iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.wikipedia.org/wiki/A_sardiña_na_cultura_popular_galega
A sardiña na cultura popular galega - Wikipedia, a enciclopedia libre Saltar ao contido

A sardiña na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A sardiña e o porco, se voaran, en moito máis se estimaran.

A seguir recóllese a pegada que deixou a sardiña na cultura popular galega, na fraseoloxía e na tradición oral galega (refráns, cantigas e adiviñas).

Din os mariñeiros que os bancos de sardiña aparecen ó mencer e, sobre todo, ó solpor e de noite, á luzada, e que durante o día a sardiña descende e permanece acamada no fondo do mar, repousando semienterradas de cabeza no limo [1].

  • Frol da sardiña: variedade de xeranio [2]
  • Sardiña da moura ou da moira: sardina salgada.[3]
  • Nai da sardiña: zamborca (Alosa alosa).[4]
  • Sardiña de pico: alcrique (Scomberesox saurus) [5]
  • Papaxoubas: aparvado. Tamén papaxoibas.

Locucións

[editar | editar a fonte]
  • Coma sardiñas en banasta: estar moi apertados.
  • Coma sardiñas na lata: estar moi apertados.
  • Como sardiña na tixela: non parar, mostrar inquietude.
  • Espichado polas guelras como sardiñas na lercha: estar totalmente vencido e acabado.
  • Gordo coma a sardiña polo rabo: delgado. Non hai cousa máis fraca có rabo da sardiña.
  • Ir toma-la parva que ela na ria está: adaxio mariñeiro que alude á sardiña que entra na ría.
  • Pagar en cartos de sardiñas: pagar unha débeda mediante pequenas cantidades.
  • Saca-las sardiñas do lume coa man allea: deixar que outro corra cos riscos.

Refraneiro

[editar | editar a fonte]
  • A carne, carne cría, e a sardiña auga fría [6].
  • A Concepción sempre trai a súa arribazón [7]
  • A muller e a sardiña, canto máis pequena máis fina [8].
  • A muller e a sardiña, canto máis pequeniña.
  • A muller e a sardiña, canto máis pequeniña, máis sabrosiña.
  • A muller e a sardiña, canto máis pequeniña, máis xeitosiña.
  • A muller e a sardiña, canto máis pequerrechiña, máis riquiña [8].
  • A muller e a sardiña, na cociña [9].
  • A muller e a sardiña, pequena e escanchadiña [8][10].
  • A muller e a sardiña, pequeniña [11].[9].
  • A muller e a sardiña, pequeniña i escanchadiña [9].
  • A muller e a sardiña, pequeniñas [8].
  • A muller e a sardiña, polo máis pequechiña [12].
  • A muller e a sardiña, polo máis pequeniña.
  • A muller e a sardiña por pequeniña, que, mentres a grande se agacha, ten xa varrida a cociña [13].
  • A muller e a sardiña, por pequeniña, xeitosiña [8].
  • A muller é a sardiña, redondiña.
  • A sardiña ben salgada, ben cocida e mal asada [6].
  • A sardiña e a longariza ponas ó calor da cinza.
  • A sardiña e a muller, pequeniña se pode ser, que canto máis pequeniña, millor ten que saber.
  • A sardiña e o porco, se voaran, en moito máis se estimaran.
  • A sardiña en san Xoan xa molla o pan.
  • A sardiña, na chama, e a muller, na cama.
  • A sardiña no maio que a parta un raio.
  • A sardiña polo abril, cóllea polo rabo e déixaa ir; por maio ásaa no borrallo, e por San Xoán xa molla o pan [8].
  • A sardiña por abril cóllea polo rabo e déixaa ir, por maio ásaa no rescaldo e por san Xoán xa molla o pan.
  • A sardiña salgada, ben cocida e mal asada.
  • Anque a sardiña está no prato, non é por falta de gato.
  • Botar outra sardiña que outro ruín vén da viña.
  • Cada sardiña ten a súa espiña.
  • Cada un achega a brasa á súa sardiña.
  • Cando chove por Santa Lucía, non hai sardiña [8][14].
  • Chuvia por Santa Lucía, tolle a sardiña [15].
  • Coitada a sardiña que todo peixe a come [8].
  • Coitada da sardiña que todo o peixe a come [16].
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas, non hai ruín viño [17][18].
  • Con castañas asadas e sardiñas salgadas non hai viño ruín [8].
  • Con unha sardiña pode pescarse unha troita ou unha anguía.
  • De novo galiña, de vello sardiña.
  • Día de Santa Lucía, enchente de agua ou de sardiña [19][20].
  • É tan bobiña que troca a vaca pola sardiña.
  • En abril, a sardiña val pernil [8].
  • En abril vai colle-la sardiña polo rabo e déixaa ir.
  • En agosto come as sardiñas ben a gosto [8].
En san Xoán, a sardiña molla o pan.
  • En san Xoán a sardiña molla o pan.
  • En San Xoán a sardiña pinga o pan [8].
  • En San Xoán pinga a sardiña no pan [21].
  • En San Xoan xa a sardiña molla o pan [22].
  • Hai que empezar con sardiña para terminar con galiña.
  • Mercar dúas sardiñas, e dar catro fritidas.
  • Mercar tres sardiñas e vender cinco fritidas [23].
  • Non está a sardiña no prato por falta de gato.
  • Non hai ruín viño con castañas asadas e sardiñas salgadas [24].
  • Non hai sardiña sen espiña [8].
  • Ó que en abril come sardiña, aínda en agosto pícalle a espiña [8].
  • O que en abril come sardiña, inda en agosto lle pica a espiña.
  • Pola Santa Mariña pinga a sardiña [8].
  • Pola Santa Mariña salga a sardiña [8].
  • Polo san Xoán á sardiña e en setembro á vendima.
  • Polo San Xoán come sardiñas e tira pedriñas.
  • Polo San Xoán molla a sardiña no pan [8].
  • Polo San Xoán xa a sardiña pinga o pan [22].
  • Por Pascuas de Resurrección tres cousas teñen sazón: sardiñas salgadas, castañas asadas e predicación.
  • Por san Xoán, a sardiña molla o pan.
  • Por san Xoán, a sardiña pinga no pan.
  • Por San Xoán molla a sardiña o pan [8].
  • Por santa Mariña pinga a sardiña.
  • Presta máis unha sardiña con gusto, que unha galiña con desgusto.
  • Primeiro a galiña que a sardiña [25]
  • Quen queira mal a unha veciña, déalle en abril sardiña [8].
  • Quen queira mal a unha veciña, déalle no abril sardiña.
  • ¿Quen vos trouxo os meus odres? Castañas asadas e sardiñas podres.
  • Santa Lucía, auga ou sardiña.[26]
Se ves mascatos voar, busca a sardiña no mar.
  • Sardiña que leva o gato, tarde o nunca volve ó prato [8].
  • Sardiña que leva o gato gandida vai [27]
  • Sardiña que o gato leva, ben lambidiña vai [8].
  • Sardiña que o gato leva, perdida está [8].
  • Sardiña que o gato leva, tarde ou nunca á deixará.
  • Sardiña salgada, ben cocida ou mal asada [28].
  • Sardiñas de maio, sardiñas do diaño.
  • Sardiñas salgadas, castañas asadas e confesión, antes das Páscoas de Resurrección [29].
  • Se comes sardiña en san Xoán, mollaráchese o pan.
  • Se ves mascatos voar, busca a sardiña no mar [8][30].
  • Trata en sardiña e comerás galiña [8][31].
  • Vén santa Mariña coa súa manguiña de auga ou de sardiña.
  • Vende sardiña e poderás comer galiña.

Cantigueiro

[editar | editar a fonte]
Unha vella se comeu/ cento e medio de sardiñas,/ e toda a noite andivo/ quitando do cu espiñas.
  • A espicha do catalán/ non dá proveito a ninguén;/ mandei a muller á espicha/ i espicháronma tamén [32].
  • A miña muller, compadre/ evos moi gobernadeira,/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira.
  • A miña muller, Farruco,/ éche unha cumprimenteira:/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [33].
  • A muller e a sardiña/ querémola pequeniña,/ mentres a grande se baixa/ ela barre a cociña.
  • A sardiña cabezuda./ Mira que donaire leva/ a ama do señor cura.
  • A sardiña cabezuda/ ten o sangue na cabeza;/ os rapaces de hoxe en día/ cásanse pola riqueza [34].
  • A traíña vai na pana/ e os remos no galeón/ e a sardiña vai correndo/ par'o Porto de Caión.
  • A túa muller, Farruco,/ éche ben cumprimenteira,/ co rabo dunha sardiña/ comeu unha bola enteira [35].
  • Agora que me trocaches/ has de ter moito diñeiro,/ heite de meter no trato,/ no trato do sardiñeiro [36].
  • Alá no medio do mar/ vin saltar unha sardiña,/ mariñeiriños de Noia/ vinde alá cunha traíña [37].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de sardiña crúa,/ que paréce-lo meu porco/ a chuchar na lavadura [38].
  • Cálate, vaite calando,/ cara de sardiña crúa,/ que paréce-lo meu porco/ cando solve a lavadura [38].
  • Cara de pinta-la mona,/ cara de sardiña fría,/ eres unha salamántiga, compaña de cotuvía [39].
  • Cunha codia de pan quente,/ unha sardiña salgada/ e o abrazo dunha nena/ pasa un home unha somana [40].
  • Desafío, desafío,/ pola punta dunha liña;/ os mociños que hai agora/ non valen unha sardiña.
  • Ei veñen, ei veñen,/ ei veñen, ei van/ sardiñas fresquiñas/ de pola mañán.
  • Esta noite n’hai sardiña/ ¿Qué farán os cataláns?/ Andarán pola ribeira/ tirando pedras ós cans.
  • Eu ben vin estar a Pedro/ no poleiro cas galiñas;/ entendín, ¡por vida miña!/ qu’era un paxe de sardiñas [41]
  • Eu ben vin estar o crego/ no poleiro das galiñas,/ e pensei, por vida miña,/ que era un paxe de sardiñas [42].
  • Eu hei de irme ó Xurés/ con estas miñas amigas;/ habemos botar un neto/ i habemos mercar sardiñas [43].
  • Fun ó monte por sardiñas,/ fun ó mar cargar de toxo,/ polo monte fun nadando,/ polo mar nun burro coxo [35].
  • Heiche de contar un conto/ de vintecatro mentiras:/ polo mar andan as lebres/ e polo monte as sardiñas [44].
  • Miña nai cando peneira/ báteme cunha variña;/ díme que fuxa dos homes/ coma o gato da sardiña [45].
  • Os canteiros vanse, vanse,/ vanse pasado mañán,/ levan a sardiña podre/ para compangar o pan.
  • Para parrochas, en Redes,/ para sardiñas, en Ares,/ para pulpos, en Mugardos,/ e na Graña, calamares.
  • Pasei po-la pont’abaixo/ vin saltar unha sardiña,/ mariñeiros, ind’o mar/ e botáll’a traíña.
  • Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro [46].
  • Polo mar abaixo vai/ unha sardiña a nadar,/ quen a poidera coller,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera pillar,/ quen a poidera coller,/ polo mar abaixo vai/ unha sardiña a correr [47].
  • Polo río abaixo,/ polo río arriba,/ polo río abaixo/ vai unha sardiña,/ vai unha sardiña,/ vai un prexegueiro/ que leva prexigos/ no mes de xaneiro [48].
  • Sardiña de Chan de lombo/ ¡case brinca no panel!/ Pequeniña, redondiña,/ así quer se-la muller.
  • Sardiña que o gato leva,/ aquela galdida vai;/ heite de sacar, meniña,/ dos brazos da túa nai [49].
  • Sardiñas frescas do mar/ quen che me dera un milleiro,/ pan trigo en Ribadavia,/ nenas do chan de Amoeiro.
  • Somos os lulos de Sada/ non o podemos negar;/ este ano n’hai parrocha/ cagho no demo no mar.
  • Somos os lulos de Sada/ non o podemos negar;/ este ano n’hai parrocha/ cagou o demo no mar.
  • Teño barcos, teño redes,/ teño sardiñas no mar,/ teño unha nena bonita,/ xa non quero traballar [50].
  • Teño lanchas, teño redes,/ teño sardiñas no mar,/ teño unha nena bunita/ pra que quero traballar? [51].
  • Teño unha lancha, unhas redes,/ sardiña abondo no mar,/ e unha nena moi garrida/ ¡pra qu’hei de traballar!
  • Unha sardiña escochada/ que era irmá da cabezuda;/ meniña que ten a honra/ rise de quen a marmura.
  • Unha vella se comeu/ cento e medio de sardiñas,/ e todiña a noite andivo/ quitando do cu espiñas.
  1. ... advirtiéndose que el movimiento de la mañana disminuye pronto, porque la sardina suele reposar durante el día, yéndose al fango del fondo, en donde queda "acamada", pues se la ve en grandes extensiones clavada de cabeza en el lodo, como dos tercios de su longitud, moviendo la cola y muy apiñada (Eladio Rodríguez s. v. sardiña).
  2. Valladares non explica as diferenzas que caracterizan esta variedade.
  3. Pintos 1865.
  4. En Lira e Camariñas. Ríos Panisse explica que se denomina así porque, aínda que parecida á sardiña, é de maior tamaño, polo que os mariñeiros cren que é a nai da sardiña.
  5. En Bueu.
  6. 6,0 6,1 Clodio González Pérez, 141.
  7. A Concepción celébrase o 8 de decembro.
  8. 8,00 8,01 8,02 8,03 8,04 8,05 8,06 8,07 8,08 8,09 8,10 8,11 8,12 8,13 8,14 8,15 8,16 8,17 8,18 8,19 8,20 8,21 8,22 8,23 Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  9. 9,0 9,1 9,2 Eladio Rodríguez González, s. v. muller.
  10. Escanchada, de escanchar, significa aberta, esparrada (a sardiña) ou aberta de pernas (a muller).
  11. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  12. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: mais.
  13. Elixio Rivas Quintas (2001).
  14. Clodio González Pérez, 146.
  15. Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
  16. Clodio González Pérez, 142.
  17. Clodio González Pérez, 145.
  18. Marcial Valladares Núñez, s. v. viño. No orixinal: saladas, n’hai.
  19. Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  20. Rosario Soto Arias 2013. No orixinal: d'auga.
  21. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25. No orixinal: Xohán.
  22. 22,0 22,1 Eladio Rodríguez González, s. v. San Xoan.
  23. Eladio Rodríguez González, s. v. mercar.
  24. Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  25. Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
  26. 13 de decembro.
  27. Gandida, comida, de gandir, comer.
  28. Lino Lema Bouzas. No orixinal: salada.
  29. Lino Lema Bouzas. No orixinal: saladas.
  30. Eladio Rodríguez González, s. v. mascato.
  31. A galiña, aquí, como símbolo de riqueza.
  32. Xaquín Lorenzo Fernández, 212. A espicha consiste en colocar as sardiñas nas espichas (varas finas de madeira nas qjue se van ensartando as sardiñas) para as afumar ou secar; a salga das sardiñas en Galicia estivo durante moito tempo nas mans dos cataláns.
  33. Saudade nº 4, xullo 1943, 30. No texto: inteira.
  34. Nalgúns dicionarios (Filgueira, Carré, Ibáñez, Ríos Panisse) definen cabezuda simplemente como "sardiña con cabeza". Eladio Rodríguez (s.v. cabezudas) amplía a explicación e defíneas como: "Sardinas llamadas así porque se asan sin abrir, con cabeza y tripas", mentres que "Las que se guisan o se fríen sin cabeza y sin tripas se llaman escochadas; y las que se fríen sin cabeza, sin tripas y sin espina, abiertas en canal, reciben la denominación de escachadas".
  35. 35,0 35,1 Lino Lema Bouzas, 15.
  36. Xaquín Lorenzo Fernández, 32. Alude á xente -normalmente mulleres- que se dedicaban á venda ambulante do peixe que compraban no ferrocarril de Ourense a Vigo, traballo que esixía moito esforzo e daba pouca ganancia.
  37. Álvaro das Casas, 192. No orixinal: c-unha, traiña.
  38. 38,0 38,1 Xaquín Lorenzo Fernández, 55. No orixinal: parecelo.
  39. Xaquín Lorenzo Fernández, 59. No orixinal: pintala, éres.
  40. Xaquín Lorenzo Fernández, 221.
  41. Pedro é unha denominación eufemística do raposo. No orixinal: n-o poleiro c'as galiñas. qu'era.
  42. J. Leite de Vasconcellos (1845).
  43. Xaquín Lorenzo Fernández, 81. A Nosa Señora do Xurés, a cuxa romaría alude esta cantiga, levántase no lugar de Vilameá, parroquia de Río Caldo, concello de Lobios.
  44. Álvaro das Casas, 193. No orixinal: pol-o.
  45. Xaquín Lorenzo Fernández, 98.
  46. Fermín Bouza-Brey, 189. No orixinal: 'pol-o.
  47. Fermín Bouza-Brey, 179. No orixinal: 'pol-o.
  48. Xaquín Lorenzo Fernández, 133.
  49. Xaquín Lorenzo Fernández, 142.
  50. Xaquín Lorenzo Fernández, 274. Común en Galicia.
  51. Álvaro das Casas, 192.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, Emilio: Refranero agrícola y metereológico [sic] gallego. Pontevedra, 1904.
  • ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008
  • BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
  • CASAS, Álvaro das (colector): "Pra un canzoneiro de Noia", en "Arquivo Filolóxico e Etnográfico de Galiza", en Nós 94, 15.10.1931, 192-193; 95, 15.11.1931, 215-217.
  • GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: “O refraneiro do mar”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12. Museo do Pobo Galego 1988, 137-147.
  • LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refrás galegos do home. Ed. do autor, Lugo 1977.
  • MOREIRAS SANTISO, Xosé: Os mil e un refráns galegos da muller. Alvarellos, Lugo 1978.
  • PÉREZ BALLESTEROS, José: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886 (reed. facs. Akal, Madrid 1979).
  • RAMÓN E FERNÁNDEZ OXEA, X. (BEN CHO SHEY): "Cancionero y refranero de Corme", en Revista de Dialectolología y Tradiciones Populares VII, 1951.
  • RIELO CARBALLO, Nicanor: Escolma de Carballedo. Castrelos, Col. Pombal, Vigo 1976.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia. Anejo 7 (1977) de Verba (Invertebrados y peces).
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • RIVAS QUINTAS, Eligio: Frampas II. Contribución al Diccionario Gallego. Alvarellos, Lugo 1988.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
  • SACO Y ARCE, J. A.: Literatura popular de Galicia. Deputación de Ourense, 1987.
  • SOTO ARIAS, Mª Rosario: "Notas para un estudo dos refráns haxiocronolóxicos", en Cadernos de Fraseoloxía Galega 15, 2013, 347-370.
  • TABOADA CID, M.: "Algunos aspectos de la vida espiritual de La Mezquita" en Boletín Auriense 8, 1978, 107-166.
  • VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.
  • VARIOS: Terra de Melide. Seminario de Estudos Galegos. Compostela, 1933.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico: Refráns e ditos populares gallegos. Galaxia, Vigo 1972.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]