Kabuki
O kabuki (en xaponés: 歌舞伎) é unha forma de teatro xaponés tradicional que se caracteriza polo seu drama estilizado e o uso de maquillaxes elaboradas nos actores.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Os caracteres kanji individuais significan «cantar» (歌 ka), «bailar» (舞 bu) e «habilidade» (伎 ki). Confrecuencia tradúcese kabuki como "a arte de cantar e bailar". Porén, existen caracteres ateji que non reflicten a etimoloxía actual, e pode ser que a palabra kabuki en realidade estea derivada do verbo kabuku, que significa "inclinarse" ou "estar fóra do ordinario", de xeito que o significado de kabuki pode interpretarse tamén como teatro "experimental" ou "estraño".[1]
Historia
[editar | editar a fonte]1603-1629: Kabuki feminino
[editar | editar a fonte]A historia do kabuki comezou en 1603, cando Izumo no Okuni, unha miko do Santuario Izumo, comezou a realizar un novo estilo de danza dramática nas ribeiras secas do río Kamo en Kyoto.[2][3][4] As executantes femininas interpretaban tanto os papeis femininos como os masculinos en situacións cómicas da vida cotiá. Este estilo fíxose popular de xeito case instantáneo, tanto que mesmo se lle pediu a Okuni que fixese unha interpretación fronte á Corte Imperial. Dado o rotundo éxito, non tardaron en aparecer rivais, e o kabuki naceu como un conxunto de drama e danza executado por mulleres, unha forma moi diferente da súa encarnación moderna. Moitas das execucións neste período foron de carácter indecente e moitas imitadoras realizaban execucións suxerentes; estas actrices comunmente estaban dispoñibles para a prostitución,[1] e os homes do público podían requirir libremente dos servizos destas mulleres. Por esta razón, o kabuki tamén se escribía como 歌舞妓 (prostituta, cantante e bailarina) a partir do período Edo.
1629-1652: Mozos masculinos kabuki
[editar | editar a fonte]A atmosfera escandalosa e en ocasións violenta das executantes de kabuki atraeu a atención do shogunato Tokugawa,[5] e en 1629 as mulleres foron expulsadas dos escenarios co suposto propósito de protexer a moral pública.[6] Algúns historiadores suxiren que o goberno estaba preocupado dado que a popularidade do kabuki dramatizaba a vida cotiá en lugar do pasado heroico e daba a coñecer escándalos recentes, algúns deles en que estaban involucrados oficiais do goberno.[7]
Posto que o kabuki xa era moi popular, os actores novos masculinos tomaron o lugar das mulleres. Xunto co cambio dos intérpretes, o xénero cambiou á súa vez a énfase da execución: a tensión crecente púxose máis no drama que na danza. Estas actuacións resultaron igualmente obscenas,[8] e moitos actores estaban tamén dispoñíbeis para a prostitución, incluíndo clientes homosexuais. O público alborotábase frecuentemente e de cando en vez estoupaban as liortas, en ocasións para requirir os favores dun mozo actor particularmente atractivo, o que levou o shogunato a prohibir tamén as actuacións de actores novos en 1652.[9]
Despois de 1653: Homes kabuki
[editar | editar a fonte]Desde 1653, só podían realizar kabuki homes adultos, o que fixo que se convertese nunha forma sofisticada e altamente estilizada chamada yarō kabuki (野郎歌舞伎, "kabuki de homes"). Esta metamorfose de estilo estaba altamente influenciada polo teatro cómico kyōgen (狂言), que foi extremadamente popular nese tempo. Hoxe, o yarō decaeu, mais ata non hai moito tempo, todos os roles interpretados no kabuki eran executados só por homes. Os actores que se especializaban en interpretar mulleres eran coñecidos como onnagata ou oyama (ambos escríbense 女形). Os onnagata adoitaban provir de familias especializadas neste estilo. Outros dous roles principais eran aragoto (荒事, estilo áspero) e wagoto (和事, estilo suave).
1688-1704: Período Genroku
[editar | editar a fonte]Durante a era Genroku o kabuki prosperou. As estruturas onde se levaban a cabo as funcións kabuki foron formalizadas durante este período, así como moitos outros elementos de estilización. Determináronse os diferentes tipos de personaxes convencionais. Durante este período estiveron asociados os teatros kabuki e ningyō jōruri (人形浄瑠璃, a forma elaborada do teatro de monicreques que despois de coñeceu como bunraku), e cada un influenciou o desenvolvemento do outro. Chikamatsu Monzaemon, un dos primeiros dramaturgos profesionais do kabuki, produciu varios traballos influentes, aínda que a súa peza máis coñecida e significativa, Sonezaki Shinjū (曾根崎心中, "Os amantes suicidas de Sonezaki"), foi escrita para executarse no bunraku. Con todo, como moitas obras bunraku foi adaptada ao kabuki e atopou moitos imitadores. Esta e outras obras causaron suicidios por imitación na vida real polo que o goberno prohibiu os shinju mono (obras sobre suicidios dobres de amantes) en 1723. Ichikawa Danjūrō I, que tamén viviu neste período, está recoñecido polo desenvolvemento da postura mie[10] e a maquillaxe kumadori que semella unha máscara.[11]
A mediados do século XVIII, o kabuki deixou de ser o favorito e o bunraku tomou o seu lugar como a principal forma de entretemento entre as clases sociais baixas. Isto debeuse en gran medida ao xurdimento de varios dramaturgos bunraku de éxito nese período. Déronse poucos desenvolvementos no kabuki ata finais dese século, cando comezou a rexurdir.
O kabuki despois da Restauración Meiji
[editar | editar a fonte]O enorme cambio cultural que comezou en 1868 trala caída do shogunato Tokugawa, a eliminación da clase samurai, e a apertura do Xapón aos produtos e ideas de occidente, contribuíron a prender a chispa que marcou o rexurdimento do kabuki. Mentres a cultura loitaba para adaptarse á súa nova carencia de illamento, os actores esforzáronse por aumentar a reputación do zkialo entre as clases altas e adaptar os estilos tradicionais aos gustos modernos. Os intentos neste sentido renderon froitos e nunha ocasión ofreceuse unha función ao Emperador Meiji en 1887.[12]
Moitas casas kabuki foron destruídas por bombardeos durante a segunda guerra mundial, e as forzas de ocupación prohibiron esporadicamente as execucións de kabuki despois da guerra.[13] Porén, en 1947 levantouse a prohibición e as funcións comezaron unha vez máis.[14]
O kabuki na actualidade
[editar | editar a fonte]No Xapón contemporáneo, o kabuki continúa a ser relativamente popular; é o máis popular dos estilos tradicionais de drama xaponeses e os seus actores aparecen con frecunecia en papeis no cinema e na televisión.[15] Por exemplo, o coñecido onnagata Bandō Tamasaburō V apareceu en varios papeis en diferentes obras non kabuki e filmes, en ocasións en papeis femininos.
Algunhas compañías teatrais empregan na actualidade actrices nos papeis onnagata, e formouse por exemplo Ichikawa Shōjo Kabuki Gekidan, unha compañía de só actrices, en 1953. Porén, a maioría das compañías continúan a ser exclusivamente masculinas.[16] En 2003 erixiuse unha estatua de Okuni preto do distrito de Ponto-chō de Kyoto.
O kabuki entrou na listaxe de Obras Mestras do Patrimonio Oral e Intanxíbel da Humanidade da UNESCO desde o 24 de novembro de 2005.[17][18]
Elementos
[editar | editar a fonte]O kabuki emprega unha extensión adicional do escenario coñecida como hanamichi (花道; literalmente "camiño florido"), unha calzada que se estende cara ao público onde se fan as entradas e saídas dramáticas. Os teatros e escenarios kabuki foron sofisticándose tecnoloxicamente de xeito constante, e entre as innovacións atópanse as portas e os escenarios xiratorios, introducidos no século XVIII, mellorando en gran medida a escenografía das obras.
No kabuki, así como noutras execucións da arte xaponesa, os cambios de escenografía realízanse en ocasións a metade das escenas, mentres os actores continúan no escenario e os panos se manteñen abertos. Os encargados de engadir e quitar obxectos coñécense como kuroko (黒子), van sempre vestidos completamente de negro e tradicionalmente se consideran "invisíbeis".
Existen tres categorías principais de obras kabuki: jidaimono (時代物, "histórica", ou prehistorias do período Sengoku), sewamono (世話物, "doméstico", ou poshistorias do período Sengoku), e shosagoto (所作事, pezas de danza).[19]
Algunhas características importantes do teatro kabuki inclúen o moye (見得), en que o actor adopta unha postura pintoresca para establecer o seu papel. O keshō, ou maquillaxe, proporciona un elemento de estilo facilmente recoñecíbel mesmo por aqueles que non están familiarizados con esta forma de arte. O po de arroz se emprega para crear a base branca coñecida como oshiroi, e o kumadori realza ou esaxera as liñas faciais para producir máscaras sobrenaturais ou de animais para os intérpretes.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Kabuki" in Frederic, Louis (2002). Japan Encyclopedia. Cambridge, Massachusetts: Harvard University Press.
- ↑ Lane, Richard (1978). "Images of the Floating World". Old Saybrook, CT: Konecky & Konecky.
- ↑ "Okuni | Kabuki dancer". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 5 de maio de 2019.
- ↑ Haar 1971, p. 83
- ↑ Masato 2007
- ↑ Lombard, Frank Alanson (1928). An Outline History of the Japanese Drama. Londres: George Allen & Unwin LTD. pp. 287–295. ISBN 978-1-138-91983-9.
- ↑ Lombard, Frank Alanson. "Kabuki: A History". An Outline History of the Japanese Drama. Londres: George Allen & Unwin Ltd., 1928. 287-295
- ↑ Leupp 1997, pp. 91–92
- ↑ Leupp 1997, p. 92
- ↑ "Mie Arquivado 06 de febreiro de 2012 en Wayback Machine.". Kabuki Jiten. Consultado o 9 de febreiro de 2007.
- ↑ Kincaid, Zoe (1925). Kabuki: The Popular Stage of Japan. Londres: MacMillan and Co. pp21-22.
- ↑ Shōriya, Asagoro. Kabuki Chronology of the 19th century at Kabuki21.com (Consultado o 18 de decembro de 2006)
- ↑ Brandon 2009
- ↑ Takemae, Eiji (2002) [1983]. The Allied Occupation of Japan. Robert Ricketts e Sebastian Swann (tradutores e adaptadores). Nova York e Londres: Continuum. pp. 390–391. ISBN 0-8264-6247-2.
- ↑ Shōriya, Asagoro. Contemporary Actors at Kabuki21.com. (Consultado o 18 de decembro de 2006.)
- ↑ Edelson, Loren. Playing for the Majors and the Minors: Ichikawa Girls' Kabuki on the Postwar Stage. In: Leiter, Samuel (ed). Rising from the Flames: The Rebirth of Theater in Occupied Japan, 1945–1952. Rowman & Littlefield, 2009. pp. 75–85.
- ↑ "2001~2100". Kabuki21.com. Consultado o 25 de xullo de 2014.
- ↑ "UNESCO Culture Sector – Intangible Heritage – 2003 Convention". Unesco.org. Consultado o 25 de xullo de 2014.
- ↑ "Kabuki « MIT Global Shakespeares". Consultado o 8 de abril de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Kabuki |
A Galipedia ten un portal sobre: Xapón |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Brandon, James R. (2009). Kabuki's Forgotten War: 1931–1945. University of Hawaii Press. ISBN 978-0-8248-3200-1.
- Ronald Cavaye (1993). Kabuki: A Pocket Guide. USA e Xapón: Charles E. Tuttle,
- Ronald Cavaye, Paul Griffith e Akihiko Senda (2004). A Guide to the Japanese Stage. Xapón: Kodansha International.
- Ernst, E. (1956). The Kabuki Theatre. Nova York: Oxford University Press.
- Haar, Francils (1971). Japanese Theatre in Highlight: A Pictorial Commentary. Westport: Greenwood P. p. 83.
- Leupp, Gary P. (1997). Male Colors: The Construction of Homosexuality in Tokugawa Japan. University of California Press. ISBN 0-520-20900-1.
- Scott, A. C. (1955). The Kabuki Theatre of Japan. Londres: George Allen & Unwin Ltd.
- Senelick, L. (2000). The Changing Room: Sex, Drag, and Theatre. Londres: Routledge.
- Masato, Takaba (2007). "History of Kabuki: Birth of Saruwaka-machi". Watanabe Norihiko. Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2013. Consultado o 30 de abril de 2009.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Teatro Kabuki Arquivado 24 de xullo de 2021 en Wayback Machine.
- Festival do Premio á historia kabuki 2001 (en inglés)
- WebJapan (en inglés)
- Kabuki 21
- Kabuki moderno
- Páxina dixital Arquivado 14 de marzo de 2016 en Wayback Machine.