iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Libro_dos_mortos
Libro dos mortos - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Libro dos mortos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Libro dos mortos do escriba Nebqed, arredor de 1300 a.C.
Este artigo é sobre o Libro dos mortos exipcio. Para o Libro dos mortos tibetano, ver o artigo Bardo Thodol.

O libro dos mortos é un título convencional que designa unha recompilación de fórmulas máxico-funerarias dos antigos exipcios. Os exipcios coñecíannas como O libro da saída á luz e o título moderno foi inventado polo exiptólogo Karl Richard Lepsius cando publicou unha selección en 1842.

Características

[editar | editar a fonte]

Non se trataba dun "libro" como os actuais: o texto gravouse inicialmente no exterior do sarcófago e, a partir da XXVIII Dinastía (século XVI a.C.), en vendas e papiros que se colocaban entre as pernas da momia para que as tivese a man. Os primeiros escribíronse en xeróglifos; desde a XXI Dinastía fóronno en hierático e posteriormente en demótico. O Libro dos mortos acompañábase frecuentemente doutros textos, incluído o hypocephalus ("baixo a cabeza"), que era unha versión reducida do texto completo.

O Libro dos mortos era unha colección de encantamentos, feitizos, contrasinais e outras fórmulas máxicas para uso do finado no alén. Pretendían guiar ao morto a través das probas que atoparía e garantir unha pasaxe sen incertezas. Os textos describen moitos dos elementos básicos da mitoloxía exipcia e considerábanse imprescindíbeis para gozar da vida eterna.

Os temas céntranse no mito de Osiris, señor do alén, no xuízo do defunto (psicostasia) e na existencia após a morte. O Libro dos mortos ilustrábase con imaxes que mostraban os personaxes e probas coas que se atoparía o defunto. A máis importante era o momento en que se pesaba a alma contra Ma'at (a "verdade"), que levaba a cabo Anubis; o deus Thoth levantaba acta do resultado e o monstro Ammit agardaba, disposto a comerlle o corazón se non superaba a proba.

As versións máis antigas datan do século XVI a.C., durante a XVIII Dinastía. Incorporaban en parte dúas coleccións anteriores de literatura relixiosa coñecidas como os Textos dos cadaleitos (arredor do ano 2000) e os Textos das pirámides (entre o 2600 e o 2300), que foron sendo substituídos polo Libro dos mortos. O texto máis completo é o Papiro de Turín, de época tolemaica, que está subdividido en 165 fórmulas ou "capítulos".

No ano 1888, o doutor E. Wallis Budge, daquela axente de compras do Museo Británico, prestou atención a algúns rumores sobre un achado arqueolóxico espectacular no Alto Exipto, e así atopou, nunha tumba da Dinastía XVIII, cerca de Luxor, "o maior rolo de papiro que vira nunca, suxeito cunha ancha banda de papiro, e en perfecto estado de conservación". Era unha copia do Libro dos Mortos, escrito en torno ó ano 1500 a. C. por Ani, escriba real de Tebas, Supervisor dos Graneiros dos Señores de Ábidos, e Escriba das Ofrendas dos Señores de Tebas.

O texto en si particularizábase para cada finado, de xeito que non hai dúas copias iguais. Hai, porén, catro grupos:

  • A versión heliopolitana, editada polos sacerdotes do colexio de Annu e utilizada entre as V e a XI Dinastía e nos muros das tumbas até finais do século III;
  • A versión tebana, que contiña só xeróglifos e se utilizou entre a XX e a XXVIII Dinastía;
  • Unha versión en xeróglifos e hierático, moi próxima da versión tebana, sen orde fixa de caracteres e utilizada fundamentalmente durante a XX Dinastía.
  • A versión saíta, que ten unha orde estrita e se empregou após a XVI Dinastía.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]