Xoán I de Portugal
Xoán I de Portugal, nado en Lisboa o 11 de abril de 1357 e finado na mesma vila o 14 de agosto de 1433, foi rei de Portugal, fillo ilexítimo de Pedro I de Portugal con Teresa de Lourenço, filla do mercador lisboeta Lourenço Martins, aínda que durante moito tempo se sostivese que era de orixe galega. En 1364 foi consagrado Gran Mestre da Orde de Avis.
Foi alcumado o de Boa Memoria, pola lembranza positiva do seu reinado na memoria dos seus habitantes. Tamén é coñecido como o Bo ou o Grande.
Interreino
editarÁ morte do rei Fernando I sen herdeiros directos, Portugal parece en perigo de perder a independencia. A raíña Leonor Teles de Meneses era impopular e vista con desconfianza. Fíxose notoria a súa conexión amorosa co nobre galego Xoán Fernandes Andeiro, que vivía no pazo, atraeu todas as críticas contra a súa persoa e contra o conde Andeiro. Para máis, a sucesión do trono recaeu sobre a princesa Beatriz, casada co rei Xoán I de Castela.
Porén, a burguesía e parte da nobreza uníronse á voz popular que clamaba contra a perda da independencia, tan duramente mantida por Fernando I. Dous pretendentes apareceron para competir con Beatriz pola coroa portuguesa:
- Xoán, príncipe de Portugal, fillo de Pedro I e Inés de Castro, era visto por moitos como o lexítimo herdeiro, dado o suposto casamento dos seus pais;
- Xoán, fillo de Pedro I e de Teresa de Lourenço, que foi aprobado como rei.
Co apoio dun grupo de nobres, entre eles Álvaro Pais e o mozo Nuno Álvares Pereira, e animado polo descontento xeral, o Mestre de Avis asasinou o conde de Andeiro no pazo, o 6 de decembro de 1383 e iniciou o proceso de obtención da rexencia en nome do infante Xoán. Con este último, aprisionado por Xoán I de Castela, abríase a posibilidade política do mestre de Avis ser rei.
Como sería de esperar, Xoán I de Castela non desistiu da súa pretensión e preparouse para loitar polos dereitos da súa consorte á coroa portuguesa. Seguiu a crise de 1383-1385, un período de anarquía e inestabilidade política onde diferentes cidades de Portugal se declaraban por Leonor Teles (ata abdicar da rexencia para a súa filla), por Beatriz ou polo Mestre de Avis.
A guerra civil durou máis dun ano. Nuno Álvares Pereira, posteriormente condestábel de Portugal, revelouse como un xeneral de gran valor, ao contrario do pretendente ao trono. Fernão Lopes é un crítico feroz das accións militares do Mestre, que tería tendencia a preferir enxeños e planos complicados, sen resultados, ao contrario da loita valente e cabaleiresca, e das vitorias cruciais de Nuno, particularmente no Alentejo e na axuda a Lisboa, onde o mestre quedou cercado sen se ter abastecido das provisións necesarias para aturar un asedio.
Reinado
editarFinalmente o 6 de abril de 1385, as Cortes portuguesas reunidas en Coímbra declaran o Gran Mestre de Avis, Xoán I, rei de Portugal. Esta toma de posición resultaba na práctica como unha declaración de guerra a Castela, xa que atacaba o estatuto de Beatriz de Portugal como herdeira.
Pouco despois, Xoán I de Castela invade Portugal co obxectivo de tomar Lisboa e eliminar a Xoán I de Portugal do trono. Con Castela, seguía un continxente de cabalería francesa, aliada de Castela para oporse aos ingleses, que tomaron partido por Xoán I (Guerra dos Cen Anos). Como resposta, Xoán I nomea a Nuno Álvares Pereira Condestábel de Portugal protector do reino.
A invasión castelá foi rexeitada durante o verán, despois da decisiva batalla de Aljubarrota, realizada o 14 de agosto, cerca de Alcobaça, onde o exército castelán foi case totalmente aniquilado. Castela, entón, retírase e a estabilidade da coroa de Xoán I queda definitivamente establecida.
En 1387, Xoán I casa con Filipa de Lancaster, filla de Xoán de Gante, fortalecendo por lazos familiares os acordos do Tratado de Alianza Luso-Británica, que perdura ata hoxe. Despois da morte en 1390 de Xoán de Castela, sen herdeiros de Beatriz, a ameaza castelá ao trono de Portugal desapareceu. A partir de entón, Xoán I dedicouse ao desenvolvemento económico e social do país, sen se involucrar en máis disputas coa veciña Castela ou a nivel internacional. A excepción foi a conquista de Ceuta, no norte de África, en 1415, unha praza de importancia estratéxica no control da navegación na costa de África que é conquistada o 21 de agosto. Despois da súa conquista son armados cabaleiros, na mesquita daquela cidade, os príncipes Duarte, Pedro e Henrique. Mentres, na véspera da partida de Lisboa, faleceu a raíña Filipa de Lancaster.
Legado
editarCronistas contemporáneos describen a Xoán I como un home agudo, coidadoso en conservar o poder, pero ao mesmo tempo benevolente e de personalidade agradable. Na xuventude, a educación que recibiu como Gran Mestre da Orde de Avis transformouse nun rei excepcionalmente culto para a época.
O seu amor ao coñecemento pasou tamén aos fillos, designados por Luís de Camões, n'Os Lusíadas, por "ínclita xeración": o rei Duarte de Portugal foi escritor, Pedro, duque de Coímbra, o Príncipe das Sete Partidas, foi un dos príncipes máis esclarecidos do seu tempo e moi viaxado, e Henrique, duque de Viseu, o Navegador, investiu toda a súa fortuna en investigación relacionada coa navegación marítima e a cartografía, dando inicio á epopea dos descubrimentos.
A súa única filla, Isabel de Portugal, casou co duque de Borgoña e mantivo unha corte refinada e erudita nas súas terras.
No reinado de Xoán I foron descubertas as illas de Porto Santo (1418), de Madeira (1419) e dos Azores (1427), ademais de se faceren expedicións ás Canarias. Ten inicio, igualmente, a colonización dos Azores e de Madeira.
Xoán morreu o 14 de agosto de 1433. Xace na capela do fundador, no Mosteiro de Santa María da Vitoria, na Batalha.
Descendencia
editarDo seu casamento con Filipa de Lancaster (1359-1415) naceron nove fillos. Destes, os seis que chegaron á idade adulta serían lembrados como a ínclita xeración:
- Branca de Portugal (1388-1389), morreu nova.
- Afonso de Portugal (1390-1400), morreu novo.
- Duarte de Portugal (1391-1438), sucesor do seu pai no trono portugués, poeta e escritor.
- Pedro, duque de Coímbra (1392-1449), foi un dos príncipes máis esclarecidos do seu tempo. Foi rexente durante a minoría do seu sobriño, o futuro rei Afonso V e morreu na batalla de Alfarrobeira.
- Henrique, duque de Viseu, o Navegador (1394-1460), investiu a súa fortuna en investigación relacionada coa navegación, náutica e cartografía.
- Isabel (1397-1471) casou con Filipe III, duque de Borgoña e mantivo unha corte refinada e erudita nas súas terras.
- Branca de Portugal (1398), morreu nova.
- Xoán, Infante de Portugal (1400-1442), condestábel de Portugal e avó de Isabel de Castela.
- Fernando, o Infante Santo (1402-1433), morreu no cativerio en Fez.
Xoán tivo tamén dous fillos naturais de Inés Pires:
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Xoán I de Portugal |
Ligazóns externas
editar- (en portugués) Chronica del Rey D. Ioam I de Boa Memoria e dos reys de Portugal o decimo, Fernão Lopes (1380-1460), Lisboa: Antonio Álvarez, 1644, na Biblioteca Nacional Digital
Rei de Portugal | ||
---|---|---|
Segue a: Fernando I de Portugal (de jure e de facto) Leonor Teles de Meneses (de jure) |
Xoán I de Portugal | Precede a: Duarte de Portugal |
Dinastía de Avis |