Ángel Zubieta
Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | (es) Ángel Zubieta Redondo 17 de xullo de 1918 Galdakao, España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 28 de outubro de 1985 (67 anos) Buenos Aires, Arxentina | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | esclerose lateral amiotrófica | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista, adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1935 - 1956 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | España | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Centrocampista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Ángel Zubieta Redondo, nado en Galdakao (Biscaia) o 17 de xullo de 1918 e finado en Buenos Aires o 28 de outubro de 1985, foi un futbolista e adestrador de fútbol español. Xogaba de dianteiro e foi internacional coa selección española. Desenvolveu a súa carreira futbolística principalmente na Arxentina.
Posúe dous récords dentro do fútbol español: foi o xogador máis novo en debutar coa selección española e é aquel que máis tempo deixou transcorrer entre o seu debut na Liga española e o seu último partido; 20 anos, dous meses e seis días. Xogaba de medio defensivo e o seu primeiro equipo foi o Athletic Club de Bilbao.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en 1918 na localidade biscaíña de Galdakao. O seu irmán máis vello, Santi Zubieta, tamén foi futbolista profesional. Ángel comezou xogando ao fútbol no equipo da súa vila, e en 1935 foi fichado polo Athletic Club de Bilbao cando tiña 17 anos de idade recentemente cumpridos. Con esa idade debutou co Athletic e na súa primeira tempada converteuse en peza clave do equipo, proclamándose campión de Liga. Zubieta xogou 21 partidos e marcou 2 goles esa tempada. O seu excelente xogo chamou tanto a atención que foi chamado a debutar como xogador internacional sen cumprir aínda os 18 anos. Con 17 anos e 9 meses ostenta aínda hoxe en día o récord de ser o xogador máis novo en debutar coa selección española absoluta.
Con todo esa prometedora carreira viuse freada polo estoupido da guerra civil española no verán de 1936. A mozo Zubieta foi un dos xogadores elixidos para formar parte durante a guerra da Selección de Euzkadi, combinado nacional creado polo Goberno Vasco co fin de recadar fondos en Europa para os refuxiados vascos e realizar un labor propagandístico en favor do Goberno Vasco e a República. Zubieta coincidiu nesta selección con moitos dos mellores futbolistas vascos da época como Luis Regueiro, Gregorio Blasco, Isidro Lángara, Guillermo Gorostiza ou Txato Iraragorri. O Euzkadi realizou unha luminosa xira por Europa disputando partidos amigables. Tras caer Bilbao en mans franquistas a Selección de Euzkadi marchou a América para proseguir a xira. Durante a xira americana da Selección de Euzkadi é fichado polo equipo arxentino San Lorenzo de Almagro.
Con San Lorenzo Zubieta realizou a maior parte da súa carreira deportiva, xogando no equipo arxentino durante máis dunha década e converténdose nun dos xogadores históricos do club porteño. As súas 13 tempadas en San Lorenzo o converteron no xogador que máis veces defendera a camisola do equipo e aínda hoxe en día, con 352 partidos oficiais, Zubieta segue sendo o terceiro xogador que máis veces vestiu a camiseta azulgrana.
Capitaneou o mítico equipo de San Lorenzo que obtivo a Liga arxentina de 1946 e que realizou unha posterior xira triunfal por España e Portugal. Nesta xira San Lorenzo chegou a vencer en varias ocasións á selección española. Con todo, ao ser Zubieta un xogador de carácter defensivo, aquel equipo é máis recordado polo seu brillante triplete atacante: Farro, Pontoni e Martino.
Na tempada 1952–53 un Zubieta xa veterano regresou a España para pechar a súa carreira deportiva no Deportivo da Coruña onde permaneceu 4 tempadas e xogou 56 partidos na Primeira División. Nas súas 2 últimas campañas simultaneou as funcións de xogador e adestrador. Retirouse como futbolista en 1956 con 38 anos de idade.
Selección de fútbol de España
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección española en 2 ocasións.
Os seus dous partidos como internacional foron amigables que disputou a selección española en 1936 ante Checoslovaquia e Suíza. Malia debutar moi novo coa selección, a Guerra Civil e o seu posterior exilio futbolístico na Arxentina impedíronlle volver ser internacional, xa que cando volveu a España xa era un xogador moi veterano. Ángel Zubieta ostenta aínda hoxe en día o récord de ser o xogador máis novo en debutar coa selección española absoluta.
É de destacar a súa participación coa Selección de fútbol do País Vasco na xira que realizou esta por Europa e América durante a Guerra Civil (1937-39).
Carreira como adestrador
[editar | editar a fonte]Iniciouse como adestrador-xogador na tempada 1955–56 no Deportivo da Coruña, facéndose cargo do equipo a falta de 8 xornadas para rematar o campionato, tras o cesamento de Pahiño. Era o terceiro adestrador do club coruñés esta campaña, que logrou evitar o descenso por un punto. Na seguinte tempada continuou coa labor de adestrador, mais foi cesado na xornada 21, co equipo como último clasificado, e substituído por Diego Villalonga, con quen finalmente descendería o Dépor á Segunda División.
Con posterioridade adestraría entre outros equipos da Primeira División española ao Athletic Club (1962–63) e ao Real Valladolid (1963–64). Tamén adestrou en México aos Pumas de la UNAM (1971–1974) e na Arxentina ao Club Atlético Atlanta e ao Deportivo Español entre outros equipos. No Deportivo Español conseguiu o ascenso da Divisional D á C no ano 1958 e o ascenso da Divisional C á B no ano 1960, dirixindo en total 266 encontros (é o técnico con máis partidos neste club).
Palmarés
[editar | editar a fonte]- Athletic Club
- San Lorenzo
- Liga da Arxentina: 1946
- Copa Río de La Plata: 1946
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Datos do xogador en bdfutbol.com (en castelán)
- Zubieta, el jugador en clarin.com Arquivado 05 de maio de 2009 en Wayback Machine. (en castelán)
- Nados en 1918
- Finados en 1985
- Nados en Galdakao
- Futbolistas do País Vasco
- Dianteiros de fútbol
- Xogadores do Athletic Club de Bilbao
- Xogadores do CA San Lorenzo de Almagro
- Xogadores do Deportivo da Coruña
- Adestradores de fútbol do País Vasco
- Adestradores do Deportivo da Coruña
- Adestradores do Athletic Club
- Adestradores do CF Os Belenenses
- Adestradores do Real Valladolid
- Adestradores do Real Jaén
- Adestradores do Club Universidad Nacional
- Xogadores da selección de fútbol de España
- Xogadores da selección de fútbol do País Vasco
- Adestradores do CA Atlanta