Gemini 11
Gemini 11 | |
---|---|
Insignia da misión Gemini 11 | |
Tipo | Tripulado |
Organización | NASA |
Destino actual | Reentrado na atmosfera.[1] |
Data de lanzamento | 12 de setembro de 1966, 14:42:26.546 GMT[1][2][3][4] |
Foguete portador | Titan II GLV[2][5] |
Sitio de lanzamento | Centro Espacial de Cabo Cañaveral, rampla LC-19[2] |
Duración da misión | 2,97 días (71 horas, 17 minutos e 8 segundos)[6] |
Obxectivo da misión | Experimentos e prácticas de manobras con nave tripulada.[2] |
Decaemento | 15 de setembro de 1966[1] |
NSSDC ID | 1966-081A |
Masa | 3798,4 kg[2][6] |
Gemini 11 foi unha das misións tripuladas do programa Gemini. A tripulación da Gemini 11 estaba formada por Charles Conrad e Richard Gordon, sendo a tripulación de apoio Neil Armstrong e William Anders.[2][6]
Desenvolvemento da misión
[editar | editar a fonte]Gemini 11 foi a novena misión tripulada do programa Gemini. Foi lanzada o 12 de setembro de 1966 ás 14:42:26.546 UTC (9:42:26 EST) desde o Complexo 19 de Cabo Cañaveral e insertado nunha órbita inicial de 160,5 km de perixeo e 279,1 km de apoxeo. A cápsula Gemini atopouse co GATV 11 (Gemini Agena Target Vehicle 11) cinco manobras orbitais e 1 hora e 25 minutos máis tarde. O GATV 11 foi lanzado unha hora e media antes que a Gemini 11. O acoplamento entre as dúas naves completouse ás 11:16 EST, na primeira órbita, e consumindo menos propelente do planeado. Cada astronauta fixo un par de exercicios de acoplamento co GATV 11 para ás 2:14:14 EST deixar o conxunto de naves acopladas nunha órbita de 287 x 304 km mentres os astronautas durmían.[2]
O día seguinte ás 9:44 EST (ás 24 horas e 2 minutos do inicio da misión) a cabina foi despresurizada e os zapóns abertos para o primeiro paseo espacial da misión, levado a cabo por Richard Gordon. A saída, con umbilical, durou 107 minutos, durante os cales recolleu o experimento de micrometeoritos e despregou unha corda de 30 metros entre o GATV e a Gemini 11. A caminata espacial foi máis dura do esperado, forzou o sistema de soporte vital do traxe de Gordon e deixou sen visión do ollo dereito ó astronauta debido ó esforzo. Conrad ordenou o regreso de Gordon á cabina, que se introduciu nela ás 10:12 EST, pechándose o zapón ás 10:17, represurizandoa. ÁS 11:19 os astronautas abriron de novo os zapóns para expulsar equipo que xa non ían usar.[2]
Despois de durmir, os astronautas encenderon o motor do GATV durante 25 segundos, ás 2:12:41 EST do día 14 de setembro. Co encendido o apoxeo da órbita elveouse ata os 1374,1 km, establecendo un novo récord que só se batiría co voo do Apollo 8 cara a Lúa. Tras dúas órbitas usouse de novo o motor do GATV durante 22,5 segundos para devolver as naves a unha órbita de 287 x 304 km. Ás 7:49 EST Gordon levou a cabo unha nova caminata espacial, cunha duración de 2 horas e 8 minutos, durante a cal realizou diversos experimentos fotográficos. O astronauta regresou á cabina ás 9:57 EST e pouco despois a Gemini 11 separouse do GATV 11, aínda unidos pola corda que Gordon colocara no primeiro paseo espacial. Á distancia máxima de 30 metros que permitía a corda, Conrad manobrou para moverse arredor do GATV, iniciándose a rotación das dúas naves unidas pola corda e producindo unha lixeira "gravedade artificial" debido á forza centrífuga, sendo a primeira vez que se demostrou esta técnica no espazo. Ao principio da rotación producíronse oscilacións que se atenuaron aos 20 minutos. Ao acelerar a velocidade de rotación producíronse novas oscilacións, que de novo cesaron ata que o conxunto quedou estabilizado. Tras unhas tres horas de rotación, as naves separáronse.[2]
Unha das células de combustible da Gemini 11 fallou ás 16:13 EST, co resto de células asumindo a carga extra sen problemas. Ás 4:22 do día 15 de setembro a Gemini 11 atracou de novo co GATV sen usar o radar, averiado previamente. Tras separarse por última vez, a Gemini 11, na súa revolución número 44 arredor da Terra, ás 8:24:03 EST do, encendeu os seus retrofoguetes para iniciar o regreso á superficie. A da Gemini 11 foi a primeira reentrada atmosferica dirixida de maneira totalmente automática dunha nave estadounidense. A cápsula amarou no Atlántico occidental a 24,25° N e 70,0° O, a 4,9 km do punto planeado e ás 8:59:35 EST. A tripulación foi recollida e levada ó portaavións U.S.S. Guam ás 9:23 e a cápsula foi recuperada ás 9:58. O tempo total transcorrido da misión foi de 71 horas, 17 minutos e 8 segundos.[2]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "GEMINI 11" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2013.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (14 de maio de 2012). "Gemini 11" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2013.
- ↑ "Letter dated 21 December 1966 from the Permanent Representative of the United States of America addressed to the Secretary-General" (PDF). 21 de decembro de 1966. Consultado o 24 de marzo de 2020.
- ↑ Claude Lafleur (2010). "Gemini XI" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2013.
- ↑ Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Gemini 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2013.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 Mark Wade (2011). "Gemini 11" (en inglés). Consultado o 12 de febreiro de 2013.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gemini 11 |