Dionizy Kajetanowicz
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de abril de 1878 Tyshkivtsi |
Morte | 18 de novembro de 1954 (76 anos) Abez, Rusia |
Lugar de sepultura | Cemitério Rakowicki (pt) |
Administrador apostólico | |
1938 – | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | sacerdote católico (1903–) |
Orde relixiosa | Ordes franciscanas e Orde dos Freires Menores |
Dionizy Kajetanowicz[nota 1] (en ucraíno: Діонісій Каєтанович (Dionisii Kaietanovych), en armenio: Դիոնիսի Կաետանովիչ), nado o 8 de abril de 1878 en Tyshkivtsi (Horodenka),[1] e finado o 18 de novembro de 1954 no gulag de Abez (República dos Komis),[1] foi un sacerdote católico armenio galiciano que exerceu de administrador apostólico da arqueparquía de Lviv da Igrexa Católica Armenia, e finou nun campo de concentración soviético.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Naceu nunha familia de etnia armenia, fillo de Kajetan e Maria, de apelido de solteira Zajączkowskiej.[1] En 1896 entrou na Orde dos Freires Menores, tomando o nome monástico de Roman.[1]
Foi ordenado sacerdote en 1903 polo arcebispo latino de Lviv Józef Bilczewski,[1] e pasou a exercer o seu ministerio en Jarosław.[1] En 1908 decidiu deixar os franciscanos e pediu ao arcebispo armenio Teodorowicz incardinarse na súa arquidiocese. A partir de 1912 exerceu o seu ministerio en Sniatyn.[1]
Na arquieparquía armenia
[editar | editar a fonte]En 1918 foi nomeado coéngo de honra, e en 1922 párroco en Lviv.[1] Entre 1925 e 1930 fu8ndou e presidiu unha cooperativa de vivendas para arredor de 20 indixentes e anciáns.[1] O 22 de febreiro de 1930 o papa Pío XI nomeouno camareiro segredo supernumerario.[2] En 1930 pasou a ser tamén vicepresidente da Asociación de Armenios de Lviv.[1]
En 1927 traduciu ao polaco e publicou o texto do ordinario da misa en rito armenio para a diocese de Lviv, e en 1938 publicou unha versión revisada do mesmo.[1] Tamén convenceu ao arcebispo da necesidade de traer a Polonia sacerdotes dende Armenia e de enviar aos seminaristas de Lviv ao Pontificio Colexio Armenio de Roma.[1] Buscou volver ás raíces do rito armenio, que na diocese estaba moi mesturado con formas latinas; e coa aprobación do seu arcebispo viaxou ao Patriarcado de Cilicia, en Constantinopla e, posteriormente, Beirut. O propósito destas viaxes foi o de afondar na tradición e no rito armenio máis puro, e de fornecer as relacións co Patriarcado e coas comunidades armenias do Medio Oriente. Dende o Patriarcado levou a Lviv cánticos armenios e unha descrición precisa da Misa, dos outros sacramentos e do Breviario. Á súa volta estabeleceu unha Comisión Litúrxica coa tarefa de restaurar de xeito gradual a liturxia armenia á súa forma máis propia.[3]
O 4 de decembro de 1938 finou o arcebispo armenio de Lviv Józef Teofil Teodorowicz.[4] Dionizy foi elixido vigairo capitular,[1] e convocou ao capítulo encargado de escoller un sucesor para presentalo á aprobación da Santa Sé. De entre os tres candidatos, foi elixido el como sucesor, e foi enviada a petición a Roma para a súa aprobación.[nota 2] Porén, o comezo da segunda guerra mundial fixo que a decisión non chegara, e Dionizy converteuse en administrador da arquidiocese.[1]
Segunda guerra mundial, prisión e morte
[editar | editar a fonte]Durante a segunda guerra mundial salvou a moitos xudeus dándolles certificados falsos de bautismo, e foi por iso arrestado pola Gestapo o 13 de abril de 1943. Foi liberado grazas á intervención do metropolita greco-católico Andrei Sheptytskyi, e coa axuda deste mantivo as relacións coa Santa Sé.[1][5]
O 26 de novembro de 1945 foi arrestado novamente, esta vez polo NKVD, ao rexeitar adherirse á Igrexa Ortodoxa.[1][6] Foi sentenciado con cargos falsos o 8 de marzo de 1946 a dez anos en campos de concentración e á perda de dereitos civís durante cinco anos. Durante o seu período en prisión escribiu moito, principalmente poesía e obras relixiosas en latín e polaco.[1]
Morreu o 18 de novembro de 1954, no gulag preto de Abez, hoxe na república dos Komis (Rusia), pouco antes da súa saída en liberdade. Segundo algunhas fontes morreu envelenado,[1][7] e descoñécese onde foi enterrado. A República de Ucraína, xa independente, rehabilitouno o 10 de agosto de 1994.[1]
Xunto a el foron tamén condenados os sacerdotes católicos armenios Kazymyr Romaškan e Viktor Kvapinskiy, da mesma diocese, e outros relixiosos. As diversas propiedades e igrexas da diocese foron nacionalizadas, e gran parte da poboación armenia foi deportada forzosamente a Polonia.[8]
Esforzos pola beatificación
[editar | editar a fonte]En 2009 un grupo de armenios polacos asociados á Fundacja Kultury i Dziedzictwa Ormian Polskich comezaron esforzos para a súa beatificación como mártir da fe. Recolleron centos de sinaturas en Polonia, non só de armenios, para enviarlle unha petición ao patriarca católico armenio Narsés Pedro XIX para que comezara o proceso de beatificación de Kajetanowicz e de Adam Bogdanowicz Rosco. O 16 de marzo de 2009 lle foi entregada unha petición bilingüe, acompañada de dúas biografías dos sacerdotes, ao arcebispo Nechan Karakéhéyan, ordinario para os armenios de Europa Oriental.[9]
Obras
[editar | editar a fonte]- Odnowienie i rekonstrukcya katedry Ormiańskiej we Lwowie, 1908
- Na historycznym szlaku, 1920
- Katedra ormiańska i jej otoczenie: (przewodnik), 1930
- Przenajświętsza Ofiara w obrządku ormiańskim, 1938
Notas e referencias
[editar | editar a fonte]- Notas
- ↑ Os armenios de Galicia tiñan o polaco como lingua propia. Outros nomes polos que aparece son Dionisio Kajetanowicz (Acta Apostolicae Sedis, Annuario Pontificio), Dionysius Kajetanowicz (Actes et documents du Saint Siège relatifs à la Seconde Guerre mondiale), Dionysius Kajetanowicz e Dionisiy Kaetanowicz, entre outros.
- ↑ Unha descrición da forma de elección dos arcebispos pode atoparse en Petrowicz, pp. 377-378.
- Referencias
- ↑ 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 1,14 1,15 1,16 1,17 1,18 Isakowicz-Zaleski, Tadeusz (2001). Ormiańskie Towarzystwo Kulturalne, ed. Słownik biograficzny duchownych ormiańskokatolickich oraz duchownych rzymskokatolickich pochodzenia ormiańskiego w Polsce w latach 1750-2000 (en polaco). p. 56-69. ISBN 9788390315744.
- ↑ "Segreteria di Stato - Nomine" (PDF). Acta Apostolicae Sedis (en italiano) 22: 200. 1930.
- ↑ Żaliński, Henryk; Karolczak, Kazimierz. Lwów, miasto, społeczeństwo, kultura: studia z dziejów Lwowa 2. p. 56. ISBN 9788386841127.
- ↑ Zugger, Christopher Lawrence (2001). Syracuse University Press, ed. The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin. p. 305. ISBN 9780815606796.
- ↑ Petrowicz, Grzegorz (Gregorio) (1971). La chiesa armena in Polonia e nei paesi limitrofi: 1686-1954. Istituto degli studi ecclesiastici. p. 379.
- ↑ Hlebowicz, Adam (1993). Katolicyzm w państwie sowieckim 1944-1992. p. 128.
- ↑ Por exemplo, Jan Żaryn (1997). Kościół a władza w Polsce (1945-1950). Towarzystwo im. Stanisława ze Skarbimierza. p. 44. ISBN 9788371810091.
- ↑ Zugger, p. 305
- ↑ Pełczyński, Grzegorz (2019). "Represje wobec duchowieństwa Archidiecezji Ormiańskokatolickiej we Lwowie podczas drugiej wojny światowej i po jej zakończeniu". Zesłaniec (en polaco) (Związek Sybiraków) (76): 69. ISSN 1426-2126. OCLC 68735658.
Po rozpadzie Związku Sowieckiego, władze niepodległej Ukrainy zrehabilitowały represjonowanych księży ormiańskokatolickich, wydając specjalne dekrety 9 i 10 sierpnia 1994 r. Natomiast 16 marca 2009 r. delegacja Ormian polskich złożyła na ręce abp Nyszana Karakehejana, ordynariusza Ormian-katolików w Europie Wschodniej, petycję w sprawie beatyfikacji ks. Dionizego Kajetanowicza i ks. Adama Bogdanowicza.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Бронислав Чаплицкий (Bronislav Chaplitskiy), Ирина Ивановна Осипова (Irina Ivanovna Osipova) (2000). Книга памяти: мартиролог Католической церкви в СССР (Kniga pamiati: martirolog Katolicheskoi tserkvi v SSSR). Серебряные нити (Serebrianye niti). (en ruso) (Traducido por G. Kelley, ver máis abaixo.)
- Zugger, Christopher Lawrence (2001). The Forgotten: Catholics of the Soviet Empire from Lenin Through Stalin. Syracuse University Press. ISBN 9780815606796.
- Petrowicz, Gregorio (1971). La chiesa armena in Polonia e nei paesi limitrofi: 1686-1954. Istituto degli studi ecclesiastici.
- Isakowicz-Zaleski, Tadeusz (2001). Słownik biograficzny duchownych ormiańskokatolickich oraz duchownych rzymskokatolickich pochodzenia ormiańskiego w Polsce w latach 1750-2000. Ormiańskie Towarzystwo Kulturalne. ISBN 9788390315744.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Geraldine Kelley. "Biography of Father Dionizy Kajetanowicz". University of Notre Dame. Arquivado dende o orixinal o 19 de decembro de 2013. Consultado o 30 de xaneiro de 2014. (en inglés)
Dignidades da Igrexa católica | ||
---|---|---|
Predecesor: Józef Teofil Teodorowicz (Arcebispo) |
Administrador apostólico de Lviv 1938 - 1954 |
Sucesor: (Sé vacante) |
- Nados en 1878
- Nados na rexión de Ivano-Frankivsk
- Sacerdotes da Igrexa católica armenia
- Sacerdotes católicos de Polonia
- Sacerdotes católicos de Ucraína
- Sacerdotes católicos do século XX
- Franciscanos
- Escritores en lingua polaca
- Escritores de literatura relixiosa
- Escritores de Polonia
- Escritores de Ucraína
- Tradutores ao polaco
- Tradutores do armenio
- Tradutores de Polonia
- Tradutores de Ucraína
- Finados en 1954
- Asasinados polo réxime soviético