Luís de Castro García
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 10 de agosto de 1912 A Terrachá, España |
Morte | 4 de outubro de 1977 (65 anos) Entrimo, España |
Causa da morte | infarto |
Lugar de sepultura | igrexa de Santa María a Real de Entrimo |
Relixión | Catolicismo |
Educación | Universidade de Valladolid - licenciatura en Filosofía e Letras (–1960) Universidade Central - tese de doutoramento (1934–1935) Universidade de Valladolid - licenciado en Medicina (1928–1934) Colexio Nuestra Señora de Lourdes - graduado en ciencias (–1928) |
Actividade | |
Ocupación | médico, investigador |
Empregador | Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid (1966–) Patronato Nacional Antituberculoso (1947–) Hospital Militar de Valladolid (1937–1937) |
Partido político | Falange Española Tradicionalista y de las JONS |
Membro de | |
Carreira militar | |
Lealdade | Bando nacional |
Rama militar | Bando nacional |
Rango militar | capitán (1939–1977) tenente (1937–1939) alférez (1936–1937) |
Conflito | guerra civil española |
Luís de Castro García, nado na Terrachá (Entrimo) o 10 de agosto de 1912 e finado Ibídem o 4 de outubro de 1977,[1] foi un médico e investigador galego. Con 9 anos mudouse a Valladolid coa súa familia por mor do traballo de seu pai.[2] Concluíu o bacharelato superior por ciencias en 1928,[3] licenciouse en medicina e cirurxía pola Universidade de Valladolid en 1934[4] e doutorouse o ano seguinte pola Universidade Central.[5] Participou na guerra civil no bando sublevado,[6] afiliado á Falanxe,[7] realizou labores médicos como a evacuación de feridos[8] e o coidado de doentes de tuberculose.[9] Dedicouse profesionalmente á tisioloxía. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Valladolid en 1960.[10] Colaborou con artigos de divulgación científica nos xornais, principalmente en Libertad, El Norte de Castilla[11] e, durante os últimos anos da súa vida, en La Región.[12] Participou en congresos e conferencias, en campos como antropoloxía, etnografía, arte, historia da medicina ou relixión,[13] realizando numerosas publicacións.[14]
Traxectoria
Inicios
Nado na Terrachá, capital do concello, de familia acomodada e conservadora,[15] onde viviu ata os 8 anos e comezou a ir á escola.[16] Contra os 9 anos a familia trasladouse a Valladolid por mor do traballo de seu pai, oficial de sala na Audiencia Territorial de Valladolid e inspector do Timbre.[2] Concluíu o bacharelato elemental no Colexio La Providencia e rematou o bacharelato superior por ciencias en 1928 no Colexio Nosa Señora de Lourdes, pertencente ós Irmáns das Escolas Cristiás, fundado por La Salle,[3] onde tamén estudou seu irmán Leopoldo, que estableceu amizade con Onésimo Redondo.[17]
En 1928 ingresou na Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid[18] e licenciouse en medicina e cirurxía o 30 de xuño de 1934[4][19] con premio extraordinario.[4] Empezou os estudos de doutoramento coincidindo coa súa formación militar de alférez de complemento en 1934.[20] Doutorouse pola Universidade Central coa lectura en 1935 da súa tese de doutoramento Contribución al estudio de la intervención del sistema retículo endotelial en la terapéutica de la tuberculosis: (pruebas de Komuso-Nakamura y Adler y Reimann),[5] dirixida por Teófilo Hernando Ortega.[1] Como estudante de doutoramento solicitou unha pensión da JAE para completar estudos en Alemaña en 1935, que lle foi concedida.[21] Estivo afiliado ó Sindicato Español Universitario (SEU).[22]
Guerra civil
En xaneiro de 1936 viaxou a Múnic cunha bolsa da JAE, onde permaneceu oito meses formándose na clínica do doutor Schittenhelm,[1][23] entre outros. O Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 provocou o seu regreso a España de forma precipitada.[1][24] Entrou en España a través de Canfranc e continuou ata Jaca,[25] onde se presentou perante o comandante militar da praza como alferez de complemento,[8] tomando parte polo bando sublevado,[26] quen lle facilitou o desprazamento para presentarse no grupo sanitario de Valladolid o día 23 de agosto.[8] Ingresou na Falange en agosto de 1936.[7]
Durante a Guerra civil asumiu o labor de evacuación dos feridos na fronte de Madrid entre os meses de agosto e decembro de 1936, principalmente na Cidade Universitaria e a periferia.[8] Caeu enfermo en decembro de 1936 e foi trasladado a Valladolid para restablecerse.[27] Xa reincorporado, de febreiro a maio de 1937, prestou servizo como xefe de recoñecemento médico na praza de Valladolid para a FET y de las JONS[9] e dende maio ata xullo de 1937, xa como tenente médico,[28] no Hospital Militar de Valladolid, onde coñeceu á que sería a súa dona, Ángeles Sánchez Lon.[9] Regresou á fronte de Madrid en xullo de 1937.[29]
Foi nomeado director do sanatorio antituberculoso da FET y de las JONS Onésimo Redondo de Valladolid en 1938 e en 1939 tamén director do dispensario antituberculoso de Valladolid.[1][30] Ascendeu a capitán en 1939.[1]
Trala guerra civil
Concluída a guerra tomou posesión como membro da comisión xestora que se fixo cargo da Deputación de Valladolid, constituída en decembro de 1939 por persoal de confianza do gobernador civil Jesús Rivero Meneses, cesou voluntariamente o 15 de xuño de 1943.[31]
O funcionamento do sanatorio antituberculoso da FET y de las JONS Onésimo Redondo cesou en 1941, que en 1946 pasou a ser administrado pola Orde de San Xoán de Deus, cesando Luís de Castro do seu cargo,[32] non obstante, xa abrira a súa consulta privada en Valladolid,[33] que mantivo ata a súa xubilación en 1972, cando se retirou con 60 anos por problemas de saúde.[1] Trala xubilación pasou longas temporadas en Entrimo.[14]
Conseguiu praza por oposición en 1947 como médico e axudante no Patronato Nacional Antituberculoso (PNA)[34] e en 1949 obtivo novamente praza por oposición no PNA como director de centros.[35] En 1963 foi nomeado director do dispensario antituberculoso de Segovia, labor que compaxinou coa docencia universitaria e a súa consulta privada.[1][36]
Na década de 1950[37] matriculouse na Facultade de Filosofía e Letras, rama de Historia,[38] pola Universidade de Valladolid e licenciouse en 1960.[10] Participou na fundación[39][40] da Casa de Galicia de Valladolid no ano 1954,[41] foi o seu primeiro presidente[42] e colaborou na revista Abrente, publicada pola institución, con numerosos artigos.[43]
Foi nomeado académico correspondente da Real Academia de Medicina y Cirugía de Valladolid en 1963.[44] Entrou no departamento de Historia da Medicina como axudante de Emilio Zapatero Ballesteros;[1] e a partir de 1966, como profesor numerario encargado da cátedra,[1] impartiu clases de Historia da Medicina[40][45] na Facultade de Medicina da Universidade de Valladolid.[46]
A partir do ano 1939 ata ben avanzada a década de 1950 publicou unha serie de artigos de divulgación científica, de loita contra a tuberculose[47] e, ó longo do ano 1953, unha serie de 21 artigos centrándose no Sudario de Turín como materia de estudo no xornal Libertad[48] (periódico fundado por Onésimo Redondo,[49] que funcionaba como o órgano oficial do «Movimiento» en Valladolid[50]). Colaborou en El Norte de Castilla, xornal do que Miguel Delibes foi director, con quen mantivo unha relación de amizade.[1] Durante os últimos anos da súa vida foi colaborador habitual no xornal La Región coa publicación de artigos de carácter divulgativo, etnográfico, histórico e autobiográfico.[12] Publicou artigos noutros xornais como o Diario Regional[51] e na revista do Colexio Nosa Señora de Lourdes Unión.[17] Usou o pseudónimo Carl Tesousdi nalgún dos seus artigos de prensa.[51]
Participou en congresos e conferencias, en campos como antropoloxía, etnografía, arte, historia da medicina ou relixión,[13] como o Colóquio Internacional de Estudos Etnográficos Rocha Peixoto,[52] celebrado no Casino da Póvoa, Póvoa de Varzim (Portugal)[53] entre os días 25 e 30 de outubro de 1966.[54]
Publicou La Cruz y la Medicina en 1951 e Historicismo simbólico y médico en San Juan en 1963, conferencias pronunciadas e posteriormente editadas como libro.[55] El Enigma de Berruguete: la danza y la escultura (1953), ó igual que os anteriores, foi editado a partir dunha conferencia pronunciada en 1952 no salón Luises-Kotskas de Valladolid sobre Alonso Berruguete.[56] En 1954 publicou Un médico en el Museo. Estudio biológico-artístico del Museo Nacional de Escultura de Valladolid, con prólogo de Gregorio Marañón e epílogo de Francisco de Cossío, baseado na observación da arte escultórica do Museo Nacional de Escultura.[57]
Faleceu en Entrimo o 4 de outubro de 1977[1] ós 65 anos de idade[58] tras sufrir un infarto.[59] Está soterrado no camposanto da igrexa de Santa María a Real de Entrimo.[45]
Vida persoal
Foi o fillo máis vello de Luis de Castro Correa, avogado e inspector do Timbre, e de Dolores Modesta García Fernández.[1] Seus irmáns foron Leopoldo e mais Evencio.[15] Neto de Evencio de Castro García (1857-1918), comerciante e alcalde de Entrimo. Parente do médico José Ramón de Castro Rodríguez,[1][42] tisiólogo, discípulo de Gil Casares[60] e Nóvoa Santos,[61] con quen publicou varios artigos.[1]
Seu irmán, integrante da Falange xa antes das eleccións de 1936 (camisa vieja), Leopoldo de Castro García, foi tenente piloto do Exercito do Aire, morto en acto de servizo en 1940,[62] a quen o concello de Entrimo lle retirou unha rúa[60] en cumprimento da Lei de memoria histórica,[63] que lle fora concedida en 1970,[64] renomeandoa en 2021 como rúa Camiño do Campo.[63]
Casou en 1939 con Ángeles Sánchez Lon, coñecida como Ubín, nada en Filipinas[65] e enfermeira no Hospital Militar de Valladolid.[9] Foi pai de Leopoldo de Castro Sánchez, neuropsiquiatra,[1] o seu único fillo.[66]
O seu neto Álvaro de Castro Palomares, médico de atención primaria en Celanova, foi autor dunha tese de doutoramento sobre seu avó coa que obtivo unha cualificación de sobresaliente cum laude.[60][67][68] Concelleiro de cultura[60] en Entrimo polo PSdeG-PSOE[69] entre os anos 2011 e 2016, propuxo no ano 2018 en nome da súa familia a seu avó para renomear a rúa que lle retiraran a seu irmán Leopoldo,[70] porén, a corporación municipal non tivo en consideración a proposta.[60]
Creceu nunha familia católica,[15] e era profundamente relixioso,[71] quedando patente en moitas das conferencias que pronunciou,[71] que era de tendencia conservadora.[72] Afeccionado á escultura, interesouse por esta arte.[73]
Recoñecementos
Foi declarado fillo predilecto de Entrimo en 1973.[67][74] Na Terrachá, Entrimo, está o museo do médico Luís de Castro García.[75]
Obra
Ensaio
- Historicismo simbólico y médico en San Juan. Valladolid: Ediciones Duero. 1963.[55]
- Un médico en el Museo. Estudio biológico-artístico del Museo Nacional de Escultura de Valladolid. Valladolid: Miñón. 1954.[57]
- El Enigma de Berruguete: la danza y la escultura. Valladolid: Ateneo. 1953.[56]
- La Cruz y la Medicina. Valladolid: Publicaciones del Colegio Mayor "Reyes Católicos". 1951.[76]
Novela curta
- De aquellos tres años. LYE. 1966.[77]
Literatura médica
- Contribución al estudio de la intervención del sistema retículo endotelial en la terapéutica de la Tuberculosis. Valladolid: Librería Santarén. 1940.[5]
Artigos
- "Deformaciones craneales. Contribución Bioetnográfica". Revista de Etnografía (30): 251–320. 1970.
- "Medicina Popular: donde están las enfermedades están los remedios". Revista de Etnografía. XII. Tomo 2 (24): 379–397. 1969.[78]
- "La leyenda en la pesquisa prehistórica (Tres leyendas, tres monumentos)". Revista de Etnografía. X. Tomo 2 (20): 253–281. 1968.
- "Huygens, Young, Granit (El que recuerda será recordado)". Pagine di Storia della Medicina. Anno XII (Número. 6): 5–16. 1968.
- "Historia e interpretación fisio-anatómica de la voz "uncial" como atributo de un tipo de letra paleográfico". Archivo Iberoamericano de Historia de la Medicina XIV: 285–291. 1962.
- "La Crucifixión de las manos en el Santo Lienzo de Turín". Sindon. Anno II (Quaderno número. 2): 25–38. 1960.
Notas
- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 Ponte, Fernando; Castro, Álvaro de (29-06-2021). "Luis de Castro García (1912-1977) / Tisiólogo y humanista ourensano". El Correo Gallego (en castelán). Consultado o 26-10-2024.
- ↑ 2,0 2,1 Castro Palomares 2021, p. 40.
- ↑ 3,0 3,1 Castro Palomares 2021, p. 41.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Castro Palomares 2021, p. 47.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 Castro Palomares 2021, p. 81.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 421.
- ↑ 7,0 7,1 Castro Palomares 2021, p. 114.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 Castro Palomares 2021, p. 119.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Castro Palomares 2021, p. 128.
- ↑ 10,0 10,1 Castro Palomares 2021, p. 299.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 405, (N. do A.).
- ↑ 12,0 12,1 Castro Palomares 2021, p. 411.
- ↑ 13,0 13,1 Castro Palomares 2021, pp. 225-226.
- ↑ 14,0 14,1 Castro Palomares 2021, p. 225.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Castro Palomares 2021, p. 31.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 39.
- ↑ 17,0 17,1 Castro Palomares 2021, p. 43.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 45.
- ↑ "Jóvenes médicos gallegos". Diario Galicia. 21-03-1935. p. 3.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 77.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 80.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 53.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 98.
- ↑ Castro Palomares 2021, pp. 106-107.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 113.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 115.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 125.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 121.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 129.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 134.
- ↑ Castro Palomares 2021, pp. 163-164.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 154.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 156.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 243.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 244.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 246.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 308.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 292.
- ↑ Berzal, Enrique (22-10-2024). "Una embajada gallega en Valladolid". El Norte de Castilla (en castelán). Consultado o 28-10-2024.
- ↑ 40,0 40,1 Castro Palomares 2021, p. 226.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 254.
- ↑ 42,0 42,1 Castro Palomares 2021, p. 22.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 256.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 263.
- ↑ 45,0 45,1 Ferrer i Balsebre, Luis (1991). Antropología médica de la Parroquia de Olelas, municipio de Entrimo, Orense (tese de doutoramento) (en castelán). Director da tese: Reverte Coma, José Manuel. Universidade Complutense de Madrid. p. 310. Consultado o 30-10-2024.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 74.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 137.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 363.
- ↑ Sáiz, María Dolores; Seoane, María Cruz (1996). Historia del periodismo en España 3. El Siglo XX: 1898-1936 (en castelán). Alianza Editorial. p. 464.
- ↑ Tusell, Javier; Soto Carmona, Álvaro (1995). Historia de la transición y consolidación democrática en España (1975-1986) (en castelán) II. Madrid: UNED. p. 503.
- ↑ 51,0 51,1 Castro Palomares 2021, p. 405.
- ↑ "Colóquio Internacional de Estudos Etnográficos Rocha Peixoto" (pdf). Câmara Municipal da Póvoa de Varzim. Portugal: Tipografia Camões. 1966. Consultado o 30-10-2024. "I Centenário do Nascimento de Rocha Peixoto 1866 - 1966". Na lista de congresistas e as súas conferencias aparecen persoeiros como:Outros persoeiros:
- CASTRO GARCIA, Prof. Dr. Luis de – 1) Medicina popular: donde están las enfermedades, están los remedios – 2 La leyenda en la pesquisa prehistórica
- CHIVITE, Dr. Jesus Taboada – Monterias y corridas de lobos
- FERNÁNDEZ, Dr. Joaquin Lorenzo – O mar terra adentro
- FRAGUAS, Prof. Dr. António – Algunos seres fantásticos en el folklor gallego
- PEDRAYO, Prof. Dr. Ramon Otero – Bandolerismo en Galicia no século XIX
- TRILLO, Dr. Fermín Bouza-Brey – O paladín Roldán no lexendário da Galiza
- LIMA, Dr. Fernando de Castro Pires de
- SANTOS JÚNIOR, Prof. Dr. J. R.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 388.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 389, (N. do A.).
- ↑ 55,0 55,1 Castro Palomares 2021, p. 357.
- ↑ 56,0 56,1 Castro Palomares 2021, p. 301.
- ↑ 57,0 57,1 Castro Palomares 2021, p. 325.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 206.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 412.
- ↑ 60,0 60,1 60,2 60,3 60,4 Fernández, Laura (29-06-2021). "Entrimo perdió una oportunidad para reconocer al médico Luis de Castro". La Región (en castelán). Consultado o 26-10-2024.
- ↑ "Reunión científica de la Real Academia de Medicina y Cirugía de Cádiz". Diario de Cádiz (en castelán). 30-09-2024. Consultado o 26-10-2024.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 43, (N. do A.).
- ↑ 63,0 63,1 Fernández, Laura (29-06-2021). "Entrimo renueva el callejero por la Ley de Memoria Histórica". La Región (en castelán). Consultado o 26-10-2024.
- ↑ De Castro García, Luis (0309-1970). "Una calle para Leopoldo". La Región.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 128, (N. do A.).
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 23, (N. do A.).
- ↑ 67,0 67,1 Vázquez Fernández, Marta (20-06-2021). "El médico Álvaro de Castro, «cum laude» por la tesis doctoral dedicada a su abuelo". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 26-10-2024.
- ↑ "'Cum laude' para la tesis doctoral del médico Álvaro de Castro Palomares". El Correo Gallego (en castelán). 27-06-2021. Consultado o 26-10-2024.
- ↑ "Relación de candidaturas proclamadas para as Eleccións Municipais de 2011". BOP da provincia de Ourense (93): 3. 26-04-2011. Consultado o 27-20-2024.
- ↑ Fernández, Laura (03-11-2018). "Entrimo busca nombre para la calle dedicada al cofundador de las JONS". La Región (en castelán). Consultado o 26-10-2024.
- ↑ 71,0 71,1 Castro Palomares 2021, p. 288.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 305.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 399.
- ↑ Rivas Quintas 2012, pp. 84-85.
- ↑ "Entrimo". Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. 2004.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 360.
- ↑ Castro Palomares 2021, p. 381.
- ↑ "Medicina Popular : donde están las enfermedades están sus remedios / Luís de Castro Garcia". Portugal: Rede de Bibliotecas Online do Património Cultural, Instituto Público, Ministerio da Cultura.
Véxase tamén
Bibliografía
- Castro Palomares, Álvaro de (2021). El pensamiento científico-humanístico del Prof. Dr. Luis de Castro García (1912-1977) (tese de doutoramento) (en castelán). Director da tese: Ponte Hernando, Fernando Julio. Universidade de Santiago de Compostela.
- Rivas Quintas, Eligio (2012). Orensanos ilustres, antiguos y modernos. Ourense: Graficas Orensanas. pp. 84–85. Depósito legal: OU-160-2012.
- "Luis de Castro García". Gran Enciclopedia Galega. 7 (Castro-Colga). 1974.