iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: https://gl.wikipedia.org/wiki/Altricial
Altricial - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Altricial

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Crías altriciais de aves.

En bioloxía, unha especie altricial é aquela na que as crías non poden moverse lonxe do niño ou lugar de nacemento e valerse por si mesmas pouco despois de eclosionar ou nacer porque o seu estado de desenvolvemento non é completo (por exemplo, nacen cegas ou sen plumas ou pelos ou sen destrezas básicas). A palabra deriva do latín alere, que significa 'criar, nutrir' e indica a necesidade que teñen os individuos novos de ser alimentados e recibir coidados durante un período de longa duración.[1] O termo contrario, aplicado ás especies nas que as crías se poden mover inmediatamente ou pouco despois de nacer, é precocial ou precoz.

Aplicación

[editar | editar a fonte]

Na bioloxía de aves e mamíferos, as especies altriciais son aquelas cuxas crías acabadas de nacer son relativamente inmóbiles, carecen de pelo ou penuxe, non poden obter comida por si mesmas, e deben ser coidadas polos adultos; é común que teñan os ollos pechados, aínda que non é algo xeral. Son crías que nacen indefensas e requiren moitos coidados durante certo tempo. Entre as aves, son exemplos as garzas, falcóns, petos, bufos, cucos e a maioría dos paseriformes. Entre os mamíferos os marsupiais e a maioría dos roedores son altriciais, como tamén os gatos, cans e humanos.[2]

No extremo oposto do espectro están os animais precociais ou precoces, nos cales as crías teñen os ollos abertos, pelo ou penuxe, grandes cerebros, poden moverse inmediatamente nada máis nacer e teñen certa capacidade de escapar ou defenderse dos depredadores. Por exemplo, nas aves que aniñan no chan, como patos ou pavos, as crías están listas para abandonar o niño en só un ou dous días. Entre os mamíferos, a maioría dos ungulados son precoces, e poden andar moi pouco despois de nacer. Existen tamén os animais superprecociais ou superprecoces, como os megápodos, aves que xa eclosionan coas plumas de voo completas.[3]

Fundamento

[editar | editar a fonte]

Diferentes animais empregan distintas estratexias altriciais ou precociais. En realidade non hai unha clara distinción entre os dous estados, senón unha ampla gama de estados intermedios.[1] A habilidade dos proxenitores para obter nutrición e contribuír ao desenvolvemento prenatal e postnatal das crías parece estar asociada coa estratexia adoptada.

As aves precoces poden poñer ovos ricos en proteínas e as súas crías eclosionan xa nun estado de poliño avanzado, que pode protexerse dos depredadores e as femias implícanse menos no coidado posnatal. As aves altriciais contribúen con menos alimentos no estado prenatal (no ovo); os seus ovos son menores e as crías necesitan moita atención e protección dos depredadores. Isto pode estar relacionado coa selección r/K; porén, esta asociación non se observa nalgúns casos.[4]

Nas aves, as crías altriciais xeralmente medran máis rápido que as precoces. Hipotetízase que isto ocorre para que a exposición aos depredadores durante o estado de poliño no niño sexa minimizada.[5]

No caso dos mamíferos sinalouse que os tamaños corporais grandes de adulto favorecen a produción de crías grandes e precoces, que se desenvolven durante un longo período de xestación. As crías grandes poden asociarse a duracións da vida longas, períodos reprodutores amplos e un tamaño reducido das camadas. Suxeriuse que as estratexias altriciais nos mamíferos poden estar favorecidas se hai unha vantaxe selectiva para as nais que poden resabsorber os embrións nos estados inicias do seu desenvolvemento.[6] Algúns nichos requiren que as crías sexan precoces para sobrevivir, como as dos cetáceos: se fosen inmóbiles, dentro da auga rapidamente afogarían.

Terminoloxía

[editar | editar a fonte]

Nas aves, os termos aves altrices e aves precoces foron introducidos por Carl Jakob Sundevall (1836) e os termos nidífugo e nidícola por Lorenz Oken en 1816. As dúas clasificacións eran consideradas idénticas nos primeiros tempos, pero os seus significados son lixeiramente diferentes, xa que "altricial" e "precocial" refírense ao estadio de desenvolvemento, mentres que "nidífugo" e "nidícola" refírense ao tempo que tardan en abandonaren ou permaneceren no niño.[4]

As dúas estratexias teñen como resultado diferentes tamaños cerebrais nos neonatos comparados cos adultos. Os cerebros de animais precoces son grandes xa ao nacer en relación co seu tamaño corporal, de aí a súa capacidade de valerse de seu. Porén, cando chegan a adultos os seus cerebros non son moito máis grandes nin habilidosos. Os animais altriciais teñen cerebros relativamente pequenos ao nacer, de aí a súa necesidade de coidado e protección, pero despois os seus cerebros continúan crecendo. De adultos, os animais altriciais finalizan con cerebros comparativamente maiores que os das especies precoces. Así as especies altriciais adquiren maiores habilidades cando chegan á madurez.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Ehrlich, Paul (1988). The Birder's Handbook. New York: Simon & Schuster. ISBN 0-671-65989-8. 
  2. Arterberry, Martha E. (2000). The Cradle of Knowledge. Development of Perception in Infancy. Cambridge: MIT Press. p. 27. ISBN 9780262611527. 
  3. Starck, J.M.; Ricklefs, R.E. (1998). Avian Growth and Development. Evolution within the altricial precocial spectrum. New York: Oxford University Press. ISBN 0-19-510608-3. 
  4. 4,0 4,1 Starck, J. (1998). Avian Growth and Development. Oxford Oxfordshire: Oxford University Press. ISBN 0-19-510608-3. [cómpre nº de páxina]
  5. Kahl, M. Philip (1962). "Bioenergetics of growth in nestling wood storks". The Condor 64 (3): 169–183. ISSN 0010-5422. doi:10.2307/1365200. 
  6. Eisenberg, John (1981). The Mammalian Radiations. London: Athlone Press. ISBN 0-485-30008-7. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]