iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.m.wikipedia.org/wiki/Linguas_semíticas
Linguas semíticas - Wikipedia, a enciclopedia libre

Linguas semíticas

grupo de linguas que contén o árabe e o hebreo

As linguas semíticas son unha familia da macrofamilia de linguas afroasiáticas. Desenvolvéronse sobre todo por Oriente Próximo e o norte e leste de África. Toman o seu nome do personaxe bíblico Sem, cuxos descendentes serían, segundo a tradición, os pobos semitas.

Texto bíblico hebreo do século XII

As linguas semíticas máis faladas no presente son o árabe, o amhárico, o hebreo e o tigriña. A protolingua ou grupo de dialectos estreitamente ligados que tería dado lugar ás linguas semíticas coñécese como protosemítico.

Historia

editar

Da familia semítica temos rexistros escritos ininterrompidos a partir do -2500 ata o presente, o que fai dela a mellor testemuñada historicamente. Compárense os 4500 anos de rexistros de linguas semíticas cos algo máis de 3500 anos de textos en linguas chinesas, os 3400 anos de textos gregos ou os 3200 anos que median entre as primeiras inscricións en exipcio antigo e os últimos textos en copto). Os primeiros textos semíticos coñecidos están escritos en acadio (ca. -2500, - -1600), eblaíta (ca. -2400), ugarítico (ca. -1400 - ca. -1185), linguas cananeas (ca. -1200), hebreo antigo (ca. -1100-250), fenicio-púnico (ca. -1000-200) e arameo antigo (-900-250). Aínda que descoñecemos desde cando hai pobos semitas en Oriente Medio, evidencias indirectas suxiren que pobos semitas chegaron desde África, a través de Exipto, sobre o -4500 (aínda que a data é moi insegura).

Clasificación

editar

As linguas semíticas adoitan dividirse en tres grandes grupos: orientais (Mesopotamia), occidentais ou nor-occidentais (Oriente Próximo) e meridionais ou suroccidentais (Península Arábiga e Corno de África).

Linguas semíticas orientais

editar

Todas as linguas semíticas do grupo oriental están actualmente extinguidas. A esta rama pertence a lingua semítica máis antiga coñecida, o acadio, que se falaba en zonas do actual Iraq. As máis antigas inscricións en acadio datan da primeira metade do terceiro milenio antes da nosa era, e utilizan a escritura cuneiforme, tomada dos sumerios. Sobre o -2000, o acadio fragmentouse en dúas linguas diferentes: o babilonio, falado no sur de Mesopotamia, e o asirio, falado no norte.

Discútese se o eblaíta, lingua falada na cidade de Ebla, en Siria, no terceiro milenio antes da nosa era, descuberta a mediados do século XX, pertence a este grupo ou ao das linguas occidentais, posto que parece ter similitudes con ambas ramas.

Linguas semíticas occidentais (ou nordoccidentais)

editar

A maior parte destas linguas están tamén extinguidas. Sobreviven unicamente dúas: o hebreo e o arameo.

As linguas semíticas occidentais coñecidas son:

  • Ugarítico: Falouse na zona da antiga cidade de Ugarit, no Mediterráneo oriental, a mediados do segundo milenio antes da era. Coñécense varios textos en lingua ugarítica, descubertos en escavacións arqueolóxicas a partir dos anos 20. Lingua actualmente extinta.
  • Amorrita: coñécese unicamente a través de nomes propios non acadios transmitidos por escribas acadios durante a época de dominio amorrita en Mesopotamia, no segundo milenio antes da era.
  • Linguas cananeas: principalmente, fenicio, púnico, moabita, edomita, hebreo e amonita. Hai indicios de que o fenicio se falaba e escribía a mediados do segundo milenio antes da nosa era, aínda que só existen inscricións nesa lingua a partir do ano -1000, estendidas por todo o Mediterráneo oriental. Do fenicio derivou o púnico, a lingua dos cartaxineses, que aínda era falada no século V, segundo o testemuño de Agostiño de Hipona. As linguas moabita, edomita e amonita faláronse na área en torno ao río Xordán; destas linguas existen só unhas poucas inscricións da primeira metade do primeiro milenio antes da nosa era.
O caso do hebreo é bastante peculiar. A primeira inscrición coñecida nesta lingua data do ano -925, e moitos dos libros da Biblia están escritos na devandita lingua. Porén, a partir do século -IV sofre a dura competencia do arameo. Extinguiuse finalmente no século II, sobrevivindo só como lingua litúrxica. Foi recuperado con esforzo a partir do século XIX polos sionistas, que necesitaban unha lingua franca para os inmigrantes xudeus en Palestina, procedentes de todos os recunchos do mundo, e é hoxe a lingua oficial do estado de Israel, cuns seis millóns de falantes.
  • Arameo: documentado a partir do -850, en Siria, estendeuse rapidamente por todo Oriente Próximo, chegando a converterse na lingua franca dun extensísimo territorio que se estendía desde Afganistán ata Exipto. Seguiu sendo, en competencia co grego, a lingua máis importante de Oriente Próximo ata que, tras o advento do islam, foi desprazado polo árabe. Estivo dividido en varios dialectos, clasificados en dous grandes grupos: arameo occidental e arameo oriental. Un dos dialectos máis destacados, pertencente ao grupo oriental, é o siríaco, lingua litúrxica de varias igrexas cristiás orientais.
O arameo subsiste na actualidade. Estímase que hai uns 400.000 falantes desta lingua, a maior parte deles na área de Oriente Próximo.

Linguas semíticas meridionais (ou suroccidentais)

editar

O grupo de linguas semíticas meridionais inclúe as linguas sudarábigas, o árabe e as linguas etiópicas.

Linguas sudarábigas

editar
  • Linguas sudarábigas epigráficas: Catro destas linguas son coñecidas por inscricións que datan de entre os anos -700 e -500, atopadas no sur da Península Arábiga. Son o sabeo, o qatabánico, o hadrámático e o mineo. Todas están actualmente extinguidas, e coñécense só polos restos epigráficos.
  • Linguas sudarábigas modernas: Relacionadas con estas linguas epigráficas, existen linguas sudarábigas modernas nalgunhas zonas dos actuais Iemen e Omán, e na illa de Socotra. Son seis linguas: mehri, harsusi, bathari, hobyot, jibbali e soqotri. Esta última, falada en Socotra, é a que ten un número máis elevado de falantes (uns 50.000).

A lingua árabe

editar

O árabe é, con moito, a lingua semítica máis falada. Calcúlase que ten ao redor de 200 millóns de falantes. Os primeiros textos coñecidos en árabe datan do século IV. A rápida expansión do islam a partir do século VII levou aparellada a difusión da lingua árabe por unha zona moi extensa, que vai a partir da costa atlántica de África ata Mesopotamia. Co tempo, a lingua foise fragmentando en dialectos locais, se ben o árabe clásico se mantivo como lingua escrita e, na actualidade, emprégase nos medios de comunicación de masas. Os diferentes dialectos vernáculos (Iraq, Siria, Líbano, Exipto, Magreb) que constitúen o árabe difiren bastante do árabe clásico -tanto como o italiano do latín, díxose a miúdo-, e, en moitos casos, non son intelixíbeis entre si.

As linguas etiópicas

editar

As linguas etiópicas divídense en etiópicas setentrionais e etiópicas meridionais.

  • Etiópicas setentrionais: ge'ez, tigriña e tigré. O ge'ez, a lingua do antigo Reino de Aksum, extinguiuse como lingua falada hai varios séculos, pero segue existindo como lingua litúrxica da Igrexa Etíope Tewahedo e da Igrexa Católica Etíope. A lingua tigré é falada na actualidade por unhas 800.000 persoas, maioritariamente musulmás, en Eritrea, ao longo da costa do Mar Vermello. O tigriña, por último, é a cuarta lingua semítica con maior número de falantes (uns 5 millóns), repartidos fundamentalmente entre o norte de Etiopía e Eritrea. Deste último estado é unha das tres linguas oficiais.
  • Etiópicas meridionais: a este grupo pertencen varias linguas, como o kistane (250.000 falantes), o argobba (40.000), o harari (20.000), as linguas silte (800.000), entre outras moitas. Por riba de todas salienta o amhárico, a segunda lingua semítica máis falada por detrás do árabe cuns 17 millóns de falantes, e lingua oficial de Etiopía.

Características gramaticais comúns

editar

Fonoloxía

editar

As linguas semíticas evolucionaron dunha lingua, o protosemítico, que tiña tres vogais breves e tres vogais longas. Ademais a maioría de linguas semíticas posúen fricativas faringais e oclusiva glotal. Ademais a maioría no sistema de consoantes adoita existir unha oposición tripartita: xorda, sonora e "enfática" (onde a realización desta última varía entre a faringalización, a velarización ou a coarticulación glotal).

Morfoloxía

editar

Os lexemas das palabras adoitan estar constituídos por esqueletos consonánticos, tendo o esquema vocálico entre as consoantes información gramatical. Entre as raíces consonánticas ou lexemas a gran maioría son de tres consoantes. Teñen un sistema de infixos moi desenvolvido (os patróns vocálicos son unha forma de infixación de feito).

Linguas semíticas
Ugarítico † | Fenicio † | Púnico † | Hebreo | Amonita † |
Moabita † | Edomita † | Arameo | Acadio † | Babilonio † | Asirio † | Árabe | Sudarábiga | Etiópico