iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Bronquio
Bronquio - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Bronquio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Vista frontal das cartilaxes da larinxe, a traquea e os bronquios.
1. Traquea
2. Bronquio principal
3. Bronquio lobular
4. Bronquio segmentario
5. Bronquíolo
6. Conduto alveolar
7. Alvéolo.
Sección dun bronquio secundario humano.
Sección transversa do tórax que mostra as relacións da arteria pulmonar.

Os bronquios son as vías respiratorias que conducen o aire desde a traquea ao interior dos pulmóns. Ramifícanse formando bronquios cada vez de menor diámetro ata que orixinan os bronquíolos, que dan paso aos condutos alveolares e alvéolos.[1] Nos bonquios non ten lugar ningún intercambio de gases, o cal se produce nos alvéolos.

Anatomía

[editar | editar a fonte]

A traquea humana divídese formando dous grandes bronquios, os bonquios primarios ou principais esquerdo e dereito, a nivel do ángulo esternal e da 5ª vértebra dorsal ou torácica (ou dúas vértebras máis arriba ou abaixo, dependendo do estado de inspiración ou expiración). O bronquio principal dereito é de maior diámetro, máis curto e algo máis vertical ca o esquerdo.[2]

As sucesivas divisións da árbore bronquial son as seguintes:

  • Os bronquios principais entran no pulmón polo hilo pulmonar, e subdivídense en bronquios lobulares, (ou lobares, lobaris) ou secundarios, os cales entran nos seus respectivos lóbulos pulmonares (que son tres no pulmón dereito e dous no esquerdo).
  • Os bronquios lobulares divídense en bronquios terciarios, tamén chamados segmentarios (segmentalis), cada un dos cales envía aire a un segmento broncopulmonar. Un segmento broncopulmonar é unha división dos pulmóns, que está separada do resto do pulmón por un septo de tecido conectivo. De todos modos, hai tamén algunhas conexións de bronquios e vasos sanguíneos que pasan dun segmento a outro atravesando o septo. A división do pulmón en segmentos fai que un segmento broncopulmonar poida ser retirado cirurxicamente sen afectar a outros segmentos. Hai dez segmentos en cada pulmón, pero debido ao desenvolvemento anatómico, varios bronquios segmentarios se fusionan no pulmón esquerdo, dando lugar a oito.
  • Os bronquios segmentarios divídense en moitos bronquíolos primarios, que se subdividen varias veces dando bronquíolos terminais (aproximadamente a 7ª xeración de ramificacións da árbore bronquial), que dan lugar a varios bronquíolos respiratorios, que se dividen finalmente cada un en de 2 a 11 condutos alveolares. Hai 5 ou 6 sacos alveolares asociados con cada conduto alveolar. Os alvéolos pulmonares son as unidades básicas onde ten lugar o intercambio respiratorio de gases entre o aire e o sangue.

Pódense resumir as ramificacións principais da árbore bronquial así [3]:

  • Bronquio principal dereito
    • Bronquio lobular superior
      • Bronquio segmentario apical
      • Bronquio segmentario posterior
      • Bronquio segmentario anterior
    • Bronquio lobular medio
      • Bronquio segmentario lateral
      • Bronquio segmentario medial
    • Bronquio lobular inferior
      • Bronquio segmentario superior
      • Bronquio segmentario basal medial
      • Bronquio segmentario basal anterior
      • Bronquio segmentario basal lateral
      • Bronquio segmentario basal posterior
  • Bronquio principal esquerdo
    • Bronquio lobular superior
      • Bronquio segmentario apicoposterior
      • Bronquio segmentario anterior
        • Bronquio lingular superior
        • Bronquio lingular inferior
    • Bronquio lobular inferior
      • Bronquio segmentario superior
      • Bronquio segmentario basal anterior
      • Bronquio segmentario basal lateral
      • Bronquio segmentario basal medial
      • Bronquio segmentario basal posterior

Histoloxía

[editar | editar a fonte]

Os bronquios están reforzados por aneis incompletos de cartilaxe hialina, que conforme os bronquios se fan menores, adquiren forma de pequenas placas illadas nos bronquios pequenos e finalmente chegan a desaparecer. Hai fibras de músculo liso arredor de todo o bronquio, organizado en forma de feixes entrelazadas. Nas porcións máis distais da árbore bronquial o músculo liso está adelgazado, pero sempre está presente. A medida que aumenta o número de ramificacións na árbore bronquial, a cantidade de cartilaxe hialina das paredes decrece ata chegar a estar ausente nos bronquíolos máis pequenos, e á vez acrecéntase a cantidade de músculo liso.

A membrana mucosa tamén experimenta unha transición desde un epitelio columnar pseudoestratificado ciliado inicial a un epitelio cuboideo simple e despois a un epitelio escamoso simple. O epitelio bronquial ten células caliciformes e glándulas submucosas asociadas, as cales diminúen conforme os bronquio son máis pequenos. Diminúe progresivamente a ciliatura e a altura do epitelio na árbore bronquial.

Os condutos alveolares e alvéolos constan fundamentalmente dun epitelio escamoso simple, que facilita a difusión do oxíxeno e o dióxido de carbono a través del.

Enfermidades relacionadas

[editar | editar a fonte]

Defínese bronquite como a inflamación dos bronquios. Hai dous tipos principais: aguda e crónica. A bronquite aguda está causada xeralmente por infeccións bacterianas ou víricas. A crónica é unha forma de enfermidade obstrutiva pulmonar crónica, xeralmente asociada co hábito de fumar ou con exposicións a longo prazo a substancias irritantes.

A asma é unha hiper-reactividade dos bronquios cun compoñente inflamatorio, a miúdo en resposta a alérxenos.

Aínda que o bronquio principal esquerdo sae da traquea formando un ángulo, o dereito é case unha continuación vertical da traquea, e isto predispón ao pulmón dereito a ter unha serie de problemas, como son:

  • Se entran no bronquio comida, líquidos ou corpos estraños, xeralmente van acabar aloxados no bronquio principal dereito, o que pode orixinar unha pneumonía por aspiración.
  • Se un tubo endotraqueal (que se usa nas intubacións) se insire demasiado profundo, xeralmente acaba no bronquio principal dereito, o que ventilará moi ben o pulmón dereito, pero deixará o esquerdo sen ventilación.
  1. Maton, Anthea; Jean Hopkins, Charles William McLaughlin, Susan Johnson, Maryanna Quon Warner, David LaHart, Jill D. Wright (1993). Human Biology and Health. Englewood Cliffs, New Jersey, USA: Prentice Hall. ISBN 0-13-981176-1. 
  2. Brodsky, JB; Lemmens, JM (2003). "Left Double-Lumen Tubes: Clinical Experience With 1,170 Patients" (PDF). Journal of Cardiothoracic and Vascular Anesthesia 17 (3): 289–98. PMID 12827573. doi:10.1016/S1053-0770(03)00046-6. 
  3. G. J. Romanes. Cunninham Tratado de Anatomía. Interamericana-Mc Graw Hill. 12ª edición. Páxinas 549-550. ISBN 84-7605-359-2.
  • Moore, Keith L. e Arthur F. Dalley. Clinically Oriented Anatomy, 4th ed. (1999). ISBN 0-7817-5936-6