iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Celastrina_argiolus
Celastrina argiolus - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Celastrina argiolus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Celastrina argiolus

Á esquera, macho, coa á dereita volteada, e femia á dereita. Escala en mm.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Hexapoda
Clase: Insecta
Orde: Lepidoptera
Suborde: Glossata
Infraorde: Heteroneura
(sen clasif.): Ditrysia
Superfamilia: Papilionoidea
Familia: Lycaenidae
Subfamilia: Polyommatinae
Tribo: Polyommatini
Xénero: 'Celastrina'
Especie: ''C. argiolus''
Nome binomial
'Celastrina argiolus'
(Linnaeus), 1758
Sinonimia
  • Papilio cleobis Sulzer, 1776
  • Papilio thersanon Bergstrasser, 1779
  • Papilio argyphontes Bergstrasser, 1779
  • Papilio argalus Bergstrasse, 1779
  • Papilio (Argus) marginatus Retzius, 1783
  • Lycaenopsis argiolus calidogenita Verity, 1919
  • Lycaenopsis argiolus britanna Verity, 1919

A Celastrina argiolus é unha das especies actualmente recoñecidas no xénero Celastrina, da familia Lycaenidae.[1] É unha pequena bolboreta azul, descrita por Carl von Linné en 1758 como Papilio argiolus.[2]

Descrición

[editar | editar a fonte]
Celastrina argiolus (♀)

Son pequenas, de 2,5 a 3 cm de envergadura, máis grandes as femias que os machos. O anverso ou cara superior das ás dos machos presenta unha cor azul cobalto ou violácea pálida; as ás anteriores (de entre 13 e 17 mm) posúen as marxes e o ápice de cor negra, e as posteriores tamén están bordeadas de escuro cun punto no ápice. O reverso é dun azul moi pálido, case esbrancuxado; as anteriores teñen unha liña escura na parte distal da cela, curtos trazos negros na serie postdiscal e vestixios de trazos na zona submarxinal; as posteriores teñen tres pequenos puntos negros orlados de branco na zona basal, trazo na cela, outros dous puntos na zona discal máis próxima á costa e unha serie de puntos negros orlados de branco postdiscal incompleta. As femias son moi similares, co reverso das ás practicamente igual ao dos machos e o anverso de azul cobalto e negro; as anteriores cunha ancha banda submarxinal-apical de cor marrón ou negra e as posteriores con manchas marróns ou negras distribuídas pola costa e pola zona apical, e cunha serie de puntos negros submarxinais. As femias da segunda xeración teñen unha cor azul máis escura, a mancha negruzca máis estendida e a costa das posteriores escura.[3][4]

Como o resto de especies da súa familia as eirugas son algo aplanadas, con finos pelos, cabeza retráctil e aspecto de lesma. Os imagos presentan nas súas cabezas palpos longos e brancos, ollos grandes e escuros e antenas anilladas en branco. Ambos os sexos posúen tres pares de patas funcionais para camiñar ou agarrarse, con ás fortes e ben proporcionadas que lles permiten voar rapidamente, pousándose en bebedoiros ou charcas nos calorosos días de verán.[5]

C. argiolus coas ás encartadas.

Ciclo biolóxico

[editar | editar a fonte]

Adoita ter dúas xeracións anuais, unha na primavera, de abril a xuño, e outra no verán, en xullo e agosto. Unha terceira xeración pode aparecer durante o mes de setembro naqueles lugares onde o verán é máis longo.[6]

Os ovos son depositados polas femias nas xemas florais, sementes e follas novas das súas plantas nutricias. Unha vez eclosionadas, as larvas asócianse con formigas de varios xéneros, como Lassius, Camponotus ou Formica, e aliméntanse dunha gran diversidade de plantas, entre as que se atopan a hedra, clemátide, acivro, Erica scoparium, piorno, Genista scorpius, Genista tinctorium, Dorycnium pentaphyllum, framboeseiro, herba ulmeira, casis, groselleira, groselleira branca, sanguiño, Rhamnus catharticus, Lupinus, Vaccinium, Berberis, Lespedeza, ervellaca, Pueraria lobata, Wisteria floribunda, diferentes especies de Cornus, maceira, Prunus salicina, Euonymuys europaeus, toxo, asteráceas do xénero Arctium, Rubus fruticosus, Caragana frutex, Chamaecystis sp., Cuscuta engelmannii, C. lehmanniana, Sophora flavescens, Desmodium oxyphyllum, Aralia elata, Euodia meliifolia, Reynoutria japonica, Staphylea bumalda ou varias especies do xénero Symphoricarpos.[7][6][8][9][1]

Distribución e hábitat

[editar | editar a fonte]
É unha especie moi asociada aos cursos de auga.

De distribución paleártica e neártica, ocupa toda a Europa continental desde o Mediterráneo até o sur da península escandinava, sur das illas Británicas, illas mediterráneas e norte de África. Polo leste o seu rango de distribución chega até Xapón e tamén se atopa en Norteamérica.[1]

Os bosques de ribeira, os prados e as matogueiras próximas aos ríos e arroios son os seus hábitats naturais, tamén en bosques claros, desde zonas baixas até os 1500 m de altitude, pero tamén en zonas urbanizadas, en parques e xardíns.[7][8][4]

Subespecies e sinonimia

[editar | editar a fonte]

Describíronse polo menos 7 subespecies: C. a. argiolus, C. a. calidogenita, C. a. caphis, C. a. boto, C. a. gozora, C. a. landonides e C. a. pseudargiolus.[1]

A subespecie Celastrina argiolus ssp. calidogenita é un endemismo do norte da Península Ibérica.[7]

Ao longo dos anos diversos autores denominaron a esta especie con distintos sinónimos:[9]

  • Papilio argiolus Linnaeus, 1758
  • Papilio cleobis Sulzer, 1776
  • Papilio marginatus Retzius, 1783
  • Papilio acis Fabricius, 1787
  • Lycaenopsis argiolus r. britanna Verity, 1919
  • Lycaenopsis argiolus f. calidogenita Verity, 1919
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 GBIF (2011)
  2. Lineo (1758)
  3. Aguado Martín, O. L. (2007), p. 649
  4. 4,0 4,1 Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980), p. 76
  5. Aguado Martín, O. L. (2007), pp. 537-538
  6. 6,0 6,1 Aguado Martín, O. L. (2007), p. 650
  7. 7,0 7,1 7,2 Aguado Martín, O. L. (2007), p. 651
  8. 8,0 8,1 Leraut, P. (2007), p. 432
  9. 9,0 9,1 Savela, M. (2011)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aguado Martín, O. L. (2007). Las mariposas diurnas de Castilla y León (Lepidópteros ropalóceros) Especies, biología, distribución y conservación II. Valladolid: Junta de Castilla y León. p. 1041. ISBN 978-84-9718-474-8. 
  • Global Biodiversity Information Facility (2011). "Classification of genus: Celastrina." (en inglés). Consultado o 2 de xuño de 2011. 
  • Higgins, L. G. y N. D. Riley (1980). Guía de campo de las mariposas de España y Europa. Barcelona: Omega. p. 452. ISBN 84-282-0327-X. 
  • Leraut, Patrice (2007). Insectos de España y Europa. Barcelona: Lynx Edicions. p. 528. ISBN 978-84-96553-27-9. 
  • Linneo, C. (1758). "Systema naturae" (en latín). Consultado o 7 de xaneiro de 2011. 
  • Savela, Markku (2011). "Lepidoptera and some other life forms" (en inglés). Consultado o 6 de xaneiro de 2011.