iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Matacán
Matacán - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Matacán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sección dun matacán.
Sección dun matacán, no cal se pode apreciar detalladamente o seu deseño.

Un matacán é unha plataforma sobresaínte dos muros das torres ou portas dos castelos antigos, sustentada por ménsulas, destinada a observar e fustrigar o inimigo ou os ladróns[1].

É unha obra sólida que se sitúa na parte alta da muralla ou torre con orificios, a través dos cales, pedras, materiais ardentes e outros tipos de proxectís poden ser guindados sobre o inimigo que se atope debaixo, ao pé da fortificación defendida.

Descrición

[editar | editar a fonte]

O seu deseño foi desenvolvido durante a Idade Media e representou unha evolución importante na defensa, posto que permitía cubrir a base mesma dos muros.

Os primeiros matacáns estaban feitos de madeira (cadafalso) e eran, polo xeral, construcións provisionais, que se colocaban no caso de que se fose a ser asediado por algún inimigo. A miúdo, eran incendiados polos sitiadores e non foi, senón até fins do século XIII, cando foi substituído ese material pola pedra.[2][3]

Vista de torres con matacáns no castelo de Chillon, Suíza.
Torres provistas con matacáns no castelo de Chillon en Suíza.

Polo xeral toma a forma de elemento illado parecido a un balcón ás veces situado a media altura da fábrica do elemento defensivo. Asociado a un punto feble da fortaleza, normalmente unha porta, sobre a que se sitúa no eixo vertical para permitir o ataque sobre os asaltantes cando estes tentaban forzala. Xeralmente asocia a posibilidade do lanzamento en vertical co lanzamento de setas con arco ou de virotes de bésta ou mesmo de pequenas armas de fogo. Por iso no alzado do muro preséntase variedade de buracos para este fin. A miúdo reciben un tratamento decorativo xa sexa nos propios cans xa na factura dos muriños ou dos merlóns, ás veces incorporando elementos heráldicos ou inscricións representativas. Noutros casos esténdense a áreas máis extensas na coroación de cortinas ou máis tipicamente na de torres onde a miúdo toman a forma de balconciños no centro dos panos ou nas esquinas ás veces sobre pequenas torres arredondeadas.

Nos castelos españois do século XV úsase con asiduidade xeralmente con carácter defensivo-decorativo. No século XVI continúase a usando con fins fundamentalmente emblemáticos.

  1. Definición en Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009
  2. Viollet-le-Duc.
  3. Ibídem.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]