of the oldest known star atlas". Journal of Astronomical History and Heritage (1 ed.) 12: 39–59. Bibcode:2009JAHH...12...39B.
- ↑ Bonnet-Bidaud, Jean-Marc (27 de xuño de 2009). "The Oldest Extand Star Chart". Institut de recherche sur les lois fondamentales de l'Univers. Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 30 de setembro de 2009.
- ↑ Harley, John Brian; Woodward, David (1987). The History of cartography 2 (2nd ed.). Oxford University Press US. pp. 60–61. ISBN 0226316351.
- ↑ Hearnshaw, J. B. (1996). The measurement of starlight: two centuries of astronomical photometry. Cambridge University Press. pp. 9–10. ISBN 0521403936.
- ↑ Swerdlow, N. M. (agosto de 1986). "A Star Catalogue Used by Johannes Bayer". Journal of the History of Astronomy (50 ed.) 17: 189–197. Bibcode:1986JHA....17..189S.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carta celeste |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Tutorial de cartas celestes Arquivado 01 de outubro de 2017 en Wayback Machine.
- Primeira carta estelar manuscrita de DunhuangArquivado 10 de xuño de 2020 en Wayback Machine.