iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: https://gl.wikipedia.org/wiki/Avalonia
Avalonia - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Avalonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os terreos de Avalonia cos límites modernos para mellor orientarse: 1 Laurentia; 2 Báltica; 3 Prototetis; 4 Avalonia occidental; 5 Avalonia oriental.
US: Estados Unidos; CT: Connecticut; MA: Massachusetts; NH: Nova Hampshire; ME: Maine; RI: Rhode-Island
CA: Canadá; NB: Nova Brunswick; NFL: Terra Nova; NS: Nova Escocia; PE: Illa do Príncipe Eduardo
Europa: IE: Irlanda; UK: Reino Unido; FR: Francia; BE: Bélxica; NL: Países Baixos; DE: Alemaña; PL: Polonia.

Avalonia foi un microcontinente que existiu no Paleozoico. Os fragmentos de codia deste antigo microcontinente subxacen baixo o suroeste de Gran Bretaña, e a costa leste de Norteamérica. Del proceden moitas formacións rochosas de Europa occidental, ao Canadá atlántico, e de partes da costa atlántica dos Estados Unidos. Avalonia recibe ese nome pola península de Avalon na illa de Terra Nova.

Avalonia desenvolveuse como un arco volcánico na marxe norte de Gondwana. Finalmente, formouse un rift que a separou de Gondwana, converténdose nun microcontinente á deriva. Detrás del formouse o océano Reico, e diante estaba o océano de Xápeto, que se estaba reducindo. Chocou cos continentes de Báltica, despois con Laurentia e finalmente con Gondwana, acabando no interior de Panxea. Cando se fragmentou a Panxea, os restos do que fora Avalonia quedaron separados polo rift que orixinaría o océano Atlántico.

Desenvolvemento

[editar | editar a fonte]
Diagrama esquemático da evolución paleoxeográfica de Avalonia, Báltica e Laurentia. (Nomes en alemán.)
Localización das cadeas montañosas caledonianas/acadianas no Devoniano temperán. Móstranse como referencia as liñas de costa actuais. As liñas vermellas son suturas, os nomes en maiúscula son os diferentes continentes/superterreos que se uniron durante a oroxenia caledoniana.
O Continente do arenito Vermello antigo no Devoniano.

Crese que Avalonia iniciou o seu desenvolvemento como arcos volcánicos preto dunha zona de subdución na marxe de Gondwana.[1] Ademais, parte do material que se acrecionou pode procedese de arcos insulares volcánicos que se formaron a maior distancia no océano e que colisionaron posteriormente con Gondwana como resultado dos movementos da tectónica de placas. A actividade ígnea empezou hai 730 millóns de anos e continuou ata hai uns 570 millóns de anos, no Neoproterozoico tardío.[2]

No Cámbrico temperán, o supercontinente Pannotia fragmentouse e Avalonia derivou cara ao norte desde Gondwana. Este movemento independente de Avalonia espezou desde a latitude duns 60° S. O extremo oriental de Avalonia chocou con Báltica, unha placa continental que ocupaba as latitudes comprendidas entre 30° S e 55° S, a medida que Báltica rotaba paseniñamente en dirección contraria dos punteiros do reloxio cara a ela. Isto aconteceu ao final do Ordovícico e durante o Silúrico temperán.

Ao final do Silúrico e Devoniano inferior, a combinación de Báltica e Avalonia chocou progresivamente con Laurentia, empezando co extremo longo de Avalonia, que está agora unido a Norteamérica. O resultado disto foi a formación de Euramérica. Ao remate desta etapa, Gran Bretaña estaba a 30° S e Nova Escocia a uns 45° S. Este choque está representado polos dobramentos caledonianaos ou en Norteamérica como unha fase inicial da oroxenia acadiana.

No Permiano, o novo continente e outro terreo chamado Armórica, que incluía Iberia, separouse de Gondwana, deixando Avalonia atrapada entre esta e o continente, engadindo así Iberia/Armorica a Euramérica. Isto foi seguido da chegada de Gondwana. Os efectos destas colisións poden verse en Europa nos dobramentos variscos. En Norteamérica mostra as fases finais da oroxenia acadiana. Isto ocorría na zona ecuatorial durante o Carbonífero tardío, formando a Panxea, en cuxo centro aproximadamente estaba Avalonia pero parcialmente mergullada nun mar pouco profundo.

No Xurásico, a Panxea fragmentouse orixinando Laurasia e Gondwana, e Avalonia quedou formando parte de Laurasia. No Cretáceo, Laurasia fragmentouse nos continentes de Norteamérica e Eurasia e as terras de Avalonia quedaron repartidas entre ambos.

Iberia rotou despois separándose a medida que a parte africana de Gondwana pasaba deslizándose. Isto casou os últimos movementos da oroxenia alpina, incluíndo o erguemento dos Pireneos durante o Mioceno e Plioceno. Como resultado disto, partes de Avalonia están agora a ambos os lados do estreito de Xibraltar.

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

A parte correspondente a Avalonia de Gran Bretaña coincide case exactamente con Inglaterra e Gales. No resto de Europa, encóntranse partes de Avalonia nas Ardenas de Bélxica e o noroeste de Francia, norte de Alemaña, noroeste de Polonia, sueste de Irlanda, e o suroeste da Península Ibérica.

Parte da sección británico-belga formaba unha illa no Carbonífero, afectando á disposición dos xacementos de carbón; coñécese polo nome de 'illa de Londres-Brabante'. A súa masa tivo un efecto na estrutura xeolóxica entre as Ardenas e os Midlands ingleses influenciando ao dobramento da codia que se produciu despois consecuencia do choque varisco.

No Canadá, Avalonia comprende a península de Avalon do sueste de Terra Nova, sur de Nova Brunswick, parte de Nova Escocia, e illa do Príncipe Eduardo. Nos Estados Unidos, Avalonia comprende a zona costeira norte de Maine, todo Rhode Island e outras seccións da costa de Nova Inglaterra.

  1. Murphy, J. B.; Pisarevsky, S. A.; Nance, R. D.; Keppie, J. D. (2001). Jessell, M. J., ed. "Animated history of Avalonia in Neoproterozoic - Early Proterozoic" (PDF). General Contributions. Journal of the Virtual Explorer 3: 45–58. Consultado o novembro de 2015. 
  2. Strachan, R. A. (2000). "Late Neoproterozoic to Cambrian accretionary history of Eastern Avalonia and Armorica on the active margin of Gondwana". En Woodcock, N. H.; Strachan, R. A. Geological History of Britain and Ireland. Blackwell. pp. 127–139. Consultado o novembro de 2015. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]