iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Campo_de_refuxiados
Campo de refuxiados - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Campo de refuxiados

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Campo de refuxiados en Zaire para os desprazados tutsis tralo xenocidio de Ruanda de 1994.
Un campo en Guinea para refuxiados de Serra Leoa.

Un campo de refuxiados é un asentamento temporal construído para acoller refuxiados e persoas demandantes de asilo. Os campos de refuxiados adoitan acoller persoas desprazadas que abandonaron o seu país, mais tamén hai campos para desprazados internos. Polo xeral, os refuxiados buscan asilo despois de ter fuxido da guerra nos seus países de orixe, pero os campos tamén poden acoller refuxiados medioambientais e económicos. Son comúns os campos con máis de cen mil persoas, pero no ano 2012 os campamentos de tamaño medio acollían unhas 11 400 persoas.[1] Normalmente son construídos e dirixidos por un goberno, polas Nacións Unidas, organizacións internacionais (como o Comité Internacional da Cruz Vermella), ou organizacións non gobernamentais. Tamén existen campos de refuxiados non oficiais, como o de Idomeni en Grecia ou o da xungla de Calais en Francia, onde os refuxiados están en gran parte sen soporte de gobernos ou organizacións internacionais.[2]

Os campos de refuxiados adoitan construírse de xeito improvisado co obxectivo de satisfacer as necesidades básicas durante un curto período de tempo. As instalacións que fan que un campamento se vexa ou se faga máis permanente son a miúdo prohibidas polos gobernos dos países anfitrións. Se o regreso dos refuxiados é impedido (a miúdo pola guerra civil), pode converterse nunha crise humanitaria.

Segundo o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), a maioría dos refuxiados que hai no mundo non viven en campos de refuxiados. A finais de 2015, arredor do 67% dos refuxiados de todo o mundo vivían en aloxamentos particulares e privados.[3] Isto pode explicarse polo gran número de refuxiados da guerra civil siria que alugan apartamentos en centros urbanos de Oriente Medio. Internacionalmente, un pouco máis dun cuarto (25,4%) dos refuxiados viven en campamentos planeados ou xestionados. A finais de 2015, arredor do 56% da poboación total de refuxiados en áreas rurais residía en campos xestionados, comparado co 2% que vive en aloxamentos individuais. En áreas urbanas, a abafadora maioría (99%) dos refuxiados vivían en aloxamentos individuais, comparado con menos do 1% que vive en campos. Unha pequena porcentaxe tamén vive en centros colectivos, campos de tránsito ou campos autoconstruídos.[4]

Malia o feito de que o 74% dos refuxiados viven en áreas urbanas, o modelo de entrega da axuda humanitaria internacional segue centrada no establecemento e xestión dos campos de refuxiados.[5]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]