Enrique Salcedo
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 15 de xullo de 1871 Madrid, España |
Morte | 9 de novembro de 1936 (65 anos) Ferrol, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Comandante en xefe da VIII División Orgánica | |
11 de xaneiro de 1936 – 20 de xullo de 1936 ← José Riquelme y López-Bago (pt) – Enrique Cánovas Lacruz (en) → | |
Gobernador militar de Mallorca | |
1928 – | |
Comandante en xefe Grupo de Fuerzas Regulares Indígenas "Larache" Nº 4 | |
12 de xaneiro de 1917 – 12 de xuño de 1919 | |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Período de actividade | 1888 - |
Carreira militar | |
Lealdade | Restauración borbónica en España |
Rama militar | Exército de Terra de España |
Rango militar | general de divisão (pt) (1928–) |
Conflito | Guerra de Independencia cubana Guerra do Rif |
Premios | |
Enrique Salcedo Molinuevo, nado en Salamanca o 15 de xullo de 1871 e finado en Ferrol o 9 de novembro de 1936, foi un militar español. Ao negarse a secundar a sublevación militar que deu orixe á Guerra Civil Española foi fusilado polos sublevados.[1]
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Salamanca, de pai español e nai filipina. Aos 17 anos ingresou na Academia de Infantería e, logo de graduarse, participou en campañas en Cuba e despois en Marrocos, obtendo a medalla militar individual. O 12 de xaneiro de 1917 foi nomeado Xefe do Grupo de Fuerzas Regulares Indígenas "Larache" Nº 4 substituíndo a Federico Berenguer Fuster. O 12 de xuño de 1919 foi substituído por Manuel González Carrasco.
Casou coa galega Amalia Portela. En 1928, durante a ditadura de Primo de Rivera alcanzou a graduación de xeneral de división. Cando se proclamou a República era gobernador militar de Tarragona.
Durante o período republicano seguiu en activo. A pesar da súa amizade co xeneral Sanjurjo, non participou no seu frustrado intento de golpe de Estado en agosto de 1932. Pouco antes das eleccións de febreiro de 1936 foi nomeado xeneral xefe da VIII División Orgánica, con sede na Coruña, polo ministro da Guerra, o tamén militar Nicolás Molero Lobo. Logo da subida ao poder do Fronte Popular, foi confirmado polo novo ministro, Carlos Masquelet.
Salcedo coñecía a conspiración que culminou na sublevación de xullo de 1936. Pero ao producirse, mantívose leal á República. O día 19 de xullo (a sublevación en Galicia non se produciu ata o 20) o deputado de Unión Republicana, José Miñones Bernárdez, entrevistouse con el. O deputado insistiulle no perigo que a súa participación na sublevación suporía para a súa carreira, ao que Salcedo respondeu que faría o que indicase Sanjurjo. Porén, non puido recibir ningunha indicación do seu amigo, xa que este morreu ese mesmo día en Lisboa en accidente de avión. Salcedo si recibira, na noite do 18 de xullo, un telegrama de Queipo de Llano conminándoo a que se unira á sublevación e despois unha chamada telefónica, o mesmo día 19, do xeneral Mola. Salcedo e o xeneral Caridad Pita, xefe da 15.ª Brigada de Infantaría con sede na Coruña, aseguráronlle ao gobernador civil, Francisco Pérez Carballo, a súa fidelidade á República.
O día 20 ás cinco da madrugada, Salcedo reuniuse na Capitanía Xeneral co xeneral Caridad Pita, quen lle advertiu que o coronel Martín Alonso, ao mando do Rexemento de Infantaría de Zamora número 54, e o tenente coronel Montel, secundados polo xefe de Estado Maior provisional de Capitanía, o tenente coronel Tovar, pretendían sublevarse.
Durante a mañá, Salcedo destituíu a Tovar. Porén, os sublevados reducírono no seu despacho en Capitanía e cominárono a unirse á sublevación, o que Salcedo rexeitou. Foi detido e despois trasladado a Ferrol, xunto co xeneral Caridad Pita, no buque correo Plus Ultra, convertido en prisión militar. Alí foron internados no castelo de San Filipe. Ambos foron procesados por un consello de guerra (24 de outubro de 1936), e acusados de traizón, foron condenados a morte e fusilados o 9 de novembro no castelo de San Filipe[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Enrique Salcedo en Nomes e Voces.
- ↑ "Nota de la plaza". El Correo Gallego. 10 de novembro de 1936. p. 1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- De Capitanía al paredón, La Voz de Galicia, 26 de xuño de 2004.
- Manuel Domínguez Benavides. La escuadra la mandan los cabos, capítulo "La traición en La Coruña".
- Guerra Civil e Represión en Ferrol e ComarcaArquivado 30 de marzo de 2007 en Wayback Machine..