iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/Aneis_de_Poder
Aneis de Poder - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

Aneis de Poder

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O anel único

No legendarium de J. R. R. Tolkien sobre a Terra Media, os Aneis de Poder son unha serie de artefactos máxicos, descritos por primeira vez a comezos d'O señor dos aneis, nunha rima tradicional que o mago Gandalf recita a Frodo Bulseiro:

Tres aneis para os Reis dos Elfos baixo o ceo
Sete para os Señores Ananos nas súas salas de pedra
Nove para os Homes Mortais condenados a morrer
Un para o Señor Escuro no seu trono escuro
na Terra de Mordor, onde se estenden as Sombras
Un anel para gobernalos a todos, un anel para atopalos,
un anel para atraelos a todos e atalos nas tebras,
na Terra de Mordor, onde se estenden as Sombras.

Literatura

[editar | editar a fonte]

Logo da derrota de Morgoth, Sauron suplicou o perdón dos Valar, mais incumpriu a súa promesa de se someter ao seu xuízo e fuxiu. Ao longo da Segunda Idade, presentouse disfrazado cunha fermosa forma e co nome de Annatar, Señor dos Agasallos, aos xefes dos Eldar que aínda ficaban na Terra, ofrecéndolles axuda. Galadriel, Gil-galad e mais Círdan desconfiaban del, mais os ferreiros de Eregion aceptárono de bo grado, ansiosos por acrecentar os seus coñecementos e habilidades técnicas. Segundo o Apéndice B d'O señor dos aneis, a forxa dos Aneis de Poder comezou arredor de 1500 S.I. Os Sete e os Nove Aneis foron forxados polos Elfos coa axuda directa de Sauron. Os Tres Aneis, os máis poderosos dos aneis élficos, foron forxados por Celebrimbor, neto de Fëanor e líder dos ferreiros de Eregion. Conseguiu fabricalos el só, sen a axuda de Sauron mais grazas a coñecementos obtidos del, e rematounos arredor de 1590 S.I. Amais, dáse a entender claramente que se forxaran tamén outros aneis menores, con poderes máis limitados e indefinidos.

Sauron forxou o derradeiro anel, o Anel Único ou Anel Dominante, en segredo nos lumes do Monte do Destino de Mordor en 1600 S.I., transmitíndolle unha gran parte do seu poder. O seu papel era dominar os demais aneis e os seus poderes, e someter os pensamentos e as vontades dos seus portadores ao seu escrutinio e control. No entanto, así como Sauron puxo o Anel único, os Elfos percibírono e, comprendendo inmediatamente o seu propósito, quitaron os seus aneis.

Uns 90 anos máis tarde, Sauron invadiu e conquistou Eregion antes de ocupar todo Eriador. Celebrimbor foi capturado e, logo de ser torturado, revelou a localización dos Sete e dos Nove, mais morreu sen revelar onde se agochaban os Tres. Sauron fíxose cos Sete e cos Nove e repartiunos entre os xefes dos ananos e dos homes, respectivamente.

Poderes comúns dos Aneis

[editar | editar a fonte]

A finalidade e o propósito principal de todos os Aneis forxados polos Elfos era sandar, construír e comprender. Aínda que Sauron o tentou, non deu seducido os Elfos, se cadra porque os tres Aneis máis poderosos (á parte do Anel Único) non estaban corrompidos polo toque de Sauron.

Os Aneis de Poder amosaban unha grande resistencia e eran moi difíciles de destruír. Falando con Frodo, Gandalf cóntalle que o lume normal, mesmo o dos fornos dos ananos, non pode danar os Aneis; malia que o lume de dragón podería fundilos, os dragóns xa non eran tan poderosos coma na Segunda Idade, e nin sequera o grande Ancalagon podería danar o Anel Único.

Os Aneis outorgaban unha certa capacidade para ver cousas que normalmente resultan invisíbeis. Por exemplo, mentres Frodo levaba posto o Anel Único, vía os Espectros do Anel na súa verdadeira forma, e mesmo cando non o levaba, percibiu a presenza de Nenya, o anel de Galadriel, que o seu compañeiro Samsagaz non era quen de ver. En Dos Aneis de Poder e a Terceira Idade dise que Sauron "corrompeu" os Nove e os Sete para que maldicisen e traizoasen a aqueles que os empregasen. Esta maldición queda implícita na morte dos ananos Thrór e Thráin, ambos impulsados polo Anel das súas casas a asumiren riscos mortais.

Os Nove foron agasallados a Reis e Feiticeiros dos homes, incluídos os Numenorianos Negros, que axiña caeron baixo o control dos artefactos e remataron por tornarse en meras sombras (véxase Nazgûl). Os Nove resultaron de utilidade a Sauron na Terceira Idade, sobre todo cando estaba feble de máis para actuar por si mesmo.

Os Sete foron agasallados aos sete xefes das casas dos ananos (a tradición de Moria afirmaba que Durin III recibira o Anel de Moria directamente dos ferreiros élficos, non de Sauron). Porén, a extraordinaria ascendencia dos ananos frustrou a intención de Sauron de controlalos ou ler as súas mentes. Durante a Terceira Idade, Sauron tentou recuperar os Sete. Ao final só puido recobrar tres deles, porque o principal efecto dos Sete era acender a cobiza dos ananos e procurar riquezas aos seus portadores. Á súa vez, esta riqueza atraía aos dragóns, e a meirande parte dos Sete acabou fundida en lume de dragón.

Nun borrador non utilizado, Tolkien afirmaba que os Calaquendi, como Glorfindel, podían usar o poder de invisibilidade dun Anel para elixir mostrarse completamente no mundo físico ou no mundo invisíbel, no canto de existir nos dous ao mesmo tempo.

Os Nove Aneis facían que os homes que os levaban se tornasen invisíbeis. Tamén prolongaban a vida dos seus posuidores, aínda que ao cabo isto provocou que os homes se convertesen en espectros totalmente dominados por Sauron. Gandalf afirma que os Nove podían ver a Frodo no Vao porque este, que estaba "comezando a esvaecerse" tras ser ferido polo puñal de Morgul, estaba parcialmente no seu mundo; isto dá a entender que "esvaecerse" e tornarse invisíbel mentres se leva posto un Anel de Poder significa existir no mundo do oculto (Gandalf menciona que os Elfos existen en ambos os mundos ao mesmo tempo). Gandalf insinúa que todos os Grandes Aneis terían os mesmos efectos sobre os homes, mais Tolkien escribiu que isto non era certo no caso dos Tres e que non se deron casos de homes que levasen posto un dos Tres.

Os espectros dos homes que recibiron os Nove eran os Nazgûl, ou Espectros do Anel, os serventes máis temidos de Sauron. N'O señor dos aneis non se menciona concretamente a ningún agás ao seu líder, o Rei Bruxo de Angmar. O seu segundo ao mando aparece nombrado en Unfinished Tales como Khamûl, o Home do Leste Negro. O que si se coñece é que tres dos nove Espectros do Anel foran nun principio 'grandes señores' de Númenor a mediados da Segunda Idade.

Os Nazgûl sobreviviron a caída de Sauron á fin da Segunda Idade. O Rei Bruxo dirixiu as accións bélicas desde o reino de Angmar contra os reinos sucesores de Arnor, e rematou por destruír os tres e reducir o poder dos Dúnedain no Norte.[1] Disque máis tarde, Sauron reuniu os Nove consigo, mais isto pode interpretarse como que os mantivo ao seu alcance, no canto de fisicamente tendo os nove aneis en Barad-dûr cos aneis ananos restantes.

Como había sete Casas ou nacións dos ananos, poderíase supor que o rei de cada Casa recibiu o seu propio Anel, mais Tolkien non o afirma en ningures. Porén, Gandalf menciona un rumor de que os sete tesouros dos ananos comezaran cun só anel de ouro. Os ananos usaron os seus Aneis para aumentaren os seus tesouros, pois outorgaban unha grande riqueza aos seus donos.

Tolkien escribiu que os Aneis non podían facer os ananos invisíbeis, tornalos en espectros, dominar as súas vontades ou prolongarlles a vida por mor de trazos intrínsecos á súa raza. Isto frustrou enormemente os plans de Sauron, mais por medio dos Aneis era quen de suscitar neles rabia e cobiza de todos os xeitos.

Na época d'O señor dos aneis, catro dos Sete foran consumidos por dragóns, un críase perdido en Moria cando Azog matou a Thrór (un dos motivos polos cales Balin volveu ao antigo reino anano) e os outros dous sabíase que foran recuperados por Sauron.

Porén, tal e como revelou Gandalf no Consello de Elrond, Thrór dera o seu anel, o derradeiro dos Sete, ao seu fillo Thráin II antes de Thrór abandonar Moria. Thráin II acabou sendo capturado, encerrado e torturado por Sauron en Dol Guldur case que un século antes do comezo d'O hobbit en 2845 T.I. Xa que logo, a esperanza de Balin de atopar o anel en Moria resultou inútil. Seica os segredos gardados polos ananos se volveron na súa contra, xa que Gandalf sabía todo isto moito antes de que Balin marchase parao Moria, e podería ter advertido a Balin.

O ano antes de Frodo e Sam abandonaren a Comarca co Anel Único, Sauron, por medio dun emisario non identificado, prometeu devolver aos ananos os tres aneis que aínda ficaban dos Sete se estes recuperaban "un pequeno anel, o menos importante" das mans do "ladrón que o roubou". Das palabras do emisario despréndese que Sauron esperaba convencer os ananos de que o anel de Bilbo era un dos menos importantes forxados polos ferreiros de Eregion e non o Gran Anel de Poder. Sauron reiterou a súa oferta durante todo un ano, e en cada ocasión os ananos negáronse a responder. Desconfiando de Sauron, quen de feito cría con razón que ese anel era o Único, e non querendo pór a Bilbo en perigo, os ananos buscaron o consello de Elrond. Isto foi o que levou a Glóin e Gimli a Valfendido para o Consello de Elrond descrito n'A Irmandade do Anel.

Conta a tradición anana que Durin III de Moria non recibiu un anel de mans de Sauron, senón directamente de Celebrimbor. Por iso Balin, fillo de Fundin, entre outros, volveu para Moria, coa esperanza de atopar un anel de poder que axudase a preservar e dar novas forzas ao pobo anano.

Á diferenza dos demais Aneis, os Tres non outorgaban o poder da invisibilidade e non eran portadores de maldición algunha, á parte de seren vulnerábeis ao Anel Único (xa que Sauron nunca os tocou), mais os propios aneis eran invisíbeis cando alguén os levaba postos. Só uns poucos, como outros Portadores de Aneis, eran quen de velos.

Os Tres son os únicos Aneis de Poder (xunto co Único) descritos por Tolkien na súa narrativa. Narya, o Anel de Lume, levaba incrustado un rubí; Nenya, o Anel de Auga ou Anel de Adamante, estaba feito de mithril e levaba incrustada unha "pedra branca", probabelmente un diamante (malia que nunca se di explicitamente, o uso da palabra "adamante", sinónimo arcaico, suxíreo con firmeza); e Vilya, o Anel de Ar, o "máis poderoso dos Tres", era de ouro e levaba incrustado un zafiro. Os Tres permanecían ocultos, e até a fin da Terceira Idade descoñecíase quen eran os seus posuidores.

Antes do saqueo de Eregion, Celebrimbor deu Vilya e Narya a Gil-galad, e Nenya a Galadriel. Máis tarde, Gil-galad deu Narya a Círdan, e Vilya a Elrond pouco antes de morrer.

Os Tres permaneceron agochados de Sauron, que nunca os tocou, e durante a Terceira Idade, despois de el perder o Anel Único, foron empregados para preservar e mellorar os tres reinos dos Eldar que restaban. Vilya foi usado por Elrond en Valfendido, Nenya por Galadriel en Lothlórien, e Narya en Mithlond por Círdan. Cando os Istari, ou magos, chegaron ao redor do ano 1000 T.I., Círdan deu Narya a Gandalf, quen o levou até a fin da Terceira Idade.

  1. O señor dos aneis, Apéndice A (iii): "The North-kingdom and the Dúnedain".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]