iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Canción
Canción - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Canción

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Caricatura que describe o ensaio dunha canción.

Orixinariamente a palabra canción designa calquera texto, xeralmente en verso,[1] cantable, polo que se pode dicir que canción é unha composición musical que contén, como mínimo, unha parte de voz ou melodía vocal, é dicir, con texto, cantado.[2] Normalmente é de curta duración, polo menos se nos atemos ao texto musical, dado que no caso concreto das cancións de xesta e outros tipos de cancións narrativas pode chegar a haber un gran número de estrofas aplicadas a unha mesma música. No caso -que é o máis frecuente- que esta parte vocal soe simultaneamente con outras partes instrumentais, a vocal é a principal, de maneira que, como xénero musical, a canción queda tipificada como música vocal, e as partes instrumentais fan un acompañamento. A canción, pois, é música vocal que pode ter ou non un acompañamento instrumental. Noutros casos, os menos, o acompañamento fano outras voces, neste caso é unha canción a cappella e polifónica.

O texto da canción normalmente chámase a letra. A letra dunha canción habitualmente é un texto poético cunha estrutura métrica de gran regularidade e cunha rima clara. De todos os xeitos, tamén hai exemplos de cancións relixiosas con letra en prosa extraída da Biblia.

Normalmente, as cancións son pensadas pera ser interpretadas por un cantante solista, aínda que tamén as hai -especialmente na denominada canción artística- para dúo, ou trío ou ata para máis voces, nese caso fálase de canción polifónica, o canon é un caso concreto e paradigmático. Tamén é común, no terreo da música clásica, que haxa cancións interpretadas por corais, de modo que a melodía principal a realiza un grupo de voces, habitualmente as sopranos. De igual xeito, é habitual que as cancións polifónicas sexan interpretadas por coros, non a razón dunha persoa e voz por cada parte, senón a razón dun grupo por parte.

Especialmente na música tradicional, a canción adoita ter unha estrutura estrófica -xa sexa con ou sen retorno- de maneira que unha mesma música é cantada sobre unha serie de textos que manteñen similitudes importantes en canto a métrica e rima. Na canción de arte e na canción popular abundan tamén as elaboracións a partir da estrutura estrófica.

A canción, polas súas características, ten un papel esencial na educación musical nas escolas e nas escolas de música, e é a base das numerosísimas asociacións corais que existen en todas as sociedades occidentais.

Na linguaxe coloquial, canción ás veces é unha palabra totalmente xenérica para se referir a calquera tipo de composición musical, incluídas as instrumentais e, xa que logo, sen texto.

Grupo escultórico "A canción popular catalá", obra de Miquel Blay, no Palau de la Música Catalana, obra de Domènech i Montaner

Evolución

[editar | editar a fonte]

Segundo Angelo Marchese e Joaquín Forradellas, a presenza da lírica provenzal e a súa relación coas formas métricas peninsulares foron facendo que, durante o século XV, o termo canción (cançó) fose desprazando ó de cantiga; pero, ó mesmo tempo, aplicándose a módulos e contidos moi diversos, incluso dispares.

No século XVI, século en que estaría presente a canción popular e algúns flocos da lírica trobadoresca, aparecerán da man de Boscán e Garcilaso na península a canción italiana (Dante, Petrarca), descendente da cançó provenzal, e que será denominada canción culta ou petrarquista e que suporá a total desaparición na península das decadentes escolas líricas galego-castelá e castelá-portuguesa.

Esta canción componse dun número indeterminado de estrofas (en Petrarca entre cinco e dez) escritas en versos hendecasílabos, xeralmente combinados con heptasílabos. O esquema fixado na primeira estrofa ha de seguirse obrigatoriamente en tódalas demais. A estrofa -chamada estanza- está repartida en dous bloques ben diferenciados, a ‘fronte’ e a ‘sírima’, unidos entre si por un verso de transición (‘chiave’) que ten a mesma rima có último verso da fronte. A ‘fronte’ divídese en dúas partes iguais ou ‘pés’; a ‘sírima’ pode ser unitaria ou dividirse en dúas partes denominadas ’voltas’. A canción pode cerrarse cunha estrofa breve -máis curta cás estancias- chamada ‘commiato’ ou ‘envío’

Tipo de cancións

[editar | editar a fonte]

De maneira xenérica, as cancións pódense dividir de formas diversas en función do criterio adoptado. Un primeiro criterio, sería por xéneros. De todos os xeitos, tamén a canción como tal pode ser considerada un xénero, tanto como as outras clasificacións que se propoñen a continuación, tamén. Este criterio daría lugar a tres grandes bloques:

Malia esta distinción, tamén hai que entender que en cada un destes ámbitos, pero especialmente no da música clásica, a canción ten un carácter máis popular que outros xéneros.

Un segundo criterio, en referencia á temática xeral do texto, dá unha división entre:

Estes dous tipos de textos repártense de xeitos moi desiguais entre os diferentes xéneros. Así, por exemplo, hai moi poucas cancións populares de temática relixiosa.

En función de se son acompañadas e como o son tamén podemos establecer estas tipoloxías:

  • Canción con acompañamento, normalmente instrumental.
  • Canción con melodía soa, sen acompañamento.
  • Canción sen acompañamento, a cappella.
  • Canción polifónica.

Tamén é útil a distinción segundo a función que realiza cada canción. Así, atopamos, entre moitas outras:

  • Cancións de traballo, case todas elas no dominio das cancións tradicionais. No ámbito dos afroamericanos dos Estados Unidos esas cancións coñécense internacionalmente como worksongss.
  • Cancións de baile, tanto na música clásica como no folclore e, sobre todo, a música moderna.
  • Nanas, un tipo de canción que se orixina no folclore, que é onde ten a súa función principal e primixenia, e que posteriormente foi adoptado tanto pola canción clásica como a popular.
  • Panxoliña, unha canción de tema relixioso, vinculada ao Nadal.
  • Canción narrativa, entre as que hai, por exemplo, os romances.
  • Canción improvisatoria, canción na que, normalmente, se utiliza un ou máis patróns melódicos sobre os que se improvisan textos. Son un exemplo as corrandas.[2]
  • Canción infantil, unha tipoloxía que foi bastante ben estudada[3] pero que nos últimos tempos sufriu grandes cambios.[4]

No caso da canción artística e a canción popular, tamén se estilan e son útiles as clasificacións que teñen que ver cos estilos, tendo en conta que algúns estilos son e foron máis propensos que outros na composición, interpretación e -en xeral- uso das cancións.

A combinación de todos estes elementos dá lugar a moitos tipos diferentes de cancións, algúns dos cales teñen nomes propios. Algúns deles, a modo de exemplos, son:

  • Lied, con varios significados segundo o estilo e a cronoloxía aos que pertence, pero sempre baixo o común denominador dun texto en lingua alemá,
  • Chanson, unha palabra baixo o cal tamén coexisten tipos moi diferentes de cancións compostas en momentos moi diversos, pero sempre cun texto en francés.
  • Canción protesta.
  • Himno, nos casos -os máis frecuentes- que conteñan un texto.

Canción artística

[editar | editar a fonte]
"La Mist' en Lare", (páxina 1 de 2); partitura con ilustracións proveniente do cancioneiro infantil francés Vieilles Chansons pour les Petits Enfants: Avec Accompagnements, de Charles-Marie Widor (música) e Louis-Maurice Boutet de Monvel (ilustracións)

Enténdese como canción artística a que se dá no terreo da música clásica, que está pensada de maneira que a súa interpretación teña valor estético e social por si mesma, sen que faga ningunha outra función, é dicir, en concertos públicos e outros eventos similares.

Habitualmente, neste ámbito, as cancións son para unha soa voz, con acompañamento dun ou máis instrumentos. Hai instrumentos que é especialmente habitual atopalos facendo esta función. Son, sobre todo, os instrumentos harmónicos ou polifónicos de teclado, como o piano, o órgano (antes no terreo da música relixiosa), o harmonio, o clavicémbalo; de corda pulsada da familia dos laúdes, como o mesmo laúde, a guitarra, a vihuela etc., ou ata a arpa. Noutros casos son conxuntos instrumentais os que fan este acompañamento, especialmente, destacan o cuarteto de corda e a orquestra, aínda que tamén hai outras posibilidades, por exemplo:

Outras cancións, en terreos máis fronteirizos entre a música clásica e a música popular, empregaron outros tipos de acompañamento, por exemplo a Big Band, propia do jazz.

Como a maior parte da música clásica, dentro da cal se inscribe, a canción de arte normalmente require un adestramento vocal importante, así como habilidades na lectura da notación musical dado que a súa forma natural de vehiculación primaria é a partitura.

É habitual que a letra sexa debida a un poeta, normalmente recoñecido, e que a música sexa dun autor diferente. Poucas veces a autoría de ambas facetas coincide nunha mesma persoa. Nalgunhas épocas e contextos culturais, abundaron as poesías creadas coa expectativa de que chegase a circunstancia de que algún músico as convertera en cancións. Pero isto é máis propio dalgúns momentos e xéneros; son exemplos especialmente claros o Lied romántico ou o madrigal renacentista e outros xéneros menores derivados deste.

A denominación xenérica deste tipo de canción noutras linguas é art song en inglés e Kunstlied en alemán, denominacións que significan exactamente canción de arte ou artística, unha denominación que non está moi estendida noutras linguas.

Aínda que hai un número importante de cancións artísticas que seguen unha estrutura estrófica máis ou menos modificada, tamén se atopan outras estruturas de maior complexidade, aínda que neste aspecto da complexidade as tipoloxías de música vocal denominadas canción sempre queda lonxe das músicas designadas como arias.[2]

Primeira páxina do Cantar de Roldán no manuscrito conservado en Oxford

Aínda que algúns dos tipos de música vocal medieval entran ben dentro da definición máis xenérica de canción, non é habitual atoparse as tipificadas como tales. Entre estas estarían as melodías de canto gregoriano e do resto de cantos litúrxicos medievais, os cales poden ser considerados maioritariamente como cancións monódicas aínda que normalmente non reciban de xeito específico esta denominación, xa que a miúdo fixéronse acompañamentos diversos que non aparecen consignados nos códices que conteñen este repertorio, e que probablemente debían ser improvisados.

Pero, en cambio, adoitan ter a consideración de cancións algúns tipos de composicións que se deron no ámbito da música profana. Entre as máis importantes están:

  • A Canción de xesta.
  • A canción trobadoresca. De feito, os trobadores cultivaron un gran número de xéneros de música vocal, cancións todas elas en sentido amplo. Un destes xéneros era a cansó, ou chansó, ou tamén canción.[5]
  • A rota e a caccia, dúas formas de canon. O exemplo máis soado sería Sumer is icumen in, coñecida tamén como Rota de Reading.[6]
  • Os laudos foron cancións relixiosas en lingua vernácula moi populares en Italia a finais da Idade Media e principios do Renacemento.
  • Varios tipos de cancións primeiro monódicas e despois tamén -pero non unicamente- polifónicas, como o lai, o virolai, o rondeau, o madrigal, a ballade etc., cultivadas maioritariamente nos séculos XIII e XIV en Francia e Italia.[7]

A canción do Renacemento

[editar | editar a fonte]
Véxase tamén: Música renacentista.
L'homme armé, antiga canción popular borgoñoa de finais do século XIV, que enxalza as virtudes do cabaleiro e do home de armas, sobre a que se compuxeron moitas obras polifónicas ao longo dos dous séculos seguinte.

No Renacemento apareceron varios tipos de canción, todos eles polifónicos, algúns cunha tendencia máis ben contrapuntística pero cun predominio das texturas homofónicas, máis sinxelas, como corresponde ao que se entende como canción. Por suposto existiron, tamén, xéneros vocais de notable complexidade, entre os cales destacan o madrigal e as formas da música litúrxica influídas polo contrapunto da escola francoflamenga. Pero, precisamente por iso, estes xéneros quedan fóra do campo semántico da canción. En todo caso, si que influíron poderosamente sobre xéneros máis lixeiros e máis simples, que entran dentro da categorización de cancións.

Na Península Ibérica, núcleos de produción musical que dispoñían das súas propias capelas de música recolleron os repertorios polifónicos de composicións maioritariamente a tres e a catro voces nunhas recompilacións que se coñecen co nome de cancioneiros, pola o cal, estas composicións deben ser consideradas como verdadeiras cancións polifónicas máis aló de que teñan denominacións específicas que fagan referencia aos seus trazos estruturais: romances, estrambotos, panxoliñas etc. Entre estes cancioneiros está o Cancioneiro Musical de Palacio (que recolle a música da corte dos Reis católicos), o cancioneiro de Uppsala, o da Colombina etc..

En Francia desenvolvéronse dous tipos de canción, chamados ambos chanson: no século XV foi a chanson borgoñoa que tivo como figuras destacadas a Guillaume Dufay e a Gilles Binchois; posteriormente, xa no século XVI, floreceu a chanson parisiense con Claudin de Sermisy e Clément Janequin como figuras destacadas. O segundo é especialmente recordado polas súas obras descritivas (Le chant des oiseaux, La bataille de Marignan etc.)[8]

Por outra banda, en Italia desenvolvéronse algunhas tipoloxías de canción polifónica a medio camiño entre a canción popular e tradicional, a unha soa voz con acompañamento de acordes como a frottola, e o madrigal, e que foron vistas como formas máis lixeiras deste último, e como instrumentacións elaboradas das primeiras. Entre estas, a villanella, a canzonetta etc.[9]

En Alemaña desenvolveuse igualmente un tipo de canción a varias voces, con acompañamento homofónico, que se denominou Lied. Innsbruck ich muss dich lassen de Heinrich Isaac ten esas características.

Por outra banda, a reforma luterana forxou a tipoloxía de canción litúrxica chamada coral cunha estrutura bastante simple para que puidesen participar cantándoa todos.[10]

Cando, a finais do século XVI e principios do XVII no norte de Italia empezáronse a desenvolver novas formas de música instrumental, algunhas destas inspiráronse en modelos vocais. Foi así como floreceu un xénero de música instrumental chamado canzona e máis concretamente canzona da sonare ou canzona sonata no caso de que fora para instrumentos de corda ou de vento.

A canción no Barroco e no Clasicismo

[editar | editar a fonte]

Diferentes autores dos séculos XVII e XVIII compuxeron cancións, aínda que hoxe non se contan entre as máis divulgadas dos seus repertorios. Entre estas pódense citar os Geistliche Lieder (cancións espirituais) de Johann Sebastian Bach (Bist du bei mir é unha das máis coñecidas), as máis de cen cancións (Lieder) de Georg Philipp Telemann, as pouco máis de trinta de Haendel, as 51 -con acompañamento de teclado- de Haydn, separadamente das súas cancións polifónicas e os arranxos de case catrocentas cancións folclóricas galesas, irlandesas e escocesas, as 90 de Beethoven, ademais dun considerable número de canons, só por poñer algúns exemplos entre os autores máis coñecidos daqueles períodos.[11]

Na zona de influencia protestante houbo unha enorme produción e consumo de armonizacións -maioritariamente homofónicas- das corais. Son especialmente coñecidos as de Bach pero non se poden perder de vista os outros compositores, por exemplo as máis de dúas mil de Georg Philipp Telemann.

Romanticismo en diante

[editar | editar a fonte]
Franz Schubert (1797-1828) gran compositor tanto de lieder (breves composicións para voz e piano) como de música de cámara e mesmo orquestal.
Artigo principal: lied.

O tipo principal de canción artística e elaborada no romanticismo foi o lied, xerado en terras de fala alemá. Os seus compositores principais foron, por orde cronolóxica, Franz Schubert, Robert Schumann, Johannes Brahms, Hugo Wolf e Gustav Mahler, este último no terreo do lied con acompañamento orquestral, en tanto que a inmensa maioría de lieder recibiron un acompañamento pianístico. Ao redor do lied, outras áreas culturais desenvolveron outras formas de canción artística. Johann Wolfgang von Goethe e Heinrich Heine foron dous dos poetas cuxos textos foron musicados máis a miúdo.

O feito de que a canción teña un texto que se expresa nunha lingua axuda a que esta teña un carácter vinculado a unha cultura, a unha sociedade; un carácter nacionalista no seu caso. Neste sentido, este tipo de canción a miúdo recibe nomes que nos falan non só da lingua do texto orixinal senón que nos transmiten tamén elementos estilísticos.[12] Canzona en Italia, Lied en Alemaña, Chanson ou melodía -segundo a época e o estilo- en Francia, Canción en España etc.

O acompañamiento destas cancións ten unha consideración diversa segundo o estilo e os costumes de cada época, pero, en xeral, constitúen un elemento importante, non un mero acompañamento, e reciben unha dedicación acordo con iso por parte dos compositores e os intérpretes. Nalgúns casos -como no caso dos Lieder de Franz Schubert o acompañamento adopta figuras melódicas e doutra índole que reforzan o sentido do texto. Nos de Robert Schumann toman unha dimensión aínda maior;[13] Os de Hugo Wolf xogan de forma diferente é a miúdo empregan uns leitmotivs que se poden seguir a través dos diferentes Lieder.[14]

Malia que estas composicións orixinalmente foron pensadas para interpretacións privadas, en salóns aos que acudía pouca xente e xeralmente por invitación, ou baixo outros tipos de restricións, e nas que era habitual que o compositor tivese algún tipo de intervención -Hugo Wolf, por exemplo, non só as acompañaba ao piano senón que a miúdo facía introducións e comentarios, ademais de recitar o seu texto[15]- hoxe en día convertéronse en pezas de concerto, que se difunden a través das salas de concerto (e da gravación, por suposto).

Aínda que o carácter comprimido e breve do Lied non o permite moito, nalgúns casos estas obras dispoñen de preludios, interludios e/ou posludios que introducen no ambiente da obra e do poema.[16]

Separadamente da forma estrófica, que foi moi cultivada polos románticos, tamén se empregou moito a forma ternaria ABA; tanto, que a miúdo, esta estrutura temporal, coñeceuse como "forma Lied". De feito, tanto ou máis frecuente que esta forma son algunhas variantes como Introdución-A-B-A, A-A-B-A, A-B-A' etc.[17]

A miúdo as composicións deste tipo, maioritariamente curtas, foron publicadas en forma de ciclos, é dicir, de series de cancións que mantiñan algúns tipos de vínculo.[18]

O enorme florecemento das sociedades corais en toda Europa como un fenómeno vinculado tanto ao Romanticismo como a revolución industrial[19] motivou a composición de moitas cancións polifónicas, a miúdo máis ben sinxelas, en capella ou ben cun acompañamento sinxelo, e cunha porcentaxe importante de armonizacións a voces iguais -xa sexan masculinas ou femininas dadas as características das sociedades corais afeccionadas ás que ían dirixidas maioritariamente.

No mesmo período floreceu o romance, un tipo de canción, vinculado á música de salón, de carácter habitualmente sentimental, con acompañamento de piano. Coñeceu frecuentes adaptacións á linguaxe instrumental de entre as que destacan as romances sen palabras (Lieder ohne Worte, no orixinal alemán) de Felix Mendelssohn

Canción folclórica ou tradicional

[editar | editar a fonte]
Interpretación dunha panxoliña

Todas as culturas teñen, nos seus repertorios musicais, unha serie de cancións que responden a funcións diversas, concretas e específicas; no ámbito da música tradicional, as cancións existen para cumprir determinadas funcións, para complementar, mellorar, axudar a outras facetas da vida cotiá. Quedan vinculadas ás tarefas diarias. As cancións de traballo -que nalgúns lugares acompáñanse con movementos e con sons feitos coas mesmas ferramentas de traballo (os picos de cavar ou as mazas para moer o millo miúdo, por exemplo) que deste xeito compasan o traballo dándolle un ritmo que diminúe a fatiga e aumenta a produtividade- ou as cancións de berce, son bos exemplos; exemplos que, por outra banda, hoxe perderon boa parte da súa vixencia na nosa sociedade, por razóns diversas.

A canción tradicional transmitiuse maioritariamente de forma oral ata o século xix (ou máis tarde) cando, en momentos diferentes, as diversas sociedades emprenderon o estudo sistematizado dos seus respectivos folclores. A partir dese momento fíxase en cancioneiros que conteñen notación escrita das cancións recolleitas. Ata ese momento a transmisión oral facilitara unha evolución de cada canción que lles permitía modificarse ata o límite[20] de modo que é pouco posible falar de autoría nas cancións tradicionais. Ou en todo caso, falar de autoría única. Por iso tendeuse a consideralas de autor anónimo e, xa que logo, de dominio público, non sometidas a dereitos de autor. Se os folcloristas que traballaron baixo o ciclo do Romanticismo tenderon a considerarse as obras creadas polo pobo, máis modernamente, o etnomusicoloxía fixo fincapé nas transaccións que desde hai séculos se derón entre a canción folclórica e a canción de arte en ambos os sentidos.[21] Melodías como O cantar dos paxaros aparecen como exemplos de melodías cun grado de elaboración que fai pensar nalgún tipo de contribución -sexa máis ou menos personificada nun autor- desde o terreo da música clásica .

Algúns tipos, estilos e xéneros de canción tradicional fai tempo que traspasaron as fronteiras das sociedades onde naceron e convertéronse en patrimonio de colectivos moito máis extensos, internacionalizados, en boa medida grazas a que se converteron en world music[22] Especificamos, a continuación algúns destes tipos de canción como máis coñecidos polos públicos occidentais. Na África occidental, especialmente en países como Malí, Gambia, Guinea ou Senegal, nas etnias mandes, fula , songhai etc. as cancións tradicionais e a súa enorme relevancia social son a razón de ser dos griots, cantantes e músicos profesionais, e itinerantes, que son considerados os principais depositarios da tradición oral. O repertorio principal do blues tamén son as cancións, do mesmo xeito que o jazz, especialmente o anterior ao bebop. De igual forma ocorre co tango e con moitas outras músicas de baile xestadas en Suramérica ou Centroamérica -como a bossa nova, a salsa etc.- e difundidas en todo o mundo. Estilos e xéneros que tamén se fundamentan na canción son algúns dos da música tradicional do Sur de Europa como o fado de Portugal, o flamenco ou o rebético de Grecia, así como as cancións de cantantes de orixe africana como Omara Portuondo ou Cesária Évora,

Hoxe en día, a transmisión deste repertorio faise tanto para vía oral a través de materiais rexistrados, xa sexa en forma de música tradicional ou músicas do mundo ou World Music, como pola vía de partituras; neste segundo caso teñen un papel importante as institucións culturais, escolares e educativas.

É habitual que as cancións tradicionais ou folclóricas, ou polo menos unha parte das mesmas, constitúan un elemento importante identitario dunha sociedade, son un aspecto non menor da identidade nacional ou cultural dun grupo humano.

Canción infantil

[editar | editar a fonte]

Unha canción infantil é aquela canción realizada con algún propósito para os nenos pequenos e bebés. A letra adoita ser moi sinxela e repetitiva, para a súa fácil comprensión e memorización. Os cantos infantís son unha actividade na que os nenos aprenden, xa sexa xogando e outros cantando diferentes melodías, con temas variados, que axudan a ampliar os seus coñecementos sobre o medio ambiente que os rodea.

  • Clasificación pola súa función:
    • De xogo: utilizadas nos xogos infantís como rolo, corda ou goma. Tamén se poderían incluír as de botar a sorte e as burlas.
    • Nanas: tamén chamadas de berce, que serven para entreter ou durmir aos nenos, ou para acostumbralos o berce.
    • De habilidade: nelas os nenos demostran algunha habilidade, exemplos son os trabalinguas ou adiviñanzas.
    • Didácticas: nelas o neno aprende algo, desde as partes do corpo a leccións morais.
    • Lúdicas: A súa función é entreter ou divertir ao neno.
  • Características da canción infantil.

As cancións infantís teñen unhas letras sinxelas, rimadas e moi repetitivas, xeralmente van acompañadas de movemento, xesto ou xogos motrices. Son de fácil comprensión, de fácil memorización, e de letra graciosa. A canción infantil é unha actividade lúdica onde o neno aprende xogando á vez que participa na conservación e goce do patrimonio cultural universal.

  • Beneficios da canción infantil no desenvolvemento infantil
    • Desenvolve a linguaxe: favorecen a dicción, aumenta o seu vocabulario e exercita a fonética.
    • Favorecen a capacidade de comprensión, mellora a súa concentración e memoria.
    • Desenvolven o gusto pola música, favorece o sentido rítmico e a audición.
    • Desenvolve a súa expresión corporal: permítelle axustar o seu movemento corporal a diferentes ritmos contribuíndo ao control rítmico do corpo, e exercita a súa coordinación.
    • Favorece o desenvolvemento emocional e social ao permitir a integración e interacción co grupo.
[editar | editar a fonte]
Patti Smith e Jay Dee Daugherty interpretando unha canción en The Roundhouse, Londres

A canción é a base do repertorio da música popular, que se difunde por medio de gravacións sonoras e en vídeo a través dos principais medios de comunicación audiovisuais. A súa maior ou menor popularidade a miúdo vén, en boa parte, predeterminada polas accións que levan a cabo as industrias musicais. Ás veces unha canción popular pode converterse nunha canción folclórica moderna cando aqueles que a aprenderon da gravación empézana a ensinar a outros. As cancións populares poden ser denominadas como cancións pop , aínda que, en realidade o pop máis ben debe ser considerado como un xénero específico da música popular.

A pesar das diferenzas, hai un patrón estrutural ou forma que é o que seguen un gran número de cancións tanto de pop como de rock ou de heavy metal e que consiste nunha estrofa (que pode ir precedida dunha introdución na que pode facerse evidente un riff, estrofa, estribillo, estrofa con elementos diferentes (ou de guitarra eléctrica no heavy metal, por exemplo), e estribillo.

Outra maneira de organizar unha canción consiste no seguinte: introdución, estrofa, estrofa con algunha variación na letra ou na melodía con respecto a primeira, estribillo, só, estribillo e conclusión; este esquema é o que aparece, por exemplo en Learning to fly do grupo Pink Floyd,[23] e que fai que a escoita sexa menos plana, máis imprevisible para o oínte que deste xeito pode prever menos como acabará en tanto que simula que non acaba.

Outro esquema formal, aínda que, menos difundido que os anteriores consta de introdución, estrofa, retrouso implícito, estrofa con modificacións en relación á primeira, estribillo implícita, estribillo, só (que pode seguir máis ou menos preto a melodía da estrofa), estribillo e conclusión.

Normalmente o texto dunha canción popular segue un fío lóxico ou narrativo ao longo dos versos; de todos os xeitos, tamén se difundiron cancións que non respectan este criterio; isto é evidente nalgunhas mostras de hip hop. Noutros casos -por exemplo no álbum The Wall de Pink Floyd, ou Scenes from a Memory dos Dream Theater - o fío argumental non articula a través das estrofas dunha canción senón das diversas cancións que integran un álbum.

Do mesmo xeito que no caso da canción artística, na música popular, sobre todo no terreo da música máis comercial, tamén é habitual que haxa unha parella de autores: un letrista e un compositor ; é igualmente habitual que un determinado letrista poida traballar especialmente ben cun determinado compositor. No caso da chanson francesa son tándems especialmente produtivos os seguintes: Alain Souchon/Laurent Voulzy, Boris Bergman/Alain Bashung, Mylène Farmer/Laurent Boutonnat, Jacques Lanzmann/Jacques Dutronc. Só no caso dos cantautores é habitual que ambas as facetas sexan obra dunha mesma persoa, aínda que é certo que ás veces tamén musican poemas allea. No primeiro caso, o proceso compositivo tanto pode partir da música como da letra.

En cambio, no caso dos grupos de rock, este proceso adoita ser colectivo e levado a cabo de maneira que a composición e o ensaio da súa interpretación son dous procesos perfectamente imbricados o un no outro: componse mentres se proba e ensáiase, xa a inversa.

Á parte do autor ( s) e o intérprete ( s), a miúdo, aínda que intervén un arranxador que escribe os acompañamentos para uns instrumentos concretos, e que pode coincidir ou non co produtor que se responsabiliza da cor global do produto, especialmente se se trata dunha gravación.

Como en toda a música popular, nos ámbitos da canción, son máis coñecidos polo público os cantantes que os autores.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para canción.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Gran Enciclopedia de la música" (en castelán). Consultado o 23/12/2013. 
  3. Shehan Campbell, Patricia (1990): Songs in their heads. Music and its meaning in Children's Lives. OUP USA.
  4. Postman, Neil; Andreu, Pepi (1990):A desaparición da niñez. Vic. Eumo. ISBN 84-7602-130-5
  5. Riquer, Martí de (1975): Los trovadores: historia literaria y textos. 3 vol. Barcelona: Planeta.
  6. Roscow, G. H. "What is "Sumer is icumen in"?". Review of English Studies 50: 188–95. Consultado o 23/02/2014. 
  7. Hoppin, Richard H. (1999): La música medieval. Madrid, Akal. ISBN 978-84-7600-683-2
  8. Reese, Gustav (1988): La música en el Renacimiento. Vol 1. Madrid, Alianza. Pp. 23 i ss. i 349 i ss.
  9. James Haar, Anthony Newcomb, Massimo Ossi, Glenn Watkins, Nigel Fortune, Joseph Kerman, Jerome Roche: "Madrigal", Grove Music Online, ed. L. Macy (Accessed December 30, 2007), (subscription access) Arquivado 16 de maio de 2008 en Wayback Machine.
  10. Reese, Gustav (1988): La música en el Renacimiento. Vol 2. Madrid, Alianza. Pp. 779 i ss.
  11. Diversas páxinas Arquivado 17 de outubro de 2015 en Wayback Machine. (acceso: 11 de xuño de 2009)
  12. Reuter, Evelyn (1950): La mèlodie et le Lied. Paris, PUF, Que sais-je? P. 5. Arquivado 12 de setembro de 2011 en Wayback Machine.
  13. Desmond, Astra: Schumann Songs. BBC Music Guides
  14. Sams, Eric (1983): The songs of Hugo Wolf. London, Eulenburg
  15. Sams, Eric: Op. Cit
  16. Reuter, Evelyn: Op. Cit.
  17. Kühn, Clemens (2003): Tratado de la forma musical. Barcelona, Idea
  18. Kamien, Roger (August 1, 1997). Music: An Appreciation (3a edició). McGraw-Hill. ISBN 0-07-290200-0.Pp. 217-218
  19. Garretson, Robert L. (1993): Choral Music: History, Style And Performance Practice. Prentice Hall
  20. Rogríguez, Carmen (2002): Prontuario de Musicología. Barcelona Clivis
  21. Díaz, Luís (1993): Música y cultura. Madrid, Eudema Antropología. P. 59 i ss.
  22. Bohlman, Philip (2002). World Music: A Very Short Introduction. ISBN 0-19-285429-1.
  23. Vídeoclip de la canción Learning to fly

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]