iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Little_Foot
Little Foot - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Little Foot

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ósos do Little Foot.

Little Foot (pé pequerrecho en galego) é o nome polo que se coñece comunmente o fósil de homínido catalogado oficialmente como Stw 573. Descuberto en 1994 en Sterkfontein, en Suráfrica, o fósil aínda está en fase de estudo e representa sen dúbida ningunha o esqueleto dun Australopithecus, o máis completo dos descubertos ata o de agora. A súa idade foi obxecto de datacións contraditorias, entre 4 e 2.2 millóns de anos. O nome púxollo Phillip Tobias, o director das escavacións de Sterkfontein, polo seu pequeno tamaño.

Descuberta

[editar | editar a fonte]

O paleantropólogo Ronald J. Clarke identificou en 1994 mentres identificaba pezas de bóvidos na Universidade de Witwatersrand en Johannesburgo catro ósos procedentes dun esquerdo que pertencía indubidablemente dun homínido e case seguro dun mesmo individuo. Os restos procedían da Gruta Silberberg en Sterkfontein e foran recollidos dous anos antes. En maio de 1997 Clarke atopou no laboratorio de anatomía máis fragmentos do pé do mesmo individuo. Os seus axudantes, Stephen Motsumi e Nkwane Molefe, baixaron á gruta en xuño para intentar procurar unha peza que encaixase co fragmento da tibia dereita que tiñan, ao cabo de dous días atoparon a sección de tibia correspondente na parte baixa da gruta. En outubro de 1998 deuse a coñecer o achado á comunidade científica e á prensa.

A extracción do esqueleto da rocha é un traballo lento e minucioso que aínda continúa, sacouse á luz un cranio completo coa mandíbula, un antebrazo completo en articulación coa man, diversos elementos da pelve, costelas, vértebras, un úmero completo e a maior parte dos ósos dos membros inferiores. Moitos deste ósos están intactos e unidos na súa posición natural.

Importancia

[editar | editar a fonte]

Little Foot representa unha descuberta excepcional polo seu estado de conservación e polo feito de que se trata dun esqueleto dun homínido antigo case completo, máis completo que o célebre esqueleto do Australopithecus afarensis coñecido como Lucy, descuberto en Etiopía en 1974.

As observacións preliminares semellan indicar que o fósil presenta unhas características diferentes ás do Australopithecus africanus, e doutra banda puntos comúns e diferenzas co Australopithecus afarensis.