iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.
iBet uBet web content aggregator. Adding the entire web to your favor.



Link to original content: http://gl.m.wikipedia.org/wiki/A_lagarada
A lagarada - Wikipedia, a enciclopedia libre

A lagarada

obra literaria de Ramón Otero Pedrayo

A lagarada é unha obra de teatro de Ramón Otero Pedrayo, publicada en 1929 e estreada en 1992.

A lagarada
Título orixinalA Lagarada
Autor/aRamón Otero Pedrayo
OrixeGalicia
LinguaGalego
ColecciónTeatro Galego
Xénero(s)Teatro
EditorialNós
Data de pub.1929
Páxinas53
Na rede
BNE: XX2116366
editar datos en Wikidata ]
 
Casa museo de Otero Pedrayo en Trasalba, onde se representou a obra por vez primeira.

A acción ten lugar durante a vendima nunha casa grande da provincia de Ourense, a carón do río Miño. O señor Vences é un home maior e rico, dono da casa, e contratou diversas persoas para recoller a uva. Vences está casado con María a Bubela, e son pais de Venerando (casado con Sabela) e mais Xohana (casada con Roque). O vello namora de Basilisa, unha criada da casa, e os fillos preocúpanse de que a rapaza leve a herdanza. Á súa vez, outro mozo criado da casa, Delmiro, séntese tamén atraído por Basilisa.

Ao tempo que se desenvolve a vendima, na parroquia está Floro, un arqueólogo a procura de vestixios. Pregúntalle a María a Bubela por lugares onde escavar, e esta dille que no monte de Medelos hai resto. Explícalle que segundo a tradición oral non é boa cousa andar por aló, mais o arqueólogo decide ir escavar de todos xeitos, coa axuda dun home.

Durante a vendima, Vences recrimínalle á xente que ten contratada que é nugallá, e ponse a limpar o interior dunha pipa de viño, en presenza de Delmiro, Basilisa, Venerando e Roque o Ferreiro. Delmiro envorca a pipa co vello no interior, simulando un accidente coa conivencia dos outros personaxes presentes. María a Bubela coida que o accidente se debeu a un meigallo provocado pola escavación no monte Medelo, e culpa o arqueólogo.

Basilisa e Delmiro foxen xuntos, pero aparecen unhas fadas, en forma de xustiza, que os castigan coa separación e futuros complicados, como asasino e criada ou prostituta respectivamente[1].

Narración

editar

A obra enmárcase na creación de obras de teatro en galego a comezos do século XX polas Irmandades da Fala e o Grupo Nós. O tema do amor entre vellos e xente nova tamén aparece na obra posterior Os vellos non deben de namorarse, de Castelao.

Os espazos, unha casa grande da Galicia rural, son típicos da narrativa de Otero Pedrayo, ao igual que personaxes que enfrontan a tradición procedente do Antigo Réxime fronte ás novidades do século XX.

Aparecen personaxes humanos mais tamén non humanos, como unha pipa de viño, a alquitara, unha sombra ou unhas fadas. A obra foi cualificada como traxedia rural de fondo dionisíaco[2].

A obra está ambientada a comezos do século XX, "con grandes anacos doutros séculos que cobren co mantelo dunha antigüidade relativa ás cousas de hoxe". Desenvólvese "na ribeira do Miño, en calquera parroquia entre Os Peares e Filgueira lonxe de Ourense e de Ribadavia". A acción dura dous días, na casa, no camiño e nun monte próximo.

Representacións

editar

A obra estreouse en 1992 en Trasalba, na casa museo de Ramón Otero Pedrayo. Foi representada polo Centro Dramático Galego, con dirección de Pere Planella e dramaturxia de Camilo Valdehorras. Os personaxes principais estiveron representados por Andrés Pazos (O señor Vences), Teresa Horro (A Bubela), Xosé Manuel Olveira "Pico" (Venerando), Mela Casal (Xohana), Vicente Montoto (Roque), Laura Ponte (Sabela), Luísa Martínez (Basilisa), Marcos Viéitez (Delmiro) e Susana Dans (Balbanera)[3].

Edicións

editar

A obra foi publicada por vez primeira pola Editorial Nós en xaneiro de 1929[4], e foi incluída no número 26 da revista Grial (1969).[5]

A Editorial Follas Novas publicou en 1979 Teatro Nós, un volume de 215 páxinas que inclúe, baixo a edición e co estudo de Ricardo Carballo Calero, O bufón del Rei (Risco), A lagarada (Otero Pedrayo) e Os vellos non deben de namorarse (Castelao).

En 1993 editouse xunto cun caderno de traballo de Antón Lamapereira, Soledad Robleda e Conchi Costas, co gallo da estrea da obra o ano anterior. En 1997 foi publicada por Edicións A Nosa Terra nun volume conxunto coa obra O bufón d'El Rei de Vicente Risco.

En xuño de 1998 publicouse da man de Editorial Galaxia xunto co texto O desengano do prioiro[6], con edición de Henrique Monteagudo e estudo de Manuel Vieites.

  1. Tato Fontaíña, L. (2016). "As figuras femininas en Ramón Otero Pedrayo: obra dramática e guións". Madrygal. Revista de estudios gallegos (19): 189–201. 
  2. Fernández Pérez-Sanjulián, C. (2016). ""A Lagarada" de Ramón Otero Pedrayo ou a tragédia clássica como instrumento renovador da visão da Galiza". En Maria de Fátima de Sousa e Silva, Maria do Céu Zambujo Fialho, José Luís Lopes Brandao. O livro do tempo: escritas e reescritas: teatro greco-latino e sua recepção. II. pp. 117–128. ISBN 978-989-26-1297-3. Arquivado dende o orixinal o 28 de febreiro de 2021. Consultado o 22 de febreiro de 2021. 
  3. Otero Pedrayo, R. (1993). A Lagarada. Centro Dramático Galego. Xunta de Galicia. ISBN 84-453-0717-7. 
  4. Iglesias López, X. (19 de xullo de 2013). "A lagarada". Os libros de Ánxel Casal. 
  5. Otero Pedrayo, R. (outubre-novembre-decembre 1969). "A lagarada". Grial (26): 432–452. 
  6. Tamén de Otero Pedrayo, publicado orixinalmente en 1952 en Vigo pola Editorial Monterrey.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar