iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: https://gl.wikipedia.org/wiki/Aspasia
Aspasia - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Aspasia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaAspasia

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Ἀσπασία Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento470 a. C. Editar o valor en Wikidata
Mileto, Turquía Editar o valor en Wikidata
Morte400 a. C. Editar o valor en Wikidata (69/70 anos)
Atenas, Grecia Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónretórica, oradora, filósofa, escritora Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxePericles (445 a. C.–), morte do cónxuxe
Lysicles Editar o valor en Wikidata
FillosPéricles
 () Pericles Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Grande Enciclopedia Soviética (1926—1947) Editar o valor en Wikidata
BNE: XX982891

Aspasia de Mileto (en grego; Ἀσπασία), nada cara ao 470 a.C.[1][2] e finada cara ao 400 a.C.,[1][3], mestra de retórica e logógrafa, tivo grande influencia na vida cultural e política na Atenas do Século de Pericles. Filla de Axíoco, foi unha muller famosa tamén porque estivo unida ao político ateniense Pericles[4] desde aproximadamente os 450 - 445 a.C. até a morte deste no 429 a.C.

Sábese pouco da súa vida. Pasou a maior parte da súa vida adulta en Atenas e puido ter influído tanto a Pericles como a outros políticos atenienses. É mencionada nos escritos de Platón, Aristófanes, Xenofonte e outros autores da época. Plutarco refírese a ela na súa biografía de Pericles.

Os escritores antigos tamén recollen nos seus escritos que Aspasia podería dirixir un bordel e chámana hetera (unha cortesá da Grecia antiga), aínda que estes relatos foron postos en dúbida polos estudosos modernos, baseándose en que moitos dos autores eran escritores satíricos cuxa principal finalidade era difamar a Pericles.[5] Algúns investigadores cuestionan a idea de que fose unha hetera, e suxeriron que podería estar casada con Pericles.[6] Aspasia tiña un fillo de Pericles, Pericles o Novo, que máis tarde se convertería en xeneral na academia militar ateniense e que foi executado tras a batalla de Arginusas.

Crese que Aspasia, á morte de Pericles, foi amante de Lisicles, outro político ateniense.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]
Aspasia de Mileto (470 a. C.400) a.C, oradora e logógrafa grega.

Aspasia naceu na colonia grega de Mileto, trasladouse a Atenas, onde se converteu nunha hetera e amante de Pericles, co que tivo un fillo. Na súa casa xuntábanse os filósofos e escritores máis célebres da época, entre eles Sócrates. Logo da morte de Pericles en 429 a.C., Aspasia casou con Lisides, con quen tivo outro fillo.

Orixe e primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Descoñécense tanto a data do seu nacemento como a da súa morte, aínda que parece verosímil que nacese cara a 475 a. C. se aceptamos como certo que tivo un fillo con Lisicles, o seu segundo marido, chamado Poristes en 428 - 427 a. C. Por outra parte, de terse en conta que as fontes que informan deste segundo matrimonio corresponden a poetas cómicos, talvez se trate dunha broma, xa que este nome significa «provedor de recursos». De non ser así, o seu nacemento podería ser anterior a esa data e, polo tanto, a diferenza de idade con Pericles sería menor.

Aspasia naceu na cidade xonia de Mileto (actual Aydın, Turquía). Sábese moi pouco da súa familia, agás que o nome do seu pai era Axíoco. É evidente que pertenceu a unha familia adiñeirada, pola excelente educación que recibiu. Algunhas fontes antigas afirman que o seu pai era un prisioneiro de guerra de Caria que acabou convertido en escravo, se ben estes feitos normalmente son tomados como falsos.[7][8]

Decoñécese a razón que a levou a Atenas. O descubrimento dunha tumba do século IV a. C. cunha inscrición que menciona o nome de Axíoco e de Aspasia levou o historiador Peter K. Bicknell a intentar realizar unha reconstrución do trasfondo familiar de Aspasia e das súas conexións con Atenas. A súa teoría conéctaa con Alcibíades II do demo (pobo) de Escambónidas, que foi condenado ao ostracismo pola Asemblea de Atenas no ano 460 a. C. e que podería ter permanecido en Mileto durante o seu exilio.[1] Bicknell conxectura que, durante o seu exilio, Alcibíades foi a Mileto, onde contraeu matrimonio coa filla dun tal Axíoco, e que aquel puido volver a Atenas coa súa nova esposa e a súa irmá máis nova, Aspasia. Como apoio á súa teoría, Bicknell comenta que o primeiro fillo deste matrimonio recibiu o nome de Axíoco (tío do famoso Alcibíades) e o segundo o nome de Aspasios. Tamén mantén que Pericles coñeceu a Aspasia a través da súa conexión coa casa de Alcibíades.[9]

En calquera caso, só se teñen noticias fidedignas da vida de Aspasia no período comprendido entre a súa unión con Pericles e a morte de Lisicles no 427 a.C., do que se deduce que a súa vida pública mantivo o seu interese só nos anos que durou a súa convivencia con estes dous homes poderosos, e que despois xa non conviviu con ningún outro home ilustre. Se pouco sabemos da súa vida anterior ao seu encontro e posterior unión con Pericles, menos sabemos aínda do que foi dela tras a morte do seu segundo marido.

Vida en Atenas

[editar | editar a fonte]
Jean-Léon Gérôme (1824–1904): Sócrates buscando a Alcibíades na casa de Aspasia, 1861.

Hai hipóteses verosímiles que datan a chegada de Aspasia a Atenas ao redor de 450 a. C., data na que puido coñecer a Pericles. De acordo coas afirmacións (hoxe discutidas) dos escritores antigos, en Atenas, Aspasia converteuse nunha hetera e posibelmente chegou a dirixir un bordel.[10][11] As heteras de Atenas eran cortesás e mulleres de compañía de clase alta que, ademais de ofrecer beleza exterior, diferenciábanse do resto de mulleres atenienses polo feito de que recibían unha boa educación (a miúdo tan alta como no caso de Aspasia). Ademais, tiñan independencia económica e pagaban impostos.[12][13] Eran posibelmente o máis próximo a mulleres liberadas que había na sociedade ateniense e Aspasia, que se converteu nunha importante figura na súa sociedade, era probabelmente o exemplo máis obvio.[12][14] Segundo Plutarco, Aspasia era comparábel á famosa Thargelia, outra hetera xónica da idade antiga.[15] Sendo unha estranxeira e, se o que afirman os escritores antigos é certo, unha hetera, Aspasia estaba libre das restricións legais que tradicionalmente confinaban as mulleres casadas ao ámbito do fogar, e estaba por tanto capacitada para participar na vida pública da cidade (Véxase tamén As mulleres na Grecia antiga).

Aspasia converteuse na amante do político Pericles a comezos da década de 440 a. C., aínda que se o seu estado chegou a marital discútese.[16] En calquera caso, cara ao ano 445 a. C. a súa unión co estratego ateniense xa debía ser sólida, tendo en conta que da súa relación naceu un fillo, así como o feito de que a milesia fose acusada de instigar o apoio de Atenas a Mileto no seu conflito con Samos en 440-439 a. C. a través da súa relación con Pericles. Isto último fai pensar que os inimigos de Pericles presupuñan unha forte influencia de Aspasia en asuntos de estado.

Aspasia a milesia encaixou perfectamente no círculo de amizades de Pericles (algúns sofistas, entre eles Anaxágoras). Tanto é así que «o mesmo Sócrates con suxeitos ben coñecidos frecuentou a súa casa, e varios dos que a trataron levaban mulleres a que a oísen».[17]

Despois de se divorciar da súa primeira esposa (ao redor do ano 445 a. C.), Pericles comezou a vivir con Aspasia, aínda que o seu status marital está en discusión.[18] O seu fillo, Pericles o novo, debeu nacer ao redor do ano 440 a. C. Aspasia, nesa época, debía ser moi nova, debido a que aproximadamente no ano 428 a. C. foi capaz de concibir outro fillo de Lisicles.[19]

Ataques persoais e xudiciais

[editar | editar a fonte]

Pericles, Aspasia e os seus amigos non eran inmunes aos ataques, posto que a preeminencia na democracia ateniense non era equivalente á dun goberno absoluto.[20] A súa relación con Pericles e a súa consecuente influencia política provocou moitas reaccións. Donald Kagan, historiador da Universidade de Yale, cre que Aspasia foi particularmente impopular nos anos posteriores á Guerra de Samos.[21]

No ano 440 a. C., Samos estaba en guerra con Mileto pola cidade de Priene, unha antiga cidade de Xonia situada na aba do monte Mícala. Atopándose en desvantaxe, os milesios acudiron a Atenas e presentaron o seu caso á asemblea.[22] Cando os atenienses ordenaron ás partes en disputa que finalizasen as hostilidades e que sometesen o caso á arbitraxe de Atenas, Samos negouse. En resposta, Pericles fixo promulgar un decreto polo cal se enviaba unha expedición a Samos.[23]

A campaña resultou moi dura, e os atenienses sufriron duras perdas antes de que Samos fose finalmente derrotada. Segundo Plutarco, críase que Aspasia, que procedía de Mileto, fora responsábel da Guerra de Samos, e que Pericles tomara a decisión de atacar, influenciado ou aconsellado por ela.[15]

«Mais ata aquí o mal non foi serio, e nós fomos as únicas vítimas. Mais agora uns mozos bébedos van a Mégara e levan á cortesá Simaetha; os megarenses, pola súa banda, corren á súa vez a levar a dúas prostitutas da casa de Aspasia; así que por estas tres putas Grecia estala en chamas. Entón Pericles, vermello de ira desde a súa altura Olímpica, deixa caer o seu raio, fai soar os tronos, ofende a Grecia e lanza un edicto, que soa como unha canción: Que os megarenses sexan desterrados tanto da nosa terra como dos nosos mercados, e desde o mar ata o continente».
De Aristófanes - Obra cómica, Os acarnienses, (523–533)

Antes do estalido da Guerra do Peloponeso (431 a. C. - 404 a. C.), Pericles, algúns dos seus socios máis próximos e Aspasia víronse enfrontados a unha serie de ataques persoais e xudiciais incoados polos seus inimigos políticos. Aspasia, en particular, foi acusada de corromper as mulleres de Atenas para satisfacer as perversións de Pericles.[24] Segundo Plutarco, foi levada a xuízo acusada de impiedade, co poeta cómico Hermipo como acusador.[25][26]

Todas estas acusacións, probabelmente, non foron máis nada que demandas sen fundamento, mais a experiencia en si foi moi amarga para o líder ateniense. Aínda que Aspasia foi declarada inocente grazas a un raro estalido emocional de Pericles,[27] o seu amigo Fidias foi condenado e morreu en prisión. Outro amigo seu, Anaxágoras, foi acusado pola Ekklesía (a Asemblea ateniense) polas súas crenzas relixiosas.[28]

Segundo Kagan, é posíbel que o xuízo de Aspasia fosen invencións posteriores «nas cales as difamacións, sospeitas e bromas fosen convertidas nun litixio imaxinario».[21] Anthony J. Podlecki, profesor da Universidade da Columbia Británica, argumenta que Plutarco ou a súa fonte puideron malinterpretar unha escena dalgunha comedia.[29] Kagan argumenta que mesmo se cremos estas historias, Aspasia saíu indemne xa fose con ou sen a axuda de Pericles.[30]

Aristófanes, na súa obra Os acarnienses, acusa a Aspasia de ser a causante da Guerra do Peloponeso. Para iso argumenta que o Decreto de Megara de Pericles, que excluía a cidade de Megara de todo comercio con Atenas ou os seus aliados, foi unha vinganza polo rapto de prostitutas da casa de Aspasia.[10] Aristófanes retrata a Aspasia como responsábel, por motivos persoais, do estalido da guerra con Esparta, no que puidese ser un reflexo do recente episodio entre Mileto e Samos.[31] Plutarco tamén nos informa dos comentarios doutros poetas cómicos como Eupolis ou Cratino.[15] Segundo Podlecki, o tirano de Samos, Duris, puido impulsar esa imaxe de Aspasia como instigadora tanto da Guerra de Samos como da do Peloponeso.[32]

Aspasia foi alcumada a «Nova Ónfale», « Deianira»,[33] «Hera»,[34] e «Helena».[35][36] Ateneo recolleu máis ataques á relación entre Pericles e Aspasia e mesmo o propio fillo de Pericles, Jantipo, non tivo escrúpulos en atacar o seu pai con asuntos persoais para tratar con iso de favorecer a súa propia carreira política.[28]

Últimos anos e morte

[editar | editar a fonte]
Busto de Pericles, Museo Altes, Berlín.

No ano 429 a. C., durante a Praga de Atenas, Pericles foi testemuña da morte na epidemia dos seus dous fillos lexítimos nados da súa primeira esposa, Jantipo e Paralos, no prazo de catro días. Coa súa moral baixo mínimos, rompeu a chorar, e nin sequera a súa compañeira, Aspasia, puido consolalo.

Xusto antes da súa morte os atenienses permitiron un cambio na lei de 451 a.C. que convertía o seu fillo con Aspasia (de sangue ateniense só por parte do pai), en cidadán e herdeiro lexítimo,[37] unha decisión sorprendente tendo en conta que foi o propio Pericles o que propuxo nun principio a lei que limitaba a cidadanía a aqueles que nacesen tanto de pai como de nai ateniense.[38]

Plutarco cita a Esquines socrático, que escribiu un diálogo hoxe perdido sobre Aspasia, para afirmar que tras a morte de Pericles, Aspasia viviu con Lisicles, un xeneral e líder democrático ateniense, con quen tivo outro fillo. Tamén afirma que ela foi quen conseguiu converter a Lisicles no primeiro home de Atenas.[15] Lisicles morreu en combate en 428 a. C.[39][40] A data que a maioría dos historiadores calculan como ano da súa morte (aproximadamente entre 401 e 400 a. C.) calcúlase partindo da base de que Aspasia morreu antes da execución de Sócrates en 399 a.C., cronoloxía que queda implícita na estrutura da obra Aspasia de Esquines.[1][3]

Formación e capacidades retóricas

[editar | editar a fonte]

Ao parecer, nos círculos sociais da antiga Atenas, Aspasia facíase notar pola súa capacidade en retórica e pola súa brillante conversación, e non tanto como mero obxecto de beleza física.[11] Segundo Plutarco, a súa casa converteuse nun centro intelectual de Atenas, e atraeu os máis prominentes escritores e pensadores, entre os que se incluía o filósofo Sócrates. O biógrafo escribe que, a pesar da súa vida inmoral, os homes atenienses achegábanse acompañados das súas mulleres para que a oísen conversar.[15][41]

Hai diversas controversias no referente á formación de Aspasia como experta en retórica. Algúns pensan que adquiriu estes coñecementos en Mileto, dado que nas cidades xonias os nenos e as nenas convivían na escola pública e compartían a aprendizaxe en situación de igualdade. Tamén era normal entre as xónicas asistir aos círculos culturais e participar en asuntos políticos, o que entre os atenienses era totalmente impensábel, xa que o rol social das esposas estaba restrinxido ao ámbito doméstico. Outros, pola contra, opinan que a súa formación puido ter lugar en Atenas. Esta cidade era naqueles momentos un foco de atracción de sofistas e retóricos e ben puido a milesia adquirir estes coñecementos de mestres como Antifonte de Ramnunte.

Onde queira que adquirise esta formación, o que é innegábel é a súa condición de experta en retórica; tanto como logógrafa como no concernente á súa faceta pedagóxica. Pola súa extrema pericia nesta arte, pola súa capacidade para rodearse dos máis ilustres e recoñecidos intelectuais da súa época e por contribuír de forma activa ao florecemento da vida cultural en Atenas, conseguiu a admiración e o respecto de filósofos, artistas e ilustres demócratas. Mais tamén pola súa condición de estranxeira, pola súa suposta influencia sobre Pericles e por levar unha vida de muller libre e independente, impropia dunha esposa ateniense, foi atacada, ridiculizada e vilipendiada polos conservadores e polos cómicos, entre os que cabería destacar a Aristófanes na súa obra Os acarnienses e o poeta Hermipo que foi acusador no proceso seguido contra Aspasia por impiedade e nun segundo proceso no que tamén foi acusaba de proporcionarlle a Pericles mulleres libres na súa casa. Cóntase que Pericles suplicou derramando bágoas ante o tribunal para pedir a absolución de Aspasia.

Referencias a Aspasia na literatura

[editar | editar a fonte]

Obras da Antigüidade

[editar | editar a fonte]

Aspasia aparece nas obras filosóficas de Platón, Xenofonte, Esquines socrático e Antístenes. Algúns estudosos argumentan que Platón se viu impresionado pola súa intelixencia e que baseou nela o personaxe Diotima da súa obra O Simposio, aínda que pola contra outros afirman que Diotima podería ser un personaxe histórico distinto que existiría na realidade.[42][43] Segundo Charles Kahn, profesor de Filosofía na Universidade de Pensilvania, Diotima é en moitos aspectos a resposta de Platón á Aspasia de Esquines.[44]

«Agora, debido a que se cre que tomou a decisión de enfrontarse a Samos para contentar a Aspasia, parece o momento de preguntar que artes ou que poder tiña esta muller, debido a que era quen de dirixir ao seu antollo aos principais homes do estado e ofrecía aos filósofos a ocasión de discutir con elas en termos exaltados e durante moito tempo».
Plutarco, Pericles, XXIV

Na súa obra Menexeno,[45] Platón fai unha sátira da relación entre Aspasia e Pericles,[46] e cita a Sócrates afirmando ironicamente que foi a mestra de moitos oradores. A intención de Sócrates é salpicar dalgunha forma a fama retórica de Pericles dicindo, tamén de forma irónica, que dado que o político ateniense foi educado por Aspasia, debería ser mellor en retórica que alguén educado por Antifonte.[47] Tamén atribúe a autoría do famoso discurso fúnebre de Pericles á propia Aspasia, mentres que ataca os seus contemporáneos pola súa veneración a Pericles.[48] Kahn mantén que Platón tomou de Esquines todas estas afirmacións.[44]

A Aspasia de Platón e a Lisístrata de Aristófanes parecen ser dúas excepcións claras á regra xeral da incapacidade das mulleres como oradoras, aínda que estes dous personaxes ficticios tampouco nos din nada do status real das mulleres en Atenas.[49] Sobre o particular, Martha L. Rose, profesora de Historia na Universidade do Estado de Truman, comentou que «só na comedia os cans litigan, os paxaros gobernan e as mulleres protestan».[50]

Xenofonte menciona a Aspasia en dúas ocasións nos seus escritos socráticos: en Memorabilia e en Económico. En ambos os casos, Sócrates recomenda seguir os seus consellos a Critobulo, fillo de Critón.[51][52]

Esquines socrático e Antístenes titularon cada un un diálogo socrático co nome de Aspasia, aínda que ningún chegou ata nós, salvo por algúns fragmentos. As nosas principais fontes para coñecer a obra de Esquines Socrático son Ateneo, Plutarco e Cicerón. No diálogo, Sócrates recomenda a Calias mandar o seu fillo Hipónico a recibir instrucións de Aspasia. Cando Calias se escandaliza ante a idea, Sócrates comenta que Aspasia influenciara favorabelmente a Pericles e, tras a súa morte, a Lisicles. Nunha sección do diálogo preservado en latín por Cicerón, Aspasia aparece como un «Sócrates feminino», aconsellando primeiro á esposa de Xenofonte e logo ao propio Xenofonte sobre a forma de adquirir a virtude a través do autocoñecemento (o Xenofonte en cuestión non é o famoso historiador, senón outro personaxe).[53][44] Esquines mostra a Aspasia como unha profesora e inspiradora da excelencia, conectando estas virtudes co seu status de hetera.[54] Segundo Kahn, todos e cada un dos episodios do Aspasia de Esquines son, non só ficticios, senón completamente incríbeis.[55]

Pintura de Hector Leroux (1682–1740) que retrata a Pericles e Aspasia admirando a xigantesca estatua de Atenea, no estudio de Fidias.

En canto á obra Aspasia de Antístenes, só nos chegaron tres citas.[1] O diálogo en si contén unha gran cantidade de difamacións sobre o personaxe, á vez que anécdotas referidas á biografía de Pericles.[56] Parece ser que este autor non só atacou a Aspasia, senón a toda a familia de Pericles, incluíndo os seus fillos. O filósofo opinaba que o gran político elixiu unha vida de pracer sobre unha virtuosa[57] e, por tanto, Aspasia é presentada como a personificación dunha vida de indulxencia sexual.[54]

Literatura moderna

[editar | editar a fonte]
Autorretrato de Marie Bouliard, retratada como Aspasia, 1794.

Aspasia aparece en diversas obras significativas da literatura moderna. A súa historia de amor con Pericles inspirou a varios dos máis famosos novelistas e poetas dos últimos séculos. En particular, inspirou os autores do romanticismo do século XIX e aos autores de novelas históricas do século XX.

En 1835, Lydia Child, a abolicionista, novelista e xornalista, publicou Philothea, unha novela romántica situada na época de Pericles e Aspasia. Este libro está considerado como unha das obras máis elaboradas e de maior éxito da autora debido a que os personaxes principais, especialmente Aspasia, están retratados con gran beleza e delicadeza.[58]

En 1836, Walter Savage Landor, poeta e escritor de nacionalidade inglesa, publicou a súa obra Pericles and Aspasia, un dos seus libros máis famosos. Pericles and Aspasia é unha descrición da Atenas do período clásico a través dunha serie de cartas imaxinarias que conteñen numerosos poemas. As cartas con frecuencia apártanse dos feitos históricos, aínda que tentan capturar o espírito do Século de Pericles.[59] Robert Hamerling, pola súa banda, é outro novelista e poeta que se inspirou na personalidade de Aspasia para escribir a súa novela Aspasia, un libro sobre a moral e os costumes da Era de Pericles e un traballo de interese histórico e cultural.

Giacomo Leopardi, un poeta italiano influenciado polo romanticismo, publicou unha serie de cinco poemas coñecidos como o círculo de Aspasia que foron inspirados pola súa dolorosa experiencia de amor desesperado e non correspondido por unha muller chamada Fanny Targioni Tozzetti. Leopardi chamou a esta persoa Aspasia, tomando o nome da parella de Pericles.[60]

En 1918, o novelista e dramaturgo George Cram Cook produciu a súa primeira obra de teatro completa, titulada The Athenian Women (As mulleres atenienses), na que relataba unha historia na que o personaxe de Aspasia dirixía unha folga en favor da paz.[61] Cook combinou unha temática pacifista coa localización na Antiga Grecia.[62]

A escritora norteamericana Gertrude Atherton, en The Immortal Marriage (1927) tamén tratou a historia de Pericles e Aspasia e ilustrou o período da Guerra de Samos, a Guerra do Peloponeso e a Praga de Atenas. Pola súa banda, xa en 1974, Taylor Caldwell publicou Glory and the Lightning, unha novela que retrataba a relación histórica entre estes dous personaxes.[63]

A escritora mexicana de literatura xuvenil María García Esperón abordou a infancia e mocidade de Aspasia até o seu encontro con Pericles na novela Atenas sempre (Enlace Editorial, Bogotá, 2015).

O dramaturgo galego Millán Picouto, na traxedia en cinco actos e en verso Péricles e Aspasia, inserida na súa obra completa "O macrocosmos" (Linteo, 2021), tratou a vida e o amor de Aspasia e Pericles desde o comezo da Guerra do Peloponeso ata a morte de Pericles.

Fama e valoracións do personaxe

[editar | editar a fonte]

O nome de Aspasia está vinculado estreitamente á fama e a gloria de Pericles.[64] Plutarco acepta que Aspasia foi unha figura significativa, tanto política como intelectualmente, e expresa a súa admiración por unha muller que foi capaz de «dirixir ao seu antollo aos principais homes do estado e ofrecíalles aos filósofos a ocasión de discutir con ela en termos exaltados e durante moito tempo».[15] O biógrafo dixo que Aspasia tivo tal renome que mesmo Ciro o Novo, o príncipe persa, que foi á guerra contra o seu irmán, Artaxerxes II de Persia, deu o seu nome a unha das súas concubinas, que anteriormente se chamaba Milto. Cando Ciro morreu en batalla, a muller foi levada cativa ante o rei, e adquiriu unha grande influencia sobre este.[15] Luciano de Samósata, pola súa banda, outorga a Aspasia os epítetos de «modelo de sabedoría», «a admirada do admirábel Olímpico» e enxalza «a súa sabedoría política e a súa visión, a súa axilidade de mente e a súa penetración».[65]

Doutra banda, un texto siríaco, segundo o cal Aspasia redactou un discurso e deu instrucións a un home para que o lese no seu nome na corte, confirma a fama retórica de Aspasia.[66] Segundo a Suda, unha enciclopedia bizantina do século X, Aspasia sería «lista máis aló das palabras», unha sofista, e profesora de retórica.[67]

«Agora teño que debuxar a sabedoría; e aquí terei ocasión de utilizar varios modelos, a maioría antigos; un vén, como a propia señora, de Xonia. Os artistas serán Esquines e Sócrates o seu mestre, os pintores máis realistas, pois o seu corazón estaba no seu traballo. Non poderiamos elixir mellor modelo de sabedoría que Aspasia a milesia, a admirada do admirábel "Olímpico"; o seu coñecemento político e visión, a súa axilidade de mente e a súa penetración, todo será transferido ao noso lenzo nas súas perfectas medidas. Aspasia, con todo, só se preserva para nós en miniatura: as nosas proporcións deben ser as dun coloso».
Luciano, Estudio de un retrato, XVII.

Sobre a base desas afirmacións, investigadores como Cheryl Glenn, da Universidade Estatal de Pensilvania, argumentan que Aspasia parece ser a única muller na Grecia clásica que se distinguise na esfera pública, e que debeu influír a Pericles na composición de todos os seus discursos.[68] Algúns estudosos cren que Aspasia chegou a abrir unha academia para mulleres novas das familias aristocráticas ou mesmo que inventaría o método socrático.[69][70] Con todo, Robert W. Wallace, profesor de clásicos na Universidade de Northwestern, subliña que «non podemos aceptar como histórica a broma de que Aspasia ensinase a Pericles como falar, e que por tanto fose mestra de retórica ou filosofía». Segundo Wallace, o rol intelectual que Platón dá a Aspasia podería derivar da comedia grega.[5]

Kagan describe a Aspasia como «unha bela, independente, brillante e lista moza, capaz de manter a súa propia conversación coas mellores mentes de Grecia e de discutir e lanzar luz sobre calquera tipo de cuestión co seu marido».[71]

Roger Just, un clasicista e profesor de antropoloxía social na Universidade de Kent, cre que Aspasia foi unha figura excepcional, mais que o seu exemplo por si só é suficiente para subliñar o feito de que calquera muller que se fose converter nun igual intelectual e social ao home debía ser unha hetera.[11] Por último, e segundo Prudence Allen, filósofo e profesor de seminarios, Aspasia deu un paso máis aló desde as inspiracións poéticas de Safo para incrementar o potencial das mulleres para converterse en filósofas.[46]

Historicidade do personaxe

[editar | editar a fonte]

O principal problema segue sendo, tal e como apunta a historiadora holandesa Jona Lendering,[72] que a maioría das cousas que coñecemos sobre Aspasia baséanse en meras hipóteses. Tucídides non a menciona, e as nosas únicas fontes son as especulacións e representacións non completamente fiábeis e recollidas por autores de obras de literatura e filosofía, as cales non daban importancia ao personaxe histórico real.[5][49] Xa que logo, na figura de Aspasia atopámonos con toda unha serie de retratos contraditorios: ou ben foi unha boa esposa, ou algunha combinación entre cortesá e prostituta.[73] Esta é a razón pola que os estudosos modernos expresan o seu escepticismo sobre a historicidade da vida de Aspasia.[5]

Segundo Wallace, «para nós Aspasia en si mesma pode non posuír case ningunha realidade histórica».[5] Por iso, Madeleine M. Henry, profesora de clásicas na Universidade Estatal de Iowa, sostén que «as anécdotas biográficas que se escribiron na Antigüidade sobre Aspasia son moi coloristas, inverificábeis case por completo, e aínda vivas no século vinte». Finalmente, conclúe que «é posíbel debuxar só as máis mínimas anécdotas da súa vida».[74] Segundo Charles W. Fornara e Loren J. Samons II, tamén profesores de clásicas e de historia, «podería perfectamente ocorrer, polo que sabemos, que a Aspasia real fose mellor mesmo que a súa contrapartida da ficción».[35]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 D. Nails, The People of Plato, 58–59
  2. P. O'Grady, Aspasia of Miletus
  3. 3,0 3,1 A.E. Taylor, Plato: The Man and his Work, 41
  4. S. Monoson, Plato's Democratic Entanglements, 195
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 R.W. Wallace, Review of Henry's book
  6. M. Henry, na súa obra Prisoner of History (pxs. 138–139) considera que os informes dos escritores e cómicos da antigüidade nos que afirman que Aspasia rexentaba un bordel e era unha cortesá eran meras inxurias. Henry cre que estes comentarios cómicos buscaban ridiculizar o liderado de Atenas e baseábanse no feito de que, debido á súa propia lei de cidadanía, Pericles non podía casar con Aspasia e debía vivir con ela como parella ilexítima. Por este motivo a historiadora Nicole Loraux (N. Loraux, Aspasie, l' étrangère, l' intellectuelle, 133–164) cuestiona mesmo o testemuño dos escritores antigos cando afirman que Aspasia era unha hetera. Fornara e Samons tamén desbotan a visión tradicional de Aspasia como cortesá e dirixente dun prostíbulo.
  7. J. Lendering, Aspasia of Miletus Arquivado 12 de setembro de 2013 en Wayback Machine.
  8. Segundo Debra Nails, profesora de filosofía na Universidade Estatal de Míchigan, de Aspasia non ser unha muller libre, o decreto para lexitimar o seu fillo con Pericles e o posterior matrimonio con Lisicles (Nails asume que Aspasia e Lisicles contraeron matrimonio) serían imposíbeis.
  9. P.J. Bicknell, Axiochus Alkibiadou, Aspasia and Aspasios, 240–250
  10. 10,0 10,1 Aristófanes, Acarnios, 523-527
  11. 11,0 11,1 11,2 R. Just,Women in Athenian Law and Life",144
  12. 12,0 12,1 "Aspasia". Encyclopaedia Britannica. 2002. 
  13. A. Southall, The City in Time and Space, 63
  14. B. Arkins,Sexuality in Fifth-Century Athens[Ligazón morta]
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Plutarco, Pericles, XXIV
  16. Fornara e Samons posiciónanse na teoría de que Pericles casou con Aspasia, mais que a lei de cidadanía declarou inválido o seu matrimonio. Wallace argumenta que, casando con Aspasia, Pericles continuaba unha tradición aristocrática ateniense de casar con estranxeiras con boas conexións. Henry (M. Henry, Prisoner of History) opina que Pericles se viu impedido pola súa propia lei de cidadanía de casar con Aspasia, polo que se viu obrigado a vivir como parella de feito. Segundo William Smith (W. Smith, A History of Greece, 261), a relación entre Aspasia e Pericles era «análoga aos matrimonios dos príncipes modernos» e o historiador Arnold W. Gomme (A.W. Gomme, Essays in Greek History & Literature, 104) subliña que «os seus contemporáneos falaron de Pericles coma se estivese casado con Aspasia».
  17. Segundo Kahn, as historias sobre as visitas de Sócrates a Aspasia xunto coas mulleres dos seus amigos e a conexión de Lisicles con Aspasia son pouco probábeis de ser históricas. Cre que Esquines era indiferente á historicidade das súas historias, e que estas foron inventadas na época na que a data da morte de Lisicles xa fora esquecida, mais a súa ocupación aínda era lembrada
  18. M. Ostwald, Athens as a Cultural Center, 310
  19. P.A. Stadter, A Commentary on Plutarch's Pericles, 239 Arquivado 09 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.
  20. Fornara-Samons, Athens from Cleisthenes to Pericles, 31
  21. 21,0 21,1 D. Kagan, The Outbreak of the Peloponnesian War, 197
  22. Tucídides, I, 115
  23. Plutarco, Pericles, XXV
  24. Kagan estima que, se o xuízo de Aspasia realmente tivo lugar, «temos máis razóns para pensar que ocorreu en 438 a.C. que en calquera outro momento».
  25. Plutarco, Pericles, XXXII
  26. Segundo James F. McGlew, profesor da Universidade Estatal de Iowa, non é moi probábel que os cargos contra Aspasia fosen interpostos por Hermipo. Cre que Plutarco ou as súas fontes confundisen os xulgados e o teatro (J. F. McGlew, Citizens on Stage, 53)
  27. Ateneo cita a Antístenes dicindo que Pericles suplicou por ela fronte aos cargos de impiedade, derramando máis bágoas que cando a súa vida e as súas propiedades se atoparon en perigo (Ateneo, Banquete de los eruditos, XIII, 589)
  28. 28,0 28,1 Plutarcp, Pericles, XXXVI
  29. A.J. Podlecki, Pericles and his Circle, 33
  30. D. Kagan, The Outbreak of the Peloponnesian War, 201
  31. A. Powell, The Greek World, 259–261
  32. A.J. Podlecki, Pericles and his Circle, 126
  33. Ónfale e Deianira eran, respectivamente, a raíña de Lidia que foi propietaria de Heracles como escravo durante un ano e a súa esposa. Os dramaturgos atenienses tomaron un grande interese en Ónfale a partir de mediados do século V a. C. Por iso, os comediantes parodiaban a Pericles por parecerse a un Heracles controlado pola súa Ónfale (P.A. Stadter, A Commentary on Plutarch's Pericles, 240 Arquivado 09 de febreiro de 2008 en Wayback Machine.). Aspasia recibiu ese epíteto no Kheirones de Cratino ou no Philoi de Eupolis
  34. Como muller do «Olímpico» Pericles. Os escritores gregos chamaban a Pericles o «Olímpico» porque estaba « tronando, lanzando raios e excitando a Grecia» e porque portaba as armas de Zeus cando pronunciaba discursos (Aristófanes, Os acarnianses, 528–531 e Diodoro, XII, 40)
  35. 35,0 35,1 Fornara-Samons, Athens from Cleisthenes to Pericles, 162–166
  36. Cratino (en Dionysalexandros) asimila a Pericles e Aspasia ás figuras «fóra da lei» de Paris e Helena. Ao igual que Paris provocou a guerra co espartano Menelao polo seu desexo por Helena, Pericles, influenciado por Aspasia, involucrou a Atenas nunha guerra contra Esparta (M. Padilla, Labor's Love Lost: Ponos and Eros in the Trachiniae). Eupolis tamén chamou Helena a Aspasia no seu Prospaltoi.
  37. Plutarco, Pericles, XXXVII
  38. W. Smith, A History of Greece, 271
  39. Tucídides, III, 19
  40. For year of death, see OCD "Aspasia"
  41. H.G. Adams, A Cyclopaedia of Female Biography, 75–76
  42. K. Wider, "Women philosophers in the Ancient Greek World", 21–62
  43. I. Sykoutris, Symposium (Introduction and Comments), 152–153
  44. 44,0 44,1 44,2 C.H. Kahn, Plato and the Socratic Dialogue, 26–27
  45. As referencias a Aspasia neste diálogo atópanse entre o 235e e o 249d, véxase aquí.
  46. 46,0 46,1 P. Allen, The Concept of Woman, 29–30
  47. Platón, Menexeno, 236a
  48. S. Monoson, Plato's Democratic Entanglements, 182–186
  49. 49,0 49,1 K. Rothwell, Politics & Persuasion in Aristophanes' Ecclesiazusae, 22
  50. M.L. Rose, The Staff of Oedipus, 62
  51. Jenofonte, Memorabilia, 2, 6.36
  52. Jenofonte, Oeconomicus, 3.14
  53. Ciceró, De Inventione, I, 51–53
  54. 54,0 54,1 C.H. Kahn, Aeschines on Socratic Eros, 96–99
  55. C.H. Kahn, Plato and the Socratic Dialogue, 34
  56. Bolansée-Schepens-Theys-Engels, Biographie, 104
  57. C.H. Kahn, Plato and the Socratic Dialogue, 9
  58. E.A. Duyckinc-G.L. Duyckinck, Cyclopedia of American Literature, 198
  59. R. MacDonald Alden, Readings in English Prose, 195
  60. M. Brose, A Companion to European Romanticism, 271
  61. D.D. Anderson, The Literature of the Midwest, 120
  62. M Noe, Analysis of the Midwestern Character
  63. L.A. Tritle, The Peloponnesian War, 199
  64. K. Paparrigopoulos, Ab, 220
  65. Lucian, A Portrait Study, XVII
  66. L. McClure, Spoken like a Woman, 20
  67. Suda, artigo sobre Aspasia Arquivado 24 de setembro de 2015 en Wayback Machine.
  68. C. Glenn, Remapping Rhetorical Territory , 180–199
  69. Jarratt-Onq, Aspasia: Rhetoric, Gender, and Colonial Ideology, 9–24
  70. C. Glenn, Locating Aspasia on the Rhetorical Map, 23
  71. D.Kagan, Pericles of Athens and the Birth of Democracy, 182
  72. "Aspasia of Miletus". Arquivado dende o orixinal o 12 de setembro de 2013. Consultado o 01 de xullo de 2021. 
  73. J.E. Taylor, Jewish Women Philosophers of First-Century Alexandria, 187
  74. M. Henry, Prisoner of History, 3, 10, 127–128.

Fontes primarias (gregas e romanas)

Fontes secundarias

  • Adams, Henry Gardiner (1857). A Cyclopaedia of Female Biography. Groombridge. 
  • Allen, Prudence (1997). "The Pluralists: Aspasia". The Concept of Woman: The Aristotelian Revolution, 750 B.C. - A.D. 1250. Wm. B. Eerdmans Publishing. ISBN 0-8028-4270-4. 
  • Arkins, Brian (1994). "Sexuality in Fifth-Century Athens". "Classics Ireland" 1. Consultado o 29 de agosto de 2006. [Ligazón morta]
  • "Aspasia". Encyclopaedia Britannica. 2002. 
  • Bicknell, Peter J. (1982). "Axiochus Alkibiadou, Aspasia and Aspasios". "L'Antiquité Classique" 51 (No.3): 240–250. 
  • Bolansée, Schepens, Theys, Engels (1989). "Antisthenes of Athens". Die Fragmente Der Griechischen Historiker: A. Biography. Brill Academic Publishers. ISBN 90-04-11094-1. 
  • Margaret, Brose (2005). "Ugo Foscolo and Giacomo Leopardi". A Companion to European Romanticism edited by Michael Ferber. Blackwell Publishing. ISBN 1-4051-1039-2. 
  • Duyckinck, G.L., Duyckinc, E.A. (1856). Cyclopedia of American Literature. C. Scribner. 
  • Fornara Charles W., Loren J. Samons II (1991). Athens from Cleisthenes to Pericles. Berkeley: University of California Press. 
  • Glenn, Cheryl (1997). "Locating Aspasia on the Rhetorical Map". Listening to Their Voices. Univ of South Carolina Press. ISBN 1-57003-172-X. 
  • Glenn, Cheryl (1994). "Sex, Lies, and Manuscript: Refiguring Aspasia in the History of Rhetoric". "Composition and Communication" 45 (No.4): 180–199. 
  • Gomme, Arnold W. (1977). "The Position of Women in Athens in the Fifth and Fourth Centurie BC". Essays in Greek History & Literature. Ayer Publishing. ISBN 0-8369-0481-8. 
  • Anderson, D.D. (2001). "The Origins and Development of the Literature of the Midwest". Dictionary of Midwestern Literature: Volume One: The Authors by Philip A Greasley. Indiana University Press. ISBN 0-253-33609-0. 
  • Jarratt, Susan, Onq, Rory (1995). "Aspasia: Rhetoric, Gender, and Colonial Ideology". Reclaiming Rhetorica edited by Andrea A. Lunsford. Berkeley: Pittsburgh: University of Pittsburgh Press. ISBN 0-7661-9484-1. 
  • MacDonald Alden, Raymond (2005). "Walter Savage Landor". Readings in English Prose of the Nineteenth Century. Kessinger Publishing. ISBN 0-8229-5553-9. 
  • Henri, Madeleine M. (1995). Prisoner of History. Aspasia of Miletus and her Biographical Tradition. Oxford University Press. ISBN 0-19-508712-7. 
  • Kagan, Donald (1991). Pericles of Athens and the Birth of Democracy. The Free Press. ISBN 0-684-86395-2. 
  • Kagan, Donald (1989). "Athenian Politics on the Eve of the War". The Outbreak of the Peloponnesian War. Ithaca: Cornell University Press. ISBN 0-8014-9556-3. 
  • Kahn, Charles H. (1997). "Antisthenes". Plato and the Socratic Dialogue. Cambridge University Press. ISBN 0-521-64830-0. 
  • Kahn, Charles H. (1994). "Aeschines on Socratic Eros". The Socratic Movement edited by Paul A. Vander Waerdt. Cornell University Press. ISBN 0-8014-9903-8. 
  • Just, Roger (1991). "Personal Relationships". Women in Athenian Law and Life. Routledge (UK). ISBN 0-415-05841-4. 
  • Loraux, Nicole (2003). "Aspasie, l'étrangère, l'intellectuelle". La Grèce au Féminin (en francés). Belles Lettres. ISBN 2-251-38048-5. 
  • McClure, Laura (1999). "The City of Words: Speech in the Athenian Polis". Spoken Like a Woman: Speech and Gender in Athenian Drama. Princeton University Press. ISBN 0-691-01730-1. 
  • McGlew, James F. (2002). "Exposing Hypocrisie: Pericles and Cratinus' Dionysalexandros". Citizens on Stage: Comedy and Political Culture in the Athenian Democracy. University of Michigan Press. ISBN 0-472-11285-6. 
  • Monoson, Sara (2002). "Plato's Opposition to the Veneration of Pericles". Plato's Democratic Entanglements. Hackett Publishing. ISBN 0-691-04366-3. 
  • Nails, Debra (2000). The People of Plato: A Prosopography of Plato and Other Socratics. Princeton University Press. ISBN 0-87220-564-9. 
  • Ostwald, M. (1992). "Athens as a Cultural Center". The Cambridge Ancient History edited by David M. Lewis, John Boardman, J. K. Davies, M. Ostwald (Volume V). Cambridge University Press. ISBN 0-521-23347-X. 
  • Paparrigopoulos, Konstantinos (-Karolidis, Pavlos)(1925), History of the Hellenic Nation (Volume Ab). Eleftheroudakis (in Greek).
  • Podlecki, A.J. (1997). Perikles and His Circle. Routledge (UK). ISBN 0-415-06794-4. 
  • Powell, Anton (1995). "Athens' Pretty Face: Anti-feminine Rhetoric and Fifth-century Controversy over the Parthenon". The Greek World. Routledge (UK). ISBN 0-415-06031-1. 
  • Rose, Martha L. (2003). "Demosthenes' Stutter: Overcoming Impairment". The Staff of Oedipus. University of Michigan Press. ISBN 0-472-11339-9. 
  • Rothwell, Kenneth Sprague (1990). "Critical Problems in the Ecclesiazusae". Politics and Persuasion in Aristophanes' Ecclesiazusae. Brill Academic Publishers. ISBN 90-04-09185-8. 
  • Smith, William (1855). "Death and Character of Pericles". A History of Greece. R. B. Collins. 
  • Southall, Aidan (1999). "Greece and Rome". The City in Time and Space. Cambridge University Press. ISBN 0-521-78432-8. 
  • Stadter, Philip A. (1989). A Commentary on Plutarch's Pericles. University of North Carolina Press. ISBN 0-8078-1861-5. 
  • Sykoutris, Ioannis (1934). Symposium (Introduction and Comments) -in Greek. Estia. 
  • Taylor, A. E. (2001). "Minor Socratic Dialogues: Hippias Major, Hippias Minor, Ion, Menexenus". Plato: The Man and His Work. Courier Dover Publications. ISBN 0-486-41605-4. 
  • Taylor, Joan E. (2004). "Greece and Rome". Jewish Women Philosophers of First-Century Alexandria. Oxford University Press. ISBN 0-19-925961-5. 
  • Tritle, Lawrence A. (2004). "Annotated Bibliography". The Peloponnesian War. Greenwood Press. ISBN 0-313-32499-9. 
  • Wider, Kathleen (1986). "Women philosophers in the Ancient Greek World: Donning the Mantle". "Hypatia" 1 (No.1): 21–62. 

Outras lecturas

[editar | editar a fonte]
  • Atherton, Gertrude (2004). The Immortal Marriage. Kessinger Publishing. ISBN 1-4179-1559-5. 
  • Becq de Fouquières, Louis (1872). Aspasie de Milet (en francés). Didier. 
  • Hamerling, Louis (1893). Aspasia: a Romance of Art and Love in Ancient Hellas. Geo. Gottsberger Peck. 
  • Savage Landor, Walter (2004). Pericles And Aspasia. Kessinger Publishing. ISBN 0-7661-8958-9. 
  • Cozzi, Cecilia (2014). Aspasia, storia di una donna. David and Matthaus. ISBN 978-88-98899-01-2. 
  • VV.AA (2004). Mujeres de la antigüedad. Madrid, Alianza Editorial. ISBN 978-84-206-5696-0. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]