iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Batxeba
Batxeba - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Batxeba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Bethsabée de Gérôme.

Batxeba, ou Betsabé, foi a esposa de Urías e do rei David e a nai do rei Salomón consonte o Segundo Libro de Samuel. Por ela o rei David cometeu un dos seus máis graves pecados, ao provocar a morte de Urías.

O rei David un serán viu dende a azotea do seu pazo unha belida muller purificándose das súas regras. Prendido da súa beleza mandou preguntar quen era e dixéronlle que era Batxeba, filla de Alián e esposa de Urías o hitita. David deitouse con ela e preñouna. En sabendo disto, David mandou chamar a Urías, que estaba na guerra, e pediulle que volvese á casa xunta da súa esposa. Pero Urías ficou a durmir á porta do pazo pois considerou indigno deitarse coa súa muller mentres os seus compañeiros na fronte acampaban ao sereno.

Finalmente David ordenou ao xefe do exército Xoab que colocase a Urías na batalla nunha posición exposta e que se retirase deixándoo só. Así foi e Urías morreu. David tomou como esposa a Batxeba, que deu a luz un fillo.

Deus daquela enviou o seu profeta Natán, que lle contou a David a historia do home rico e do home pobre e como o primeiro a quen todo lle sobraba ripoulle ao pobre a súa única ovelliña que era para el como unha filla. David, cheo de indignación, dixo que o rico era reo de morte e que tiña que pagar catro veces o valor da ovelliña. Natán retrucou:

Ti es ese home. E isto di o Señor, Deus de Israel: Eu unxinte por rei de Israel e ceibeite das mans de Xaúl. Entregueiche a casa do teu señor e puxen as súas mulleres nos teus brazos. Fíxente dono de Israel e de Xudá e, por se fose pouco, deiche aínda outras cousas. ¿Por que, logo, desprezas a palabra do Señor facendo o que el reproba? Mataches coa espada a Urías, o hitita, para casares coa súa muller.

David confesou o seu crime e Natán anuncioulle que Deus perdoaría a súa vida, mais non a do seu fillo. David consolou a Batxeba, que empreñou de novo e deu a luz a Salomón, o máis sabio dos monarcas.