iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Cabido_insular
Cabido insular - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Cabido insular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio do Cabido de Fuerteventura.
Edificio do Cabido de Tenerife.

O Cabido Insular (en castelán: Cabildo) é unha entidade administrativa moderna exclusiva das Illas Canarias (España), e que ten a súa orixe nos Cabidos ou consellos de goberno existentes no Antigo Réxime. Son órganos de ámbito insular nas illas de El Hierro, Fuerteventura, Gran Canaria, La Gomera, La Palma, Lanzarote e Tenerife. A illa de La Graciosa non posúe cabido propio, xa que pertence administrativamente ao concello de Teguise, na illa de Lanzarote. Trátase de administracións locais.

Os seus membros son elixidos por sufraxio universal directo dos cidadáns de cada illa. O cabeza de lista máis votada ocupa automaticamente a Presidencia, aínda que pode cambiar mediante unha moción de censura posterior.

Todos os cabidos agrúpanse na Federación Canaria de Illas (FECAI).

Os cabidos foron creados pola Lei de Cabidos do ano 1912 e constituíronse a partir de 1913, aínda que a súa figura está inspirada nos cabidos e consellos de goberno existentes durante o Antigo Réxime, tanto nas illas Canarias como en América, onde se mantiveron ata iniciado o proceso de descolonización. Durante a ditadura de Franco os seus membros eran elixidos por designación gobernativa, limitándose as súas funcións á administración insular, concentrándose nas materias de beneficencia e saúde pública, vías, camiños e montes.

Unha vez restaurada a democracia, asumiron e impulsaron competencias tales como turismo, medio ambiente, cultura, deportes, industria, estradas, camiños, auga potable e de rega, xestión de licenzas de caza e pesca, museos, praias, transporte público ou ordenación territorial. Poden gravar á súa elección certos impostos indirectos sobre os combustibles. Estes cambios víronse fortalecidos desde os anos noventa, a partir de diversos procesos de transferencia de competencias por parte do Goberno das Canarias, así como pola mellora do seu financiamento.

Hoxe en día, son as institucións públicas de referencia en cada unha das illas, constituíndose nos auténticos gobernos insulares.

Competencias

[editar | editar a fonte]

Segundo o artigo 43 da lei de Réxime Xurídico das Administracións Públicas das Canarias,[1] son competencias exclusivas do cabido:

  • A coordinación dos servizos municipais da illa para garantir a súa prestación integral e adecuada na totalidade do territorio insular, suplindo aos Concellos cando a insuficiencia dos seus recursos impidan a prestación dos servizos municipais obrigatorios ou as funcións públicas establecidas na LBRL.
  • A asistencia e a cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente aos de menor capacidade económica e de xestión.
  • A prestación de servizos públicos supramunicipais.
  • Aprobar os Plans Insulares de Obras e Servizos elaborados en colaboración cos concellos de cada illa. A tal fin, os concellos realizarán as propostas de obras que afecten ao seu termo municipal, que non poderán ser modificadas polo Cabido respectivo, salvo por causas xustificadas e previa audiencia do concello afectado.
  • O fomento e administración dos intereses peculiares da illa.

A Lei 14/1990, de 26 de xullo, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas das Canarias, transfire aos cabidos as seguintes competencias:

  • As demarcacións territoriais, alteración de termos e denominación dos municipios, previo ditame do Consello Consultivo das Canarias.
  • Funcións propias das Axencias de Extensión Agraria.
  • Granxas experimentais.
  • Servizos forestais, vías pecuarias e pastos.
  • Acuicultura e cultivos mariños.
  • Protección do medio ambiente.
  • Xestión e conservación de espazos naturais protexidos, no marco do establecido na lexislación autonómica vixente.
  • Caza.
  • Infraestrutura rural de carácter insular.
  • Subrogación nas competencias municipais sobre a achaiadura urbanística, de conformidade ao establecido na lexislación sectorial vixente.
  • Estradas, salvo as que se declaren de interese rexional, no marco do que dispoña a lexislación sectorial autonómica. Nas estradas de interese rexional, a explotación, uso e defensa e réxime sancionador.
  • A xestión de portos de refuxio e deportivos, salvo que se declaren de interese rexional.
  • Obras hidráulicas que non sexan de interese rexional ou xeral, conservación e policía de obras hidráulicas e administración insular de augas terrestres nos termos que estableza a lexislación sectorial autonómica.
  • Transportes por estrada e por cable. Ferrocarrís, no marco dos que dispoña a normativa sectorial autonómica.
  • Feiras e mercados insulares.
  • Policía de espectáculos.
  • Promoción e policía do turismo insular, salvo as potestades de inspección e sanción.
  • Actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.
  • Policía de vivenda.
  • Conservación e administración do parque público de vivendas.
  • Administración das residencias de estudantes establecidos na illa.
  • O fomento da cultura, deportes, ocupación, lecer e esparexemento no ámbito insular.
  • A conservación e administración do patrimonio histórico-artístico insular.
  • Museos, bibliotecas e arquivos que non se reserve para si a Comunidade Autónoma.
  • Fomento da artesanía.
  • Asistencia social e servizos sociais.
  • Defensa do consumidor.
  • Campañas de saneamento zoosanitario.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]