iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Narración
Narración - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Narración

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Presentación sobre a narración para alumnos de ESO

Unha narración é un sistema de elocución que supón o relato oral, escrito e/ou visual dunha sucesión de feitos que se producen ao longo dun tempo determinado que, normalmente, dá como resultado a variación ou transformación, no sentido que sexa, da situación inicial.

Ten un significado distinto segundo se considere desde un punto semiolóxico ou lingüístico: mentres que desde a perspectiva semiolóxica a narración pódese realizar con calquera clase de signos, a lingüística considera que un "texto narrativo" responde a unha clasificación baseada na estrutura interna onde predominan secuencias narrativas. Estas secuencias constrúense mediante o signo lingüístico (o que deixa fóra o carácter narrativo que puidese presentar un cadro ou unha imaxe, tal como por exemplo "A liberté guidant lle peuple" de Eugène Delacroix).

Narrar é relatar sucesos que se xeran nun espazo e nun tempo determinado. A narración é un acto comunicativo no cal un narrador envía a un receptor unha mensaxe na cal se produce unha acción que implica a uns personaxes. Esa comunicación transmítese a través dunha organización sintáctica (un discurso) no cal estes elementos se integran.

A narración non é exclusiva dos textos narrativos e dificilmente un texto presenta exclusivamente unha modalidade narrativa sen que outra modalidade estea presente: Non se concibe a narración sen elementos descritivos.

Peculiaridades da narración

[editar | editar a fonte]

O texto narrativo, en contraposición coa descrición, exposición e argumentación, posúe as seguintes peculiaridades:

  1. Achega unha temporalidade que posúe carácter estruturador.
  2. A acción narrativa é un elemento primordial.
  3. Adoita ir acompañado doutras formas de expresión, diálogo, descrición.
  4. Predominancia de determinados procedementos lingüísticos:
  • O tempo que acostuma predominar no texto narrativo é o perfecto, inda que en menor medida aparecen o imperfecto -tempo máis adecuado para a descrición- e o presente. En ocasións úsase o presente histórico coa intención de achega-lo pasado ó lector.
  • Preferencia pola predicación e o uso da subordinación temporal, inda que a organización xeral sexa coordinativa.
  • Uso de conectores temporais (adverbios, frases nominais, frases preposicionais e cláusulas subordinadas, que funcionan como complementos circunstanciais de tempo,...)
  • Preeminencia do verbo

Textos reais e textos ficticios

[editar | editar a fonte]

Segundo a maneira de representa-la realidade pódese diferenciar entre textos reais e textos ficticios:

Narracións de feitos reais:

  • Cóntase algo vivido polo emisor ou por outras persoas;
  • Coincidencia entre emisor e autor;
  • Axústase ás leis do mundo real;
  • Non se establece diferenza entre historia e discurso que a narratoloxía establece como necesaria para os textos literarios;

Narración de feitos ficticios ou narración literaria:

  • Cóntanse feitos inventados, aínda que poden estar baseados en sucesos reais;
  • O autor está presente no plano da realidade, e o emisor (narrador) no plano da ficción (no plano do texto);
  • O mundo da ficción non ten por que se axustar as leis que operan na realidade;
  • É crucial e definitoria a oposición entre historia e discurso;

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]