iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Pandeireteiras
Pandeireteiras - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Pandeireteiras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pandeireteiras
Pandeireteiras nunha foliada (2019)
Orixe culturalGalicia Galicia
Instrumentos típicospandeireta
Outros nomesCantareiras

As pandeireteiras, ou cantareiras, son unha agrupación musical feminina, propia da música tradicional galega, que emprega as pandeiretas como principal acompañamento instrumental.

Pandeireteiras de Buxán

As formacións de pandeireteiras tiveron a súa orixe nos traballos de axuda mutua realizados na sociedade agraria anterior ao século XIX. Ao remate destes labores colectivos invernais: fiadas, espadeladas, esfolladas[1] etc, adoitaba ter lugar unha celebración con música e baile. Malia que as veces podía acudir algún gaiteiro ou acordeonista, decotío eran as mulleres as que proporcionaban a música para o baile valéndose dos instrumentos de percusión ao seu alcance: ferriños, latas, sellas, cunchas e, sobre todo, pandeiretas, pandeiras e pandeiros.[2]

Nestas festas das aldeas nunca eran máis de tres ou catro as cantareiras, que ían tocando e botando cantigas por quendas, de xeito que todas puidesen participar do baile. As pezas tiñan unha orde preestablecida, primeiro os bailes soltos: xotas e muiñeiras, e despois os agarrados, cun repertorio actualizado coas músicas de moda: pasodobres, polcas, mazurcas etc, adaptadas e incorporadas así á tradición galega.[3]

Cando a fins do século XIX, os coros galegos encetaron unha labor de compilación e posta en valor destas músicas populares, fixouse a imaxe do gaiteiro acompañado de tambor como representación icónica do folclore tradicional, ignorando ás cantadoras femininas. Isto veu motivado polo feito de ser o do gaiteiro un oficio recoñecíbel, exercido no espazo público: festas, romarías, procesións etc, en tanto que as pandeireteiras tocaban na casa, no espazo privado, como unha máis das labores propias das mulleres rurais.

A guerra civil española e as mudanzas sociais da posguerra, en especial a emigración da mocidade, provocou unha ruptura na cadea de transmisión do patrimonio oral. Os festexos tradicionais (seráns, foliadas, ruadas, polavilas etc)[4], foron esmorecendo até case desapareceren e con eles a música das pandeireteiras.

Cando na década de 70 do século XX, unha nova xeración recomezou os traballos de recolleita, atopou aínda conservado polas vellas mulleres das aldeas toda esta riqueza cultural.[5] Malia existiren tamén algúns cantadores[6], historicamente foron elas as verdadeiras transmisoras (e creadoras) da tradición lírica galega moderna.[2] Así pode ser constatado na revisión dos traballos de campo, por exemplo no máis importante deles, o Cancioneiro popular galego da musicóloga suíza Dorothé Schubarth, onde as informantes femininas son maioría.

Recuperación

[editar | editar a fonte]
Pandeireteiras de Mens

As primeiras pandeireteiras en subiren a un escenario como conxunto musical foron as pandeireteiras de Buxán, do concello de Rois. No ano 1963, nun tempo no que nas romarías só actuaban agrupacións de gaiteiros, o grupo foi formado ex profeso para cantar na popular romaxe do Santiaguíño de Padrón, onde actuaron durante 15 anos consecutivos. Era un grupo mixto, 2 homes e 5 ou 6 mulleres, e foi o primeiro en cobrar polas súas actuacións, algo insólito pois as pandeireteiras non cobraban e só tocaban nas festas improvisadas. O éxito do conxunto foi fulgurante, creando unha segunda formación co mesmo nome, e sendo chamados para tocar tamén nas aldeas veciñas.[7][8]

Xa nos anos 70 o folclorista Manuel Cajaraville entrou en contacto coas pandeireteiras da vila de Mens, en Malpica. Incorporounas ao espectáculo da coruñesa agrupación folclórica Aturuxo, da que era director, realizando con elas unha serie de concertos por Europa e América. As pandeireteiras de Mens subiron posteriormente ao escenario con Milladoiro, cos que fixeron a xira do décimo aniversario do grupo.[9][10]

Nos anos 80, as formación de pandeireteiras estendéronse por toda Galiza. A primeira agrupación folclórica en incorporalas foi a coruñesa Xacarandaina. E seguindo o seu exemplo moitas outras, como Cantigas e Agarimos de Compostela, cuxas pandeireteiras participaron no disco Galicia no país das maravillas de Milladoiro no 1986[11]. Apareceron máis adiante formacións independentes como as pioneiras Leilia, Xiradela ou Faltriqueira. A aparición nos anos noventa da CRTVG, con programas como Luar ou Alalá popularizou definitivamente o fenómeno.[12] Hoxe en día existen multitude de grupos de pandeireteiras por toda a xeografía galega, creándose tamén agrupacións mixtas como Pandeireteiras sen Fronteiros ou exclusivamente masculinas como Pandeiromus ou Maghúa.[13]

O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, nomeando a Adolfina e Rosa Casás Rama (de Cerceda), Eva Castiñeira (de Muxía), e as Pandeireteiras de Mens: Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar (de Malpica de Bergantiños).[14]

  1. "Esfollada". Dicionario de dicionarios. Consultado o 2021-03-24. 
  2. 2,0 2,1 Carpintero Arias, Pablo (2010). "Os Instrumentos Musicais na Tradición Galega - Cantadoras". Consello da Cultura. Consultado o 2021-03-29. 
  3. Martínez Pérez, Alexandre (2017). "Pandereteiras e rotura de esquemas". Aturuxo - Asociación de Gaiteiros Galegos (16): 37–38. 
  4. Souto, Miguel (2014). Xornadas de Baile Tradicional - Asociación de Gaiteiros Galegos. Youtube (Asociación de Gaiteiros Galegos). p. 1m. 25s. 
  5. Blume, Felix (2011-04-22). "TEMPO DA RECOLLEITA (Galego)". Consultado o 2021-04-01. 
  6. González, Fransi (2018). "A pandeireta e o canto en Bergantiños". Aturuxo (17): 40. 
  7. Cebeiro Fernández, José María; Noia Souto, Xosé Francisco (2014). Foliada en Rois `Terriña... a Nosa !´. A.C. A Regionalista. pp. 19–22. 
  8. Dacosta Alonso, Marta. "Axudádeme a cantar". www.terraetempo.gal. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2020. Consultado o 2021-03-31. 
  9. Souto, Xurxo (2001). Contos da Coruña. Edicións Xerais. pp. 75–79. 
  10. "Un repaso á Elección Histórica Costa da Morte ((Pandereteiras de Mens))". Que pasa na costa. Consultado o 2021-04-01. 
  11. "Curso(s) de canto e percusión n’aCentral Folque". Folque. 2017-03-24. Consultado o 2021-04-12. 
  12. Nós Televisión (2021). Saúde e terra, Xurxo Souto! (Youtube). 
  13. "Homes de pandeireta (e de tamboril)". culturagalega.org. 2016-06-03. Consultado o 2021-03-31. 
  14. As cantareiras e a poesía popular oral protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]