iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Dígrafo
Dígrafo - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Dígrafo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En lingüística, un dígrafo ou digrama é a unión de dous grafemas (dúas letras nos alfabetos) que representan un fonema único e que se converte nun novo grafema (un trigrama para tres grafemas etc., así en francés a secuencia eau representa o son /o/). Por exemplo, na palabra chan, o digrama ch representa o fonema /tʃ/. Pódese dicir que esta palabra contén catro letras e tres grafemas. Para que unha secuencia de letras sexa considerada como digrama, debe estar ben testemuñada no sistema de escrita, ou sexa, ser produtiva. Pódese en galego notar calquera palabra nova que conteña o fonema /tʃ/ con ch, o que confirma o seu estatuto de grafema e, xa que logo, de digrama.

A utilización de digramas ou trigramas no alfabeto indica a miúdo que este non é completo pois ten que botar man dun dígrafo para notar un son que lle é propio.

Nota: as transcricións están en Alfabeto Fonético Internacional.

Falsos ditongos e antigos ditongos

[editar | editar a fonte]

Os digramas poden estar compostos de vogais ou de consoantes. Os digramas feitos de vogais son chamados "falsos ditongos" cando as dúas vogais notan unha soa vogal simple. É o caso do francés, onde ou = [u], ai = [ɛ], eu = [œ] ou [ø] etc.). O grego antigo coñéceos tamén: ου pode soar [oː] e ει [eː]. Igualmente en grego moderno αι = [e] ou mesmo ει, οι, υι = [i].

De feito, convén distinguir os falsos ditongos reais dos casos de monotongación: en grego antigo, os fonemas /oː/ e /eː/ do dialecto xónico-ático non podían, en razón da ausencia de signos que lles fosen propios tras a reforma de 403 a.C. seren notados doutro xeito. Son falsos ditongos. En grego moderno e en francés, as notacións actuais explícanse por unha antiga monotongación. Os dous procesos non son idénticos: é un medio de paliar as lagoas dunha escrita no primeiro caso, un arcaísmo debido á evolución secundaria de ditongos antigamente pronunciados como tal no segundo.

Ligadura e digrama

[editar | editar a fonte]

A diferenza da ligadura, a identidade gráfica dos grafemas fundamentais combinados non está alterada.

Non hai que confundir o grafema e a letra: todo digrama é un grafema pero non todo digrama se considera unha letra. En efecto, en certas linguas o digrama fica considerado como dúas letras separadas (non se contabiliza na orde alfabética). Ao contrario, noutras, os digramas funcionan como novas letras que teñen o seu propio sitio na clasificación alfabética.

Por exemplo, o digrama ch en galego non é unha letra: non se conta no alfabeto e a palabra chave debe ir situado nun dicionario, por exemplo, entre palabras en ce e en ci. En vietnamita, porén, ch é un digrama e unha letra. Así, chiếc debe ser buscado na letra ch, situada tras todas as palabras que comezan por c.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]