iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/O_pan_na_cultura_popular
O pan na cultura popular galega - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

O pan na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «O pan na cultura popular»)
Pan de bola

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do pan na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Recóllese non só a información referida expresamente ó pan, senón tamén a referida á fariña e a actividades directamente relacionadas, como sementar, segar etc.; as referidas ó millo e á broa recóllense no artigo o millo na cultura popular galega.

Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén denomina o millo aínda na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades.

Etnografía

[editar | editar a fonte]

Botando unha vacaloura na auga coa que se fai a masa para enfornar, crese que o pan leveda antes.

Crese que cando as vacas acabadas de parir deitan un costro sanguinolento, débese a algunha meiga lles botara un meigallo. Para superalo, débese acender o forno tres veces ó día e botar nel o leite muxido, co que se supón que así se mata a bruxa ou, cando menos, se desfai o meigallo [1].

Cando meten o pan no forno hai que rezar o seguinte ensalmo: Que Deus te aumente con San Vicente, que Deus te levede con san Mamede. Ou ben: Que Deus te acrecente e o señor san Vicente e a santa Mariña, pra que te fagan vir axiña.

De sempre, o pan recibiu un trato de respecto debido, seguramente, ás implicacións relixiosas derivadas do seu uso por Xesucristo en momentos relevantes do nacemento do cristianismo. O feito de considerar o pan como o Corpo de Cristo esixía darlle un trato especial. Moi probablemente os tempos de fame tiveron que intervir tamén nese mesmo tratamento respectuoso.

Por todo o anterior, nunca se debe tirar o pan ó chan e, se nos cae, debe recollerse inmediatamente e bicalo. Se alguén atopa un anaco de pan deitado nun camiño, debe recollelo e colocalo onde ninguén o poida pisar.

Cando algún esmolante veña pedir e se lle dea un pan, tamén hai que bicalo antes de darllo. E o pobre debe repetir o xesto antes de agradecelo.

Tampouco se debe tirar o pan sobrante ao lixo, pero se admite botalo ao lume.

É de mal agoiro deixar cravado un coitelo no pan, o mesmo que pousalo na mesa dado a volta.

Fraseoloxía

[editar | editar a fonte]

Locucións

[editar | editar a fonte]
A pan e coitelo:
Ter xente na casa, estar a mesa posta
Artigo principal: Locucións galegas sobre o pan.
  • A pan comer: acoller xente na casa, a mesa posta.
  • A pan e auga: aplícase a castigos de xexún.
  • A pan e coitelo: a pan comer.
  • A pan e mantés: a pan comer.
  • A pan pedir: vivir da caridade pública, pedindo esmola.
  • A pan seco comer pan só, sen outro compango nin viño.
  • ¡Así Dios nos dea pan e paz!

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
En abril espigas mil
Artigo principal: Refraneiro galego sobre o pan.
  • A auga de san Xoán, leva o viño e tolle o pan.
  • A auga de san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • A auga polo san Xoán tolle o viño e non dá pan.
  • A choiva no abril dá millo e dá pan.
  • A chuvia por san Xoán, tolle o viño e non dá pan.
  • A falta de pan, bo é pantrigo.
  • Á mesa sin pan non te poñas a xantar.
  • A pan de quince días, fame de tres semanas.
  • A pan duro, dente agudo.
  • O pantrigo fíxoo Deus, a broa mandouna facer.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
Mariquiña da forneira,
a túa nai onte coceu,
dáme un anaco de bóla
pola nai que te pareu
  • A galiña pon o ovo/ pra o proveito da muller:/ o home vai pra o monte/ ¡come broa si a quer! [2].
  • Á miña Mariquitiña/ heina de ensinar a todo;/ a peneirar, a amasar/ i a mete-lo pan no forno [3].
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ bebeu un xarro de viño,/ comeu unha bola enteira [4][5].
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [6].
  • A miña muller morreu/ enterreina tras do forno,/ pasei onte por alí,/ inda me choscou un ollo [7].
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [8].
  • A muller que ha de ser miña/ ha de ter o cu de pan,/ a barriga de cortizo/ i o nariz de bacallau [9].
  • A túa muller, Farruco,/ éche ben cumprimenteira,/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [10].
  • Ai, Xesús, que calma fai/ por riba dos segadores!/ quen fora ramiño verde/ que cobrise ós meus amores [11].
  • As meniñas, as de Calvos,/ todas ten a saia rota,/ só a filla da forneira/ que a ten feita de estopa [12].
  • Cala, bica balorenta,/ cálate e vaite calando,/ que un ollo teño torto/ i o outro estao arremedando [13].
  • Cala, cebola rustrida,/ que es bica de formento,/ eres unha penachuda,/ cara de porco cheirento [14].
  • Cando eu era rapaz/ faguía mil diabluras:/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba a Dios ás escuras [15].
  • Cando paso á túa porta/ collo pan e vou comendo/ porque non digan teus pais/ que de verte me manteño [16].
  • Cando te queiras casar/ busca viño de Xeás,/ panciño de Vilanova/ e carneiro de Gaiás [17].
  • Cara de leite fervido,/ cara de pan balorento,/ anda tua nai decendo/ que lle cóme-lo formento [18].
  • Caseime no mes de agosto/ porque había moito pan,/ o forno da miña sogra/ cría o fiollo no vran.
  • Casou Rosa cun mociño/ que é noxenta criatura,/ mais cando non hai o pan/ porvéintanse as faragullas [19].
  • Catro cartos para pan,/ tres e medio para viño,/ un carto para tabaco,/ alá vai un realiño.
  • Cunha codia de pan quente,/ unha sardiña salgada/ e o abrazo dunha nena/ pasa un home unha somana [20].
  • Dame un bocado de pan/ pola nai que te pareu,/ que che hei de dar un xurelo/ cando veña de Bueu [21].
  • De almorzo danme papas,/ de xantar papas me dan,/ de merenda danme papas,/ de noite papas sen pan [22].
  • Déixame ir, que vou de presa,/ que vou abrir unha poza,/ teño trigo sementado/ no curazón dunha moza [23].
  • Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo [24].
  • Durme, meu solciño, durme,/ pra que eu poida traballar;/ teño que lava-los panos,/ peneirar e amasar [25].
  • Eres blanca como o leite,/ colorada como o trigo;/ se te non levan de noite/ de día non tes perigo [26].
  • Este ano hai moito trigo,/ ¡casamentos que ha de haber!/ hase de casa-la fame/ coa gana de comer [27].
  • Eu non quero ver tristezas,/ queiro o sol á miña beira;/ onda a sombra o pan non crece/ nin dá rosas a roseira [28].
  • Eu subín ó alcipreste,/ subino e baixei de pé;/ non quero pan encetado/ que o meu enteiriño é [29].
  • Foi a merla onde a formiga/ e pedíulle un pan prestado;/ a formiga lle repuxo:/ Mentras andas na silveira,/ chirlo merlo, chirlo merlo,/ traballa de vrau/ pra comer de inverno [30].
  • Fun ó santo San Andrés/ fun coa miña empanada,/ anque o santo é milagreiro/ é amigo da fuliada [31].
  • Heiche de dar viño tinto,/ sopas de pan balorento,/ moza que falas comigo,/ mira que pérde-lo tempo [32].
  • María Antonia do Rego,/ a do refaixo marelo,/ andas segando no trigo,/ falando cun ganadeiro [33].
  • Mariquiña da forneira,/ a túa nai onte coceu,/ dáme un anaco de bola/ pola nai que te pareu.
  • Mariquiña da forneira/ se coceres faime un bolo,/ se mo fas, faimo de trigo,/ que centeo non cho como [34].
  • Maruxa, se vas á sega/ escríbeme do camiño,/ se non topares papel,/ nas alas dun paxariño [35].
  • Maruxiña da Portela,/ hoxe túa nai coceu,/ dáme un cachiño de bola/ pola nai que che pareu [36].
  • Marzo, espigarzo;/ abril, penduril;/ maio, granado;/ san Xoán, curado./ Na santa Mariña/ metelo na arquiña.
  • Meu filliño pequerrecho,/ tesouro da túa naiciña,/ durme, que inda hei de ir ó muíño/ buscar pró pan a fariña [37].
  • Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir amasar,/ durme logo, queridiño,/ que te quero ir deitar [38].
  • Meu meniño, durme, durme,/ que teño que ir ó muíño,/ teño que ir pola fariña/ para fague-lo panciño [39].
  • Miña comadre Pelonia, / veño a que me preste un pan. / Meu compadre escaravello, / ¿logo que fixo no vran?
  • Miña nai como é moi probe/ non tiña pan que me dar,/ encheume a cara de bicos,/ despois rompeu a chorar [40].
  • Miña nai, cando peneira,/ bate cos pés no sobrado,/ dime que non quere xenro/ i eu xa llo teño buscado [41].
  • Miña nai, cando peneira,/ báteme cunha variña;/ dime que fuxa dos homes/ coma o gato da sardiña [41].
  • Miña nai, miña naiciña,/ non hai outra como a miña,/ que non comía ela o pan/ por llo dar á súa filla [42].
  • Miña nai por me casar/ pormeteume canto tiña;/ dende que me viu casada/ deume o fol da fariña [43].
  • Mozas que van á seitura,/ mozas que á seitura van,/ mozas que van á seitura,/ lévanna e non a tran [44].
  • Non botes leña no forno,/ se é que xa quente estivere,/ Non rifes, muller, co home,/ cando por algo se altere [45].
  • Non chores meu irmauciño/ que a naíña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e non nos ha de tardar [46].
  • Non chores meu pequeniño/ que a naiciña está a chegar:/ foi pola fariña ao muíño/ e teu pai foille asubiar [47].
  • O crego e maila criada/ botaron o pan no forno,/ e os pequenos lles dicían/ nanai, teta, papai, bolo [48].
  • O crego e mais a criada/ ordenaron de cocer;/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer [49].
  • O cura e maila criada/ ordenaron de cocer,/ tiñan a leña no monte/ e a fariña por moer [50].
  • O día da miña voda,/ que ogallá sexa mañá,/ heime mercar un vestido/ i unha boroa de pan [51].
  • O lobo i a muller/ trataron de cocer:/ a leña no monte,/ a fariña por moer [52].
  • O meu meniño é pequeno,/ heino daprender a todo:/ a amasar i a peneirar/ i a que quente ben o forno [53].
  • O meu pai foi sancristán/ e fixo moitas diabruras,/ mollaba o pan no aceite,/ deixaba o Cristo ás escuras [54].
  • O pan trigo, sabe ben,/ dichoso de quen o come!/ Muller bonita casada,/ fortuna para o seu home [55].
  • O Roque e maila muller/ ordearon de cocer,/ tiñan a leña no monte/ i a fariña por moer [56].
  • Os ratos coa fariña/ ten un bo divertimento:/ eu tamén che me adivirto/ traguéndote no pensamento [57].
  • Para pantrigo, Castilla,/ para buen vino, el Ribeiro,/ para rapazas bonitas/ viva Facós, que es mi pueblo [58].
  • Pequerrechiña/ quedei sen pai,/ almas sinxelas/ dádeme pan;/ inda son nena/ e no lugar/ andan os mozos/ a ver cal deles/ me ha de levar [59].
  • Perguiciña, queres pan?/ Quero, quero, se mo dan./ Pois vai busca-lo coitelo./ Ai, non señor, non o quero [60].
  • Periñas me dan ao almorzo,/ ao xantar peras me dan,/ á merenda danme peras,/ ao cear peras sen pan [22].
  • Sega, fouciñiño, sega,/ por ise panciño raro,/ que ó que quer gañá-la vida/ cómprelle de ir con coidado [61].
  • Sete xastres fan un home/ no ano do pan barato,/ que no ano do pan caro/ precísanse vintecatro [62].
  • Sete xastres fan un home/ o ano do pan barato,/ o ano que o pan é caro/ xa fan falla vintecatro [63].
  • Si todo o mar fora leite/ e Monte Louro boroa,/ xa terían que comer/ os tramalleiros de Boa [64][65].
  • Tanto baillei/ á porta do forno,/ tanto baillei/ que me deron o bolo [66].
  • Teño muíño e moe fariña,/ teño forno e coce pan,/ teño unha muller bonita,/ xa estou feito un capitán [67].
  • Terra negra non dá pan;/ os mociños de Galicia/ noutra terra non os hai <refXaquín Lorenzo Fernández, 153.</ref>.
  • Tiroliro, miña gaita,/ tiroliro, que che falta,/ te-lo viño na bodega/ i o pantriguiño na arca [68].
  • Todo se me dá na man/ se non a sacha do millo/ e mais a sega do pan [69].
  • Todos din casar, casar,/ eu tamén me casaría,/ se non fora, miña prenda,/ polo pan de cada día [70].
  • Toma meu cego a limosna/ e non me tóme-la man./ - Perdone miña señora,/ pensei que todo era pan.
  • Torradiñas de manteiga,/ torradas non quero máis;/ por causa das torradiñas/ fóxenlle as fillas ós pais [70].
  • Vaite de eí, carociño,/ terra seca non dá pan;/ máis vale quedar solteira/ que casar cun balandrán [71].
  • Viva O Maño, viva O Maño,/ que é terra de moito pan,/ o forno da miña sogra/ bota uvas polo vran [72].
  • Xa hai tres días que non como/ senón lágrimas con pan;/ ises son os xantarciños/ que os teus amores me dan [73].

Recitados

[editar | editar a fonte]
-Preguizosa, ¿queres pan?
-Si, señora, se mo dan.
-Pois vai colle-lo coitelo.
-Non señora, así non quero.

O pan, fonte de léxico

[editar | editar a fonte]

Ademais do seu significado recto (alimento elaborado con fariña, auga, sal e lévedo, fermentado e cocido no forno), a palabra pan designa especificamente o centeo en numerosas localidades, sexa en gran, sexa aínda na terra, ou un cereal en xeral; segundo Eladio Rodríguez, tamén ó millo na terra. Pero ademais é un elemento de referencia para designar moitas outras realidades, algunhas relacionadas directamente co pan (formas, presentacións, características do pan) e outras como elemento metafórico:

Variedades de pan
  • bolo: peza de pan redonda e alta, tamén chamado molete.
  • pan abenzoado: pan que se bendecía na misa e que se repartía entre os fieis nos días solemnes.
  • pan albeiro: pan de trigo, moi branco e fino.
  • pan ácimo: pan feito sen lévedo.
  • pan branco: pan elaborado con fariña de trigo.
  • pan centeo, pan centeio: pan de centeo.
  • pan da borralla: pan cocido na cinza.
  • pan da lareira: pan cocido sobre a pedra da lareira, cuberto cunha tapa de ferro que á súa vez se cobre de brasas.
  • pan da voda: bóla de pan que se repartía entre os asistentes a unha voda, con carácter simbólico.
  • pan de boroa: pan de millo.
  • pan de entrepeneiras: pan de mestura.
  • pan de figos: pan elaborado con figos, améndoas e especias, con forma de torta.
  • pan de mestura: pan elaborado coa mestura de dúas fariñas diferentes, como tal millo e trigo. Para Eladio Rodríguez, o elaborado con fariña milla mesturada coa de trigo ou de centeo.
  • pan de millo: broa.
  • pan de molde: pan de codia branda e o miolo esponxoso, con forma rectangular, cortado en rebandas e empaquetado.
  • pan de ovo: roscón, elaborado con ovos e azucre.
  • pan de peneira: ver: pan picón.
  • pan de peso: pan de trigo, redondo e de gran tamaño, elevado no centro onde presenta unha especie de mamila. Chámase así porque se vende normalmente ó peso, segundo o demande o comprador.
  • pan de picos: bolo feito con fariña de trigo, formado con dúas barras de masa terminadas en punta e enlazadas polo centro, de forma que quedan as catro puntas saíntes e equidistantes.
  • pan de poia, pan de proia: torta que fai o forneiro cos restos da masa que se coce no seu forno. Adoita deixarse como pago en especie do usuario ó propietario do forno.
  • pan de relón: pan elaborado coa fariña da segunda criba. Tamén designa o pan elaborado co relón: casca dos cereais que se separa da fariña.
  • pan do lar: nome xenérico que reciben diversas clases de pan cocido na pedra da lareira (bica do lar e bóla do lar).
  • pan dos anxos: ver pan eucarístico.
  • pan dos días de festa: pantrigo.
  • pan eucarístico: hostia consagrada na misa.
  • pan feiral: trigo ou centeno comprado na feira ou no mercado.
  • pan froleado: pan elaborado coa flor da fariña de trigo.
  • pan grañón: pan moreno, feito con fariña de trigo lixeiramente peneirada.
  • pan integral: pan elaborado con fariña integral.
  • pan milleiro: broa.
  • pan negro: pan de centeo.
  • pan picón: pan elaborada coa fariña pasada por unha segunda peneira.
  • pan regañado: pan que se abre no forno, por estar moi quente.
  • pan relado: pan seco e moído que se emprega xeralmente para rebozar.
  • pan resésigo, pan reseso: pan que non está cocido no día senón o anterior ou máis atrás, polo que comeza a endurecer.
  • pan seco: pan só, sen outro acompañamento.
  • pan terzado: pan elaborado con tres tipos de fariña, que adoitan ser de centeo, de millo e de trigo.
  • pantrigo: pan elaborado con fariña triga.
O pan como metáfora
Pan do demo
(Amanita phalloides)
  • burra de pan: morea de feixes de palla, herba, etc, nas leiras
  • cabeza do pan: espiga do cereal.
  • mosca do pan: gorgullo.
  • pan da morte: cogomelo venenoso tamén chamado Cacaforra da morte (Amanita phalloides).
  • pan da zorra: ver pan da morte.
  • pan de amigo: soporte que sostén as "bancadas" nunha barca.
  • pan de can: ver pan da morte.
  • pan de cobra: cogomelo que o informante non identifica. Pode ser o tamén coñecido como peido de lobo.
  • pan de cóbrega: ver pan de cobra.
  • pan de corvo:cornizó do centeo.
  • pan de cuco: planta tamén chamada aleluia (Oxalis acetosella).
  • pan de cuco: planta tamén chamada erbellaca (Vicia sativa).
  • pan de cuco: planta (Vicia hirsuta).
  • pan de curuxa: ver pan de cobra.
  • pan de gaivota, de gavota: esponxa mariña.
  • pan de gaivota: cuncha interna da xiba.
  • pan de lagarto: especie de sempreviva (Sedum acre).
  • pan de lagartos: planta de zonas costeiras (Sedum album).
  • pan de lagosta, de langosta: ver pan de gaivota (esponxa).
  • pan de mouro, pan mouro: ver pan de gaivota (esponxa).
  • pan de paxaro: ver pan de lagarto e pan de lagartos.
  • pan de pega: ver pan pego.
  • pan de raposo: especie de cogomelo ou fungo que o informante non identifica.
  • pan de sapo: ver pan de cobra.
  • pan de sapo: ver pan de gaivota (esponxa).
  • pan do demo: ver pan da morte.
  • pan do demo: cogombro de mar ou holoturia (un equinodermo mariño).
  • pan e queixo: planta (Pontentilla erecta).
  • pan e queixiño: ver panqueixo.
  • pan pego: posta de ovos da barbantesa (Mantis religiosa).
  • pan senso: ver pan de gaivota (xiba).
  • panqueixo: planta (Capsella bursa-pastoris).
  • Na novela Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, o autor sinala as preocupacións de Balbino ao comer pan de millo (á súa nai "sentáballe mal a broa"), mentres os nenos de familias máis adiñeiradas podían mercar "pantrigo".
  • O Padre Sarmiento escribiu "Os rústicos comen pouco pan de trigo, o máis común que comen é pan de millo".
  • Castelao describiu unha Galiza soñada por el coma "Vexo aos nenos, loiros e bonitos, a comeren pantrigo con mel e manteiga".
  1. Eladio Rodríguez González, s. v. forno.
  2. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: pón, pr’a, par’o monte.
  3. Xaquín Lorenzo Fernández, 37. No orixinal: metelo).
  4. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No orixinal: éch’unha.
  5. Xaquín Lorenzo Fernández, 37.
  6. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No orixinal: inteira.
  7. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: choscóu.
  8. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No texto: inteira.
  9. É posible un erro na recollida da cantiga de pan por pau.
  10. Lino Lema Bouzas, 15.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 35.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 47. Santiago de Calvos, parroquia de Bande.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: valorenta.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 54. No orixinal: és, pero eres.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 55.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 56.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 56. Xeás é lugar de San Salvador de Torno, concello de Lobios; Gaiás é lugar da parroquia de Santa Cruz de Grou, no concello de Lobeira; e San Salvador de Vilanova dos Infantes é parroquia do concello de Celanova.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 59. No orixinal: valorento, tua, comelo.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 61. No orixinal: casóu. Xaquín Lorenzo di que é da autoría de Lamas Carvajal.
  20. Xaquín Lorenzo Fernández, 221.
  21. No texto: Dam'un, pol-a, ch'hei, xurêlo, Buêu.
  22. 22,0 22,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 260.
  23. Xaquín Lorenzo Fernández, 68. No orixinal: de unha.
  24. Xaquín Lorenzo Fernández, 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
  25. Xaquín Lorenzo Fernández, 73. No orixinal: lavalos.
  26. Xaquín Lorenzo Fernández, 75.
  27. Saudade nº 4, xullo 1943, 27. No texto: qu’ha, casal-a.
  28. Xaquín Lorenzo Fernández, 82.
  29. Xaquín Lorenzo Fernández, 84.
  30. Elixio Rivas Quintas 1978.
  31. Vicente Risco 1962, 405.
  32. Fermín Bouza-Brey 1929, 181. No orixinal: valorento, perdel-o.
  33. Xaquín Lorenzo Fernández, 93. En tempos, existían as chamadas mozas alugadas, que formaban cuadrillas para ir á sega a terras de preto, aínda que tamén podían chegar a Castela. A cantiga reflicte a súa mala fama.
  34. Xaquín Lorenzo Fernández, 93.
  35. Xaquín Lorenzo Fernández, 94.
  36. Fermín Bouza Brey 1929, 174. No orixinal: tua, dame, pol-a.
  37. Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: tua.
  38. Xaquín Lorenzo Fernández, 97.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 97. No orixinal: muiño, faguelo.
  40. Álvaro das Casas, en Nós 95, 15.11.1931, 217.
  41. 41,0 41,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 98.
  42. Xaquín Lorenzo Fernández, 100. No orixinal: sua.
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 100.
  44. Xaquín Lorenzo Fernández, 106. No orixinal: nona.
  45. Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: n'o forno, s'è que ja, estivère, mullèr, c'o home, s'altere.
  46. Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: muiño.
  47. Xaquín Lorenzo Fernández, 109. No orixinal: muiño. Irlle a asubiar a alguén ten a intención de darlle ánimos cando anda de noite polos camiños.
  48. Saudade nº 4, xullo 1943, 29. No texto: mail-a, nanái, papái.
  49. J. Leite de Vasconcellos: Vozes gallegas (1845).
  50. Fermín Bouza Brey, 189. No texto: mail-a.
  51. Xaquín Lorenzo Fernández, 117. No orixinal: boda.
  52. Xaquín Lorenzo Fernández, 118.
  53. Xaquín Lorenzo Fernández, 121.
  54. Álvaro das Casas, 216. No texto: âs escuras.
  55. Marcial Valladares Núñez, s. v. pantrigo. No orixinal: quèn, còme, mullèr, par’o, hòme.
  56. Xaquín Lorenzo Fernández, 124.
  57. Xaquín Lorenzo Fernández, 126.
  58. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. Cantiga castelá na que a única tradución foi a introdución de topónimos locais.
  59. Xaquín Lorenzo Fernández, 133.
  60. Xaquín Lorenzo Fernández, 133. No orixinal: buscalo, nono.
  61. Xaquín Lorenzo Fernández, 143. No orixinal: gañala.
  62. Xaquín Lorenzo Fernández, 147. O refraneiro e o cantigueiro están cheos de sátiras contra os xastres e, en menor medida, as costureiras.
  63. Saudade nº 4, xullo 1943, 28. No orixinal: qu’o.
  64. Boa é a parroquia máis occidental do concello coruñés de Noia, lindando con Porto do Son. Tramalleiros son os que pescan ó tramallo, unha arte de pesca formada por tres redes superpostas. Álvaro das Casas, 192; no orixinal: Montelouro,
  65. Lino Lema Bouzas 15.
  66. Xaquín Lorenzo Fernández, 149). Explica Xaquín Lorenzo que, cando se coce o pan de millo no forno, faise unha peza moi batida, delgada, que é a primeira que se saca do forno, a que chaman bolo. Compártese, como sinal de aprecio, cos veciños que se atopen no forno no momento de saca-lo bolo.
  67. Fermín Bouza-Brey: Paradela, Nós nº 97, 15.01.1932, 236. No texto: muiño.
  68. Xaquín Lorenzo Fernández, 155. No orixinal: telo.
  69. Fermín Bouza-Brey: Paradela, Nós nº 97, 15.01.1932, 19. No texto: mán, senón.
  70. 70,0 70,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 156.
  71. Xaquín Lorenzo Fernández, 160. No orixinal: ehí.
  72. No orixinal: pol-o. Fermín Bouza-Brey, 195.
  73. Xaquín Lorenzo Fernández, 164. No orixinal: dias, senon, dán.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • Fermín Bouza-Brey (colector): "Novas cántigas e triadas da parroquia de Paradela, na terra da Ulla", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 96, 15.12.1931.
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 95, 15.11.1931.* ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
  • Rodríguez Castelao, Alfonso: Sempre en Galiza, 1944. ISBN 978-84-8288-729-6
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • NEIRA VILAS, Xosé: Memorias dun neno labrego. Editorial Galaxia, 1961. ISBN 978-84-9865-343-4.
  • RISCO, Vicente: "Cultura espritual", en Historia de Galiza tomo I, 1962 (reed. Akal 1979, 255-777).
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]