iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Capadocia
Capadocia - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Capadocia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCapadocia
Kapadokya (tr) Editar o valor en Wikidata
Vista aérea
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 38°40′14″N 34°50′21″L / 38.67056, 34.83917
EstadoTurquía
RexiónsRexión da Anatolia Central Editar o valor en Wikidata

BNE: XX452502

Capadocia[1][2] (en turco: Kapadokya; grego: Καππαδοκία) é unha rexión histórica de Anatolia central, en Turquía, que abarca partes das actuais provincias de Kayseri, Aksaray, Niğde e Nevşehir.

Capadocia caracterízase por ter unha formación xeolóxica única no mundo, e polo seu patrimonio histórico e cultural. No ano 1985, foi incluída pola UNESCO na lista do Patrimonio da Humanidade, cunha zona protexida de 9.576 ha.

Información xeral

[editar | editar a fonte]
Mapa de Cappadocia.

Desde hai miles de anos e até a actualidade, houbo sempre asentamentos humanos na rexión. Algunhas civilizacións antigas floreceron aquí, como a hitita, e outras procederon de civilizacións europeas ou doutras rexións de Asia Menor, e todas elas deixaron a súa pegada na Capadocia.

As características xeolóxicas do lugar derón pé a que as súas paisaxes se describan como "paisaxes luares". A terra do lugar, chamada toba calcárea, adquiriu formas caprichosas tras millóns de anos de erosión, e é de abondo débil para permitir que o ser humano constrúa as súas moradas traballando a rocha, en troques de erixir edificios. Deste xeito, as paisaxes luares están cheos de cavernas, naturais e artificiais, moitas das cales continúan habitadas.

A situación xeográfica da Capadocia foi encrucillada de rutas comerciais durante séculos, e tamén obxecto de continuas invasións. Os habitantes da rexión construíron refuxios subterráneos (exemplos que poden ser visitados son as cidades de Kaymaklı e Derinkuyu), onde cidades enteiras podían refuxiarse debaixo da terra, e subsistir durante moitos meses sen arriscarse no exterior. Estas cidades subterráneas construídas en varios niveis (a cidade de Kaymaklı ten nove subterráneos, aínda que só catro están abertos ao turismo, o resto están reservados para investigación arqueolóxica e antropolóxica), e estaban equipadas con respiradoiros, cortes, panaderías, pozos de auga, e o necesario para albergar poboacións que podían chegar até os 20.000 habitantes. Cando estas cidades subterráneas foron usadas durante o cristianismo bizantino, algunas cámaras foron adaptadas como templos e decoradas con frescos nas paredes.

Orixe e significado do nome

[editar | editar a fonte]

Crese que o nome "Capadocia" provén do vocábulo Katpadukya, ou Terra de belos cabalos. Os cabalos da rexión cobraron fama por ser ofrecidos como agasallo aos reis Asurbanipal, de Asiria, e Darío e Xerxes I, de Persia.

Xeografía e xeoloxía

[editar | editar a fonte]
Moradas trogloditas
Zelve

A rexión de Capadocia pode considerarse un círculo de cincuenta quilómetros de diámetro, onde se atopan, entre outras, as cidades de Aksaray e Nevşehir, así como numerosas poboacións. A poboación na área non chega ao millón de habitantes, pero os asentamentos están tan próximos uns dos outros, que dan a impresión de tratarse dunha soa cidade estendida por unha rexión moi grande.

En moitos mapas, o nome de Capadocia non é mencionado xa que non se trata dunha demarcación política como tal. Máis ben tratase dunha rexión histórica que abarca anacos de varias provincias.

A paisaxe única de Capadocia é o resultado da acción de forzas naturais a través dos milenios. Fai 60 millóns de anos, formouse a cadea montañosa do Tauro en Anatolia meridional, ao mesmo tempo que se formaba a cadea alpina en Europa. A formación da cordilleira dos Montes Tauro provocou numerosas barrancas e depresións en Anatolia central. Fai dez millóns de anos, estas depresións foron enchidas polo magma e outros elementos volcánicos provistos polos numerosos volcáns en erupción de Anatolia central, especialmente os volcáns Erciyes, Keciboyduran, Develi, Göllü dağı e Melendiz.

Vista panorámica de Göreme

Paseniñamente, as depresións foron desaparecendo, transformando a rexión nun altiplano. O mineral que encheu as depresións non é moi resistente á acción de ventos, choivas, ríos e diferenzas de temperatura; polo que a erosión foi "esculpindo" os numerosos vales polos cales Capadocia é famosa.

Algunhas das poboacións máis importantes son Aksaray, Nevşehir, Kayseri, Ürgüp, Uçhisar, Niğde, Gülşehir e Gülağaç.

Algúns lugares sobresaíntes son o Museo ao ar aberto de Göreme, a cidade subterránea de Kaymaklı, a cidade subterránea de Derinkuyu, o val de Zelve, Gomeda, Peribacalar vadisi (val das chemineas de fada), Soğanlı vadisi, as cidades subterráneas de Özkonak, Tatlarin, Mazı e Acıgöl; e igrexas como as de El Nazar e Aynalı.

Çatalhöyük e Puruskanda

[editar | editar a fonte]

Çatalhöyük é unha cidade que data do período neolítico. Nela foi atopado o que se considera o comezo da historia de Anatolia. Tratase dun fresco mural do ano 6200 a.C., que presenta en primeiro plano, as casas da localidade, e ao fondo, un volcán en erupción; crese que o volcán é o Hasandağ. O fresco está exposto no Museo das Civilizacións de Anatolia en Ancara, e é probablemente a pintura paisaxística máis antiga do mundo.

Entre o 5000 e o 4000 a.C., Capadocia tivo varios principados independentes. A cidade máis importante durante ese período era Puruskanda. Dezasete destes principados uníronse en 2300 a.C. para loitar contra o rei asirio Naram Sin, constituíndo a primeira de moitas alianzas na historia de Anatolia.

Período de colonias de comercio asirio

[editar | editar a fonte]

Ao inicio do II milenio a.C., Anatolia viviu unha etapa brillante na cal atraeu numerosos habitantes. Os asirios, célebres pola súa habilidade no comercio, instaláronse na rexión atraídos por esta riqueza, e organizaron bazares chamados Kârum. O Kârum máis importante é da cidadela de Kanesh (hoxe Kültepe). Os asirios levaban estaño, téxtiles e perfumes, e mercaban ouro, prata e cobre en Anatolia.

Este tipo de comercio durou cento cincuenta anos, até que se dispersou polas guerras entre reinos da rexión. En 1925, un equipo arqueolóxico descubriu en Kültepe as "Táboas da Capadocia", que describen esta colonia mercantil en tempos asirios, e que marcan o rexistro escrito máis antigo coñecido sobre a historia da Capadocia.

Período hitita

[editar | editar a fonte]

Aínda se ten pouca certeza sobre a orixe da civilización Hitita, pero o certo é que esta civilización floreceu en Anatolia central no II milenio a.C., sendo Hattusas (hoxe Boğazköy) o seu centro de poder na rexión, que chamaban Tabal. Os hititas fundaron varios poblados en conxunción cos habitantes da rexión, e conformaron un imperio que se estendía ata Babilonia. O imperio durou de seis a sete séculos, e puxo fin ao dominio da dinastía semita de Hammurabi. Especial lugar na historia hitita teñen os séculos XV e XVI a.C., que marcan o período de maior desenvolvemento da civilización. A finais de milenio, as guerras co Exipto (que culminarían no tratado de paz de Kadesh, de 1286 a.C.) desgastaron ao imperio, que finalmente caeu ante os invasores de Europa oriental.

Despois da caída do imperio hitita, Capadocia atravesou o período máis escuro da súa existencia, entre os séculos X e VII a.C.

Período persa

[editar | editar a fonte]

Capadocia caeu en mans persas no século VI a.C., estado que mantería ata a conquista por Alexandre Magno dous séculos despois. Os persas dividiron Anatolia en provincias, asignando un gobernador (sátrapa) a cada unha.

Os principados estaban ligados ao porto de Éfeso (preto da cidade turca de Kuşadası) pola "vía real", que comezaba en dita cidade, e pasaba polas cidades de Sardes e Mazaca (hoxe Kayseri), chegando a Mesopotamia e a Susa, capital de Persia. Os sátrapas enviaban a Persia os impostos que recadaban, en forma de ouro, carneiros, burros e os famosos cabalos de Capadocia.

Período helenístico

[editar | editar a fonte]

No século IV a.C. o conquistador macedonio Alexandre Magno emprendeu a conquista de Asia Menor, despois do famoso episodio do nó gordiano, arrebatando Capadocia das mans persas. Deixou ao seu tenente Cabictas para controlar a rexión, a cal estivo baixo o dominio macedonio ata a morte de Alexandre no 323 a.C. Un ano despois, Capadocia recuperou a súa independencia e soberanía baixo o liderado de Ariarates I.

Período romano

[editar | editar a fonte]

Capadocia comezou a súa larga historia de relacións co Roma, baixo o reinado de Ariarates IV, primeiro como inimigos (apoiando a causa de Antíoco o Grande), e despois como aliados, loitando contra Perseo de Macedonia.

A partir de entón, Capadocia aliouse sempre coa República. No 130 a.C. Ariarates V marchou xunto ao procónsul romano Craso contra Aristónico, que reclamaba o trono de Pérgamo. Ao ser liquidado xunto co seu exército, trouxo consigo loitas intestinas que marcaron o fin da dinastía.

Capadocia entón elixiu un líder local chamado Ariobarzanes I, co apoio de Roma, en 93 a.C.. Porén, Ariobarzanes non puido comezar o seu reinado ata trinta anos despois, cando Roma alisoulle o camiño facendo a un lado aos reis armenios. Na guerra civil que Roma sostivo antes da ascensión ao poder de Xulio César, Capadocia cambiou de bandos entre Pompeio e César.

Posteriormente, a dinastía Ariobarzanes terminaría, e a rexión mantería a súa independencia tributaria até o ano 17, cando o Emperador Tiberio reduciría á rexión a ser unha provincia romana. Dúas lexións romanas formaron guarnicións permanentes baixo o Emperador Vespasiano, quen buscaba protexer a súa provincia de Levante. As guarnicións aumentaron e convertéronse en fortalezas baixo Traxano, que ademais construíu vías militares na rexión. No século III, as relacións comerciais entre Capadocia e as rexións de Esmirna e Éfeso estaban tan desenvolvidas, que foron emitidas moedas cos nomes destas cidades.

Período bizantino

[editar | editar a fonte]

A partir do século IV Capadocia comezou unha transformación máis, esta vez influenciada polos mosteiros de Palestina e Exipto, dos que os seus modelos foron seguidos na introdución da relixión cristiá, baixo o patrocinio do Imperio Bizantino.

Nos séculos VI e VII, apareceron as primeiras igrexas pintadas. Estas igrexas, ao igual que a maioría das casas da rexión, non eran construídas como edificios, senón "escavadas" na rocha. Estas covas artificiais eran despois decoradas e acondicionadas. Existen máis de seiscentas igrexas destas características na rexión.

O período iconoclasta de Bizancio (anos 725 a 843) tivo a súa repercusión nas igrexas de Capadocia, e numerosas pinturas murais sufriron danos, pois prohibiuse a representación de todas as figuras sagradas.

Período selxúcida

[editar | editar a fonte]

Os selxúcidas, considerados antepasados directos dos turcos occidentais, comezaron a chegar a Capadocia a partir do século XI, despois da Batalla de Manzikert no 1071 onde derrotaron ao exército bizantino, e comezaron a conquista paulatina do territorio. Despois da toma de Kayseri no 1082, os selxúcidas iniciaron unha grande expansión urbanística na rexión, construíndo mesquitas en Kayseri, Aksaray, Niğde e outras cidades, e unha academia de medicina no 1206. Ademais, construíron numerosos caravansarays ou caravasares (literalmente, palacio de caravanas), unha especie de refuxio para que as caravanas que transitaban a Ruta da seda, pernoctaran de forma segura no seu traxecto; algúns tiñan servizos adicionais ao de hostalería, como enfermería, cortes e mesquitas. Os caravansarays están dispersos por toda Anatolia, distanciados a uns 30 km entre si, e en tempos de guerra, servían como postos de defensa do territorio. Destaca o caravansaray de Agzikarahan, construído no século XIII.

Nos séculos que seguiron, Anatolia foi escenario de conflitos entre os selxúcidas, Bizancio e os cruzados. Estes últimos tomaron a capital selxúcida Iznik, e obrigaron aos selxúcidas a emigrar cara Konya, no centro de Anatolia. Os selxúcidas sentaron as raíces do Imperio Otomán, que viría a existir a partir do século XV pois non en balde os turcos otománs procedían dun dos sultanatos —núcleo orixinario do futuro Imperio Otomán— escindidos do estado selxúcida baixo o mando do líder Osmán I Gazi— que daría o nome da dinastía otomá u osmanlíes.

Séculos XX e XXI

[editar | editar a fonte]

Capadocia sempre foi unha zona de atractivo turístico importante, coa afluencia de visitantes da rexión e de países veciños. A rexión chamou a atención de Europa e do resto do mundo nas décadas de 1930 e 1940, coa difusión da obra do sacerdote francés Guillaume de Jerphanion, que publicou os estudos que fixera das igrexias en Capadocia. Estes feitos levaron a un dramático crecemento na demanda turística na segunda metade do século XX. Durante as décadas de 1970 e 1980, Capadocia tivo unha explosión de turistas que non podía ser satisfeita cos hoteis existentes na rexión. Os poboadores comezaron a alugar cuartos e transformar as súas propiedades para poder acoller aos visitantes, mentres novas instalacións eran construídas, respectando as paisaxes e a natureza, e sen contradicir ao folclore local. Segundo as cifras oficiais, no 2005 visitaron a rexión 850.000 turistas estranxeiros e un millón de turistas nacionais.

Esta demanda revitalizou a actividade económica na rexión, pois non só a industria do turismo e a gastronomía se benefician, senón que ademais os produtores locais de cerámica, téxtiles e artesanías atopan un mercado amplo e receptivo.

Cristianismo en Capadocia

[editar | editar a fonte]

Capadocia ten un papel especial na tradición cristiá, por varios motivos.

  • Durante os primeiros anos da relixión cristiá, Capadocia foi unha rexión fértil para a súa expansión, en parte pola súa proximidade ás Sete Igrexas de Asia Menor, (mencionadas no libro do Apocalipse), e en especial de Antioquía, a primeira comunidade cristiá, fundada por San Pedro. Moitos dos primeiros cristiáns habitaban Capadocia durante os séculos II e III, e no século IV, catro santos naceron na Capadocia: San Mamede, San Basilio o Grande (nado en Cesarea de Capadocia), San Gregorio de Nacianzo, o Vello e San Gregorio de Nacianzo, o Novo.
  • Pablo de Tarso efectuou tres viaxes a través da Capadocia, entre os anos 44 e 58.
  • Aínda que controvertida historicamente, a tradición di que San Xurxo foi nativo de Capadocia, fillo dun soldado do exército romano do século III. Na Idade Media, a lenda de San Xurxo e o dragón tomou forma, e o santo converteuse no patrón de múltiples estados e monarquías en Europa, incluíndo, entre outras, á Coroa de Aragón, e os reinos de Portugal e Inglaterra. A cruz de San Xurxo atópase aínda nas bandeiras de Xeorxia e Inglaterra, e tamén no escudo de Barcelona e de Aragón.
  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1304. ISBN 9788482887524. 
  2. González Rei, Begoña (2004). Ortografía da lingua galega. Galinova Editorial. ISBN 978-8497370417. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Estambul: Capadocia. (1993). Colección "Guías GT Salvat". Barcelona: Salvat Ediciones Generales. ISBN 84-8031-026-X e ISBN 978-84-8031-026-0.
  • Goytisolo, Juan. (2002). Aproximaciones a Gaudí en Capadocia. Ediciones Península. ISBN 84-8307-492-3.
  • Lafora, Carlos R. (1993). Tras las huellas del arte rupestre en Capadocia, Turquía. Madrid: Tierra de Fuego, Librería-Editorial de Viajes. ISBN 84-86233-46-1 e ISBN 978-84-86233-46-4.
  • Teja Casuso, Ramón. (1974). Organización Económica y Social de Capadocia en el Siglo I V. Salamanca: Universidade de Salamanca. Ediciones Universidad Salamanca. ISBN 84-600-6086-1 e ISBN 978-84-600-6086-4.
  • Wilemart, Helene e Wilemart, Pierre. (2004). Guías Salvat gran turismo: Estambul y Capadocia . Segunda edición. Barcelona: Salvat Editores. ISBN 84-345-5810-6 e ISBN 978-84-345-5810-6; (en francés)
  • Jerphanion, Guilliaume de: Les Eglises Rupestres de Cappadocia. París: Librairie Orientaleste Paul Geuther, 1925.
  • Thierry, Nicole: La Cappadoce de l'antiquité au moyen âge. Turnhout, 2002. (ISBN 2-503-50947-9.); (en inglés)
  • Demir, Omer: Cappadocia: cradle of history. Promat, 1997. (ISBN 975-7334-07-3.)
  • Kostof, Spiro & Carpenter, Malcolm C.: Caves of God: Cappadocia and its churches. Oxford University Press, 1989. (ISBN 0-19-506000-8.)
  • Rodley, Lyn: Cave monasteries in Bizantyne Cappadocia. Cambridge University Press, 1986. (ISBN 0-521-26798-6.)
  • Van Dam, Raymond: Kingdom of snow: Roman rule and Greek culture in Cappadocia. University of Pennsylvania Press, 2002. (ISBN 0-8122-3681-5.)

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]