iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Kalevala
Kalevala - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Kalevala

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Kalevala
Título orixinalKalevala
Autor/aElias Lönnrot
OrixeImperio Ruso
Lingualingua finesa e Lingua carelia
Xénero(s)poesia narrativa e Epopea
Data de pub.1835
editar datos en Wikidata ]
A defensa do sampo, pintura de Akseli Gallen-Kallela baseada no Kalevala.
Os irmáns Poavila e Triihvo Jamanen recitando poesía popular tradicional na aldea de Uhtua, na actual República de Carelia (Rusia), en 1894.

O Kalevala é un poema épico finlandés recollido por Elias Lönnrot no século XIX, é a cerna da épica nacional finlandesa e unha das grandes obras da literatura finlandesa. A maior parte do Kalevala foi recollido por Lönnrot no leste de Finlandia, agora en boa parte pertencente a Rusia, directamente dos cantores tradicionais como Arhippa Perttunen. Unha primeira versión publicouna en dous volumes en 1835-1836, Kalewala, taikka Wanhoja Karjalan Runoja Suomen kansan muinoisista ajoista, consiste en 12.079 versos en 32 cantos. A segunda versión publicouna en 1849, é a versión actualmente considerada canónica que comprende 22.795 versos en 50 cantos. O Kalevala ata o momento traduciuse a 49 linguas.

Foi traducido ao galego por Tuula Ahola e Tomás González Ahola e publicado por Rinoceronte en 2018[1].

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Antes do século XVIII a poesía do Kalevala era común ao longo de Finlandia e Carelia, pero no XVIII comezou a desaparecer nas terras finesas, primeiro no oeste do país, a causa da expansión da poesía rimada europea, que se estaba convertendo en máis común en Finlandia e polos intentos de erradicación que desde a reforma luterana realizaban os sacerdotes para prohibir todas as historias e cancións cunha orixe pagá, aínda así a tradición permaneceu.[2]

O lingüista e nacionalista finlandés Kaarle Akseli Gottlund (1796–1875) expresou o seu desexo dunha épica finlandesa que de xeito semellante á Ilíada, Beowulf ou Nibelungenlied fora compilada de varios poemas e cancións representativos de toda Finlandia. El esperaba que tal esforzo había incitar un sentido de nacionalidade e independencia no pobo finlandés. En 1820, Reinhold von Becker fundou o periódico Turun Wiikko-Sanomat e publicou tres artigos co título de Väinämöisestä, que se converteron nunha inspiración para Elias Lönnrot á hora de realizar a súa tese na Universidade de Turku.[3]

No século XIX a colleita de materiais fíxose máis grande, sistemática e organizada, chegando a Sociedade de Literatura Finlandesa a arquivar medio millón de páxinas de versos recollidos en Finlandia, Estonia e Carelia.[4] A magna obra Suomen Kansan Vanhat Runot publicou en 33 volumes 85,000 ítems de poesía ao longo de corenta anos, permanecendo outros 65.000 ítems inéditos.[5]. A finais do XIX a colleita de materiais en Carelia e áreas do leste de Finlandia convertérase nunha moda, denominada carelianismo, unha forma de romanticismo nacional.

Segundo o folclorista finlandés Kaarle Krohn 20 dos 45 poemas do Kalevala poderían ter a súa orixe en Estonia, mentres que 23 serían do oeste de Finlandia e 2 de Ingria.[6]

Estrutura da obra

[editar | editar a fonte]

O Kalevala comeza co mito da creación finés, que desemboca en historias sobre a creación da terra, o ceo ou as plantas. A historia adoita expresarse mediante cancións sobre os problemas e desexos das personaxes. Moitas pasaxes involucran a unha personaxe intentando obter unha habilidades mediante o canto de feitizos, como a construción de botes ou a ferrería. Do mesmo xeito, hai historias de paixón, romance, secuestros ou sedución. Os protagonistas adoitan ter que lograr fazañas imposibles ou excesivas, polo que o seu fracaso conduce á traxedia e a humillación.

O chamado sampo é un elemento basilar da obra. Moitos actos ou consecuencias derívanse deste obxecto ou da interacción das personaxes con el. Trátase dun talismán máxico ou mecanismo que outorga ao seu posuidor fortuna e prosperidade.

Artigo principal: Cantos do Kalevala.

Primeiro ciclo de Väinämoinen

[editar | editar a fonte]
Ilmatar (1860), de Robert Wilhelm Ekman
Ilmatar (1860), de Robert Wilhelm Ekman
  • Cantos 1 e 2: O poema comeza coa introdución dos cantores. A terra é creada a partir dos fragmentos dun ovo de ollodourado e nace o primeiro home, Väinämöinen, fillo da deusa Ilmatar. Väinämöinen introduce as árbores e a vida no mundo aínda estéril.
  • Cantos 3 a 5: Väinämöinen atópase co celoso Joukahainen, co que se enlea nunha regueifa. Ao perder, Joukahainen ofrécelle a Väinämöinen a man da súa irmá a cambio da súa vida; esta, chamada Aino, decide afogar no mar.
  • Cantos 6 a 10: Väinämöinen diríxese a Pohjola para declararse á dama do norte, filla da señora do norte, Louhi. Joukahainen ataca de novo a Väinämöinen, que acaba flotando no mar durante días, até que é trasladado por unha aguia a Pohjola. Alí, pacta con Louhi solicitarlle a Ilmarinen, o ferreiro, a creación do sampo. Ilmarinen négase a ir até Pohjola, polo que Väinämöinen ten que forzalo. Tras a forxa do sampo, Ilmarinen regresa ao seu fogar sen unha esposa.
A nai de Lemminkäinen (1897), de Akseli Gallen-Kallela
A nai de Lemminkäinen (1897), de Akseli Gallen-Kallela

Primeiro ciclo de Lemminkäinen

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 11 ao 15: Lemminkäinen inicia unha viaxe na procura dunha esposa. Prométese coa doncela Kyllikki, mais a súa felicidade non dura demasiado, polo que Lemminkäinen diríxese ao norte na procura dunha dama. A súa nai intenta detelo, pero el ignora as advertencias e dálle o seu peite, do que emanará sangue se algo lle pasase. En Pohjola, Louhi imponlle unha perigosa tarefa a cambio da man da súa filla. Mentres tenta cazar o cisne de Tuonela, Lemminkäinen é asasinado e cae no río da morte. Ao ver o peite sangrar, a súa nai sae a buscalo. Cun angazo que lle dera Ilmarinen, recolleu os restos do seu fillo para recompoñelo.

Segundo ciclo de Väinämöinen

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 16 a 18: Väinämöinen constrúe un bote para viaxar de novo a Pohjola e atopar unha muller. Visita Tuonela, onde permanece un tempo preso. Tras fuxir, diríxese cara ao xigante Antero Vipunen para coñecer os seus feitizos. Co seu bote rematado, Väinämöinen navega en dirección a Pohjola. Ilmarinen decide ir tamén para seducir á dama el mesmo, quen namora deste.

A voda de Ilmarinen

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 19 a 25: Ilmarinen debe superar tamén unha serie de perigosas tarefas para obter a man da dama, quen o axuda a completalas con éxito. Para o casamento, prepárase cervexa, sacrifícase un cervo xigante e mándanse as invitacións. Lemminkäinen non recibe ningunha. O banquete é alegre e festivo. Väinämöinen canta en honra das xentes de Pohjola. Os noivos prepáranse para o matrimonio. A parella chega ao seu fogar, onde son recibidos con bebidas e viandas.

Segundo ciclo de Lemminkäinen

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 26 a 30: Lemminkäinen está resentido por non recibir unha invitación á voda, polo que decide partir cara a Pohjola. Ao chegar, é retado en duelo por Sariola, mestre do norte, a quen gaña. Louhi, alporizado, convoca un exército para vingarse de Lemminkäinen. Este fuxe coa súa nai, quen o aconsella dirixirse a Saari, a illa do refuxio. Cando regresa, atopa a súa casa queimada. Xunto con Tiera, intenta ir a Pohjola, mais é forzado a volver cando Louhi conxela os mares. Reunido coa nai, xura construír unha nova casa aínda máis grande.
Kullervo fálalle á súa espada (1868), de Carl Eneas Sjöstrand
Kullervo fálalle á súa espada (1868), de Carl Eneas Sjöstrand

O ciclo de Kullervo

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 31 a 36: Untamo asasina ao pobo do seu irmán Kalervo, perdoando a vida só á esposa deste, que será a nai de Kullervo. Ao consideralo unha ameaza, Untamo tenta matalo varias veces sen éxito. Finalmente, vende ao rapaz como escravo a Ilmarinen. A dona de Ilmarinen atormenta e acosa a Kullervo, quen crea unha trampa para que a devore unha manda de lobos e osos. Kullervo ten que fuxir da casa de Ilmarinen e, grazas a unha anciá que vive nas fragas, descobre que a súa familia segue con vida e reúnese con eles. Máis tarde, seduce a unha dama que resulta ser a súa irmá. Tras coñecer a verdade, a moza suicídase, polo que Kullervo decide vingarse de Untamo, e inicia unha guerra contra as xentes deste. Vitorioso, regresa ao fogar despois de devastar o territorio inimigo. Porén, atopa a súa granxa baleira e despoboada, o que o conduce ao suicidio no lugar en que seducira á irmá.

Segundo ciclo de Ilmarinen

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 37 e 38: De loito pola perda da súa amada, Ilmarinen forxa unha esposa de ouro e prata, pero desfaise dela debido á súa frialdade. Diríxese entón a Pohjola e secuestra á filla máis nova de Louhi. Esta insúltao de tal xeito que Ilmarinen entoa un feitizo para convertela nun paxaro e volve a Kalevala sen ela. Despois, coméntalle a Väinämöinen a prosperidade e riqueza que as xentes de Pohjola posúen grazas ao sampo.

O roubo do sampo

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 39 a 44: Väinämöinen, Ilmarinen e Lemminkäinen navegan até Pohjola para recuperar o sampo. Durante a travesía, matan un monstro mariño, e coa súa mandíbula crean o primeiro kantele, co que Väinämöinen canta unha melodía tan fermosa que atrae aos propios deuses. Os heroes chegan a Pohjola e esixen a súa parte das riquezas do sampo. Louhi reúne ás súas tropas; porén, Väinämöinen adorméceos coa súa música. Así, logran tomar o sampo e parten rumbo ao fogar. Louhi conxura un gran exército, converténdose nunha aguia xigante para loitar polo sampo. Secasí, este pérdese no mar durante o conflito.

A vinganza de Louhi

[editar | editar a fonte]
  • Cantos 45 a 49: Irado, Louhi envía enfermidades ás xentes de Kalevala, así coma un grande oso para matar ao seu gando. Despois, oculta o sol e mais a lúa e róuballes o lume. Väinämöinen resolve todos estes males e, xunto con Ilmarinen, recupera o lume. Finalmente, obriga a Louhi a devolver o sol e a lúa ao ceo.

Ciclo de Marjatta

[editar | editar a fonte]
  • Canto 50: A tímida virxe Marjatta, grávida a causa dun arando que comeu mentres atendía ao seu rabaño, dá a luz ao seu fillo. Väinämöinen ordena a morte do neno, mais este comeza a falar, recriminándolle a súa falta de xuízo. Logo, é bautizado rei de Karelia. Väinämöinen parte nun barco deixando como único legado as súas cancións e o kantele, mais promete regresar se desaparecen o sol, a lúa ou a felicidade. Así, o poema remata, e o bardo canta un adeus e un agradecemento á audiencia.
  1. Ficha da obra na páxina web da editorial.
  2. "Laulut Kalevalan takana". Arquivado dende o orixinal o 24 de maio de 2011. Consultado o 31 de agosto de 2010. 
  3. "Turun Wiikko-Sanomat 1820 archive.". Consultado o 19 de agosto de 2010. 
  4. "The folklore activities of the Finnish Literature Society". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2006. Consultado o 19 de agosto de 2010. 
  5. "Suomen Kansan Vanhat Runot kotisivu". Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2010. Consultado o 19 de agosto de 2010. 
  6. Lauri Honko, Religion, Myth, and Folklore in the World's Epics: The Kalevala and Its Predecessors, Walter de Gruyter, 1990, ISBN 3-11-012253-7

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]