Plasmólise
A plasmólise[1] é o proceso no cal as células perden auga ao estaren rodeadas por unha solución hipertónica. Os procesos inversos son a deplasmólise[2] e a citólise, que poden ocorrer se a célula está inmersa nunha solución hipotónica, o que resulta nunha menor presión osmótica externa e un fluxo neto de auga cara ao interior da célula. Observando a plasmólise e deplasmólise é posible determinar a tonicidade do ambiente en que está a célula, así como a velocidade con que as moléculas de soluto cruzan a membrana plasmática.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]O termo plasmólise deriva da palabra latina plasma, que significa ‘matriz’, e a grega lysis, que significa ‘relaxación, afrouxamento’.
Turxidez
[editar | editar a fonte]Unha célula vexetal en solución hipotónica absorbe auga por endosmose, de tal xeito que o aumento do volume da célula creado pola auga, incrementa a presión interior (presión de turxidez), facendo que o protoplasma empurre contra a parede celular, unha condición chamada turxidez[3] ou turxencia. A turxidez fai que as células da planta se empurren unhas a outras e é a principal maneira en que se soportan os tecidos non leñosos das plantas. As paredes celulares das plantas poden resistir a entrada de máis auga ata certo punto, coñecido como turxidez completa, o que impide que as células das plantas estoupen como o faría nesas condicións unha célula animal (a cal non ten parede que a protexa). Esta tamén é a razón de que as plantas herbáceas se manteñan ergueitas. Sen a rixidez das súas células debido á turxidez, a planta derrubaríase sobre si mesma polo seu propio peso ou murcharía. Nunha célula empeza a declinar a presión de turxidez só cando non hai espazos de aire que a rodean e finalmente orixínase unha maior pesión osmótica que a da célula.[4] Os vacúolos xogan un importante papel na presión de turxencia, xa que conteñen moita auga, que sae deles e da célula cando esta está inmersa en solucións hiperosmóticas con solutos como o manitol, sorbitol e sacarosa.[5]
Plasmólise
[editar | editar a fonte]Se unha célula vexetal se sitúa nunha solución hipertónica, a célula da planta perde auga e, por tanto, presión de turxidez por plasmólise: a presión diminúe e a membrana plasmática do protoplasma despégase da parede celular, deixando ocos entre a parede e a membrana. Un continuo decrecemento desta presión fará finalmente que se produza a citorrise, que é o colapso completo da parede celular. As plantas cuxas células están nesa condición encollen, murchan e esboróanse. Despois da plasmólise os ocos entre a parede celular e a membrana énchense con solución hipertónica. As plantas teñen algúns mecanismos para impedir unha perda excesiva de auga ou unha absorción excesiva. Durante a plasmólise prodúcese unha reorganización do citoesqueleto. A plasmólise pode ser invertida se a célula é situada nunha solución hipotónica. O proceso equivalente á plasmólise en células animais chámase crenación, na cal toda a célula cambia de forma externamente, ao carecer de parede ríxida.
A plasmólise só ocorre en condicións extremas e é menos frecuente na natureza. Pode inducirse doadamente no laboratorio mergullando as células en solucións fortemente salinas ou con moito azucre (sacarosa) para causar a saída de auga (exosmose). O proceso é facilmente visible usando células de Elodea ou células da epiderme de cebola. O azul de metileno adoita usarse como colorante para observar o proceso.
A plasmólise pode ser de dous tipos: cóncava ou convexa.[5] Durante a plasmólise cóncava, a membrana e o protoplasma encóllense separándose parcialmente da parede celular e o protoplasma encóllese debido á formación de petos semiesféricos que se curvan cara ao interior entre a membrana e a parede. Durante a plasmólise convexa, a membrana e o protoplasma encóllense separándose completamente da parede, e o protoplasma forma un padrón curvado esférico simétrico.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para plasmólise.
- ↑ Definición de deplasmólise no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para turxidez.
- ↑ Munns, Rana (2010). Plants in Action. Australian Society of Plant Scientists.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Lang, Ingeborg; Sassmann, Stefan; Schmidt, Brigitte; Komis, George (2014). "Plasmolysis: Loss of Turgor and Beyond". Plants 3 (4): 583–93. PMC 4844282. PMID 27135521. doi:10.3390/plants3040583.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Imaxes de plasmólise en Elodea e epiderme de cebola. Arquivado 16 de abril de 2008 en Wayback Machine.
- Murchamento e plasmólise. Arquivado 14 de outubro de 2007 en Wayback Machine.