Mega Drive
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2014.) |
A Sega Mega Drive, coñecida en diversos territorios de América como Sega Genesis, é unha videoconsola de 16 bits producida por Sega. Forma parte da cuarta xeración de videoconsolas e competiu no mercado contra a SNES de Nintendo. Foi comercializada en 1988 no Xapón como Mega Drive e en 1989 en Norteamérica como Genesis. En 1990, foi distribuída en Europa como Mega Drive por Virgin Mastertronic, Ozisoft en Australasia e Tec Toy no Brasil. En Corea do Sur foi distribuída por Samsung co nome Super Gam*Boy e posteriormente Super Aladdin Boy.
Deseñada por un equipo de I+D supervisado por Hideki Sato e Masami Ishikawa, a Mega Drive foi adaptada da placa arcade Sega System 16, centrada nun procesador Motorola 68000 coma CPU, cunha controladora de son Zilog Z80 e un sistema de vídeo compatible con sprites, tiless e desprazamentos (scrolling). O sistema alberga unha biblioteca de máis de 900 xogos en formato cartucho. Distribuíronse diversos periféricos, como unha base convertidora para poder utilizar xogos de Master System. A consola sufriu múltiples variacións, realizadas tanto por Sega coma por terceiros. Ademais, Sega creou dous servizos de rede para esta consola: Sega Meganet (o Xapón e o Brasil) e Sega Channel (Norteamérica).
Moitos dos seus xogos foron relanzados anos máis tarde en compilacións ou mediante servizos en liña como Nintendo Virtual Console, Xbox Live Arcade, PlayStation Network e Steam. A Mega Drive foi sucedida en 1994 pola Sega Saturn.
Historia
[editar | editar a fonte]Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]Malia que a Sega Master System resultara ser un éxito en Suramérica e Europa, non conseguiu chamar a atención nos mercados norteamericanos ou xaponeses, que a finais dos oitenta estaban dominados por Nintendo, cunha porcentaxe de mercado do 95% e 92% respectivamente. Coa esperanza de incrementar drasticamente a súa cota, Sega propúxose crear unha nova máquina que fose como mínimo tan poderosa coma o resto do hardwarse máis impresionante do mercado, o Commodore de 16 bits de Amiga e os ordenadores domésticos da Atari ST.
Posto que os xogos arcade de System 16 que Sega estaba fabricando eran moi populares, Hayao Nakayama, daquela xefe executivo de Sega, decidiu facer que o novo sistema empregase unha estrutura de 16 bits. O deseño final resultou un éxito e encaixaba ben cos tres novos xogos arcade; o Mega-Tech, o Mega Play, e o System C. Calquera xogo arcade feito para estes sistemas podería fácil e rapidamente funcionar na nova videoconsola (un proceso coñecido como porting).
O primeiro nome que Sega pensou para a nova videoconsola foi MK-1601, mais decidiu utilizar o nome de "Sega Mega Drive". "Mega" tiña a connotación de superioridade, e "Drive" tiña a de velocidade e poder. Recibiron ese nome as versións da consola no Xapón, Europa, Asia, Australia e o Brasil. O nome nos Estados Unidos trocouse polo de Genesis debido a unha disputa pola marca rexistrada, mentres que a versión de Corea do Sur foi chamada Super Gam*Boy (삼성수퍼겜보이) e Super Aladdin Boy (transliteración de 수퍼알라딘보이; esta foi a versión coreana da Mega Drive 2). Esas consolas foron autorizadas e distribuídas por Samsung.
A posta á venda no Xapón
[editar | editar a fonte]Mega Drive foi posta á venda no Xapón o 29 de outubro, 1988 a un prezo de 21.000 iens, case un ano despois que a primeira consola clasificada popularmente como máquina de 16 bits, a NEC PC Engine. Aínda que isto causou nun primeiro momento poucas vendas, a Mega Drive axiña eclipsou en popularidade a anterior consola.
A posta á venda en Europa
[editar | editar a fonte]A posta á venda foi o 30 de novembro de 1990 no Reino Unido, a un prezo de 189,99 libras. O primeiro envío do Reino Unido de 30.000 unidades foi vendido aos distribuidores Comet, Dixons, Rumbelows e Toys R Us (Foulger, 2000).
A posta á venda en Norteamérica e desenvolvemento adicional
[editar | editar a fonte]Sega anunciou a data para a posta á venda en Norteamérica en 1987, poñendo énfase en que era a primeira consola de 16 bits verdadeira. As vendas en EUA comezaron o 9 de xaneiro de 1989 en Nova York e Os Ánxeles cun prezo estimado de 200 dólares na súa saída. Foi posta á venda no resto de Norteamérica o 15 de setembro co prezo rebaixado lixeiramente a 190$.
Inicialmente Genesis competiu contra a consola de 8 bits NES, á que avantaxaba en gráficos e son. Porén, era unha loita ardua contra a omnipresenza de Nintendo nas casas dos consumidores e o amplo catálogo de xogos xa dispoñíbeis. Nun esforzo por facerse cunha base de consumidores importante, Sega decidiu centrarse nos consumidores un pouco máis vellos, en concreto mozos de tardía adolescencia e pouco máis de vinte anos, que disporían de maiores ingresos, e que estarían ansiosos por títulos con maior contido adulto e/ou profundidade no xogo. Así pois, Sega publicou títulos tales como Altered Beast e a serie Phantasy Star. Malia que a NES e Nintendo seguían a ser unha ameaza importante para a cota de mercado de Sega, esta relegou o teoricamente competitivo sistema TurboGrafx 16 a un relativo segundo plano, grazas en parte á pobre campaña de mercadotecnia da NEC en Norteamérica.
A principal competencia da Genesis rematou por ser a consola de 16 bits de Nintendo, a SNES, á que avantaxaba ao comezo en termos de número de usuarios e de xogos, invertendo o problema que Sega experimentara fronte á NES. Genesis seguiu mantendo unha boa base de afeccionados grazas principalmente a títulos multixogador e de deportes. A posta á venda de Sonic the Hedgehog en 1991 ameazou con esgolar dende aquela a posición número un de Nintendo nos Estados Unidos. Sonic foi publicado para substituír a mascota orixinal, Alex Kidd, e fornecer o compoñente asasino que Sega precisaba. Isto fixo estourar a que podería chamarse a maior guerra de consolas na historia dos videoxogos.
En 1992, Sega gozaba dunha posición forte no mercado, copando un 55% da cota de mercado en Norteamérica. Enfrontada a unha lixeira recesión nas vendas e a unha pequena perda de cota de mercado fronte á SNES, Sega volveu mirar para Sonic para renovar as vendas. A publicación do enormemente agardado Sonic the Hedgehog 2, xunto cunha agresiva campaña de publicidade que atacaba a Nintendo, propulsou as vendas de Genesis durante un certo período, e deu un pulo á cota de mercado de Sega, que chegou a acadar un sorprendente 65%.
En menos dun ano, en 1993, Sega puxo á venda unha versión redeseñada da consola cun novo prezo máis reducido. Compactando o sistema de chip interno nun máis reducido, cunha placa nai unificada, Sega reduciu radicalmente o tamaño do sistema e baixou os custos de produción simplificando o proceso de montaxe e reducindo o número de circuítos integrados que cada unidade precisaba.
Á parte da posta á venda dos extras Sega CD e 32X para a Genesis/Mega Drive, o último grande anuncio de Sega veu en forma dunha asociación coa Time Warner nos EUA para ofrecer un servizo de subscrición chamado Sega Channel, o cal permitía aos subscritores descargar xogos de maneira mensual.
A baixada na cota de mercado
[editar | editar a fonte]Os fiascos do Sega CD e da 32X, unha falla de publicidade efectiva e as rifas entre Sega América e Sega Xapón deixaron tocada á compañía. Cara á metade de 1994, a cota de mercado de Sega caera do 65% ao 35%, e os anuncios de novas e máis poderosas consolas tales coma a Saturn, a Playstation, e a N64 apuntaban a que a era dos 16 bits estaba chegando á súa fin. O interese na Genesis sufriu profundamente como resultado, engadíndose ás súas xa pobres vendas. En 1996, menos dun ano despois do debut da súa consola Saturn, Sega apresurouse a tomar parte no final da era dos 16 bits interrompendo a produción da Genesis e dos seus accesorios.
Rexurdimento da popularidade en Norteamérica
[editar | editar a fonte]Nestes últimos anos, a Genesis experimentou unha especie de renacemento debido en gran parte ao mercado negro de cartuchos sen licenza (por exemplo, a saída ao mercado da Wisdom Tree) e a descarga de ROMs, aos que se pode xogar por medio de emuladores tales coma o Gens. Tamén existe unha tendencia cara á programación caseira sobre a Genesis empregando PCs persoais.
No 2000, xurdiu unha moda cara aos xogos de TV tipo plug-and-play, e Radica lanzou versións auto-contidas con licenza de xogos da Mega Drive para o mercado norteamericano (baixo o nome de Play TV Legends Sega Genesis) e europeo (baixo o nome de Sega Mega Drive 6-in-1 Plug 'n' Play), que conteñen seis populares xogos, unha pequena caixa e un mando. Non ten rañura para os cartuchos, e desta maneira é unha consola específica. Porén, Benjamin Heckendorn, famoso por ter convertido en portátil a Atari, probou que de feito é posíbel engadir unha rañura para cartuchos cun pouco de soldadura.
Variantes da Mega Drive e Genesis
[editar | editar a fonte]Sega Mega Drive (Xapón)
[editar | editar a fonte]- Axustes en xaponés.
- Toma para auriculares.
- Porto AUX sinalado A/V OUT.
- Porto EXT de 9 pins.
- Admite o Sega Mega-CD e a Sega Super 32X.
- Ten un mecanismo de bloqueo para o cartucho.
- Remate negro brillante.
- A moldura circular ten este texto en púrpura: "AV Intelligent Terminal High Grade Multipurpose Use". Na parte de abaixo do círculo hai un cadrado púrpura cun LED vermello indicador de corrente.
- Rañuras de ventilación á esquerda.
- "Mega Drive" está escrito en branco na parte baixa á dereita da consola, á esquerda do logo de Sega.
- O botón de reinicio e o de comezo do mando son azuis.
Sega Mega Drive (Europa, Australia, e Nova Zelandia)
[editar | editar a fonte]- Convertida para reproducir un sinal de 50 Hz PAL.
- Axustes en inglés.
- Incapaz de reproducir xogos da Mega Drive xaponesa por mor da forma dos cartuchos e da consola. Porén, vendéronse adaptadores para xogar cos xogos xaponeses no modelo europeo.
- Eliminouse o dispositivo de bloqueo do cartucho.
- O texto "High Definition Graphics · Stereo Sound" atópase detrás da rañura do cartucho (só se encontra nos primeiros modelos).
- O botón de reinicio e o de comezo do mando son brancos.
- Número de modelo 1600-05 (modelo orixinal), 1601-05 (segunda variante sen o texto "High Definition Graphics - Stereo Sound" nin porto EXT)
Sega Mega Drive (Asia)
[editar | editar a fonte]Esta consola é unha variante da Mega Drive europea e a miúdo é confundida coa versión xaponesa.
- Ningún texto ao redor do círculo.
- O logo de "16-Bit" é máis grande.
- O botón de reinicio e o de comezo do mando son azuis.
- Idéntica á versión europea coa saída PAL ou NTSC.
- Logotipo xaponés e empaquetado que semella á versión xaponesa.
- Os xogos están empaquetados coma os europeos coa mesma etiqueta. Porén, os cartuchos teñen a mesma forma que os xogos da Mega Drive do Xapón.
Sega Genesis (Norteamérica)
[editar | editar a fonte]- Toma de auriculares.
- Porto AUX sinalado A/V OUT.
- Porto EXT. de 9 pins nos primeiros modelos.
- Admite o Sega Mega-CD e a Sega Super 32X.
- Remate negro brillante.
- Rañuras de ventilación á esquerda.
- O botón de reinicio e o de comezo do mando son grises.
- "Sega Genesis" está escrito en branco na parte superior baixo a rañura do cartucho.
- O modelo número MK-1601 producíase no Xapón, as versións máis novas en Taiwán, para reducir custos.
Sega Mega Drive 2 (Xapón)
[editar | editar a fonte]- Nova forma cadrada.
- Sen toma de auriculares.
- Unha multi-saída especialmente deseñada, para imaxe e son.
- Lapelas vermellas no porto do cartucho.
- O texto "High Grade Multi Purpose Intelligent Terminal" atópase tralo porto do cartucho.
- Inclúe un controlador de seis botóns.
- Ningún indicador LED.
- NOTA: este modelo tamén se lanzou en Europa / Australia, en certos paquetes.
Sega Mega Drive 2 (Europa, Australia, e Nova Zelandia)
[editar | editar a fonte]- Nova forma cadrada.
- Sen toma de auriculares.
- Porto A/V conmutado a unha multi-saída especialmente deseñada, para imaxe e son (con anterioridade, só se empregaba son mono, xa que o son estéreo viña a través da toma de auriculares).
- Botón interruptor de acendido.
- Porto de corrente máis pequeno e adaptador de CA diferente.
- Modulador RF eliminado.
- Ten un LED de corrente vermello entre os botóns de acendido e de reinicio.
- Cable RF auto-conmutábel incluído.
- Modelo número MK-1631-50.
Sega Genesis (Norteamérica, segundo modelo)
[editar | editar a fonte]Nota: Este modelo non foi chamado oficialmente "Genesis 2".
- Nova forma cadrada.
- Sen toma de auriculares.
- Unha multi-saída especialmente deseñada para imaxe e son.
- Ten un LED de corrente vermello entre os botóns de acendido e de reinicio.
- "Genesis" escrito nun cadrado sobre a rañura do cartucho.
- Modelo número MK-1631
Sega Genesis 3 (Norteamérica)
[editar | editar a fonte]- Anunciado no 1997 coma a versión económica da Sega Genesis.
- Producida por Majesco.
- Posta á venda no 1998 coma "Genesis 3" só en Norteamérica.
- O prezo de venda era de 50 dólares.
- Debido á falla dun porto de expansión, incapaz de conectarse ao Sega CD.
- Número de modelo MK-1641.
Outras variantes da Mega Drive e da Genesis
[editar | editar a fonte]A Wondermega/X'eye
[editar | editar a fonte]Wondermega (chamada X'eye en norteamérica), é unha combinación da Mega Drive e Mega-CD vendida por Victor (coñecido coma JVC fóra do Xapón) que nunca saíu á venda en Europa.
- Mellor calidade de son.
- Porto MIDI.
- Dúas entradas para micrófonos.
- Saída S-video (só na Wondermega, non na posterior X'eye, agás mediante modificación do usuario).
- Incluía un CD chamado Game Garden que contiña Flicky (xogo de preguntas) e Pyramid (xogo de puzzle.) O CD é compatíbel con CD-Gs (CD e gráficos).
- Outro lanzamento viña con Compton's Interactive Encyclopedia, Prize Fighter, e un CD demo CD+G de Karaoke.
- Unha versión xaponesa contiña un xogo de plataformas chamado 'Wonderdog', de Core.
- Admitía o "Wonder CD", periférico que permitía crear música e conectar a mecanismos MIDI.
- Admitía un teclado musical chamado "Piano Player", que permitía crear música e aprender a usar o teclado.
- Máis tarde déuselle unha forma máis suave e curvada. Algúns dos extras foron eliminados e os mandos foron reconvertidos con infravermellos.
Sega Multi-Mega/CDX
[editar | editar a fonte]Sega Multi-Mega (chamada CDX en Norteamérica) é unha Mega Drive/Genesis e Mega-CD/Sega integradas con máis capacidades que tamén funcionan como CD portátil, dirixida a un mercado máis pudente. O prezo no Reino Unido foi de 350 libras esterlinas.
- Sen pantalla integrada.
- Podía funcionar como CD portátil. Os controles do CD están situados na parte frontal da consola. Unha pantalla de cristal líquido (LCD) retroiluminada amosaba o número da pista. Contaba cun porto extra para un equipamento estéreo.
- Alimentada por medio de dúas pilas 2 AA cando se empregaba como lector de CD. A unidade debía ser alimentada por un adaptador CA para xogar.
A Mega-Tech e a Mega Play
[editar | editar a fonte]A Mega-Tech era unha máquina arcade que dispuña de dez xogos da Mega Drive ou Master System trocábeis nun bastidor semellante ao PlayChoice-10 de Nintendo.
- Posta á venda inicialmente en 1989 con algúns dos mellores títulos do momento tales coma Thunder Force II, Altered Beast, Tetris, Last Battle, Space Harrier II, e Golden Axe.
- Os xogos podían ser trocados en calquera intre e máis títulos coma Sonic the Hedgehog, estaban dispoñíbeis. Os xogos eran idénticos aos do seu homólogo non-arcade e todos os códigos de acceso eran funcionais.
- Os xogos introducíanse mediante un cartucho da Mega Drive coa forma xaponesa, aínda que un pouco máis pesada. As etiquetas eran prateadas e vermellas e só tiñan o texto "Mega-Tech" impreso nelas. Estes cartuchos non son compatíbeis cunha Mega Drive/Genesis normal por mor da información extra que conteñen para arrincar o segundo monitor, e as diferenzas na distancia no extremo do conector, número de pins, pins de saída, e o espazo.
- Unha segunda pantalla, máis pequena, de nove polgadas, está situada na parte superior do bastidor. Mostraba as instrucións de cada un dos xogos.
- O usuario paga por certa cantidade de tempo. Cando o tempo estea a piques de rematar a pantalla verde produce uns refachos de luz verde para avisar o usuario de que é preciso meter máis cartos para continuar o xogo.
A Mega Play foi outro sistema arcade como Mega-Tech, mais esta só tiña capacidade para catro cartuchos e non podía reproducir xogos de Master System. Os cartuchos tiñan forma semellante aos xaponeses para a Mega Drive, aínda que incompatíbeis coa Mega Drive para consumidor ou os sistemas Mega-Tech.
A Mega Jet e a Genesis Nomad
[editar | editar a fonte]A tecnoloxía orixinal detrás da Genesis Nomad baséase na Mega Jet, que era unha versión semi-portátil da Mega Drive que empregaba Japan Airlines para o entretemento durante os voos. O aparato carecía de pantalla propia mais se podían usar cartuchos da Mega Drive cando se encaixaban a un monitor pequeno que se usaba nos voos da Japan Airlines. A unidade dispuña dun mando direccional á esquerda e seis botóns á dereita, semellante ao deseño do controlador de xogo.
Unha versión para o consumidor da Mega Jet foi posta á venda por Sega Xapón o 10 de marzo de 1994 a un prezo de 123 dólares. Era esencialmente a mesma unidade que se empregaba nos voos da JAL, o que significaba que carecía de pantalla e non podía ser acendida sen adaptador CA. Non se engadiron máis extras ou melloras. Sega continuou en outubro de 1995 coa Genesis Nomad para o mercado norteamericano, esencialmente a Mega Jet cunha pantalla de cristal (LCD) de 3,25 polgadas e un compartimento para pilas situado na parte traseira do sistema, para seis pilas AA, o que a facía completamente portátil e non só un sistema Genesis máis reducido. Ademais dos outros avances da Mega Jet, engadiuse un conectador A/V na parte superior que permitía aos usuarios xogar nunha pantalla de televisión cun cable A/V diferente. Unha característica interesante era a posibilidade de que un xogador usase a pantalla do televisor mentres o outro vía a través da da Nomad. O mando direccional da unidade controlaba todos os xogos para un xogador e o porto localizado na parte baixa permitía a conexión dun segundo controlador para xogos de dous xogadores. Isto significaba que a Nomad podía ser tanto un sistema completo para a casa coma un sistema portátil cunha colección de xogos dispoñíbeis previa.
Aínda que se gababan a resolución de pantalla da Nomad e as súas características, tamén presentaba problemas. A 32X e o Sega CD non eran compatíbeis coa unidade, ao igual que o Power Base Converter, empregado para xogar cos títulos da Sega Master System na Genesis/Mega Drive. En teoría, a Nomad era a mellor portátil en cuestión de cores. Tiña cor completo, retroiluminación e dispuña de ao redor de 600 títulos na súa colección, ademais de ser un sistema funcional para o fogar. Aínda que o prezo descendera de $179 a $79.99, o cal amorteceu as queixas vertidas sobre o excesivo prezo, esta portátil non obtivo apoio abondo para seguir adiante.
LaserActive de Pioneer con módulo de Mega Drive
[editar | editar a fonte]LaserActive foi o nome que se lle deu ao reprodutor de LaserDisc CLD-A100 de Pioneer. O aparello era tanto un reprodutor de Laserdisc como de CD no mesmo produto, e a adición de módulos fabricados por Sega e NEC habilitaban a unidade como sistema de videoxogos tamén. O módulo PAC-S1 de Sega, posto á venda a un prezo de 39.000 iens, permitía aos usuarios xogar cos xogos de Mega Drive, Mega-CD e a xogos especificamente creados para Mega LD. Durante un curto período se pensou nos xogos da Mega LD como a seguinte evolución dos videoxogos, principalmente porque a enorme capacidade de almacenaxe dos Laserdiscs nos que se gravaban implicaba que podían ter un tamaño moitas veces maior que antes e incluír vídeo en movemento con calidade de TV, son dixital e son envolvente, características todas elas xa habituais nos sistemas modernos baseados en DVD-ROM.
Un módulo de NEC, o PAC-N1, deulle á unidade a capacidade de reproducir xogos de Turbografx 16. A adición dun dos dous módulos tamén facía a unidade compatíbel cos controis da Sega e da NEC. Un módulo máis tardío posto á venda por Pioneer, permitía o seu funcionamento como unha completa máquina de Karaoke.
Máis tarde Pioneer deseñou uns lentes 3D para o sistema (Kit GOL-1). Os lentes precisaban do acoplamento dun adaptador para poder funcionar co reprodutor, mais cada adaptador admitía un par dos lentes, permitindo a dous usuarios xogar simultaneamente en 3D.
O LaserActive por desgraza non sobreviviu moito tempo. O seu alto prezo e o desinterese xeral do mercado cara ao Laserdisc fixeron este sistema difícil de vender.
O Teradrive
[editar | editar a fonte]O Teradrive era un PC 80286 fabricado por IBM cunha Mega Drive integrada. Só foi posto á venda no Xapón. Había tres modelos dispoñíbeis desde os 148.000 iens até os 248.000. Só o modelo máis alto da gama levaba un disco duro incorporado. Había tamén un monitor especial vendido por separado, que podía reproducir sinais de video RGB de 15 kHz desde o hardware da Mega Drive e desde a saída de VGA 31 kHz do hardware do PC, ambos a través do conectador VGA. O sistema contiña tamén tomas de video composto NTSC e tomas de son estéreo RCA para a conexión á televisión. Amais, podíase xogar coa Mega Drive ao mesmo tempo que se usaba o PC, e a Mega Drive e o PC podían interactuar entre si, como ficou patente co programa Puzzle Construction. Tamén se podían reproducir os xogos de Mega Drive desde a RAM do PC.
O Mega PC de Amstrad
[editar | editar a fonte]O Mega PC foi un sistema producido por Amstrad con licenza de Sega, con funcionamento de PC compatíbel con IBM e Mega Drive nun. Era semellante en concepto ao Teradrive, pero foi un proxecto sen parentesco algún con el.
- A sección do PC empregraba un Intel i386SX cunha velocidade de 25 MHz. Tiña 1 MB de RAM e un disco duro de 40 MB.
- Posto á venda en Europa e Australia nos anos 1992-1993.
- Cor crema, cunha tapa corredeira na fronte para trocar entre os modos de Mega Drive e PC.
- A saída da sección da Mega Drive estaba só dispoñíbel acoplando o conectador VGA ao monitor de sincronización dual (15 kHz/31 kHz)fornecido.
- Aínda que a sección do PC estaba sempre en marcha cando o sistema estaba aceso, o software de Mega Drive non podía ser empregado ao mesmo tempo có PC debido a que o sistema tiña só unha saída de vídeo.
- Podía ser empregado co Mega CD cun conector especial que só se podía adquirir a través de Amstrad.
- A maior parte do hardware da Mega Drive estaba contido nunha tarxeta de 8 bits ISA, con son compatíbel con AdLib na mesma placa.
- O Mega Plus era unha versión actualizada do Mega PC. Empregaba un Intel i486 a 33 MHz e 4 MB de RAM.
Miscelánea
[editar | editar a fonte]- Algunhas máquinas MSX, postas á venda só en países do Medio Oriente por unha empresa chamada Universal, en teoría podían reproducir xogos da Mega Drive, alén do software propio de MSX.
- O A330 MSX tiña unha rañura para o cartucho na parte superior da máquina. Tiña "Painting" (pintando), "Calendar" (calendario), "Arabic Writing" (escrita árabe), e "English Writing" (escritua inglesa) como programas.
- O AX990 tiña 50 programas. Eran algo semellante a unha multitarexta non oficial ou outros programas MSX.
Especificacións técnicas
[editar | editar a fonte]Procesador principal: Motorola 68000 de 16 bits (ou equivalente)
- Funciona a 7,61 MHz en consolas PAL, 7,67 MHz en consolas NTSC
Procesador secundario: Zilog Z80 de 8 bits (ou equivalente)
- Funciona a 3,55 MHz en consolas PAL, 3,58 MHz en consolas NTSC
- Usado como CPU principal no modo de compatibilidade con Master System.
Contrariamente ao que se pensa, o Modelo MK-1631 (Mega Drive/Genesis 2) si ten unha CPU Z80. Dependendo da revisión da placa, o sistema ten, ou ben unha Zilog Z84C00 ou unha Custom Sega 315-5676, ou similar. Posto que a Z80 se usa para a produción de son en moitos xogos, é un compoñente necesario.
A idea de que a máquina redeseñada non ten Z80 provén dos informes de incompatibilidade entre eses modelos e o Power Base Converter, que permite a compatibilidade coa Sega Master System, pero o verdadeiro factor impeditivo é a forma do dispositivo. O redeseñado porto de cartucho está situado adiante de máis no sistema para se poder conectar un Power Base Converter sen retirar antes a carcasa de plástico.
Memoria
[editar | editar a fonte]ROM de inicialización: 2 KB
- Coñecida como o "Trademark Security System" (TMSS)
- Cando se inicia a consola, comproba no xogo a presenza de certo código fornecido a desenvolvedores con licenza
- Os xogos sen licenza e sen o código son polo tanto bloqueados
- Se un xogo conta coa licenza axeitada, a ROM amosará "Produced by or under license from Sega Enterprises Ltd."
- A ROM de inicialización no está incluída en versións máis temperás da Mega Drive e da Genesis
- Algúns xogos anteriores non deseñados para o TMSS poderían non funcionar en consolas posteriores
RAM principal: 64 KB
- Parte do espazo de enderezos M68000
RAM de vídeo: 64 KB
- Non accesíbel directamente pola CPU, debe ser lida e escrita vía VDP (Video Display Processor - véxase máis abaixo)
RAM secundaria: 8 KB
- Parte do espazo de enderezos M68000
- Usada como RAM principal no modo de compatibilidade con Master System
Área de memoria de cartucho: até 4 MB (32 Megabits)
- Parte do espazo de enderezos M68000
- Os cartuchos de xogos maiores de 4 MB deben usar troco de banco
Gráficos
[editar | editar a fonte]A Mega Drive ten un VDP (Video Display Processor) dedicado para o control de campo de xogo e sprites. Trátase dunha versión mellorada do VDP da Sega Master System, que, á súa vez, deriva do Texas Instruments TMS9918.
Planos: 4 (2 campos de xogo de desprazamento, 1 plano de sprites, 1 plano de 'ventá')
Sprites: Até 80 en pantalla, dependendo do modo de visualización
Paleta: 512 cores
Cores en pantalla: 64 palabras de 9 bits de RAM de cor, o que permite 61 cores en pantalla (até 1536 usando efectos de rastrexo e modo Sombra/Realce)
Resolución de píxeles: Até 320×240 (40×30 celas) para PAL, e até 320×224 (40×28 celas) para NTSC
- Os modos entrelazados poden fornecer o duplo de resolución vertical (é dicir 320×448 para NTSC, 320x480 para PAL). Usados en Sonic 2 para a pantalla partida do modo de dous xogadores
Son
[editar | editar a fonte]Chip de son principal: Yamaha YM2612
- Seis canles FM, catro operadores cada unha
- Oscilador de baixa frecuencia programábel e panoramización estéreo
- A sexta é de uso opcional para son dixital de 8 bits
Chip de son secundario: Texas Instruments SN76489
- PSG (Xerador de Son Programábel) de catro canles
- Tres canles de ondas cadradas, unha canle de ruído branco
- Atenuación e ton/ruído programábel
- Usado para o modo de compatibilidade con Master System
Entradas e saídas
[editar | editar a fonte]Saída RF: conéctase á entrada de antena de TV
- Existente só nos modelos orixinais de Mega Drive europea e asiática e na Genesis norteamericana
- Os demais modelos deben usar un modulador RF externo que se conecta á saída A/V
Saída A/V: conector DIN con vídeo composto, RGB e saídas de son
- A Mega Drive ten unha toma de 8 pins (ao igual que a Master System), admite só son mono
- A Mega Drive 2, a Multimega e outros modelos teñen unha mini-toma DIN de 9 pins con son tanto mono como estéreo, e vídeo separado
Entrada de corrente: require 9-10 voltios de CD, 0,85-1,2 A, dependendo do modelo
Saída para auriculares: toma estéreo amplificada de 3,5-mm na fronte da consola, con control de volume
- Existente só no modelo orixinal de Mega Drive e nas unidades Genesis
- Tamén axeitado para altofalantes pasivos
Porto "EXT": toma D de 9 pins para conexión con módem Meganet
- existente en todas as unidades de Mega Drive 1 xaponesas e asiáticas, e nas primeiras unidades da Mega Drive europea
Entradas de mando de control: 2 × conectores D de 9 pins na fronte da consola
Porto de expansión: Conector de bordo na parte baixa dereita da consola, para conexión ao Sega Mega-CD
Miscelánea
[editar | editar a fonte]Proporción Sinal/Ruído: 14 dB
O porto EXT da consola Genesis/Mega Drive orixinal úsase co módem periférico que só se comercializou no mercado xaponés. O porto funciona do mesmo xeito que os portos dos mandos, mais ten un conector DB9 femia no canto do DB9 macho.
O porto de Auriculares Estéreo situado na fronte do primeiro modelo usábase para auriculares estéreo ou altofalantes e/ou a mestura de son estéreo do Sega CD.
O porto de expansión, usado case sempre co Sega CD, tamén era usado para a Sega Genesis 7 Cart Demo Unit (unidade de demostración da consola) nas tendas.
Algúns programas de emulación poden gardar música nun formato coñecido como GYM. Funciona gravando dende o sistema de son a un arquivo de destino (o arquivo .gym). O estado interno do código de chip de son do emulador é sampleado 60 veces por segundo e envorcado no arquivo. Aínda que nun principio gozou de popularidade por mor da falla de competencia seria, o formato non ofrece unha reprodución de alta fidelidade da saída de son orixinal, tende a producir arquivos moi grandes e resultaba difícil de producir para os títulos PAL, dadas as simplificacións necesarias para os emuladores da época. O formato VGM, máis completo e que veu a reemprazalo, pode rexistrar cambios a até 44100 Hz, co cal a maioría do son pode reproducirse con precisión.