Akka Mahadevi
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. década de 1130 Udutadi, India (en) |
Morte | século XII |
Relixión | Hinduísmo |
Actividade | |
Ocupación | filósofa, poetisa, escritora |
Período de tempo | Século XII |
Movemento | Literatura Kannada (pt) |
Akka Mahadevi ( en kanarés: ಅಕ್ಕ ಮಹಾದೇವಿ), nada en Udutadi no século XII, foi unha poetas da literatura kanaresa e unha destacada mística da corrente lingayat hinduísta. O termo Akka ("Irmá máis vella") é un título honorífico, que lle deron grandes santos lingayta como Basavanna, Siddharama e Allamaprabhu. No seo da literatura kanaresa e na historia de Karnataka está considerada unha muller digna de exemplo e no seo do hinduísmo goza da consideración de santa[1].
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Akka Mahadevi naceu na localidade de Udutadi[2], preto Shivamogga no actual estado indio de Karnataka[3] no século XII. Pouco é o que se sabe de certo sobre da súa vida, aínda que hai numerosas tradicións populares e haxiografías mitolóxicas, e tamén hai referencias persoais nos seus versos, e así hai constancia que deixou o seu lugar de nacemento e familia para seguir a Shiva. A tradición faina filla dunha parella, Nirmalshetti e Sumati, devota de Shiva[4]. Outras crenzas populares como que rexeitou casar co rei xainista Kaushika para cumprir as demandas da devoción cara á divindade[3] son ambiguas e non son concluíntes[5]. Nun dos seus vacana establece tres condicións para casar o rei, e inclúe o control de elixir pasar o seu tempo na devoción ou en conversa con eruditos doutos na relixión en vez de co rei[4]. O poeta medieval Harihara suxeriu na súa biografía que o seu matrimonio foi puramente nominal mentres outras tradicións afirman que non se aceptaron as súas condicións e non casou.
Segundo o relato tradicional de Harihara ao violar o rei Kaushika as condicións do matrimonio, Mahadevi deixou o palacio e renunciou a todas as súas posesións, incluíndo a roupa, para viaxar a Srisailam, o fogar do deus Shiva[4]. Outras versións afirman que a súa marcha foi unha resposta ás ameazas do rei logo dela refugar a súa proposta[6]. Quizais visitou a cidade de Kalyana, onde coñeceu a outros dous poetas e figuras prominentes do movemento lingayat, Allama e Basava[3] e seica viaxou no cabo da súa vida ás montañas Srisailam, onde viviu como un asceta e, finalmente, morreu. Un vacana atribuído a Akka Mahadevi suxire que, ao chegarlle o final ao rei Kaushika visitouna alí na procura do seu seu perdón. Na iconografía hinduísta represéntase espida, só cuberta polo seu longo cabelo[7].
Obra
[editar | editar a fonte]Está considerada unha das grandes santas místicas da India xunto con Andal e Mīrābāī[8]. As súas obras, como moitas dos poetas do movemento bhakti, pódense rastrexar a través do uso da súa ankita, ou o nome polo que se dirixían á figura da súa devoción[3]. Mahadevi emprega a forma Chennamallikarjuna para se referir ao deus Shiva que se pode traducir de diferentes xeitos, a tradución máis coñecida é a de A. K. Ramanujan, que o interpreta como "Señor, abrancazado coma o xasmín'. Unha traduciónn mais literal sería 'O fermoso Arjuna de Mallika', segundo Tharu e Lalita.[3].
Pola súa ankita asígnanse arredor 350 poemas ou vacanas (poemas místicos en prosa) a Akka Mahadevi[3]. Os seus son poemas cun fondo lirismo nos que con frecuencia utiliza a metáfora dun amor ilícito ou adúltero para describir a súa devoción á Chennamallikarjuna e procura de xeito activo unha relación persoal con Shiva, e toca temas como o abandono, o amor carnal e a separación. As súas composición, directas e francas, son poéticas sen ser poesía e son espirituais sen ser relixiosas[9]; descríbense como a personifiación dunha ilexitimidade radical que reexamina o papel das mulleres como actores con iniciativa e vontade propia que colidían coas institucións sociais e mais as tradicións establecidas[3]. Ás veces, emprega fortes imaxes sexuais para representar a unión entre o devoto e o obxecto de devoción.[10] As súas obras cambiaron a percepción da identidade sexual, así un vacana suxire que a creación, ou o poder do deus Shiva é masculino mentres que toda a creación, mesmo os homes, representan o feminino[5]. Nalgunhas vacanas descríbese tanto feminina como masculino.
Como o conxunto dos poetas bhakti, as súas obras tocan sobre temas de alienación: tanto do mundo material como das expectativas sociais e costumes asociados ás mulleres[5]. Vendo as relacións con homes mortais como insatisfatorios, Akka Mahadevi descríbeos como espiños que se agochan baixo lenes follas, indignos de confianza.
Ademais de vacanas escribiu algunhas cancións e dous breves escritos, Mantrogopya e en Yogangatrividhi narra, nunha linguaxe críptica, as diversas fases da iluminación espiritual[11].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Hegde, Manjushree (xullo/setembro de 2014). "Hindu Saints: Akka Mahadevi's Complete Surrender". Hinduism Today. Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2020. Consultado o 25 de outubro de 2020.
- ↑ G. Ramakrishna, N. Gayathri e Debiprasad Chattopadhyaya (1983). An Encyclopaedia of South Indian Culture. K.P. Bagchi. p. 9.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 Tharu, Susie J. e Lalita, Ke (1991). Women Writing in India: 600 B.C. to the Early Twentieth Century. Feminist Press at CUNY. pp. 78–79.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Mudaliar, Chandra Y (1 de xaneiro de 1991). "Religious Experiences of Hindu Women: A Study of Akka Mahadevi". Mystics Quarterly 17 (3): 137–146.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Ramaswamy, Vijaya (xaneiro de 1992). "Rebels — Conformists? Women Saints in Medieval South India". Anthropos 87 (1/3): 133–146. JSTOR 40462578.
- ↑ Michael, R. Blake (xaneiro de 1983). "Women of the Śūnyasaṃpādane: Housewives and Saints in Vīraśaivism". Journal of the American Oriental Society 103 (2): 361–368. JSTOR 601458. doi:10.2307/601458.
- ↑ Constance Jones e James D. Ryan (2006). Encyclopedia of Hinduism. Facts On File. p. 22.
- ↑ V. K. Subramanian (2006). 101 Mystics of India. Abhinav. p. 73.
- ↑ Shivaprakash, H. S. (2017). "Foreword". En Vinaya Chaitanya. Songs for Siva: Vacanas of Akka Mahadevi. Harper Collins.
- ↑ Ramaswamy, Vijaya (xaneiro de 1996). "Madness, Holiness, Poetry : The Vachanas Of Virasaivite Women". Indian Literature 39 (3 (173)): 147–155.
- ↑ K. Ayyappa Paniker (1997). Medieval Indian Literature: An Antology I. Sahitia Akademi. p. 178.